Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 26 de xuño de 2018

Adeus ao escritor e mestre Xabier P. Docampo



Esta mañá soubemos polo diario dixital Sermos Galiza do pasamento do escritor e mestre Xabier P. DoCampo, que alén de amigo e de boa persoa tamén estaba sempre presente nas listaxes de lecturas recomendadas na materia de Lingua e Literatura Galega. Velaquí a triste nova no devandito xornal:

Faleceu aos 72 anos de idade. Era unha das voces máis particulares da literatura galega, que logrou recoñecementos como o  Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite,

Foise Francisco Xabier Puente Docampo, Xabier P. DoCampo (Rábade,1946), voz de referencia na literatura galega infantil e xuvenil, da que foi un dos grandes narradores. En 1995 obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite, seleccionada así mesmo como unha das cen mellores obras do século XX no estado español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Pola nosa parte, velaquí as ligazóns das recensións que fixo o noso alumnado da súa obra nestes últimos cursos.








Que a Terra che sexa leve, mestre!








xoves, 21 de xuño de 2018

Book trailer (XXIV): O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz. Realizado por Tania Villasenín Bello



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer da novela O único que queda é o amor (Xerais, 2018) de Agustín Fernández Paz. Realización youtubeira: Tania Villasenín Bello, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


Conta de Libros (XLVII): O enigma de Embívicus, de Xosé Antonio Perozo



Este libro a min gustoume bastante pero tampouco tanto, trata sobre dúas vilas, nas que dende hai moito tempo están enfrontados os cidadáns e ninguén sabe o porquí nin cando comezou todo. Nunha das vilas hai un grupo de rapaces que un día foron visitar o río que separa ambas vilas e atopáronse con outro grupo da outra vila que eran moi malos rapaces e entón atacáronos a pedradas e paus.
Pero estes rapaces ao final cambian a súa maneira de ser xa que o xefe do grupo ten unha irmá que se namora do capitán do outro grupo. Ao longo do relato vaise contando a historia destes namorados.

A parte que máis me gustou deste libro foi cando Cali desapareceu misteriosamente no embigo, e non lle cambiaría nada desta historia. 

A linguaxe é moi doada de entender e a historia tamen é doada de entender, por iso é moi recomendable.

Damián Regueiro Liste (3º ESO)

martes, 19 de xuño de 2018

Book trailer (XXIII): Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz. Realizado por María Gigirey Iglesias



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer da novela Fantasmas de luz (Xerais, 2013) de Agustín Fernández Paz. Realización youtubeira: María Gigirey Iglesias, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Book trailer (XXII): Anagnórise, de María Victoria Moreno. Realizado por María Gigirey Iglesias






Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer da novela Anagnórise (Galaxia, 1988. 3º ed. 2018) de María Victoria Moreno. Realización youtubeira: María Gigirey Iglesias, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)






Conta de Libros (XLVI): O contador de estrelas, de Jaureguízar


Boas! Son Uxía e hoxe vouvos falar sobre o libro O contador de estrelas, de Jaureguizar. O momento máis importante é o final, alí enténdese todo, a historia de Enver, a do pai de Antía e incluso a de súa nai. O libro ábrenos as portas á vida dunha adolescente en pleno verán, Antía, coa súa lectura descobres os moitos misterios e as moitas emocións e sentimentos que afloran nesta época tan importante e marcada nas nosas vidas.
O libro é interesante, emocionante e incluso algo romántico, pois hai un triángulo amoroso un pouco estraño.
Antía é a máis importante das personaxes, pois é a protagonista, pero Nito é un “crack”.
Para min, unha das partes máis graciosas é cando Nito atropela a Antía para poder falar con ela, polo que se ve, el, listo... non é.
O final paréceme moi axeitado, pois descóbrense todos os misterios que aparecen co transcurso do libro. Se puidera cambiar algo, sería que aparecese máis Nito, porque me cae moi ben.
A lingua é moi faciliña e trae moitas expresións da rapazada que nos farán unha lectura máis amena.
Con isto só me queda dicirvos que se non sabedes que ler probedes con este libro. Espero que vos guste!
Uxía Iglesias Vázquez (3º ESO)

Conta de Libros (XLV): Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz



Este libro trata de un home chamado Damián, que lle encanta o seu traballo: operador de cabina, no Cine Soñadores, o mellor cine da cidade. Un día recibe unha mala noticia: o Cine Soñadores ía desaparecer, debido a que ía ser vendido e faríanse no seu lugar uns departamentos. Damián experimenta uns cambios na súa vida, que tamén lle afectan a Marga, a súa muller. Dunha forma progresiva vanse facendo transparentes. Chegan a un momento en que de tan transparentes que se fan, ata a roupa que poñen, a maquillaxe e as cousas que collen, fanse invisibles. 

Este libro trata da exclusión social dunha parte da sociedade, de como as persoas exclúen a outras polo simple feito de ser diferentes ou pertencer a un colectivo.

Gustoume porque a min gústame a maneira como trata este tema, que hoxe en día é un dos grandes dramas desta sociedade tan superficial e como o explica comparando co problema do protagonista.

Este libro recoméndoo, xa que che abre os ollos deste problema tan común nestes tempos.

María Gigirey Iglesias (3º ESO)

luns, 18 de xuño de 2018

Conta de Libros (XLIV): Sangue 12, de Cris Pavón



Este libro gustoume moito, o momento máis importante do relato paréceme cando coñece a Váneas porque a partir de aí comeza todo. Paréceme un libro un tanto interesante porque ocorreron cousas moi peculiares como por exemplo que se coñecesen desa maneira tan rara, cando Palmira a vira por primeira vez e días despois empezan a falar por un despiste de Palmira de deixar a tableta encima dun asento de autobús mentres que ía ao baño. 

Non lle faría ningún cambio porque me gustou moito, o único que talvez si que lle cambiaría sería que non saltase do pasado ao presente tan a miúdo porque iso fai que che líe a cabeza. E o final paréceme moi axeitado. 

É doado de ler porque a súa lingua é axeitada para a nosa idade, pero ao mesmo tempo paréceme algo difícil de entender por culpa de que cambie tanto de tempo de pasado para presente e viceversa, mais aínda así é un libro moi bo. E para quen non lle guste ler é moi fácil a lectura.  

Alicia González Lage (3º ESO)

venres, 15 de xuño de 2018

Conta de Libros (XLIII): Ideas de bombeiro, de Andreu Martín



Este libro gustoume moito xa que a historia é moi divertida, cun "plus", porque podes lela de tres maneiras diferentes xa que ten as opcións de lelo segundo os números romanos, os números normais e por último como todos os libros de diante cara a atrás, o cal a min paréceme difícil de lograr que cadre. 

O momento que máis me gustou foi cando empezaron a falar en clave porque foi arriscado e ao mesmo tempo foi un acto de valentía ao desafiar aos ladróns, xa que ao falar en clave pois crease un misterio porque a rapaza non entendía nada do que dicía e parecíalle que estaba louco. E os ladróns déronse de conta pero nunca souberon que dicían xa que nin a rapaza nun principio se decatara. 

É fácil de ler e engancha desde os primeiros capítulos, por iso non lle faría ningún cambio, para min está perfecto. Recomendo ler este libro a toda a xente que lle gusten o humor e as cousas sen sentido xa que este libro está cheo disto e ademais ten un pouco de intriga.

Martín Dafonte Rodríguez (3º ESO)

Conta de Libros (XLII): O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz



Este libro composto por moitos relatos gustoume moito porque todos teñen unha unidade interna que é o amor, aínda que me gustaría máis se os relatos estiveran unidos e non foran independentes. 

Os relatos que máis me gustaron foron o de “Un radiante silencio” porque está cheo de misterio ao non se saber quen lle escribe as notas cos poemas a Sara que a ela tanto lle gustan e o de “Unha historia de fantasmas” aínda que me quedei con gañas de saber o que acontecía despois. 

Hai personaxes que me impactaron moito como por exemplo Diana que ía tirando fotos por aí para que se alguén as atopaba pensase nela ou como o pai de Laura que era o xefe do protagonista e o botou por saír coa súa filla. 

Recoméndoo moito porque é moi fácil de ler pero o que cambiaría é que os relatos tivesen algo que ver porque á hora de resumir resulta máis complicado. Tamén cambiaría que algunha historia, acabase con outro final, xa que se o comezas a ler xa sabes como acaban os seguintes, entón algo inesperado, como por exemplo que a historia do final, acaben xuntándose.

Paula Lema Domínguez (3º ESO)

Este libro, composto por diferentes historias, gustoume moito, aínda que á súa vez, dáme pena. Os finais sempre acaban similar. Deberían loitar máis polo que queren. 

O momento máis importante non sabería dicir cal é, supoño que en todos os capítulos hai algún, por exemplo cando comeza o namoramento, de non ser así, non tería ningún sentido. Grazas a ese momento, segue transcorrendo a historia, que vai sobre amores que nunca saen adiante, ou ben porque é imposible, ou senón porque non o intentan. 

É moi interesante, xa que, sempre estás esperando polo intre en que polo menos nunha historia acaben xuntándose, cumpríndose ese amor. Faría o cambio de que ocorrese algo inesperado, nalgunha historia, por exemplo a do final.

A lingua é moi fácil de entender, pero ten erros de imprenta, nalgunhas palabras. Lese moi rápido. O malo é que para facer un resumo, é algo complicado, xa que son historias completamente diferentes, aínda que nun fondo, sempre están todas unidas por un fío, o amor.

Tania Villasenín Bello (3º ESO)

A verdade é que é moi triste o libro, mais é interesante e tamén emocionante porque conta dramas
de amor que sufriron os personaxes en cada momento das súas vidas. 

A historia mostra un pouco a realidade de que non todo o mundo ten final feliz ou non podemos estar coa persoa que queremos, mais ben é algo ao revés que mostra máis a vida diaria e que tamén
podemos vivir así, menos a traxedia e o sufrimento amoroso que non creo que debería pasarlle a
ninguén. 

Había algúns personaxes que para ser sincera foron demasiados dramáticos e outros que foron un pouco tristes. O autor conta como son e como senten os protagonistas.

Gustoume moito o libro, aínda que tiña unha linguaxe moi culta e é algo difícil de entender porque tiven que volver ler o capítulo por causa de que non pillei algunhas historias. Eu cambiaría algo o final, porque había demasiada dor e lágrimas e bastaba e que algún relato acabara cun final un pouco máis feliz.

Eduarda Andrade Marinho (3º ESO)

xoves, 14 de xuño de 2018

Conta de Libros (XLI): Anagnórise, de María Victoria Moreno


AnagnóriseMaría Victoria Moreno. Galaxia

Este libro trata dun rapaz chamado Nicolau, que decide marchar a Madrid para poder deixar atrás os seus problemas. Fai autostop e recólleo unha muller, aínda que el non está moi de acordo que o recolla unha persoa do xénero feminino, xa que segundo el as mulleres non conducen ben. 

Esta muller non lle quere dicir o seu nome nin quen é. Durante o seu traxecto a Madrid fixeron varias paradas, e en cada unha vivía unha cousa diferente e cada vez íase unindo máis a aquela muller.

Cando chegaron a Madrid, os dous compañeiros de viaxe, tivéronse que separar, Nicolau foi co seu amigo o Marcos, que o esperaba alí. Pero non pasou moito tempo, para que Nicolau fose buscar outra vez a aquela muller, que durante un tempo foi a súa compañeira de viaxe. Pero este atópase cunha sorpresa.

Recomendo este libro, xa que a autora explica moi ben o que lle pasa pola cabeza a Nicolau, e conta moi ben os problemas que pode ter un adolescente a punto de cumprir a maioría de idade. Por iso me gusta esta obra, por como a autora conta todo este relato.

María Gigirey Iglesias (3º ESO)

O momento máis importante ao meu ver é cando morre a muller porque é a situación máis intrigante, porque queres saber como, e que pasará despois.

A min o libro ao principio parecíame moi aburrido porque era sempre o mesmo ata mediados da historia que empeza a ser interesante o contido.

No referido aos personaxes os que máis me gustan son Nicolau e a muller porque ambos son moi parecidos e por iso me gustan tanto e ademais son os protagonistas, os máis importantes e sen eles a historia non tería sentido, e todo iso de que pouco a pouco se descubriran mutuamente segredos un do outro parecíame máis interesante e gústame.

Se eu fose a autora poñeríalle algo de acción ao comezo xunto con algo de comedia, faríao máis interesante e sería moito máis divertido. Algo semellante faría co final porque xa sería perfecto e gustaríalle a moita máis xente e máis xuventude.

No tocante á lingua o libro en si enténdese bastante ben, non ten palabras raras ou difíciles de comprender.

Jennifer Parente Pena (3º ESO)

Este libro gustoume moito, xa que conta a historia de un rapaz que quere escapar da súa rotina e dos pensamentos facendo autostop cara Madrid, cunha inesperada compañeira de viaxe intrépida.

Para min, o momento máis importante foi no que Xulia e Nicolau se despedían por última vez e cada un marchaba polo seu camiño. Tamén me gustou o momento no que estaban no restaurante e Nicolau soltou todos os seus sentimentos até chorar.

No tema, é interesante e emocionante, polas historias na estrada, polos acontecementos con Xulia e a súa implicación no traxecto.

No desenvolvemento non faría ningún cambio, o único na parte do final que é un pouco lenta e non se entende moi ben.

O final é marabilloso, polo reencontro de Natalia e Nicolau, non o cambiaría por nada do mundo.

Conforme á lingua, é fácil de entender e non ten palabras moi complicadas, polo que facilita a lectura.


Daniel Balsa Balsa (3º ESO)

mércores, 13 de xuño de 2018

Book trailer (XXI): Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz. Realizado por Uxía Iglesias Vázquez



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer da novela Noite de voraces sombras (Xerais, 2013) de Agustín Fernández Paz. Realización youtubeira: Uxía Iglesias Vázquez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


martes, 12 de xuño de 2018

Book trailer (XX): "Memorias dun neno labrego" de Xosé Neira Vilas. Realizado por Laura Pena Gutiérrez





 
Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer da novela Memoriasdun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (Galaxia, 1961, 1º ed). Realización youtubeira: Laura Pena Gutiérrez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)