Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 7 de marzo de 2024

Book tráiler (LV): Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Realizado por Diego Vásquez Fernández

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2007). Realización youtubeira: Diego Vásquez Fernández, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LIV): Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras. Realizado por Lucía Viqueira Vieites

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras, con ilustracións de Víctor Rivas (col. Merlín. Xerais, 2014). Realización youtubeira: Lucía Viqueira Vieites, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LIII): Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure.Realizado por Fernando García Regueiro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure, con ilustracións de Fernando Martín Godoy. Tradución de Ignacio Chao. (col. Sopa de Libros. Xerais, 2003). Realización youtubeira: Fernando García Regueiro, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (XXVI): A ira dos mansos, de Manuel Esteban

 

A ira dos mansos. Manuel Esteban. Xerais

Na miña opinión, este foi un dos mellores libros que lin na escola, xa que ten unha trama moi interesante e entretida. Fálanos de Carlos Manso, un inspector que debe levar a cabo unha serie de casos que colaborarán coa integración de persoas con discapacidades, neste caso, persoas con Síndrome de Down. O autor dálles moita visibilidade aparecendo en numerosas ocasións como personaxes importantes ao longo da novela. Ademais, enlaza toda a información de tal maneira que a nós, os lectores, nos resulte moito máis doado de entender e seguir a historia.

O personaxe que máis me gustou foi Carlos, porque ten un desenvolvemento e un cambio bastante notable durante a narración..

Se vos gustan os libros que traten sobre asasinatos, investigacións policiais ou procedementos xurídicos, non cabe dúbida de que o debedes ler, xa que non só é un bo libro, tamén é sinxelo de ler.

Uxía Mariño Parafita (4º ESO)

Balda de Libros (XXV): Polaroid, de Suso de Toro

 


Polaroid. Suso de Toro. Xerais

Polaroid é unha novela de Suso de Toro, a cal supuxo un gran cambio na maneira de escribir dos autores.

É un libro que non ten unha única historia que contarnos, cuns personaxes principais e un gran trasfondo detrás, se non que son simples relatos pequenos. Con Suso descubrimos que hai máis maneiras de narrar historias, que non sempre hai que caer na estrutura canónica dos libros, senón que se pode innovar, como fixo el, e ter grandes resultados.

Algúns poden dicir que é unha narrativa absurda, sen sentido, pero para min é unha novela que fala de costumes, algúns con algo de fantasía, pero a gran maioría fainos recordar momentos pasados e empatizar con algún personaxe, dunha maneira máis íntima xa que nos contan historias reais e cotiás, que nos poderían pasar a nós. Insisto en que non todos os relatos nos contan feitos cotiás, ao contrario este libro tamén ten capítulos moi fantasiosos.

Persoalmente si que recomendaría este libro, baixo a miña opinión é moi entretido e nalgún capítulo ata che fai rir. Ademais é moi fácil de ler o que nos axuda a desfrutalo máis.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

Este libro conta moitas historias por separado, e como non é o que estamos acostumados pareceume moi interesante, aínda que non é tan fácil de entender coma se contara unha historia soa, para a miña opinión.

De todas as historias hai algunhas que me pareceron moi doadas de entender e outras que non tanto, a maioría son bastante curtas, aínda que hai algunhas máis longas. Creo que todas che dan algo que aprender, sempre teñen unha reflexión final, as cales a min fixéronme pensar bastante, e iso é algo positivo, que dos libros tamén se poden aprender moitas cousas.

De todas as historias a miña favorita foi a do quiosco de Mauro, xa que me pareceu moi interesante, e moi fácil de ler e de entender.

Pero o meu personaxe favorito, foi o da última historia, que acontece nunha carnicería, e a min esa deume moito que pensar, xa que era unha inxustiza, o pobre home como era o empregado tivo que calar cando tiña toda a razón.

Recoméndovos moito este libro, estou segura de que á maioría vos vai gustar moito, ademais é moi sinxelo.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

Polaroid é un libro moi interesante, pero para min é algo complicado de entender, xa que en cada capítulo conta unha historia diferente, sen ter relación coas outras historias.

En xeral é moi fácil de ler, algún capítulo pode ser algo máis complicado, pero aínda así lese bastante ben. Ademais lese moi rápido, xa que son capítulos moi curtos e entreteñen moito.

Para min o momento máis importante do libro foi cando Nando lle rompeu os cristais do quiosco a Mauro, xa que me parece moi egoísta pola súa parte.

O meu personaxe favorito é Mauro, xa que para a miña opinión é moi bo home, e non se merece moitas cousas que lle fan.

E o personaxe que menos me gustou foi Nando e os seus amigos porque me parecen moi malos e sobre todo egoístas por facer cousas malas e non poñerse no lugar de Mauro.

Tampouco me gustou moito o pintor xa que soamente traballaba un día á semana e porque lle gustaba ese día, así que considero que é bastante vago e lacaceiro, polo que non é moi traballador.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

Este libro non me convenceu moito porque me pareceu que había bastantes capítulos con diferentes historias e ao final resultaba moi enleado, pero se tivera unha soa historia e non tantas gustaríame máis xa que había algúns capítulos que me resultaron moi entretidos coma por exemplo o do quiosco de Mauro que foi a historia que máis me gustou e máis interesante me pareceu.

Por iso unha das miñas personaxes favoritas tamén foi Mauro xa que me pareceu moi valente ao quedar asomando na súa tenda para descubrir quen eran os malfeitores que lle romperon as ventás.

E a personaxe que menos me gustou foi Concha porque opino que foi moi mala poñéndolle os cornos ao seu home en vez de intentar arranxar o problema e buscarlle unha solución, ou en vez desa alternativa podíao deixar e separarse del. Penso que foi unha personaxe que tampouco tivo empatía, xa que se a ela lle fixeran iso non lle faría ningunha risa.

Este libro aínda así pareceume moi sinxelo de ler.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Balda de Libros (XXIV): Cartas de amor, de Fran Alonso

 

Cartas de amor. Fran Alonso. Xerais

A min gustoume moito xa que cada capítulo é diferente e así non aburre tanto coma outros. Tampouco perdes nada se non les un, porque son cartas diferentes. Son o meu estilo de libros preferidos xa que son curtos, fáciles de ler e o vocabulario non é difícil. Aínda que o malo que lle vexo é que non te acordas de todo o que pasa en cada capítulo.

As cartas que máis me gustaron foron as de ”Confesión” e “Lonxe”. A primeira é porque trata un tema que hai xente que por calquera razón ten medo de como reaccionaran as outras persoas e este capítulo normalízao. E “Lonxe” porque Bárbara souBo aceptar a situación e a realidade de que era un amor non correspondido pola distancia que había entre eles e probablemente non se volverían ver.

A miña personaxe favorita é Monica, do capítulo “Confesión”, xa que me parece que ten moita valentía por confesarlle todo o que sentía a súa mellor amiga a pesar de que naquela época era moi mal visto. Tamén me parece moi comprensiva porque lle dá igual que ela non sinta o mesmo, só quere manter a súa amizade tal e como está, e que tampouco llo contou a ninguén máis xa que era un segredo moi importante para ela.

Ainhoa Leis Ríos (3º ESO)

Balda de Libros (XXIII): A man dos paíños, de Manuel Rivas

 

A man dos paíños. Manuel Rivas. Xerais

A historia que narra gustoume moito, xa que é un tema que me interesa. Aínda que lin varios libros que tamén trataban temas da amizade, a maneira de representala gustoume moito xa que é moi orixinal. Ao principio é un pouco difícil de entender, pero son só as dúas ou tres primeiras páxinas, despois entendese perfectamente. Aínda así gustoume moito e volvería lelo.

Ao principio non entendía porque o autor lle puxera ese título, pero segundo fun lendo entendino e paréceme bastante axeitado, eu non llo cambiaría.

A min gustáronme moito as historias de mariñeiros que hai no final, xa que falan dun tema interesante que xa moitos outros autores tocaran, pero Manuel Rivas faino dun xeito máis orixinal que te engancha e non podes esperar a saber o final.

A maioría dos personaxes desta historia non me chamaron moito a atención, porque eran secundarios e saían pouco... pero os protagonistas gustáronme moito, sobre todo o protagonista e Castro, que tiñan unha amizade moi bonita.

Se vos gusta ler e as historias de mariñeiros, anímovos a lelo.

Laura Noya Sánchez (4º ESO)