Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 23 de febreiro de 2024

“Quíxente tanto, meniña”, na voz de Carla Caramés Rivas

 

Carla Caramés Rivas (3º ESO) achéganos a gravación de “Quíxente tanto, meniña”, de Cantares Gallegos, na súa propia voz. CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia 

[Quíxente tanto, meniña...]

«Quíxente tanto, meniña,

tívenche tan grande amor,

que para min eras lúa,

branca aurora e craro sol;


augua limpa en fresca fonte,

rosa do xardín de Dios,

alentiño do meu peito,

vida do meu corazón».


Así che falín un día

camiñiño de San Lois,

todo oprimido de angustia,

todo ardente de pasión,


mentras que ti me escoitabas

depinicando unha frol,

porque eu non vise os teus ollos

que refrexaban traiciós.


Dempois que si me dixeches,

en proba de teu amor

décheme un caraveliño

que gardín no corazón.


¡Negro caravel maldito,

que me fireu de dolor!

Mais a pasar polo río,

¡o caravel afondou!...


Tan bo camiño ti leves

como o caravel levou.

 

“Cando penso que te fuches”, na voz de Mateo Pérez Vázquez

 

Mateo Pérez Vázquez (3º ESO) achéganos a gravación de “Cando penso que te fuches”, de Follas Novas, na súa propia voz. CPI Viaño Pequeno. 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega @aelg @CasadeRosalia 

Cando penso que te fuches,
negra sombra que m’ asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino qu’ es ida,
no mesmo sol te m’ amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin m’ abandonarás nunca,
sombra que sempre m’ asombras.