Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 20 de xaneiro de 2016

Medo en 3º de ESO

Relato destacadísimo do concurso organizado polo Día das bibliotecas no mes de Outubro. Todos e todas que lemos este relato consideramos que é unha magnífica creación.

Unha noite na biblioteca de Lucas Paz González de 3º de ESO


Que ocorrería se todas esas historias que nos contan para asustarnos e que á noite teñamos pesadelos, fosen certas? Quizais a máis de un o terían que internar nun hospital psiquiátrico, quizais eu estea escribindo esta historia dende un, quizais esta historia chegue a ti, nese caso, tes que crerme, eu non fun, el estaba alí, el fixoo todo, el…

Todo comezou xusto antes de acabar o curso, cando estabamos cos exames finais, algúns compañeiros e eu, tiñamos un grupo de estudo. Aquela semana tiñamos un lote de exames, polo que decidimos quedar o sábado á tarde na biblioteca para estudar. A biblioteca case sempre estaba baleira, xa que o resto de estudantes preferían ir á da universidade. Pero así era mellor, ninguén nos molestaría, ademais, coñeciamos ao bibliotecario de sempre e non tiña ningún problema en deixarnos a chave para que quedásemos ata máis tarde para estudar.
Chegou o sábado, collín os libros, os cadernos, os apuntamentos e algo para cear, xa que iamos pasar alí a tarde e boa parte da noite, e fun. Ao chegar xa me estaban os demais. Comigo, formábamos un grupo de cinco persoas, cinco amigos da infancia, que dende sempre estudaron xuntos.
Estivemos a estudar toda a tarde, despois paramos para cear, e cando rematamos seguimos estudando. O bibliotecario deixounos as chaves na mesa e apagou as luces, deixando só unhas cantas para que nós vísemos.
Xa eran preto das doce cando o escoitei, agora que o penso, aquel foi o primeiro aviso, seguramente daquela aínda podíamos ter escapado, pero naquel momento non o pensei moito. Eran preto das doce, como dicía, cando vin unha sombra pasar polo cristal da porta, pensei que se trataba do persoal de limpeza e non lle dei importancia.
Cando o reloxo vello da biblioteca deu as doce, ocorreu o segundo incidente. De súpeto, foise a luz. Cando volveu despois duns instantes, só eramos catro na mesa. e dixen o segundo incidente coma se fose pouco importante, pero foi este o que desencadeou todo o que ocorreu despois.
Chamamos polo que faltaba ata que nos demos conta de que na súa cadeira había unha nota, escrita cunha letra case ilexible, supoño que polo pouco tempo que tivo. A nota dicía: “Non o busquedes, non o chamedes, se queredes vivir, simplemente ídevos e esquecédeo, el non tiña familia, ninguén se preocupará”.
Pero claro, pensamos que era unha broma del, que sempre fora moi dado ao humor negro e pensamos que en calquera momento volvería. Ese foi o noso erro, o que pagaríamos coas nosas vidas.
Cando o reloxo deu as doce e media, a luz volveuse a ir, e cando volveu, éramos tres na mesa. Entón si que nos asustamos, levantámonos e puxémonos a buscar polos outros dous. Un de nós, non lembro agora quen, tivo a gran idea de separarnos para abarcar máis terreo, outro gran erro, se algo nos ensinan as películas de terror é que nunca hai que separarse, pero a nós non nos gustaban as películas de terror…
A biblioteca era grande, pero aínda así, o berro que botou un dos meus amigos, poderíao escoitar aínda que estivese na outra punta do mundo. Botei a correr cara o lugar de onde saíra e, ao chegar alí atopeime cos outros dous, que estaban mirando un vulto inerte que se atopaba no chan. Aquel vulto era o primeiro compañeiro que desaparecera, cunha gran ferida no peito, enriba da cara tiña outra nota, que, escrita coa mesma letra, dicía: “Aviseivos e non me fixestes caso, agora, todos sufriredes as consecuencias”. Botamos a correr cara á porta de saída, pero estaba pechada, así que fomos ata a mesa a polas chaves, pero non estaban. Buscamos arredor da mesa por se caeran ao chan, pero desapareceran e, agora estabamos encerrados.
Atrapados, aterrorizados e indefensos, ameazados por unha forza, un ser, algo que descoñecíamos. Algo que calquera pensaría que só pode pasar nas películas, estábanos a ocorrer a nós, un grupo de rapaces que nunca fixeran nada para sobresaír dunha multitude de xente cunha rutina,que nunca pensaran que cousas coma estas puideran pasar na vida real.
Sentamos no chan, sen poder facer nada, desexando que todo fose un pesadelo deses nos que te levantas entre suores frías, pero nin nos nosos peores pesadelos se nos presentaría unha situación así.
Estabamos alí sentados cando vin, entre as estanterías, unha figura, era alta, escura, pero houbo algo que me chamou a atención, e foron os seus ollos, que me hipnotizaban e me paralizaban, mentres que se ía acercando a nós. Libereime daquela mirada e avisei aos outros. Botamos a correr en direccións distintas, aínda que non nos serviría de moito, xa que non tiñamos ningunha saída, nin forma de avisar para que nos viñesen socorrer. Corrín ata unha esquina e senteime, facéndome un vulto na escuridade, pensando que así non me podería ver. Un anaco despois escoitei uns pasos apresurados polo corredor do lado, era un dos meus compañeiros correndo, escapando da morte, ou polo menos intentámdoo. Despois diso non volvín a escoitar nada máis ata un bo anaco despois. Ata que escoitei o segundo berro da noite, un berro que se foi apagando ata quedar en nada. Foi entón cando souben que so quedabamos dous.
Funme achegando pouco a pouco á zona das mesas por se estaba alí o outro, cando xa case podía chegar ata as cadeiras, vin pasar ao meu amigo ao outro lado das mesas, correndo cara min, pero aquela figura era máis rápida, abalanzouse sobre el tirándoo ao chan, onde non puiden ver o que ocorría. O meu amigo logrou levantarse, pero o outro tirouno contra unha mesa, rompéndoa, e acabando así, co meu compañeiro. Arqueou entón o lombo cara atrás nun ángulo imposible e, mirando cara o teito, soltou un berro que fixo espertar en min unha sensación de terror que nunca antes sentira. Era unha sensación que se apoderaba de min, nun instinto primitivo pola supervivencia, facendo que botara a correr, o que fixo que a figura me seguise. Non sei como, acabei xunto ao meu amigo, ao lado da mesa esnaquizada. A figura achegouse a min, que xa non podía máis e comezou a rir, aquela risa fixo que un arrepío percorrese o meu lombo. Achegouse a min, mentres que eu me alonxaba pouco a pouco, pero tropecei coa perna do meu compañeiro e caín. Foi nese momento cando a figura aproveitou para abalanzarse sobre min, e eu, non sei como, agarrei un anaco de madeira e cuns reflexos que aínda nunca tivera, espeteillo no peito, atravesándoo e enchéndome eu de sangue, el berrou, cun sufrimento inimaxinable, e tan alto que fixo que se rompesen as ventás e saltase a alarma, despois do cal desapareceu, coma se nunca existira, deixándome so e cheo de sangue, agora ríame eu, cunha risa histérica, estiven rindo ata que chegou a policía, que me atopou sentado no chan, ríndome coma se estivese posuído, cheo de sangue e co meu compañeiro ao lado, cunha ferida no peito, morto.
Como podes supoñer pensaron que fora eu e ingresáronme onde agora estou. Aínda que agora, un ano despois, sigo a escoitar o berro que botou aquel ser. Ninguén me cre, a policía di que atopou as miñas pegadas en todos os cadáveres, o primeiro en desaparecer, atopárono colgado do teito, como puiden facer eu iso? Non, eu non fun, tes que crerme, sácame de aquí, el está vindo, síntoo cada vez máis cerca, por favor, creme, sácame de aquí, EU NON FUN! FOI EL,CREME E VÉN POR MIN! Suplícocho...