Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 8 de outubro de 2018

Chega Outubro

Aquí de novo un curso máis. Unha das datas que nos gusta conmemorar é o Día das bibliotecas, o vindeiro día 24 deste mes.
Como cada ano, organizaremos un concurso de relatos. Para ir abrindo boca, iremos publicando estes días algúns dos relatos que máis nos gustaron o curso pasado. A condición que esiximos no último certame era "que debía aparecer algún escritor ou escritora como personaxe importante no relato". Algúns das creacións foron realmente apaixoantes, como esta de María Gigirey, alumna de 3º de ESO, agora en 4º.


RELATO: O MISTERIO DE ROSALÍA

   Dende pequena miña avoa sempre me contaba o poema de Rosalía “Airiños, airiños aires”. Sempre recordo a miña avoa con ese poema, pero dende que o lin pola miña propia conta, vexo as cousas distintas, como con outra perspectiva. Eu son escritora ou algo así, e sempre me inspirei na gran Rosalía de Castro, e iso foi grazas a miña avoa. Pero agora cando escribo non son a mesma, son como máis ela, como máis Rosalía.

24 de Febreiro

   Hoxe púxenme a escribir, e non sei como, déuseme por probar coa poesía, dáseme bastante ben.

25 de Febreiro

   Hoxe pola noite soñei con ela, con Rosalía. Non entendía o que dicía, só que seguira, Pero seguir a que? Non ma podo quitar da cabeza, iso que me gusta, pero nunca pensara tanto nela, para mín que debo tomarme unhas vacacións e ir a calquera sitio, tiña pensado Padrón, non sei, non está moi lonxe de onde eu vivo e ademais sempre quixen ir alí.

27 de Febreiro

   Xa estou instalada nunha pequena habitación dunha casa rural de Padrón. A ver se me esquezo de todo por uns días e me relaxo, que ultimamente estou que non dou para máis.

28 de Febreiro

   Hoxe volvín a soñar con Rosalía. Esta vez volveume a falar, tampouco lle entendín moito, só que volvese a escribir e que quedara alí. Ao principio non entendía ó que se refería de quedar alí, así que se me dou por investigar sobre Padrón e a súa relación con Rosalía, e resulta que naquel bonito lugar era onde Rosalía viviu durante moito tempo e onde morreu. Non sei, pero este lugar doume intriga, vouno investigar máis a fondo.

1 de Marzo

   Esta noite non podía durmir así que lle fixen caso ó que me dixera Rosalía a noite anterior, e púxenme a escribir. Pero a escribir poesía. Sen pensalo, empecei a escribir, e cando me decatei xa o tiña rematado, foi un poema no que non pensei e me deixei levar. Cando o rematei de ler, ao final da poesía estaba firmado coa firma de Rosalía de Castro. Eu non lembrara firmar, e aínda menos coa firma dela, era moi estraño. Púxenme a buscar na internet os poemas de Rosalía, e non encontrei ningún igual co que eu escribira, ou co que supostamente escribira.

2 de Marzo
   Esta mañá fun á casa de Rosalía, para informarme un pouco máis. Despois pola tarde fun dar unha volta por Padrón, a paisaxe é preciosa, non me estraña que Rosalía se namorara deste lugar, é magnífico. Estou esperando a que chegue a noite e que volva Rosalía e me conte o que necesita de min.

3 de Marzo

   Esta noite non vía a hora na que me durmira. Daba voltas e voltas na cama e non me durmía. Empecei a ler un libro de Rosalía que me dera miña avoa, e que levo a tódolos lados, xa que me recorda a ela, anque xa o lin moitas veces encántame e non me canso de lelo.
   Ao durmir soñei con Rosalía e díxome que volvera á súa casa, que mirara con atención nas paredes do seu cuarto. O problema é que hoxe non podo ir, xa que a casa-museo de Rosalía non está aberta. Ademais, quero durmir un pouco máis, que esta noite non durmín case nada, e estou moi cansa.

4 de Marzo

   Onte non seguín escribindo, porque non me apetecía nada. Cando me deitei a durmín a sesta, volveu Rosalía e díxome que tiña que ir á súa casa hoxe e que fora axiña, e que anque non estivera aberta tiña que ir si ou si, e que na parede do cuarto había algo importante que tiña que coller e que ninguén o encontrara, xa que era un lugar moi escondido.
   Así que collín unha mochiliña e fun correndo á casa de Rosalía. Cando cheguei, estaba o xardineiro alí, pero estaba ao seu e non me viu. Non sabía por onde entrar, xa que a porta principal estaba pechada. Busquei a ver se había algunha fiestra aberta ou pola que se puidera entrar, pero nada. Déuseme por buscar a porta de servizo, e encontreina, estaba aberta xa que o xardineiro a debera de abrir. Entrei con coidado, por se había alguén máis dentro da casa. Por sorte non había ninguén dentro, así que tiña vía libre. Pero tiña que estar atenta por se o xardineiro marchaba e me fechaba dentro.
   Fun correndo á habitación de Rosalía. Fixeime nas paredes por se había algo, pero non encontrei nada raro. Así que recordei o que me dixera Rosalía a ver se ma daba algunha pista por onde buscar. Lembrei que era un lugar moi escondido. Púxenme a palpar a parede por se había algún sobresaínte, pero non encontrei nada. Déuseme por pensar a ver onde era o sitio que puidera ser máis lóxico, pero ao mesmo tempo que non fora sospeitoso. Para min que sería ao lado da caña así que mirei na parede que está a cama, e vin unha pequena rañura case detrás da cabeceira da cama, movina un pouco e intenteina abrir. E alí estaba, un diario. Collino e marchei da casa correndo.
   Cando cheguei á casa rural, fun á miña habitación e empecei a mirar que había nese diario. Había un montón de cartas; algunhas fotos dela, do seu home, e dunha persoa que non sabía quen era. Así que antes de empezar a ler o diario, mirei na internet a ver quen podía ser, pero non encontrei nada. Pero aínda así, seguín mirando o diario, a ver se dicía algo desa persoa. No diario só había os poemas que escribiu ela en sucio; os seus noivos escondidos de moza,... pero nada do home da foto.
 Xa era tarde así que fun durmir, que estaba moi cansa, o día fora moi longo.

6 de Marzo

   Onte non escribín porque estiven todo o día revisando folla por folla o diario de Rosalía. Ademais  non soñei con ela, penso que espera a que acabe de ler o seu diario. Encontrei moitas cousas íntimas que ninguén coñece de Rosalía, e obras dela que ninguén sabe que existen. E sobre o home da foto resulta que estaba buscando a seu pai, e ese era el. Ela acordábase dunha señora que a coidara de pequena, antes de vir para Padrón, e que sospeitaba de que era algo da súa familia, pero súa nai non lle quixera dicir máis. Quería encontrar a esa señora a ver se a través dela o podía encontrar ou tan sequera saber del. Súa nai só lle dixera que non o podía coñecer porque era un matrimonio prohibido. E a pobre Rosalía estivo buscando ao seu pai durante case toda súa vida, iso que fora corta. Tamén falaba dos seus fillos e de que algúns deles morreran. Do seu querido home tamén falaba de que estaba moi namorada del, e sempre a tratara ben e con respecto. O que máis me quedou coa intriga é o do pai, porque non sei se ao final o coñeceu, só sei que tiña a foto e agora téñoa eu.

7 de Marzo

   Aínda non é día, pero esta  noite non durmín nada. Rosalía faloume nos soños, e que quería saber se ese home da foto era realmente o seu pai. Nas súas pesquiñas só conseguiu esa foto. Agora quería confirmar se ese home era seu pai e que fora cura de verdade. Agora teño que seguir investigando sobre ese home, pero non sei como. Vou ir a Santiago e vou mirar nos arquivos do concello, e mirar o entorno da familia de Rosalía, a ver que encontro. Espérame un longo traballo.

Grazas Rosalía, seguirei soñando contigo.