Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 15 de outubro de 2019

Conta de Libros (I): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas




Un novo curso 2019/2020 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega.

Desta volta vaise chamar Conta de Libros e a primeira alumna en achegarnos o seu comentario crítico para o noso recuncho das lecturas foi Paula Noya Redondo (4º ESO). Velaquí a recensión:


O libro de Memorias dun neno labrego gustoume moito porque fala da realidade que sufrían os nenos e nenas dun pasado, que vivían na aldea. De feito, mesmo os nosos avós e avoas e incluso algúns pais se senten identificados con algunha cousa do libro. Isto fai que o relato sexa moi sinxelo de ler, e mesmo emotivo.

Para min, o momento máis importante foi cando Balbino lle guinda a pedra á testa a Manolito. É un momento de intriga no que non sabes o que vai pasar despois.

En canto aos personaxes, están moi ben feitos e caracterizados. Hai moita variedade de personalidades, clases sociais, etc., polo que o libro fai varias críticas sobre temas moi diversos.

O final pode parecer un pouco triste pero ao fin e ao cabo era como mellor podía rematar o mozo e a súa familia. Gustoume bastante porque non era demasiado esperado e non o podía deducir xa dende un principio.

O vocabulario non é actual polo que ten algunha palabra de difícil comprensión, pero sempre se poden deducir polo contexto.

Eu verdadeiramente recomendo este libro a que non o lera, porque a min gustoume moito e paréceme que se poden aprender moitas cousas léndoo.

Paula Noya Redondo (4º ESO)


O libro está ben, xa o lera fai tempo, senón  me equivoco esta é a terceira vez que o leo, gústame mais teño que admitir que desta vez non me enganchou tanto como as anteriores veces. Espero que se o volvo a ler nun futuro non moi afastado non me resulte tan pesado de ler, pero con isto non quero dicir que o seu contido non estea ben, non, o libro está moi ben, de feito conta verdades do que é ser un rapaz labrego pobre, contado en primeira persoa, cousa que suma puntos, pois simpatizas moito máis co personaxe. 

En por veces dáme moita pena Balbino, por non dicir que en todo o libro, non é un rapaz moi afortunado na vida, ás veces ten a súa boa sorte, pero logo a perde, como descubriredes no libro, se o ledes, cousa que recomendo.

Teño que engadir que o vocabulario pareceume un pouco complicado de entender, de feito tiven que buscar algunhas palabras no dicionario. Pero por suposto que o recomendo!

Leticia Añón Guerra (4º ESO)


O protagonista deste libro chámase Balbino. Balbino é un neno pobre, pero iso non quita que teña unha vida moi aventureira que vai escribindo no seu caderno, onde reflexiona as súas vivencias como labrego.

É un libro que me gustou moito, nel vese reflectida a vida dunha familia pobre, dunha aldea pobre a cargo dun señor bastante malo, que é o pai de Manolito.

Manolito paréceme o peor personaxe, é o que menos me gusta, é un rapaz rico que se mete con Balbino por vir dunha familia pobre. O meu personaxe favorito é Balbino, gústame como é e como actúa en cada momento.

O capítulo que máis me gustou foi no que Balbino lle tirou a pedra a Manolito, que as tiña moi merecidas xa que se metía decote con el. O momento que menos me gustou ou máis triste me pareceu foi, despois diso de tirarlle a pedra, que tivo que fuxir a outra aldea e buscarse a vida por si só, porque se seguía na aldea o pai de Manolito botaría á familia enteira que non tiña culpa de nada.

É un libro que recomendo e que vale para ler calquera persoa, fala de moitas cousas. Gustoume moito.

Alba Rey Brea (4º ESO)


Na miña opinión o momento máis importante foi cando Balbino se namorou da súa mestra, Eladia , xa que a mestra non estaba interesada nel, e esta casa co seu mozo, para min esa parte foi a mellor de todas xa que me imaxino a cara de pasmón que lle quedaría a Balbino ao decatarse dese acontecemento.

Penso que o tema está ben, xa que eu non lle faría ningún cambio polo divertido que chega a ser todo o contido que este nos trae, algúns anacos como ben acabo de dicir son divertidos, outros interesantes e ata mesmo sospeitosos nalgúns momentos.

O vocabulario na miña opinión é fácil de comprender aínda que hai algunha palabra que resulta difícil de comprender. Pero dende logo que eu lle recomendaría este libro a todo o mundo, gústelle ou non ler, xa que se le moi rápido e móstranos como pensaban antes sobre a xente que traballaba na vila.

Gloria Pena Gutiérrez (4º ESO)

O libro Memorias dun neno labrego na miña opinión é unha obra que tod@ galeg@ debería ler, xa que é moi importante para a literatura galega. Ademais é un libro que trata un tema do que non se adoita falar, a vida dos nenos pobres que ademais traballan na casa para axudar a seus pais.

O momento máis importante da narración para min é cando Balbino recibe a Carta de Lelo, que está en América, xa que se sente que agora pode volver a contarlle todo o que lle pasa a el como facía antes de que marchase.

O personaxe que máis me gusta é Balbino, un rapaz forte, que axuda a todo na casa e ainda así ten tempo para ser un neno de verdade. Non me gusta nada Manolito, un rapaz rico, fillo dos señores para os que traballa o pai de Balbino, pois o único que fai e meter a Balbino en problemas.

O vocabulario do libro é algo complicado, ten algunhas palabras difíciles de comprender, xa que son palabras que normalmente non se usan moito.

Non lle faría ningún a cambio a esta novela xa que na miña opinión é todo moi axeitado para contar a historia da infancia de Balbino.


Ahinoa Antelo Rodríguez (4º ESO)


Para min o momento máis importante do relato é cando Pachín encontra a Balbino no río, debido a que se ve que Balbino xa é todo un home e demóstrallo a seus pais marchando da casa. 

Outro acontecemento con relevancia para min foi cando Balbino se decatou de que a súa mestra tiña noivo, iso para el foi un pau enorme e mais aínda cando soubo que ía marchar da vila. Despois diso Balbino deixaría as relacións sentimentais para o futuro. 

Unha cousa que non me pareceu ben da novela é que non lle deixaran ir á festa do Carme cos seus amigos, só porque estaban de loito polo tío Braulio, que xa levaba tres anos falecido. 

O final pareceume o axeitado, que todo acabase medianamente ben con Balbino mandando cartas a o seu amigo da vida. 

A lingua porén non era a mais doada de coñecer, tiña algunhas palabras que non oíra na miña vida.

E por último recomendo este libro porque aínda que eu non sexa un gran lector, enganchoume moito.

Pablo García López (4º ESO)