Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 25 de outubro de 2023

Balda de Libros (I): 22 segundos, de Eva Mejuto

 


Un novo curso 2023/2024 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega. Desta volta vaise chamar Balda de Libros e a primeira alumna en achegarnos o seu comentario crítico para o noso recuncho das lecturas foi Lucía Rey Martínez (3º ESO). Velaquí a súa recensión e as que chegaron despois: 

22 segundos. Eva Mejuto. Xerais

22 segundos é un libro que me gustou moito xa que trata un tema moi importante que é a transexualidade. Ademais pareceume moi entretido e emocionante.

Para min, a parte máis importante do libro é cando Ánxela comeza a sentirse un rapaz e pasa a chamarse Álex. Pola contra, a que menos me gustou foi o final porque é un pouco triste e tampouco me agradou o comezo do libro porque pareceume a parte menos emocionante do libro.

Os personaxes que máis me gustaron foron Xela/Álex xa que nunca se deu por vencida e afrontouse ás posibles críticas da sociedade. Tamén me gustou moito o carácter do avó porque era moi divertido e apoiaba sempre ao seu neto. Outras personaxes que tamén me gustaron bastante foron Ana, xa que era un gran apoio para Álex e unha das persoas nas que máis confiaba, Adela porque paréceme unha personaxe interesante e Cristina porque preocúpase pola saúde de Álex e decide axudalo en todo o que pode. A personaxe que menos me gustou foi a avoa Helena xa que sobre todo ao comezo non estaba de acordo nalgunhas cousas que facía o seu neto.

O final cambiaríao e poñería un máis feliz.

Este libro de Eva Mejuto é moi doado de entender e ler xa que ten un vocabulario sinxelo.

Recomendaríao para todos os públicos pero en específico para as persoas que nestes intres están pasando pola mesma situación e axudarlle a que nunca deben renderse.

Lucía Rey Martínez (3º ESO)

22 segundos para min é un libro que, a pesar de que non me gustase moito, é bastante atractivo posto que o tema do que se está a falar é unha cousa que aínda hoxe en día é moi tabú. En xeral o libro achega un punto de vista moi interesante (xa que a persoa que protagoniza este relato é Alex, un mozo transexual, xa que antes do seu “cambio” a home, era unha nena chamada Ánxela).

O que máis interese engade é o tema de como o tratan dende pequeno, naquel momento todos a trataban coma unha nena, e aínda que non quixera tíñase que aguantar. Tamén o momento no que ao avó de Alex dinlle que ten un tumor cerebral, estas 2 cousas para min foron moi importantes. Aínda así, despois todo empezaría a ir mellor.

A verdade é que a noela ten algunhas partes nas que non explica moi ben que pasa, por exemplo cando Alex lle di a alguén que se sente coma un home en vez dunha muller, aí non explica como llo di, nin como reacciona. Tamén algo que me gustaría cambiar é que o libro relata todo dun xeito moi rápido e pouco explicativo.

Diego Vásquez Fernández (3º ESO)

O libro pareceume entretido, interesante e emocionante. Conta a vida de Xela e de como mudou a súa vida despois de cambiar de xénero a Alex. Fala dun tema moi importante como é a transexualidade e do duro que é polas opinións da xente.

Para min, o momento máis emocionante foi cando Xela/Alex falou por última vez co seu avó.

O meu personaxe favorito é o avó porque entende a Alex desde o principio e incítao a que non o esconda e tamén lle facía sacarlle un sorriso a Alex nos momentos máis tristes. Á parte do avó, Ana tamén é dos meus personaxes favoritos porque apoia a Alex no que necesite. Outro personaxe que tamén me gusta é a nai de Alex (Adela) porque aínda que ao principio non o entenda despois vaise acostumando e aceptando a Alex. O personaxe que menos me gustou foi a avoa de Alex, porque non quería aceptar que a Alex xa non lle gustaban as saias nin os vestidos. Tamen hai máis personaxes como Anxo, un rapaz que ao principio non lle caia moi ben Xela/Alex pero que ao final sabe entender a situación.

Non faría ningún cambio pero se o tivera que facer cambiaría o final porque é un pouco triste por algo máis feliz.

Para min o vocabulario era un pouco difícil de entender pero o libro lese moi rápido.

Lidia González Rey (3º ESO)

A min este libro gustoume bastante xa que trata dun tema do que se debería falar máis hoxe en día, nas escolas, por exemplo, xa que creo que falta moita información sobre este tema, a xente “trans”, mellor dito transexual.

Este relato trata dunha nena chamada Xela a que ao final vaise identificando cun neno que queda co nome de Álex. Ao principio da historia cando aínda se chamaba Xela, ela xogaba ao fútbol e falara co capitán para preguntarlle se podía entrar no equipo para xogar os partidos na fin de semana. El burlouse dela e chamoulle marimacho, só polo simple feito de ir querer xogar no equipo. Por iso ao

final do libro cando xa se ía meter no proceso da testosterona pois gustoume porque ía ser o que quería, un rapaz.

Á parte do contido do libro e de que era bastante curto e cun vocabulario doado tamén me gustaron algúns personaxes como o avó de Xela, xa que era un señor moi bo e amable, e sempre tiña moi boas intencións xa que intentaba facer rir a xente sempre que podía. E encantoume que sendo un avó que o apoiara en todo o que decidise facer Álex. Tamén me gustou moito Ana, á parte de Xela, porque sempre a apoiou ata foron xuntas a consultas coa psicóloga. E por último sua nai, foi un pouco dura nalgúns aspectos como por exemplo, coa roupa, ou co peiteado. Ao final tamén lle deu o seu apoio e non estivo sempre ao seu lado como o seu avó.

Carla Caramés Rivas (3º ESO)

A min gustoume moito o libro porque serve para poñerse no sitio das persoas que pasan por iso, xa que fai uns anos era moi mal visto. Tamén me gustou en si a historia porque é moi bonita, sobre todo cando súa nai, seu avó e Ana o apoiaron nas súas decisións cando máis o necesitaba polos comentarios da xente, ou cando o discriminaban por ser el mesmo.

O personaxe principal é Alex, é un rapaz que só quería ser el mesmo sen importarlle a opinión da xente, pero a persoa que máis lle importaba o que pensase era súa nai, porque sabía que cando estaba a facer a transición botaba de menos cando era unha nena pequena e lle facía as coletas.

Como secundarios están Ramón (o avó de Alex), Adela (a nai de Alex), Ana (unha amiga de Alex que acabou sendo a súa moza) e Cristina (a súa psicóloga). Todos estes axudárono, cada un á súa maneira, algúns mellor e outros como puideron.

O meu personaxe favorito é Ramón, porque sempre apoiou a Alex sen importarlle nada máis. E tamén leva todo sempre con humor. Independentemente do mal que estivese, sempre intentaba sacarlle a xente un sorriso, e sempre daba a cara por Alex cando o necesitaba e tamén o consolaba cando esta triste.

Ainhoa Leis Ríos (3º ESO)

22 segundos de Eva Mejuto é unha novela que debería ser de lectura obrigatoria na ESO, pois trata un tema de grande importancia como é a transexualidade. A través da historia de Xela, que é en realidade Álex, un neno transexual, pódese ver cal é a realidade das persoas transexuais e o que sofren por iso ata que non se aceptan e non son aceptadas.

Vemos coa súa historia que é un camiño difícil pois primeiro tes que aceptalo ti mesmo e despois, debe aceptalo e apoiarte a túa familia.

O meu personaxe favoritao é o avó de Álex xa que o apoia en todo momento e é grazas a el que Álex decide crear o blog para compartir a súa historia pois como dixera o seu avó “O que non se di é coma se non existise”.

A aprendizaxe desta novela é moi grande, Álex explica a súa transformación mostrando os pasos tanto físicos como mentais que debe seguir. Por iso, é recomendable a súa lectura pois se algunha vez nos atopamos cunha situación así, poder facernos unha idea do que esa persoa esta a sufrir e axudala en todo momento.

Lara Piñeiro González (3º ESO)