Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 3 de decembro de 2018

Andel de Libros (IV): Aire negro, de Agustín Fernández Paz



Este libro gustoume moito, xa que sempre queres saber se Laura Novo se cura ou non. Ten unha historia detrás moi triste. Eu cando me sinto vixiada síntome incómoda, non me imaxino como me sentiría ás 24 horas. Tamén se ve un home que non se rende por moi grande que sexa o obstáculo, Victor que era novo na clínica e xa o puxeron a proba cun caso que ninguén antes descifrara, o caso de Laura Novo.
Por unha banda, o momento máis interesante na miña perspectiva é cando o raio caeu sobre a sombra negra e o máis emocionante era cando Laura se acercaba a Victor cando el lle estaba lendo. E, por outra banda, o momento que menos me gustou foi o final, aínda que sexa aberto, esperábame un asasinato ou un suicidio.
É un libro de fantasía, xa que na vida real non hai sombras negras que te perseguen, pero é verdade que te podes sentir vixiada e perseguida.
A lingua é sinxela, xa que se entende todo. En xeral o libro é fácil de ler porque engancha moito.
Recoméndollo a todos, gustoume moito e penso que é un dos grandes éxitos, entre outros, de Agustín Fernández Paz.
Alba Rey Brea (3º ESO)
Ola, eu son Paula e hoxe vouvos falar do libro Aire Negro, de Agustín Fernández Paz. Un relato fantástico, non moi longo, que mestura unha historia de amor coa mitoloxía galego-portuguesa.

Primeiro vouvos falar dos personaxes. Neste libro, o personaxe principal é Víctor Moldés, que narra o relato. Así a todo, a personaxe de maior importancia é Laura Novo, a base de case todo o relato. Esta última é a miña personaxe preferida, porque amosa unha actitude que fai sinxelo que te metas no personaxe.

O momento de maior importancia para min é o final. Un final aberto pero cerrado á vez, porque podes deducir o que ocorre. Persoalmente, gustoume moito.

No referido ao vocabulario, emprega unha fala moi sinxela pero sen chegar a coloquial en ningún momento.

Eu  recomendo o libro, a verdade é que me gustou moito, e verdadeiramente vale a pena lelo e aventurarse dentro del.

Paula Noya Redondo (3º ESO)


Ola tod@s! Hoxe vouvos falar do libro Aire Negro, un libro moi intrigante e emocionante que te invita a ler.
É unha historia fantástica xa que fala dun ser fantástico: A Gran Besta Negra.
Para min o momento máis emocionante é cando Laura Novo (a rapaza que esta no psiquiátrico) conta todo o que lle acontece en Galicia, xa que me pareceu sorprendente, sobre todo cando morre Démbalo (o can de Carlos) e cando viu a Gran Besta Negra.
Gústanme os personaxes sobre todo Laura e Carlos Valcárcel, pero non me gusta Víctor xa que me parece que non quere nada bo para Laura, e ademais moléstalle que estivese enamorada de Carlos, xa que a Víctor gústalle ela.
O final non me pareceu nada axeitado, xa que é un final aberto, e a min non me gustan nada.
Se tivera que facerlle algún cambio sería o final xa que non me gusta nada, e faría unha segunda parte do libro ou un final mellor.
O vocabulario é moi fácil de comprender.
Se che gustan moito os finas abertos, ou os libros de intriga e suspense recoméndoche moito ler este libro xa que ten todas esas cualidades!
Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO)


Para min o momento máis importante é cando Víctor e Laura van á cova e a Laura lle cae o colgante, co que se fai o demo con el xa que a partir dese momento o demo apoderase do corpo de Laura producíndolle a morte. 

O libro para min é moi interesante xa que unha historia como esta méteche un interese dentro que tes que saber que ocorre si ou si porque ninguén se espera que o demo fora capaz de apoderarse de alguén a través dun colgante.

A verdade é que o final a min gustoume moito xa que ninguén se esperaba a súa morte e menos desa maneira.

Para min o mellor personaxe era Víctor, polo interese que ten por axudar a Laura.

O vocabulario penso que non é moi difícil de entender penso que é  bastante normal para os rapaces da nosa idade. 

Eu recoméndolle este libro a todo o mundo, ben, a todas as persoas que lles guste ler xa que é moi fácil de entender, engancha mazo e ademais tes un algo que che impide parar de seguir lendo.

Gloria Pena Gutiérrez (3º ESO)


Ola a todxs, desta vez vouvos contar un pouquiño sobre o libro Aire Negro de Agustín Fernández Paz.

Para comezar falareivos dos personaxes. O meu personaxe preferido é Laura Novo (a protagonista), unha rapaza cunha escuridade no seu interior...,en xeral gustáronme todos os personaxes, parecéronme axeitados.

O contido deste libro está bastante ben, xa que mestura a cultura e mentalidade de hoxe en día coas historias mitolóxicas galegas.

O final é aberto pero neste caso non hai seguinte libro.

Pareceume un libro fácil de ler e cun vocabulario moi sinxelo.

Para rematar só teño que dicirvos que se queredes saber mais sobre este extraordinario libro só tedes que lelo. E se despois de lelo queredes máis anímovos a que continuedes a historia!

Leticia Añón Guerra (4º ESO)


Para min a parte máis importante do libro é cando Laura vai dar un paseo e sente que alguén a persegue, ela ten moito medo. Por iso creo que é a parte máis importante porque a min gústame a intriga e quería saber quen a perseguía.

O tema do libro foi interesante máis ca outros libros porque a min gústame o misterio, xa que fai que me involucre moito na lectura.

Por outro lado, con respecto aos cambios posibles, non creo que sexa necesario, pero non me gustou moito que lle morrera unha amiga por que me transmitiu moita tristeza e angustia.

Referíndome ao final, gustoume moito porque me gustan os finais abertos, pero que se sobreentendan.

Con respecto ao vocabulario, foi fácil de entender xa que son palabras comúns que se utilizan a diario, salvo algunha que outra que foi necesario mirar no dicionario.

Finalmente, a min gustoume moito o libro e recomendaríallo aos meus compañeiros para que poidan desfrutar da lectura.


Adrián Esmorís Noya (3º ESO)


Que onda banda! Son Yago e hoxe vou falar do libro Aire Negro. A min esta novela en xeral gustoume bastante, agás algúns momentos do medio do libro que me parecen postos soamente para encher paxinas aínda que é ben certo que hai momentos moi interesantes. 
O libro é unha cousa normal, consta de 200 e pico paxinas pero lese rápido xa que é interesante e ademais a letra é bastante grande. 
A narración vai de unha muller que debido a sucesos moi estraños acaba nunha clínica psiquiátrica e o seu psiquiatra, Victor Moldes terá que descubrir a verdadeira orixe dos seus síntomas. 
Os personaxes son normaliños, aínda que ao principio esta declaración é un pouco confusa xa que a protagonista cando se nos dá a coñecer parece ser un personaxe moi estraño, xa que fai cousas raras.
O vocabulario non é moi difícil de comprender tanto nas edicións antigas coma nas novas, xa que este libro xa leva bastantes reedicións. 
Yago Leis Ríos (3º ESO)


Eeiiiii que pasa amiguiños, todo ben? Todo correcto e eu alégrome moito, para empezar chámome Pablo, lin Aire Negro e gustoume bastante este libro, principalmente polos personaxes como Laura pero sobre todo Moncho. A min Moncho gustoume moito porque é unha persoa rariña que practicamente desenvolve el a historia do libro, mediante lendas e teimas súas. 

Despois está Laura que ten unha vida moi movida, de aquí para alá, así sempre. Se a miña opinión contase na decisión das outras persoas que poden escoller o libro diría que Laura sería a que máis lle gustaría porque todas as persoas se senten moi identificadas con ela tanto rapaces coma rapazas.

Deixando os personaxes ao marxe, o libro ten unha historia moi completa que se pode resumir en tres partes, unha introdución dos personaxes, despois a aparición dos problemas e finalmente os asasinatos, hehehehe. 

A lingua era bastante fácil quitando algunhas palabras en concreto.

Pablo García López (3º ESO)


Ola, son Miguel e vou dicir a miña valoración deste libro .O momento máis importante ao meu parecer é cando Laura narra a súa historia porque despois xa se sabe case todo o que vai pasar. 

O tema gustoume porque era de terror e é moi emocionante intuír o que vai pasar. O cambio que lle faría é que non morrese o can.

Nos personaxes os que máis me gustaron foron: Laura, Victor e Moncho. Moncho non era o principal pero era o gracioso ao meu parecer. Laura á parte de que era unha personaxe principal foi porque me gustou a súa participación no libro. E Victor á parte de que un dos principais pois el deu resolto un caso moi difícil porque non tiña moita información ao principio e ao final foille mais fácil. 

E os raios e tormentas cada  vez que pasaba algo pareceume moi ben.

O final paréceme axeitado porque deixa coa dúbida do que vai suceder. 

A lingua é fácil porque penso que todas as palabras se entenden. 

Eu recomendo este libro porque está moi logrado e está moi intrigante, sobre todo para as persoas ás que lle gusten os libros de terror.

Miguel Mariño Martínez (3º ESO)