Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 4 de decembro de 2015

Balda de Libros (III): Males de cabeza, de Fran Alonso


Males de cabeza. Fran Alonso. Xerais

Este libro gustoume moito porque era curto, e iso facilitaba a lectura, porque hai libros que son moi longos, e danche ganas de deixar de lelos. Tamén me gustou porque foi doado de ler, o vocabulario non era moi difícil.

O relato que máis me gustou foi o “Os aforros da vella”, porque fíxome gracia cando a vella pensara que perdera todos os cartos. Tamén me gustou “Carapuchiña e o pobo feroz”, porque adapta un conto popular e coñecido por moita xente, e faino moito máis divertido e entretido.

O único que cambiaría sería alongar un pouquiño máis os relatos, para que fosen máis entretidos e o pasaras mellor o tempo que o leses. O personaxe que máis me gustou foi o lobo de “Carapuchiña e o pobo feroz” xa que a el bótanlle todas as culpas  e non fai nada para que llas botaran. 

Recomendaríallo a todos porque tes moitos relatos para escoller e se non che gusta ou non che acaba de convencer algún, podes ler outro relato calquera dos que veñen no libro.

José Barreiro Hernández (4º ESO)


Este libro gustoume moito, porque quitando o relato de “A tolemia é un sombreiro”, que usa un vocabulario un pouco difícil, o resto do libro é moi levadeiro e fácil de ler. Está bastante ben porque as historias entreteñen moito e ó ter moitos relatos pódese ir lendo ós poucos. 

O meu personaxe favorito de todos os relatos e o Cidadán, un home en paro que non chega a fin de mes. En concreto o relato que máis me gustou foi o de “Círculo vicioso”, que fala sobre o punto de vista dun barcelonista como ve a un madridista e critica o que este di, tamén fala dende o punto de vista dunha rapaza e dun taxista que se contradi a si mesmo e se enfada. E o relato que menos me gustou foi o de “A tolemia é un sombreiro” porque non me pareceu nada entretido, xa que non é unha historia, é máis ben unha reflexión onde fala dos distintos desequilibrios mentais que sofren os doentes dun hospital psiquiátrico. 

Recoméndolle este libro a calquera persoa porque eu me entretiven bastante con el e gustoume.

Adrián Landeira Pose (4º ESO)


Este libro gustoume moito porque ten varias historias curtas, porque se te aburre unha delas podes pasar para outra historia que che guste máis. Se che cadra unha historia que che guste moito é imposible parar de ler nela.

A min un dos relatos que máis me gustou foi “Os aforros da vella”, porque vai sobre unha vella que non confia na xente e os seus netos dinlle que meta os aforros no banco porque se os tiña na casa corría o risco de que llos roubasen. Ao final os netos convencérona e ela ingresou os aforros, pero ao non confiar na xente ía todos os dias ao banco para saber se aínda tiña os cartos.

É un dos libros que máis me gustou dos que levo lido ata agora. Gustoume porque as historias son moi rápidas de ler, son moi divertidas e tamen ten un vocabulario moi sinxelo.

Recoméndollo a todas as persoas porque as historias son moi amenas e moi breves.

Sergio Arias García (4º ESO)


Persoalmente os relatos deste libro gustáronme moito, algúns foron máis sinxelos de ler que outros debido a que son moi curtos e teñen un vocabulario moi fácil, menos nun ou dous relatos, como pode ser "A tolemia é un sombreiro", que para min ten un vocabulario moi difícil de entender.  

O libro está moi ben porque son historias moi entretidas, non son nada aburridas como noutros libros.  O relato  que máis me gustou foi "Os aforros da vella" porque pareceume gracioso que a vella non se fiara do banco. Tamén me gustou moito "Desviación da chamada", e o que menos me gustou foi a primeira parte de "Círculo vicioso" xa que o home fala mal dos afeccionados ao fútbol, e eu son un gran seguidor dese deporte. 

En resume, recomendaríalle este libro a calquera persoa porque me gustou moito, debido a que todos os relatos son moi entretidos

Manuel Vázquez Noya (4º ESO)


Sen dubidalo, para min foi o libro máis entretido dos que lin, gustoume moitísimo, e lino en moi pouco tempo, porque é moi ameno.

O relato que máis me gustou foi o dos tres personaxes, o Culé, a Merengue que era taxista e a Celtista, porque era moi divertida a súa forma de falar. O meu personae preferido foi a taxista porque foi a que máis me fixo rir.

Tamén me gustou moito, o relato dos aforros da vella, porque a señora desconfiaba dos bancos, e pensaba que se non tiña os seus cartos á vista pois que llos ian roubar, e iso fíxome moita gracia. Pero este conto sorprendeume porque pensaba que os fillos da vella cando a convencesen, xa ela non se ía preocupar dos cartos, pero ela ía sempre a velos.

E o relato que menos me interesou foi o de "Domesticum bellum", porque non me gustou nada que entre eles se pelexasen por unha tontería como a de baixar o lixo, foi o que máis tempo me levou ler. 

Eu recomendo este libro porque é fácil de ler, e aínda que parece longo, lese moi rápido.

Adrián González Laxe (4º ESO)

A min este libro gustoume moito, porque é un libro con moitos relatos entón podelos ir lendo pouco a pouco e se non che gusta un pasas ao seguinte. A min gustáronme todos porque son divertidos, simpáticos, teñen vocabulario fácil e non son moi longos. O único que non me gustou foi o final aberto de "Economía de guerra" porque non me gustan os finais abertos, cambiariao por outro final como que gañara moitos cartos. Á parte diso non lle cambiaría nada. 

Está escrito por Fran Alonso que é un grandísimo autor galego e dos libros que lin del este foi o que máis me gustou porque trata cousas serias como son enfermidades que ten a xente dun xeito humorístico pero tamén informativo.

Tamén é un libro moi orixinal que ata nun relato fala sobre o fútbol, en cambio noutro fala sobre un home que se cre un gato. Ten moitos temas para o gusto de cada persoa.  

Este libro recomendariallo á xente que lle gusten libros de comedia para rir. E tamén á xente que non lles gustan os libros longos porque como está dividido en relatos curtos lese moi ben.


José Luís Mirás Otero (4ºESO)

Balda de Libros (II): As cousas claras, de Xosé Antonio Neira Cruz



É un libro bo de ler e que está moi ben. A min gustoume moito. A parte que máis me gustou foi cando ao final do libro di que Marga e Afonso están saíndo.  

Non faría ningún cambio en ningunha parte da narración xa que me parece que está moi ben pensado e escrito e gústame a forma coa que vai surxindo a historia e a orde na que vai pasando cada cousa. 

A idea central do libro está moi ben pensada e moi ben desenvolvida. Se fose eu tamén poñería todo así nesa orde e non cambiaría en nada a idea principal. Pareceume un final axeitado pero gustaríame que continuara un pouco máis e que contara un pouco o que pasa a continuación  para saber o que pasaría despois e saber que é de Mon xa que non se volve falar máis del.  

Foime fácil de ler e entendino bastante ben.  Recoméndoo para rapaces da miña idade porque penso que lles podería interesar o tema e poderíalles gustar tanto como me gustou a min ou máis.


Fernando José Couselo Noya (3º ESO)