Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 27 de marzo de 2017

Andel do Libro (XXXI): Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro



Está claro que é un dos grandes libros da nosa literatura. O autor consegue crear unha atmosfera que se compenetra coa personalidade do mago Merlín.

O meu momento favorito é a cervatiña. Paréceme tan fermosa a maneira que ten Cunqueiro de describir ao pobre animaliño. Tamén me gusta cando Felipe aloumiña a criatura mentres á mira aos ollos.

É verdade que a maneira na que está narrada é un pouco enredante. E tamén cabe dicir que é un galego un tanto diferente ao actual, pero salvo algunhas palabras, creo que se pode entender ben.

Se tivera que elixir un personaxe favorito, seguramente sería Felipe. É admirable o traballo que ten o rapaz coa pouca idade que ten. Admiro que non se queixe polo que teña que facer. Seguro que ese rapaz, se fose na actualidade, estaría queixándose todo do día polo traballo. Tamén me gusta o personaxe de Merlín, pero seguro que me gustaría máis o libro se o narrara el.

Teño que confesar, que a primeira vez que o lin, non me enterei de moito. Logo decateime de que o estaba a ler coma se fose un escrito neste ano. Foi cando o lin por segunda vez, poñendo atención onde antes non o fixera.

A dificultade do libro, quitando o galego de Cunqueiro, é a cantidade de personaxes que aparecen no libro. Hai moitos nomes e é moi doado enredarte con eles, polo que eu ao principio, non me enteraba de quen era quen.

Sorprendeume que o nome do rapaz aparecese máis atrás ca o do resto de personaxes, cando é el quen narra todo. Pilloume nun renuncio Cunqueiro.

En conclusión, o libro é incrible. E por ese motivo penso que sería bo para adultos. Non llo recomendo a ninguén da miña idade, non creo que o entenda e valore. Recoméndollo aos adultos.

Veña, a ler!

Irene Noya González (4º ESO)

Andel do Libro (XXX): Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo


Gustoume este libro, pero penso que sería mellor se tivese máis diálogos e tivese unha narración máis rápida. 

O momento que máis me gustou da historia foi cando Adrián se atopa coa que foi “moza” de seu irmán Xacobe e ela lle di que non lle garda enfado a seu irmán por xogar con ela. 

Tamén me gustou o personaxe de Adrián pois o que lle pasaba el , de non saber moi ben o que facer coa súa vida, pásalle e/ou pódelle pasar a moitas persoas nalgún momento da súa existenca. 

Penso que o libro debería falar máis da vida de Xacobe e do que lle pasou coa filla do estilador das Bouzas, pois na miña opinión tamén é interesante, tanto ou máis que a vida do protagonista. 

O vocabulario desta narración é un pouco máis difícil que a dos outros libros da listaxe de lectura que xa lin, pero non demasiado. 

Recomendaríalle este título á xente á que lle gusten os libros con poucos diálogos e cunha narración lenta, pois é o que ocorre nesta obra.

Olaya Dubra Boquete (4º ESO)

Andel do Libro (XXIX): O capitán lobo negro, de Xesús Manuel Valcárcel



A min as diferentes historias deste libro gustáronme moito porque son temas entretidos e fáciles de entender. O conto que máis me gustou  foi o da ``Vaca Pastora´´ porque é sobre un home que pasa de todo e que o único que lle preocupaba era que a muller dos seus pensamentos terminase por namorarse del, aínda que para iso tivera que esperar moitos anos. 

E o conto que menos me gustou foi ``Valados de Pedra´´ porque o tema a tratar paréceme un pouco aburrido, nesta historia case non hai acción e tamén o protagonista  é un home bo que non se merece pasalo tan mal. Gustaríame que nesta historia ``Valados de Pedra´´ Alex e mais a súa nai non o pasasen tan mal. 

E tamén que algunhas outras historias non acabasen tan mal. 

Opino que ten un vocabulario bastante fácil de entender e case todo se entende perfectamente. 

Penso que é un libro bastante bo para os rapaces e rapazas da miña idade.    

David Boo Noya (4º ESO)

xoves, 23 de marzo de 2017

Andel do Libro (XXVIII): Aire Negro, de Agustín Fernández Paz



Na miña opinión é un libro moi longo xa que a min non me gusta nada ler pero é o que teño que facer na ESO. Ademais é un pouco aburrido porque a non ser no final que hai un pouco de intriga tras a desaparición de Laura do hospital, cousa que foi moi estraña porque forzaran a porta de aceiro dende fóra e na habitación había pisadas dunha besta, no resto da historia hai amores e desamores entre a protagonista Laura e o seu profesor do instituto Carlos e incidentes que pasan na casa Grande tras a chegada de Laura. 

O personaxe que máis me gustou foi Laura pola súa evolución ao longo da historia e porque nunca se rende en nada do que fai. 

Ten un vocabulario moi sinxelo e moi culto, pero en ocasións hai palabras que nunca escoitara coma por exemplo "mutismo".

Recoméndolle este libro á xente que teña tempo e que lle gusten os amores e desamores ademais da intriga e un pouco de terror, porque senón vaise aburrir e non se vai decatar de nada. 

Carlos Dafonte Rodríguez (3º ESO)

mércores, 22 de marzo de 2017

Andel do Libro (XXVII): A cacería, de Amadeo Cobas


Para min o momento máis importante foi cando van á cacería, porque marchan do poboado, cando os homes do rei Eztli os atacaron. Se eles estivesen no poboado, poderíanse defender do ataque e non quedaría destruído nin morrería case toda a xente da comunidade.
O tema da historia é o amor entre Zairo e Killari e de como Zairo salvou o seu pobo despois do ataque e como se vingou despois da traizón que fixeran Crótalo e Splix.
O final, foi moi interesante e na miña opinión moi acertado porque Zairo quedou como un heroe salvando ao seu pobo e a súa nai mais e a súa irmá e por ese acto fixérono xefe do pobo. E rematou casando con Killary. 

O que pode ser algo complicado do libro é aprender os nomes dos personaxes xa que non son da nosa época. A lingua foi sinxela de entender e o como estaba redactado entendíase ben a historia.

Daniel Varela Bello (3º ESO)

Andel do Libro (XXVI): Poderosa, de Sérgio Klein



O tema principal da historia é a vida adolescente, polo que este libro gustoume bastante, xa que os libros xuvenís sóenme gustar. Outra cousa que me gustou é o significado que lle dá ó libro á frase “As cousas pasan cando teñen que pasar non cando un decida”. Non me gustou nada o feito de que todos os que saben que escribindo fai as cousas realidade a crean, por que é bastante estraño. 

O final gustoume bastante e tamén me gustou o personaxe da avoa, era moi entrañable. Para min o momento mais importante e emocionante foi cando Joana descubriu que as notas de amor do admirador secreto era do fillo da Silvia, Junior. Tamén me gustou que a nai do rapaz encontrara un home que de verdade a fixera feliz, despois de todo o que lle fixera pasar o seu antigo home.

Recoméndolle este libro ás persoas que lle gusten as novelas xuvenís, como as historias que falan do primeiro amor, os primeiros desenganos...

 Iván Rivas Suárez (3º ESO)

xoves, 16 de marzo de 2017

Andel de Libros (XXV): A punta de pistola, de Fran Alonso



A punta de pistola. Fran Alonso. Xerais

Pareceume un libro bonito pero é bastante difícil  de resumir, porque conta tres historias diferentes, dúas xúntanse pola metade do libro e logo xúntanse coa outra ao final da historia. 

O momento máis importante para min é cando O Varas bate co camión de Camila, porque nese momento xúntanse as dúas vidas. 

Os personaxes están ben elixidos, porque uns son máis tranquilos (Camila e Lolo) e outros máis eufóricos (O Varas e Rica) para facer contraste. O final é algo raro e moi aberto pero non está mal. 

É fácil de ler. Todo o libro lese en dúas horas e media. As palabras enténdense bastante ben todas, e algunha que non se comprenda, polo contexto xa se entenden. 

O libro recoméndollo á xente que lle guste ler pero que non lle gusten os libros grandes, pero non o recomendo para facer un traballo sobre el, principalmente polo que dixen que era difícil de resumir.

Óscar Iglesias Domínguez (3º ESO)

A min este libro gustoume bastante e se cadra aínda máis se non fose polo detalle de que conta tres historias a un tempo e entón pode dar lugar a confusión.

A primeira historia conta o rescate de dous nenos dun centro social que non está nin planeado. Os secuestradores son os dous pais, Rica e o Varas, estes discuten durante todo o traxecto de coche da fuxida.

A segunda conta a vida dunha camioneira que ten unha flota de camións e estase a expandir internacionalmente pero antes de facelo quere consultar co seu mellor amigo Lolo.

E a terceira une as outras dúas historias sendo a protagonista a filla de Rica e moza de Lolo.

O meu momento favorito é a persecución porque foi emocionante ver a coraxe dos nenos ante as situación de perigo. E os meus personaxes favoritos son Pixe e Dixe xa que son os que peor o pasan.

Non ten vocabulario difícil e lese moi rápido.   

Recomendo este libro xa que é entretido.

Martín Dafonte Rodríguez (3º ESO)