Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 31 de maio de 2016

"Unha nova Supermuller", por Anabel Dafonte


E velaquí a narración "Unha nova Supermuller" de Anabel Dafonte Iglesias que foi premiada no XI Certame de Narración Curta Concello de Curtis.

UNHA NOVA SUPERMULLER

Érase unha vez un país chamado as Mil Fantasías no que vivían todos superheroes e seres fantásticos que nós no día a día vemos nas películas. O que pasa é que ninguén cre que estes seres existan porque nunca os viron en persoa, pero hoxe ides saber o lugar no que viven e ademais ides descubrir que hai moitos superheroes que non oirades falar deles nunca.

No país das Mil Fantasías viven Batman, Superman, Spiderman... e moitos máis. Cada un ten a súa casa e a súa vida, cada un polo seu lado, menos cando teñen que facer algo para salvar o seu país.

Un día chegoulles unha carta ao parlamento das Mil Fantasías informando que o seu país ía ser destruído. Entón o presidente reuniu a todos os superheroes e díxolles o que ocorría. Todos os que estaban alí quedaron pasmados co que estaba a ocorrer e pedíronlle ao presidente que buscara a alguén que lles axudase. Así que o presidente convocou a unha das mellores superheroínas da universidade de Superheroes ao ataque, onde se preparaban todos os novos superheroes. Esta rapaza era a salvación do seu país así que o presidente decidiu mandarlle unha carta dicindo:

Querida Chloe:
Esta carta vai dirixida a vostede coa esperanza de que poidas salvar o noso país que está en perigo así que eu, o Presidente, pidolle a vostede Chloe, que pense un nome para poñerlle no seu diploma oficial de superheroina.
                                                                          Att: Señor Presidente.

Chloe ao recibir a carta quedou patidifusa e accedeu despois de pensalo coidadosamente. Ao seguinte día chamou ao alcalde e confirmou que ía ir ao parlamento para negociar sobre o seu nome de superheroína. Ao chegar estaban todos ao redor da mesa e comezou a falar o presidente:

-        - Moi bos días a todos, hoxe imos proceder á decisión do nome da nosa nova compañeira  porque claro está que unha superheroína non pode estar sen o seu nome especial polo que ser coñecida.

-        -  Estou de acordo.- dixo Catwoman

Chloe tiña a capacidade de dar cor ao mundo. Ela convertía as nubes negras en rosadas, as armas en rosas e os insultos en poemas de amor.

Superman, que ultimamente estaba moi creativo, propuxo un nome totalmente ridículo.

- Que tal friquiwoman? Ha ha ha.- burlouse el-        

- Pois... eu tiña pensado un nome que me podería quedar ben, como xa sabedes eu son a que loita contra as guerras e as tormentas.

-          - Ti polo que loitas é pola cor rosa non por outra cousa. Igual ca esta lambona que non fai nada e aínda así ten por nome Catwoman. Así que, señor presidente, eu propoño buscar a un home feito e dereito para loitar como é debido porque o que estamos aquí a demostrar é que calquera pode ser superheroe e eu penso que non é así.- dixo Batman interrompendo.

-          - Calade todos! Temos que ser pacíficos ou senón vannos derrotar antes de empezar. Así que Chloe por favor continúa.

-          - Pois gustaríame chamarme Pazwoman xa que polo que loito é a paz.

-          - A min gústame.- afirmou Catwoman.

Todos os homes estaban en desacordo, a pesar de ser superheroes e loitar contra o mal era un país cheo de machismo.

-         -  Paréceme ben. Xa tes nome agora firma e imos falar do plan de defensa.

Despois de firmar comezaron a falar do plan de defensa.

-       - Eu como presidente penso que debemos poñer todo o noso empeño en acabar con eses seres malvados que nos queren destruír. Así que alguén ten algo pensado.

-          - Si... eu algo si que pensei. - dixo Chloe con desconfianza e medo.

-          - Ti que vas pensar se só serves para cociñar, limpar e pouco máis.- volveu interromper Batman.

-     - Queres deixar o machismo de lado dunha vez, non ves que quizais ela teña un plan xenial.- defendeuna Catwoman.

-          - Ben, eu dicía que podemos poñer neste mapa que trouxen todos os puntos nos que hai máis perigo que se nos entren.

Procederon a colocar todos os puntos, nos que se tiñan que colocar, no mapa.

Algún máis contentos ca outros.

O enfrontamento estaba planificado para dentro de dúas semanas pero adiantouse un pouco e tiveron que protexerse como puideron. A guerra comezou nese instante, Spiderman púxose diante e encheu de teas de araña a un dos atacantes. Iso xa non era un equipo, iso era unha loita entre membros do mesmo equipo. Chloe non se rendeu e fixo o que se propoñía. Así foi como ela salvou o seu país sen facerlle dano a ninguén.

Chloe, despois de que o presidente a considerase a que mellor exemplo deu aos estudantes, tivo que dar un discurso que foi o seguinte:

-          Hoxe foi un día moi importante e alegre porque conseguimos acabar co mal sen recorrer á violencia cousa que ten o seu mérito, pero isto só foi unha das cousas que vos demostrei. A outra é algo que en moitos lugares está presente que é o machismo, todos os heroes dubidaban de min tan só por ser muller e agora demostreille que son tan forte coma eles. Desde aquí quero mandarlles a todas as mulleres unha mensaxe, a mensaxe é que nunca  deixedes que vos menosprecen por ser mulleres e que todos temos os mesmos dereitos.


Este discurso conmoveu a miles de persoas e Chloe foi nomeada Supermuller pola Unión dos Xéneros, que era una asociación que loitaban pola igualdade entre homes e mulleres.

Anabel Dafonte gañadora na categoría A do XI Premio Narración Curta Concello de Curtis


O pasado venres soubemos que Anabel Dafonte Iglesias (2º ESO) foi a gañadora na categoría A (Dos 12 aos 18 anos) do XI Premio Narración CurtaConcello de Curtis, que nesta edición tiña por tema “Supermulleres e Superheroínas”. Polo seu relato titulado “Unha nova Supermuller” recibirá un premio en metálico de 200 euros, cuxa entrega será o vindeiro 10 de xuño.

A participación no certame foi moi alta e desde o CPIViaño Pequeño enviamos una ducia de narracións, así que lle damos os parabéns ao alumnado que se animou a participar e de maneira moi especial a Anabel Dafonte Iglesias polo seu galardón.

No sitio web do Concello de Curtis sinálase que:

Máis dun centenar de obras presentáronse este ano ao Premio Narración Curta Concello de Curtis, creado hai once anos co fin de promocionar as letras galegas. Nesta XI edición, dedicada ás ‘Supermulleres e Superheroínas’ o número de traballos presentados supuxo un 'récord' de participación.

O fallo do galardón e a entrega de premios terá lugar nunha cerimonia que se celebrará o próximo 10 de xuño.

O premio, de carácter temático, quixo este ano pór o acento nas capacidades das mulleres convidando aos participantes a escribir ben sobre algunha coñecida, da súa contorna ou non, que destaque polo seu traballo, valores, aptitudes ou accións, que sexa exemplo de loita ou superación, ou ben a través dun relato no que o autor cre a que sería a súa propia heroína.

Para poder concursar, os traballos debían estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame.

E aquí a resolución do xurado:
O Concello de Curtis entregará o día 10 de xuño os premios do XI Certame de Narración Curta, que este ano centrou a súa temática nas ‘Supermulleres e Superheroínas’ como unha homenaxe e unha chamada de atención sobre todas esas mulleres que destacan pola súa labor, valores, aptitudes ou accións, xa fosen personaxes reais ou imaxinarias. O galardón foi creado hai once anos para promocionar as letras galegas.
O xurado fallou xa os premios nunha deliberación difícil tanto pola calidade dos traballos como polo número xa que os máis dun centenar de relatos presentados supuxeron un récord de participación. Das obras, destaca que a gran maioría están baseadas en mulleres reais, tanto na categoría de adulto coma na da xente máis nova. Gran parte dos relatos versan sobre as loitas e esforzos de nais e avoas.
Os gañadores este ano foron:
Categoría A, de 12 a 18 anos:
o    Primeiro premio (200 €): ‘Unha nova supermuller’, de Anabel Dafonte Iglesias, do CPI Viaño Pequeno (Trazo, 2002).
o    Segundo premio (100€): ‘Bronce e pedra’, Amaia Tomé Tomé, do IES Francisco Aguiar (Betanzos, 1999).
Categoría B, a partir de 19 anos:
o    Primeiro premio (350 €): ‘ A parte polo todo’, de Paula Xirasola (Vigo, 1985).
o    Segundo premio (150€): ‘Engurras de aceiro’, de Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974).
O xurado estivo formado por:
o    Manuel Rico Verea, lingüista, músico e musicólogo.
o    Eva Lens, bibliotecaria do Concello da Coruña.
o    Lara Dopazo Ruibal, xornalista, poeta, e gañadora na anterior edición deste certame.

xoves, 19 de maio de 2016

Balda de Libros (XLIII): A sorte de espertar, de Xabier Alcalde.



O momento que máis  me gustou deste libro foi a festa dos curmáns de Aurora. Tamén me gustou moito que Aurora buscase amigos, non só por ser intelixentes como ela, senón por ser boas persoas, e que ela e Lidia fixeran unha boa amizade. Outra cousa que me gustou foi que Lidia fose capaz de se enfrontar a seu pai.

Os personaxes que máis me gustaron foron Aurora e Lidia, unha polo feito de ser protagonistas deste libro, e outra porque fixeron unha moi boa amizade en tan pouco tempo, tamén que ao final desta narración fosen quen de contar o que lles pasaba unha a outra. 

Este libro é divertido, aínda que ao principio a min pareceume un pouco aburrido, xa que non hai ningún diálogo. Polo resto o libro gustoume moito, aínda que se eu fose a autora do libro cambiaría a final, para que as dúas rapazas non se tiveran que separar e non ter que romper a súa  gran amizade. 

Eu recomendaría este libro a adolescentes, xa que se reflicte o importante que é axudar a unha persoa, cando está  débil, xa que é cando máis o necesita. Aos adolescentes este libro eu penso que lles vai gustar moito.

Nerea González López (3º ESO)


Paréceme un bo libro, xa que é fácil de entender e porque trata dun tema moi importante ao longo da historia: o camiño polo que te poden levar as amizades que escollas.  

O mellor momento do libro paréceme que foi cando Lidia e os seus pais aceptan o futuro de Lidia e deciden apoiala en non seguir estudando. O final non me gustou moito, xa que as dúas amigas sepáranse e a súa amizade que na miña opinión era única acábase nun momento para sempre. Eu cambiaríao por un no que Lidia e Aurora se seguisen apoiando toda a vida e que a súa relación durase para sempre. 

En canto ao desenvolvemento non faría ningún cambio. Gustaríme que houbese unha segunda parte desta historia para poder ver como lle foi a vida ás dúas protagonistas e comprobar se Aurora tivo todo o éxito profesional polo que estivo traballando.

Recomendaríalle este libro ás persoas ás que lles gusten os libro sen demasiada acción, nas que se reflexiona bastante.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)


A parte que máis me gustou foi cando a Aurora se lle ocorrera axudar a estudar a Lidia para setembro sobre os temas que tiña que recuperar porque á parte de que eran moi boas amigas lle daba pena que repetise. Entón ela fixo un gran esforzo e axudouna e ao final aprobara e cando chegou a onde ela deulle  un abrazo moi forte e díxolle a Aurora que lle debía unha porque se perdera todo o verán, Ademais gustoume esa parte porque foi un gran detalle pola súa parte, pòis as materias que máis lle custaban eran as Matemáticas, Sociais, Castelán e Bioloxía. 

A min este libro pareceume moi bo e á parte tamén moi interesante, fácil de comprender excepto algunhas palabras que eran moi complicadas pero que se podían sacar polo significado do contexto.

Eu non faría ningún  cambio porque me pareceu boa a narración e a miña opinión sobre este libro é que se lle podería recomendar a rapaces ou rapazas aos que lles gusten ler libros sobre os temas da escola.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (XLII): Dragal II. A Metamorfose do Dragón, de Elena Gallego Abad



Este libro encantoume! Creo que me gustou máis ca o primeiro, que xa é dicir, porque o primeiro gustoume moitísimo. A saga Dragal, creo que se pode incluír nos meus libros favoritos.

Era case imposible interromper a lectura, xa que era como se o libro me chamara e me dixera que acabara a lectura. O libro engancha moito, porque a trama do libro é moi interesante. Hai que ter moita imaxinación para inventar un dragón como é o deste libro. E inventarlle a historia á Fraternidade...  creo que pode ser o máis complexo de inventar deste libro. Pero a autora conseguiu que todo conectara moi ben. Mellor do que eu cría!

Coma no anterior, o final aberto deixoume feita un lío. Non se fai iso, muller! Deixoume en tensión por saber o que acontecera con eles. Pero, na miña opinión, creo que o fixo moi ben. Non como noutros libros con final aberto que te deixan mal. Este libro fai moi ben o final aberto. E cada libro conecta con seguinte dunha maneira moi especial.

Durante toda a lectura experimentei moita inquietude. É como se todo o que envolve a Dragal, sexa unha escura brétema. Como se che deran calafríos.

Pese ao final aberto, demasiado aberto creo eu, o libro encantoume moito.

A forma de contar todo o que pasa, de describir cada detalle do dragón, é moi boa. A escritora fai que queiras devorar o libro e que continúes co seguinte.

A parte do dragón é xenial. A min encántame a fantasía e creo que Dragal é moi peculiar. Os seus poderes son moi interesantes. Quen me dera telos e usalos como eu quixera!

Recoméndolle este libro a quen lle guste a fantasía. Porque aos amantes deste campo, non os vai decepcionar. Creo que supera con creces o primeiro libro.

Está xenial!

Irene Noya González (3º ESO)

O momento que máis me gustou deste segundo libro de Dragal foi cando souben que Hadrián se estaba recuperando moi rápido, e que volvería a ser case normal. Tamén me alegrou saber que atoparan a Hadrián, pero o adolescente non estaba moi ben. Outra cousa que me gustou moito deste libro foi que Mónica non se separase en ningún momento do seu mellor amigo, e Hadrián puido confiar plenamente nela, porque non lle contaría a ninguén o seu segredo. 

A parte que menos me gustou foi cando o doutor lle ten que contar á nai de Hadrián, que este non ten moitas esperanzas de que sobreviva. 

Os personaxes que me parecen mellores son Hadrián e Mónica, non só polo feito de ser os protagonistas, senón porque son moi bos amigos e souberon coordinarse moi ben, durante todo o que pasaron xuntos. En cambio o personaxe que menos me gusta é Brais porque non puido aceptar que os seus compañeiros non lle fixeran caso, ademáis tiña moita envexa de Hadrián. Por iso o rapaz decidiu queimar a igrexa, pero eu penso que vai pagar polo que fixo.

Este segundo libro gustoume moito, igual que o primeiro. Xa que é moi entretido, tamén está cheo de misterio e tamén un pouco de intriga, porque acabas de ler un capítulo e tes moita curiosidade por ler o seguinte ata que se acaba o libro. Ademais ten un vocabulario moi sinxelo. 

Eu recomendaría este segundo libro de Dragal aos adolescentes que lles gusten as historias dos dragóns e a fantasía, que este vai ser o seu libro.  

Nerea González López (3º ESO)

xoves, 12 de maio de 2016

Rap das Letras Galegas: "Cando fales galego, que sexa ao pé dun rego"



Velaquí o divertido Rap das Letras Galegas, "Cando fales galego, que sexa ao pé dun rego", cantado e composto polos alumnos e alumnas do IES Fonmiñá (A Pastoriza), baixo a dirección da profesora Belén Martín Franco.

E que ben soa e que ben feitiña está a letra!

Telexornal Manuel María, elaborado no CPI dos Dices (Rois)





Excelente este informativo monográfico sobre Manuel María, o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que foi elaborado no CPI dos Dices-Rois e que visionamos nas aulas de Lingua e Literatura. Con formato de telexornal realizaron un percorrido ameno e didáctico pola biografía e pola obra de Manuel María, con entrevistas a escritores/as, profesores/as de literatura e músicos/as.

Os nosos parabéns ao profesor Luís Gómez Aldegunde e ao seu alumnado do CPI dos Dices por este traballo, que vén de recibir o premio de curtametraxes “Rosalíade Castro”, que convocou a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Balda de Libros (XLI): Todo o peso do ceo, de Xosé Manuel Martínez Oca



Este libro non me gustou moito pero tampouco está tan mal. Eu penso que debería poñerlle un final un pouco diferente.

A parte que máis me gustou foi cando empeza a saír con Amparo e bailan  xuntos. 

Foime un libro fácil de ler e que se le rápido e é entretido ata o final pero penso que está como sen acabar e precisa ser continuado falando algo máis de cando morre Manuel ou de como se sente despois de que morre ou se lle afecta algo a Sara en lugar de falar só da festa e de que o pasa ben e esquecerse así do que pasou  sen volver falar nada máis de temas que empezara antes como o problema co alcalde ou falar do que fora de Visitación, que ao morrerlle o seu mozo non se sabe nada do que pensa diso nin se o soubo que fora de Manuel. 

Cambiaría o final xa que penso que non debería morrer Manuel ou polo menos debería falar algo máis de cando morre xa que dunha vez que morre cambia de tema e non volve falar máis del. 

Fernando José Couselo Noya (3º ESO)