Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 24 de outubro de 2016

24 de outubro, Día da(s) Biblioteca(s)


Desde o ano 1997 a Asociación Española de Amigos del lIbro Infantil y Juvenil, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, conmemora cada 24 de outubro como o Día da(s) Biblioteca(s) para tratar de concienciar á sociedade da moita importancia da lectura no desenvolvemento das persoas e tamén como unha homenaxe e un recoñecemento ao labor das/os bibliotecarias/os.

As gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola, foron as autoras escollidas para a redacción do pregón e o deseño do cartaz desta ano.

E aquí tedes o fermoso texto de Ledicia na súa versión galega:

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!


Ledicia Costas