Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 23 de febreiro de 2024

“Quíxente tanto, meniña”, na voz de Carla Caramés Rivas

 

Carla Caramés Rivas (3º ESO) achéganos a gravación de “Quíxente tanto, meniña”, de Cantares Gallegos, na súa propia voz. CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia 

[Quíxente tanto, meniña...]

«Quíxente tanto, meniña,

tívenche tan grande amor,

que para min eras lúa,

branca aurora e craro sol;


augua limpa en fresca fonte,

rosa do xardín de Dios,

alentiño do meu peito,

vida do meu corazón».


Así che falín un día

camiñiño de San Lois,

todo oprimido de angustia,

todo ardente de pasión,


mentras que ti me escoitabas

depinicando unha frol,

porque eu non vise os teus ollos

que refrexaban traiciós.


Dempois que si me dixeches,

en proba de teu amor

décheme un caraveliño

que gardín no corazón.


¡Negro caravel maldito,

que me fireu de dolor!

Mais a pasar polo río,

¡o caravel afondou!...


Tan bo camiño ti leves

como o caravel levou.

 

“Cando penso que te fuches”, na voz de Mateo Pérez Vázquez

 

Mateo Pérez Vázquez (3º ESO) achéganos a gravación de “Cando penso que te fuches”, de Follas Novas, na súa propia voz. CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia 

Cando penso que te fuches,
negra sombra que m’ asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino qu’ es ida,
no mesmo sol te m’ amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin m’ abandonarás nunca,
sombra que sempre m’ asombras.

 

martes, 20 de febreiro de 2024

Fragmento de “Airiños, airiños, aires” nas voces de Nerea González Rey e Vitoria María Justino Ferreira

 

Lidia González Rey (3º ESO) achéganos a gravación dun fragmento do poema “Airiños, airiños, aires”, de Cantares Gallegos, nas voces de súa irmá Nerea González Rey (18 anos) e de Vitoria María Justino Ferreira (19 anos). CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia 

Airiños, airiños, aires

Airiños, airiños, aires,
airiños da miña terra,
airiños, airiños, aires,
airiños levaime a ela.

Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta,
que a donde queira que vaia
cróbeme unha sombra espesa.

Cróbeme unha espesa nube
tal preñada de tormentas,
tal de soidás preñada
que a miña vida envenena.

Levaime, levaime, airiños,
como unha folliña seca,
que seca tamén me puxo
a callentura que queima.

¡Ay! si non me levás pronto,
airiños da miña terra,
si non me levás, airiños,
quisais xa non me conesan,

que a frebe que de min come
vaime consumindo lenta,
e no meu corazonciño
tamén traidora se ceiba.

[…]

“Adios ríos, adios fontes” nas voces de Cristina García Regueiro e seu pai José Ramón García Cerqueiro

 

Cristina García Regueiro (3º ESO) achéganos a gravación de “Adios ríos, adios fontes”, de Cantares Gallegos, na súa propia voz e na de seu pai José Ramón García Cerqueiro (45 anos). CPI Viaño Pequeno.

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia

Adios ríos, adios fontes

Adios rios, adios fontes,

Adios regatos pequenos,

Adios vista dos meus ollos

Non sei cando nos veremos.


Miña terra, miña terra,

Terra donde m' eu criey,

Ortiña que quero tanto,

Figueiriñas que prantey.

 

Prados, rios, arboredas,

Pinares que move ó vento,

Paxariños piadores,

Casiña d' o meu contento.

 

Muhiño d' os castañares,

Noites craras de luar,

Campaniñas trimbadoras

Dá igrexiña dó lugar.

Amoriñas d' ás silveiras

Qu' eu lle dab' ó meu amor,

Camiñiños antr' ó millo,

Adios para sempr' adios!


Adios groria! adios contento!

Deixo á casa onde nacin,

Deixo á aldea que conoço,

Por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,

Deixo á veiga pó lo mar,

Deixo, en fin, canto ben quero...

¡Que pudera non deixar!...

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

Mais son prob' e mal pecado,

A miña terra n' é miña,

Qu' hastra lle dán de prestado

A veira por que camiña

O que naceu desdichado.

 

Téñovos pois que deixar,

Hortiña que tanto amei,

Fogueiriña dó meu lár,

Arboriños que prantei,

Fontiña do cabañar.

Adios, adios que me vou,

Herbiñas do camposanto,

Donde meu pay s' enterrou,

Herbiñas que biquey tanto,

Terriña que vos criou.


Adios tamén, queridiña...

Adios por sempre quizais!...

Dígoch' este adios chorando

Desd' á veiriña do mar.

Non m' olvides, queridiña,

Si morro de soidás...

Tantas legoas mar adentro...

¡Miña casiña! meu lar!

mércores, 14 de febreiro de 2024

“¡Follas novas!, risa dáme” nas voces de Ainhoa Leis Ríos (3º ESO) e de seu curmán Xián Leis García

 

Ainhoa Leis Ríos (3º ESO) achéganos a gravación de “¡Follas novas!, risa dáme”, poema V das “Vaguedás” de Follas Novas, na súa voz e na de seu curmán Xián Leis García (10 anos). CPI Viaño Pequeno.

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia

 V
 ¡Follas novas!, risa dáme
ese nome que levás,
cal se a unha moura ben moura
branca lle oise chamar.

Non Follas novas, ramallo
de toxos e silvas sós,
hirtas, coma as miñas penas,
feras, coma a miña dor.

Sin olido nin frescura,
bravas magoás e ferís...
¡Se na gándara brotades,
como non serés así!

 

“Ti onte, mañán eu” nas voces de Laura Rodríguez Seoane (3º ESO) e de súa nai Natalia Seoane Piñeiro

 

Laura Rodríguez Seoane (3º ESO) achéganos a gravación de “Ti onte, mañán eu”, de Follas Novas, na súa voz e na de súa nai Natalia Seoane Piñeiro (47 anos). CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia

Ti onte, mañán eu

Caín tan baixo, tan baixo,
que a luz onde a min non vai;
perdín de vista as estrelas
e vivo na escuridá.

Mais, agarda… ¡O que te riches,
insensibre ó meu afán!
Inda estóu vivo…, inda podo
subir para me vingar.

Tirá pedras ó caído,
tiráille anque sea un cento;
tirá…, que cando caiades,
hanvos de facé-lo mesmo.

“A xusticia pola man” nas voces de Lucía Rey Martínez (3º ESO) e de súa nai Ana Belén Martínez Mira

 

Lucía Rey Martínez (3º ESO) achéganos a gravación de “A xusticia pola man”, de Cantares Gallegos, na súa voz e na de súa nai Ana Belén Martínez Mira (49 anos). CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia 

A xusticia pola man

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

 

xoves, 1 de febreiro de 2024

Balda de Libros (XVI): Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. DoCampo

 


Cando petan na porta pola noite, é un libro moi entretido xa que ten catro historias totalmente distintas pero cunha cousa en concreto, en todas hai un problema e iso é algo que me gusta dun conto. A primeira historia gustoume moito xa que tes intriga por saber que lle vai pasar ao Ferreiro. A segunda é un pouco fantástica xa que as bruxas non existen, pero é moi entretida. A terceira dá un pouco de pena polo que lles ocorre ao neno, ao pai e á loba. E por último na cuarta queres saber que lle vai pasar ao rapaz que recibe as cartas e saber quen llas manda.

O meu personaxe preferido da primeira historia foi o rapaz que se perdera xa que foi valente meténdose na casa dun descoñecido. Na segunda historia os aldeáns, porque se atreveron a meterse na casa da bruxa. O da terceira foi o pai do rapaz xa que o intentou salvar. E finalmente o da cuarta foi o home ao que lle mandan as cartas.

Ten un vocabulario fácil aínda que hai algunha palabra que é difícil de entender porque non son usuais.

Gustoume xa que é un libro maiormente entretido e lese en moi pouquiño tempo xa que as historias son fáciles de entender e moi entretidas.

Laura Rodríguez Seoane (3º ESO)

Ben, pois a min este libro gustoume bastante, pero non o volvería ler. Gustoume polo feito de que ten poucas páxinas e acábase rápido, o contido das catro historias fai que aínda sa faga máis curto aínda que si que nalgunhas historias como a da loba que é a terceira historia, para min o autor mete bastante recheo e moita información que non interesa moito pero polo resto o libro está bastante ben para a nosa idade.

Pero o que si quería destacar é o vocabulario que ten, iso si que foi o que máis me gustou do libro xa que coñecín moitas novas palabras e algunhas bastante complexas.

Deixando iso de lado as historias en si gustáronme todas, parecéronme bastante entretidas e moi curiosas, si que son algo raras xa que morre moita xente pero, ben, a min gustáronme.

A miña preferida foi a segunda, a do Fornadas xa que para min foi a máis fácil e entretida e a que máis me enganchou, a primeira tamén foi fácil pero as dúas últimas xa non me gustaron tanto. Pero aínda así recomendo bastante o libro.

Carla Caramés Rivas (3º ESO)

A min a historia que máis me gustou foi a titulada “O espello do viaxeiro” porque paréceme raro que a xente acolla a xente descoñecida na súa casa e invitalo a viño ata emborrachalo e logo aproveitarse e pegarlle para quitarlle unha pálpebra do ollo para ser iguais, e despois xa o quería axudar.

A historia que menos me gustou foi “A Loba” porque trata de que unha muller abortou e cando casou ese home quere ter un fillo con ela e pediullo o día da súa voda e despois que se mate e a coma unha loba.

O meu personaxe favorito é o home que ía pola herdanza de seus pais e foi parar á casa do ferreiro cando el quixo quedar na casa del sen coñecelo de nada e polo que di o libro o aspecto do ferreiro daba medo pero á parte diso o home debía estar mal porque non vir en sete anos a ver a seus pais e agora que morreron vir polo que tiñan desde o meu punto de vista está mal feito.

A miña opinión do libro é que é interesante porque che dá intriga, a ver quen é o que vai petar na porta e de que vai tratar o asunto. Para o meu gusto eu non lle faría ningún cambio.

E enténdese bastante ben porque o vocabulario é fácil para comprendelo.

Ángel Castro Noya (3º ESO)

Book tráiler (XXXVI): Astérix nos Xogos Olímpicos, de René Goscinny e Albert Uderzo. Realizado por Lucía Sánchez Couselo

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da banda deseñada Astérix nos Xogos Olímpicos, de René Goscinny e Albert Uderzo, traducido por Xavier Senín, Mª Isabel Soto e Alejandro Tobar (Xerais, trad. de 2021). Realización youtubeira: Lucía Sánchez Couselo, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

xoves, 25 de xaneiro de 2024

Book tráiler (XXXV): Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro. Realizado por Iván Regueiro Liste

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2021). Realización youtubeira: Iván Regueiro Liste, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 23 de xaneiro de 2024

Book tráiler (XXXIV): A gruta da torre, de Lois Pérez. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A gruta da torre, de Lois Pérez, con ilustracións de Rosalía Díaz (col. Camaleón, Xerais, 2022). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

luns, 8 de xaneiro de 2024

Parabéns a Lucía Viqueira Vieites (1º ESO B) polo 1º premio e a Álex Rey Brea (1º ESO B) polo 2º premio no VIII Certame Literario convocado pola A. C. Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

 


(Nas imaxes reproducimos a acta do xurado e unha fotografía da entrega) (Fonte: A. C. Mestre Gacio)

Lucía Viqueira Vieites, alumna de 1º da ESO B no CPI Viaño Pequeno (Trazo) e Álex Rey Brea, alumno do mesmo curso, veñen de ser galardoados co 1º e 2º premio, respectivamente, da categoría B (Xuvenil) no VIII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro.

Lucía presentou o relato titulado “Un Samaín especial, co pseudónimo Galo, e Álex titulouno “O paseo ao Pico Sacro”, co pseudónimo RBA.

Os relatos de Lucía e de Álex continúan a exitosa testemuña do talento literario que existe na rapazada de Trazo pois outras alumnas xa foran premiadas en anteriores edicións deste mesmo certame:

En 2017 Miriam Otero Sande, daquela en 2º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Vacacións no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2019 Uxía Iglesias Vázquez, daquela en 4º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “A maxia do Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2020 Alicia Martínez Rodríguez, daquela en 3º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Contos de Bruxas”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2021 Aitana Noya Santos, daquela en 2º da ESO, recibiu o 2º premio polo seu relato “Solpor no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

E en 2022 Zaira Antelo Iglesias, daquela en 3º da ESO, recibiu o 2º premio polo seu relato “Un sábado en familia”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)


-ACTA-


Sendo as 19 horas do 22 de Nadal de 2023, o xurado do VIII Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio, acorda:

Categoría A:

1º Premio: As criaturas do Pico de Sofía Liñares García.

2º Premio: A lenda de Xia e Ara, de Udane del Amo Sánchez.

Accésit: A agulla de ouro, de Lala Muras Paz.

Categoría B:

1º Premio: Un samaín especial, de Lucía Viqueira Vieites.

2º Premio: O paseo ao Pico Sacro, de Alex Rey Brea.

Accésit: A cidade secreta, de Nerea Alonso Rodríguez.

O xurado valorou a numerosa participación, así como a alta calidade dos textos presentados.

Destacar o coñecemento do Pico Sacro por parte das autoras e autores, así como a paixón narrativa e a riqueza de vocabulario.

O Pico Sacro segue a xerar talentos para a nosa literatura, sendo unha referencia literaria para as novas xeracións.

O xurado:

María Barcala / Severino Fernández / José Luís Graña

Secretaria / Vogal / Vogal


Os nosos parabéns a a Lucía Viqueira Vieites (1º ESO B) polo 1º premio e a Álex Rey Brea (1º ESO B) polo 2º premio!

E velaquí os relatos premiados:


Un Samaín especial


Todos sabemos que é o Pico Sacro. Un monte situado no concello de Boqueixón, na parroquia da Granxa. Pero o que ninguén sabe é a historia de André, un neno pequeno de aproximadamente uns dez anos.

A historia comezou o martes trinta e un de outubro, cando André decidiu ir dar unha volta coa bicicleta pola aldea. Eran as seis menos vinte da tarde. Xa faltaba pouco para a noite. Pero aínda así decidiu ir ao Pico Sacro. Empezou a dar voltas polo monte. Era a quinta vez que ía, pero a primeira só, as outras veces ía acompañado do seu avó Marcelo. André levaba algo de medo. Subía polas pistas coa súa bicicleta verde que lle regalaran polo aniversario entre toda a familia. Na casa xa sabían que fora dar un paseo, pero o que non sabían é que fora ata o Pico Sacro.

Quedaba moi pouco para que fose noite, pero André non se botou atrás. Na casa non o botaban en falta porque normalmente quedaba a xogar na casa da veciña, e pensaban que ese día non ía ser distinto. Por fin chegou ao cumio.

Despois de dar tantas voltas atopou unha pequena estrutura. Pensou que sería boa idea refuxiarse alí, xa que comezaban a caer algunhas pingueiras. De súpeto atopou unha porta de madeira. Semellaba ser antiga xa que estaba moi gastada. Tiña a fechadura moi forzada, entón André intuíu que estaba abandonada. A curiosidade podíalle. Comezou a dar voltas e viu unha ventá pola que podería entrar. Sabedes que fixo? Si, entrou. A estrutura por dentro non tiña paredes. Era todo de pedra.

Ao fondo podíase observar unha pequena mesiña de noite e xusto ao lado algo que semellaba ser unha cama. André decidiu ir mirar a ver que había. Achegábase cada vez máis. De súpeto, oíu detrás súa unha voz moi aguda. Era unha bruxa que dicía:

  • Ti quen es?


  • E-e-e-e-eu son André, si André - dicía el, esta vez con algo máis de medo- Por que?


  • Que fas aquí?-preguntou a señora - Viñeches para verme?

  • Non, non, eu non sabía que había alguén aquí dentro. Perdoe vostede, xa marcho agora.

André asustouse moito. Antes de que se puxera a correr polo camiño abaixo a muller chamou por el dicíndolle que non tiña que ter medo que ela non lle ía a facer nada. André desconfiado deuse a volta, mirou para ela e comezou a chorar. Ela, preocupada, foi correndo ata onde estaba el e comezou a consolalo.

Cando a bruxa lle falaba o neno choraba aínda máis, ata que chegou a un punto que parou de bagoxar. A bruxa díxolle que non se preocupara que ela non lle ía facer nada malo, o único que lle quería era darlle uns doces porque era Samaín. Ao neno xa lle saíu un sorriso. Colleu bastantes para compartir coa súa irmá. André pediulle perdón por chorar e deulle as grazas por darlle os doces.

O neno colleu a súa bicicleta e voltou para a casa camiño abaixo. Baixou polas pistas outra vez ata chegar á aldea. Tan pronto entrou pola porta botou un berro:

  • Sonia! Mira o que che trouxen!


  • O que, o que?- dixo a irmá con curiosidade - dimo xa!


André meteu a man no peto para coller os doces e darllos á súa irmá Sonia. Incriblemente desapareceran, non se soubo nada máis deles. Súa nai foi correndo a preguntarlle onde estivera que ninguén o vira en toda a tarde. O neno para deixalos coa intriga díxolles que llo contaba na cea. Deron as once no reloxo de agullas da cociña e a nai berrou:

-A cear!


Rapidamente André correu para sentarse na mesa e comezoulle a contar a aventura daquel día.

Dende logo que o Samaín pode ser especial.


Pseudónimo: Galo

**********

O paseo ao Pico Sacro


Brais era un rapaz moi alegre ao que lle encantaba ir todas as fins de semana á aldea á casa dos seus avós Maruxa e Xacobe. Alí era feliz axudando cos animais á avoa e na horta ou no invernadoiro ao avó. A hora de xantar de xantar era a súa preferida pois ademais de comer a mellor comida de toda a semana, a súa avoa era unha cociñeira fantástica, a sobremesa sempre estaban acompañada duns cafés con leite para os adultos e unha taza de chocolate quentiño para Brais para facer máis levadeira a partida de cartas ou como Brais a chamaba, a Liga profesional de brisca.

Brais facía equipo co seu avó Xacobe e a avoa Maruxa facíao coa sua filla Sabela, a nai de Brais. Avó e neto eran indestrutibles pois rara ver perdían. Brais xogaba por diversión pero o avó tomábao tan en serio que incluso chegaba a enfadarse e regañaba ao seu neto se este saía cun tres sen que tiña o as ou cando lle facía tirar trunfos. Aínda así, eran as mellores tardes de toda a semana.

Á noitiña, despois de gardar os animais e prender a lareira, Brais líalles libros aos seus avós pois estes a duras penas sabían escribir o seu nome. Escoitaban ao seu único netiño con admiración e Brais líalles historias encantadoras e esa semana estaban lendo A Esmorga de Eduardo Blanco Amor.

Os domingos despois de xantar xa tocaba recoller as cousas para volver á vila xa que o luns había escola. Un domingo de inverno, deses típicos días de inverno onde brilla o sol con moita forza pero vai moito frío, Brais despediuse dos avós e prometeulles que iría á biblioteca a por un libro novo para ler a próximo fin de semana.

O mércores cando chegou á casa da escola veu a súa nai chorando desconsolada na cociña. O avó morrera esa mesma mañá dun infarto, sen avisar, sen posibilidade de cura...

A Brais caeulle todo o seu mundo enriba, non tiña forzas nin ánimo de facer nada, vagaba da casa á escola coma unha alma en pena. A súa avoa Maruxa convenceuno para facer unha andaina ata a pequena capela situada no alto situada no alto do Pico Sacro e alí ofrecer unha misa para o avó Xacobe. Brais aceptou a súa proposta pois non quería deixar que a súa avoa fose soíña.

Marcharon os dous, avoa e neto, cara ao Pico Sacro. Foron todo o camiño falando do avó, recordando todas as parvadas que facía e chorando de cando en vez cando a morriña por el atacáballes forte.

 Decidiron parar a merendar baixo unha árbore e descansaron un pouco. Brais pousou a súa cabeza nas pernas da avoa e mentres ela acariciábao el quedouse durmido. No seu soño apareceu o avó, quería despedirse e dicirlle que o que acontecera era lei de vida e que tiña que seguir coa súa vida e loitar polos seus soños.

Cando espertou, con bágoas nos ollos, díxolle a súa avoa que a quería e que coidaría dela ata o fin dos seus días.


Pseudónimo: RBA