Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 18 de decembro de 2014

Dicionario da chuvia en Trazo

Boa parte do alumnado de 3º da ESO elaborou fichas con léxico e definicións recollidas en diferentes parroquias do Concello de Trazo. A posta en común deunos este resultado.

AUTORES:Sergio Arias García, Xosé Barreiro Hernández, Adrián Gonzalez Lage, Adrián Landeira Pose, Jose Luis Miras Otero e Irea Ríos Casas.

INFORMANTES:
José Antonio García, 71 anos (Leobalde)
Mª del Pilar Capelán  Mosquera, 57 anos, (Feáns)
Victoriano González González, 88 anos, e Juan Carlos González Domínguez, 42 anos (Ponte, Chaián)
Francisco Pose, 74 anos, (Benza)
Francisco Otero Fernández, 82 anos; Luis Mirás Álvarez, 53 anos;
Mercedes Otero Domínguez, 50 anos (Berreo)
Manuela Sánchez Noya, 75 anos (Xavestre, Agro do Mestre)

DICIONARIO DA CHUVIA EN TRAZO

A
Amizar: É cando para de chover.
Arroiada: Choiva moi intensa.
Arroiada: Moita choiva e moi forte.
Arroiar: Cando chove moito.
Auganeve: Auga moi fría.
Auganeve: Cando a auga moi fría.

B
Babuña: Pouca choiva.
Babuxada: Auga moi finiña, dura moi pouquiño tempo.
Ballón: Choiva forte, que dura pouco.
Ballón: Chuvia intensa de gotas grandes.
Basto: Que chove moita cantidade de chuvia xunta.
Bátega: Choiva forte, que dura pouco.
Brea: É cando fai moito vento e chove ao mesmo tempo.
Brétema: É a néboa (*niebla) que hai polas mañás cedo.
Brétema: Cando hai néboa (*niebla).
Brétema: Vapor de auga espeso.

C

Cairo: Chaparrón moi forte.
Cairo: Choiva que dura moi pouco.
Cifra: Choiva ou neve, acompañada de vento.
Curiscada: Chuvia miúda e que pasa rápido, e vén con aire.

CH
Chaparrada: Choiva que dura moi pouco.
Choiva: Precipitacións en forma de auga.
Chover a chuzos/ ou a caldeiros: Cando chove moi intensamente, pode ser moito ou pouco tempo.
Chover como a mexadiña dun rato: Cando chove moi pouquiño e o canal da auga bota como unha mexadiña dun rato.
Chuvasco: Choiva con moito aire.
Chuvasco: Chuvia que cae de repente forte.
Chuvieira: É unha chuvia moi forte e abundante.
Chuviñada : Choiva de pouca duración e que cae moi lentamente.
Chuviscada: Gotas pequenas de auga.
Chuvisca: Choiva miúda e pouco intensa
Chuviscar: Cando chove fino.
Chuvisco: É cando chove miudiño e fai vento.
Chuvizna: Cando chove pouco.

D
Diluvio: Choiva abundante e forte.

E
Escampar: Cando deixa de chover.
Ervallo: Cando cae auga que nin chove nin deixa de chover pero molla.

F
Folerpa: Cando neva pero non calla.
Folerpada: Cando cae auga en forma de neve pero pouca cousa, que non calla.

G
Granizada*: Cando cae a auga en forma de xeo.

I
Invernada: Que chove durante moito tempo e cando auga cae fai como globos na terra.

N
Nebra: É a néboa (niebla*) que che interrumpe a visibilidade.
Nevarada: Cando neva, e queda a neve callada.

O
Orballada: Choiva miúda e de pouca duración.
Orballiscada: Orballada moi fina.
Orballo: É cando chove miudiño e cae a auga pero case non molla nada.
Orballo: Cando chove pouco pero molla moito e sen parar.
Orballo: Chuvia fina e delgada
Orballo: Pouquiña choiva.

P
Parruma: É a neve pouco densa.
Pedrazo: Cando graniza* pero as pedras de xeo son moi grandes.
Pedrazo: Sarabia forte con pedriñas de xeo.
Pingar: Cando caen gotas grandes.
Poallo: Choiva miúda e pouco intensa.

S
Saraiba: Cando a auga cae en forma sólida en forma de pedra.
Saraiba: Granizo*.
Saraiba: Granizo*, caen grans conxelados do ceo.

T
Tifón : Temporal con moita choiva e vento.
Torba: Choiva mesturada con granizo.
Torbón: Dise cando chove forte e para de chover un intre e volve chover.
Treboada: Tormenta.
Treboada: Tromba de auga forte.
Treboada: Choiva intensa, que dura pouco tamén.
Treboada: Que chove moito durante 20 minutos
Trebón: Chuvia forte de longa duración.

X
Xistra: Neve con vento frío.

Z
Zarzallo: Chuvia fina.

"Todo é posible". Un relato de Carlos Dafonte Rodríguez


Ao profesorado encántanos a creatividade e a orixinalidade do noso alumnado, así que publicamos aquí o relato "Todo é posible", de Carlos Dafonte Rodríguez (1º ESO), co que participou nun certame literario, aínda que non foi premiado entre as numerosas creacións presentadas de toda Galicia.

O noso premio é compartir convosco ese relato que ten un final moi tremendista. Velaí vai.

TODO É POSIBLE 

Un día nunha vila chamada Resmón naceu un neno moreno de pelo loiro e ollos azuis. O neno chamábase Román.
Román ó cumprir os 8 anos, aínda moi pequeno, xa tiña decidido que quería ser de maior. Seus pais pensaban que estaba tolo pero o neno non se botaba para atrás.
Ó comezar o curso o neno estaba moi decidido para aprobar todo e cumprir o seu soño.
O segundo mes de escola o neno tiña sobresalientes en todas as materias e a súa familia estaba moi contenta co seu traballo. O neno seguiu sacando 10, 10 e mais 10 ata acabar o curso.
Ó acabar o curso o rapaz pediulles a seus pais deixar os estudos e e cumprir o seu soño. Os pais non moi convencidos dixéronlle que si e o rapaz o día seguinte fixo as maletas e marchou para Trazo, vivir con súa tía María.
Alí xa instalado empezou a dar voltas pola casa e encontrou un cuarto cunha mesa e uns andeis. Á hora de comer preguntoulle a súa tía de que era esa habitación e ela díxolle que era de cando seu pai era pequeno, que tamén lle gustaba facer cousas como a el. O neno pediulle se se podía instalar e súa tía deixoulle estar. Aí fixo todo o que el quería, diseccionaba animais, facía experimentos…
Cando a súa tía morreu el tiña 20 anos e herdou todas as riquezas. Cos cartos que lle deixou comprou cousas novas para o laboratorio de alto nivel e fixo uns estudos nos que ó final tamén sacou sobresalientes en todo.
O mozo con 23 anos e moitos cartos quixo encontrar a cura contra o cáncer e construíu un laboratorio de 100 km cadrados para o que contratou 100 traballadores. El tiña unha sala á parte na que ía cumprir o seu soño: crear vida. Nel traballaba día e noite, ata que un día se lle ocorreu unha cousa para acabar antes.
1º) Xuntar dous bloques de cemento.
2º) Ós lados dos bloques cubrindo toda a mesa poñer bolsas cheas de auga.
3º) Colocar o morto encima da mesa. E por último poñerlle electricidade.
O día seguinte puxo en práctica o experimento científico.
Estaba moi emocionado polo experimento, pero algo fallou e esbourou todo e morreron todos.
Desde iso Román saíu da tumba e foi dar a Castelo, onde nunha pedra fixo a súa cama, unha cunca e un ouriñal.
Os de Castelo botárono de alí porque daba moi mala impresión e foi dar a Trasmonte, ao outro lado do río Lengüelle, onde lle fixeron unha capela na súa honra e desde esa data alí celébrase o San Román.

Carlos Dafonte Rodríguez (1º ESO)

Andel de Libros (XVI): Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste


Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste. Galaxia


A min este libro gustoume bastante xa que ten moita variedade de historias e temas como: a pobreza, os pobos marxinais, ciencia ficción e ata historias que suceden na vida cotiá. 

Algunhas das historias representan a realidade coma ‘O vello que quería ve-lo tren’, debido a que representa a división e as posibilidades das distintas clases sociais (pobres e ricos). 

Cada conto ten poucas páxinas polo que é mellor porque así podes ler máis variedade de historias. 

A que máis me costou comprender foi o relato ‘O neno suicida’. Resultoume difícil porque conta unha historia ficticia. Trata sobre un vello que se fai máis novo co paso do tempo, ao revés da vida real. 

O vocabulario é sinxelo porque permíteche unha lectura máis fluída. 

Recomendo este libro porque aínda que algunha historia non che guste terás máis relatos para ler.

Daniel González Iglesias (4º ESO)

A min o libro pareceume moi pequeno, xa que os relatos duraban 4 páxinas ou 5 coma moito e todos tiñan un final aberto, aínda que iso a min non me gusta nada, porque quero saber o final e non ter que inventar eu un.

Os contos que máis me gustaron foron “Sobre a morte de Bieito” e “ A história dun xoguete”, o primeiro gustoume pola historia en si, xa que era a primeira vez que lía un conto deste estilo e gustoume bastante e o outro relato pareceume moi interesante de ler.

E os relatos que menos me gustaron foron “O ganador do mundo” e “O drama do cabalo de axedrez” porque me pareceron demasiado sinxelos.

Despois  tiña un vocabulario bastante fácil de entender e os contos, en xeral, gustáronme todos porque eran de misterio e terror,que son dos meus xéneros favoritos.

Este libro recoméndollo a todos os rapaces/rapazas que lles gusten as historias de medo e misterio.

Adrián Ríos González (4º ESO)


A min este libro gustoume bastante pero algúns dos contos resultáronme moi complicados de entender porque usaban palabras que eu non coñecía como por exemplo: roseta, sen…

O conto que máis me gustou foi o de “Historia dun xoguete”, porque me parece moi interesante que un neno fixese un barco tan realista de madeira.

Tamén me gustou moito “O conto do suicida”, porque me sorprendeu moito o desenlace do relato xa que a súa vida é do revés.

O conto que menos me gustou foi o de “A Volta”, porque non me parece ben que Andrés abandonase a seus pais, xa que morreu seu pai e el non estaba.

Recoméndolle este libro aos maiores de 16 anos debido a que considero a que a linguaxe sería moi complicada para os menores de 16.

Adrián Recouso Pena (4º ESO)


Este pareceume un libro bastante entretido pero á vez un libro "reflexionativo" porque te fai pensar no pasado de Galicia e a marxinación social que lles facían aos galegos no pasado e que incluso hoxe se pode ver que pensan que somos un pobo atrasado de "paletos" que só sabemos coidar das vacas, cando iso non é certo e somo tan ou máis listos que os de Madrid ou Barcelona.

O feito de que o libro estea dividido en moitos contos é moi interesante e pareceume un dos seus principais atractivos, igual que a súa variedade de personaxes todos distintos pero todos identificables no ámbito rural e mariño de Galicia. 

Ten unha linguaxe fácil, aínda que hai algunha palabra algo rebuscada, pero compréndese perfectamente.

Recoméndolle este libro a todos os galegos sen excluír a ningún porque é un libro que fala do noso pasado e incita a mirar cara ao futuro, porque somos un pobo con ideas, cultura lingua e tradicións propias e iso debémolo valorar e explotar ao máximo.

Tomás Beiras Rivas (4º ESO)


A min este libro gustoume moito. Ao principio pensei que non me ía gustar porque os relatos eran moi pequenos e pensaba que non me ía enterar de nada. 

Unha das cousas que máis me gustou deste libro é que cada relato trataba dun tema diferente, como por exemplo a morte. E outra cousa que me gustou deste libro foi que cando estabas a ler un relato calquera do libro parecía que o que estabas a ler era un feito que ocorrera na realidade ou que estaba pasando. 

Eu neste libro faría un cambio. O cambio que faría é que cambiaría o número de relatos do libro. Eu poñería menos relatos e os relatos que tivese poñeríaos un pouco máis longos porque cando te enganchabas á narración o relato xa remataba. Ademais, ao ter moitos relatos, cando rematas de ler o libro xa no te acordas de moitos. 

A linguaxe coa que te encontras ao longo da historia é bastante fácil de entender aínda que nalgúns relatos hai alguhas palabras algo estrañas.

Marta Veiras Noya (4º ESO)

Este libro gustoume moito, xa que nunca lera un libro deste autor e pareceume moi interesante, e á parte diso tamén me gustou porque cada relato trata dun tema diferente como por exemplo: da morte, do misterio, do medo.

De todas as historias deste libro a que máis me gustou foi “Sobre da morte de Bieito” xa que me pareceu moi interesante porque o protagonista sentiu o home do cadaleito moverse, pero como tiña medo de que o chamasen tolo non lle dixo nada, pero logo tiña remordementos por non dicir nada e quixo ir mirar se estaba vivo ou de verdade estaba morto, pero ao final marchou para a casa porque tiña moito medo.

Despois nas outras historias penso que non faría ningún cambio, xa que me gustan tal e como están.

A lingua que utiliza é fácil de entender, xa que case todo o vocabulario que utiliza son como as palabras que utilizamos nós hoxe en día.    

Sonia Pumar Muíño (4º ESO)

Os contos deste libro gustáronme moito porque son moi intrigantes e teñen moito misterio, e iso gústame. Tamén me gustaron os contos porque tiñan algo de temática mariñeira como "O caso dos tres fornos" ou "Historia dun xoguete", e iso ten moito que ver con Galicia, porque Galicia é unha gran produtora de peixe.

O conto que máis me gustou foi "Sobre da morte de Bieito" porque é moi psicolóxico e xoga coa intriga que pode ter se o Bieito está vivo ou se non, e ademáis xera un pouco de medo este conto, polo enigmático que é.

Tamén me gustou "Historia dun xoguete", porque ten que ver cos barcos e xúntanse no mesmo sitio a viúva e o xoguete que fixo o seu home.

Este libro recomendaríallo a calquera persoa que lle gusten os relatos curtos e fáciles de entender, porque este libro lese moi rápido e non che quita de facer outras cousas, ademáis é un dos libros máis famosos do escritor galego Rafael Dieste.

Diego Gutiérrez Castiñeiras (4º ESO)


Os contos do libro que lin gustáronme moito sobre todo “O vello que quería ve-lo tren” porque reflicte moi ben o atraso que sofren algúns pobos que están lonxe das cidades.

Os contos son  moi curtos e a maioría deles teñen en común algún tema misterioso e tamén relatan cousas que poden pasar no noso día a día, como o conto “ Nova York é noso” que fala sobre cousas que nos poden pasar.

O vocabulario nos contos que eu lin era sinxelo, pero ás veces contiñan algunha palabra que non coñecía o seu significado pero si sabía algún sinónimo.

Eu recomendaríalle este libro ás persoas ás que lle gusten os relatos de misterio mais aló de que os contos sexan curtos ou grandes, aínda que a narración ten algunhas palabras difíciles de entender penso que calquera lector/a pode lelo sen ningún problema.

Iván Señarís Veiras  (4º ESO)

Andel de Libros (XV): Que me queres, amor?, de Manuel Rivas


Que me queres, amor? Manuel Rivas. Galaxia

Os contos do libro que lin gustáronme moito, porque reflicten moi ben algunhas cousas que pasan na vida, (por exemplo “Só por aí”).

A min gústanme estes libros que contan con varios contos, cada un deles trata dun tema difrente ao anterior, xa que podes ler un conto un día e outro outro día mentres que noutros tes que ler o libro completo.

Este autor paréceme que explica moi ben os detalles centrándose en cousas que a simple vista non son  moi relevantes pero que teñen gran importancia ao longo da historia e incluso poden chegar a ser aspectos imprescindibles na historia.

O vocabulario pareceume axeitado para o tipo de libro que era, aínda así hai algunhas palabras que tiven que buscar porque descoñecía o seu significado.

Eu recomendaríallle este libro a todas as persoas ás que lle gusten os contos que poden estar baseados en historias reais como por exemplo“Carmiña”.

Iván Señarís Veiras (4º ESO)

Os contos deste libro gustáronme moito, e ademáis resultáronme moi fáciles de ler. A historia que máis me gustou foi "A lingua das bolboretas", porque o mestre defendía os seus ideais políticos republicanos ata a súa morte. Tamén me gustou porque o rapaz e o mestre tiñan boa relación, e desas relacións nestes tempos non hai moitas. 

Outro relato que me gustou moito foi "A leiteira de Vermeer", porque o cadro desta historia ten algo de relación coa nai do protagonista.

A historia que menos me gustou foi "Que me queres, amor?", porque é moi rara e sinistra, xa que o home ten pensamentos e pode ver despois de morto, e é difícil de entender.

Este libro recomendaríallo a alguén que lle gusten as historias curtas e fáciles de ler.

O vocabulario deste libro é moi sinxelo e enténdese moi ben, xa que non había moitas palabras que non entendese o seu significado, e non é moi difícil de ler.

Diego Gutiérrez Castiñeiras (4º ESO)


O libro gustoume bastante, sobre todo cando lin o relato do Mister & Iron Maiden xa que é unha escena cotiá, cando vai gañando o teu equipo  e métenlle un gol nos últimos minutos e perden.

Outra parte que me gustou foi o momento en que Tino lle dispara ao home dicindo: “Come merda, cabrón!” xa que é moi graciosa e é a parte máis entretida do conto xa que o resto resultoume aburrido.
O conto que menos meu gustou foi “A leiteira de Veermer” xa que é algo aburrido e xa lendo o principio xa sabías máis ou menos o que ía suceder ao final, que era que se lle parecía a unha muller que el coñecía.   

Á parte do contido opino que a portada e o título non me parecen moi axeitados xa que o título Que me queres, amor? só se refire ao primeiro conto e non ao conxunto de relatos do texto.

A linguaxe pareceume fácil xa que entendía todo e ainda que houbera algunha palabra que descoñecese pois entendíase bastante ben polo contexto.


Recomendaríalle este libro a todas as persoas que lle guste ler un libro de varios relatos e que non sexa só dun único relato. Tamén llo recomendaría ás persoas que lle gusten os contos breves e que se entendan ben xa que é moi sinxelo de ler.

Álvaro Noya Rey (4º ESO)

Gustoume moito este libro, xa que nunca lera un libro que tiña varios contos que non teñen relación ningunha entre eles, e son relatos bastante breves.

De todas as historias deste libro, a que máis me gustou foi “A lingua das bolboretas” , xa que o neno comeza a escola con moito medo porque lle dixeron que alí lle pegaban aos nenos pero despois faise afacendo porque se fai moi bo amigo do seu mestre xa que teñen en común que lles gusta a natureza. Tamén me gustou  porque o neno lle ensina cousas aos seus pais esas cousas o neno apréndeas do seu profesor, pero o que menos me gusta desta historia foi o final, xa que non me esperaba que fora acabar así, porque é a parte máis triste cando os republicanos os deteñen para matalos.

Despois nos outros relatos non faría ningún cambio, penso que están moi ben así. 

E a lingua é fácil de entender,  xa que as palabras que utiliza son como as que utilizamos nós hoxe en dia.

Sonia Pumar Muíño (4º ESO) 

Pareceume un libro moi entretido. Componse de varios contos polo que é moi ameno.

Hai contos que tratan moitos temas, como o amor, a amizade, etc. Pero hai algúns que están redactados de xeito que hai que lelos varias veces porque non sabe moi ben quen é o protagonista. Por exemplo "Iron Maiden" e "Conga, conga".

As historias que máis me gustaron foron "A lingua das bolboretas", "Carmiña" e "A muller do pantalón pirata". En concreto, "A lingua das bolboretas" gustoume polo final que ten xa que non pensei que ia acabar así. "Carmiña" gústame porque ten un toque humorístico aínda que é cruel a forma en que o mata. E "A muller do pantalón pirata" gústame porque sen apenas coñecer a muller produce unha sensación de tristura.

É un libro que me gustou pola variedade de historias, de personaxes, de espazos onde transcorre a historia.

Susana Noya Redondo (4º ESO)

Andel de Libros (XIV): Galván en Saor, de Darío Xoán Cabana



Gustoume moito a historia porque mestura a realidade coa fantasía. Mestura o mundo real da vida nunha aldea de Galicia e a busca do santo Graal, que foi moi importante na corte do rei Artur na Bretaña.

A historia é moi interesante e mestura a guerra contra os cabaleiros co amor de Galván por Silvania, e os personaxes son moi pintorescos (cabaleiros, ananos, escravos…).

Dentro da fantasía atopamos a realidade de Galván que vive na pousada e ás veces colle a moto para ir visitar a Silvia, a rapaza da que se namora e viven moitas aventuras.

O que máis me gustou deste relato foi o final, porque ten pinta de ser un final de película de fantasía e de grandes cabaleiros da Idade Media que morren loitando nunha gran loita para salvar o mundo e cousas así. 

Este libro recomendaríallo a calquera persoa que lle gusten os contos de aventuras e o amor, porque nesta novela abondan.

Diego Gutiérrez Castiñeiras (4º ESO)

Andel de Libros (XIII): Males de cabeza, de Fran Alonso



A min este libro gustoume moito porque era moi entretido, o vocabulario era moi fácil de entender e está dividido en varios contos curtos.

O conto que máis me gustou foi "A carapuchiña e o pobo feroz", xa que lle dá unha volta ao que é o conto popular, e tamén me gusta porque mostra como as persoas cambian rapidamente para mal, e lle botan a culpa aos demais sen arrepentirse.

O conto que menos me gustou foi o de "Desviación de chamada", xa que me parece moi ridícula a discusión que mantiveron, que tratou sobre que idioma van ter a conversa, xa que se entendían dende un primeiro momento.

En xeral as historias eran entretidas. Outras das que me gustaron son  "Como o pato Donald" e "Os aforros da vella".

Este libro recomendaríallo a todas as persoas. Xa que á maioría das persoas lles pasou algo do que conta algunha destas historias.

Non lle faría ningún cambio xa que gustaron en xeral todos os contos.

Sandra Noya Redondo (4º ESO)

Este libro gustoume moito xa que é o primeiro libro que leo deste autor, (Fran Alonso) e tamén me pareceu moi interesante. Gustoume moito xa que en todos os contos deste libro hai algunha persoa que non está ben da cabeza, diso penso que ben o título de Males de cabeza.

O relato que máis me gustou foi “Desviación de chamada”, xa que ao principio a muller e o home non se poñían de acordo para falar o mesmo idioma, ao final acabaron poñéndose de acordo e resultou que a muller tamen sabía falar o galego, xa que a súa nai era galega.

Neste libro non faría ningún cambio xa que penso que está ben así sen necesidade deles.

A lingua é bastante fácil de entender xa que o vocabulario é coloquial

Sonia Pumar Muíño (4º ESO)

Este libro paréceme un libro moi fácil de entender e rápido de ler, xa que cada historia ten aproximadamente dúas páxinas ou máis. Aínda que ao principio non me gustaba moito porque o contido de cada historia ten una serie de contradicións e non acababas de entender a historia, pero seguino lendo e enganchoume bastante porque moitas das historias son de humor. 

Ten moita variedades de temas. Hai historias de humor, de ficción, filosofía de vida e ata a morriña que sente o protagonista de "Estou Tolo" por Galicia. A historia que me pareceu máis humorística é a historia "Desviación de chamada", porque o protagonista fai una chamada a una muller para facerlle unha entrevista pero a muller contestalle cousas sen sentido ata que chegan a cambiar o idioma no que falan. A que máis me gustou foi "Carapuchiña e o pobo feroz" porque é una historia que mestura a fantasía coa realidade. 

Recomendo este libro porque aínda que non che guste ler, coma min, engánchate e pasáseche o tempo rápido.

Daniel González Iglesias (4º ESO)

Andel de Libros (XII): Arnoia Arnoia, de X. L. Méndez Ferrín




A min o libro de Arnoia, Arnoia pareceume interesante, pero algúns capítulos foron moi difíciles de entender, como os dous últimos que tratan do final do libro, pero tamén había capítulos moi bos e fáciles de entender, como o principio do libro.                            

O momento máis interesante foi ó final aínda que era difícil de entender porque xuntaba moitas cousas. O final gustoume porque non me espera que acabara desa maneira, foi moi inesperado, porque non cría que Nmógadah ía a deixar de ser un príncipe segredo.                                                                                                                     
Recomendaríallo ler a calquera persoa que lle guste ler, pero sobre todo ás persoas que lle gusten ler libros de historias de príncipes e de aventuras.                                            

En xeral, o libro gustoume moito lelo, porque trata de aventuras e fantasía, e gústanme moito as historias dese tipo.

Manuel Vázquez Noya (3º ESO)