Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 11 de decembro de 2019

Book tráiler (XXI): "O diario violeta de Carlota", de Gemma Lienas. Realizado por Sara Conde Delgado e Alicia Martínez Rodríguez



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas (col. Costa Oeste. Galaxia, 2003). Realización youtubeira: Sara Conde Delgado e Alicia Martínez Rodríguez, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Conta de Libros (XXII): Rúa Carbón, de Marilar Aleixandre



O libro gustoume bastante. Representa moi ben unha realidade que existiu ata hai pouco. Séntese todo o dano que deixa a violencia nunha comunidade, como a separación de familias, centos de mortes ou as manifestacións que tamén poden intervir na túa vida cotiá. 

Os personaxes que máis me gustaron foron Nekane, pola súa personalidade amigable e cariñosa, e Maite, que se preocupa moito pola súa filla e a súa xuventude non foi fácil. O personaxe que menos me gustou foi Manu, porque aínda que saíra do cárcere, segue pensando que a violencia é a resposta.

Unha cousa que non me gustou do libro foi o excesivo tema do amor, que se menciona practicamente en tódolos capítulos, entendo que dá que falar na historia, pero podíase falar doutros temas que a min me parecen moi importantes no libro, como a opinión a fondo de Edurne sobre a situación daquel momento ou da vida de Mateo, que non intervén moito na historia, en vez de centrarse tanto na vida amorosa de Paula que finalmente remata en nada, deixándome un pouco decepcionado. 

Como xa dixen o final é un pouco decepciónante, o novo final que eu lle daría sería que Paula non quedase calada ante os comentarios de Manu e que falase seriamente coas súas avoas, xa que non está nunha situación moi cómoda na súa vida. 

 A lingua da narración é fácil de entender.

David Rodríguez Blanco (3º ESO)

Conta de Libros (XXI): A punta de pistola, de Fran Alonso


Este libro é moi fácil de ler porque te intriga. O que máis me gustou foi o final, pasa unha serie de cousas que antes non entendías. Eu cambiaría o final porque é aberto, non sabes o que lle pasa.
O personaxe que máis me gusta é Rita (muller do Varas), ela é unha muller moi loitadora quixo rescatar os seus fillos (Pixie e Dixie). Rita e o Varas non ten diñeiro e os seus fillos están nun centro de acollida. Os pais deciden rescatalos, el colleu a súa pistola e encerrou as persoas que estaban alí. O Varas e Rita lévanos no seu coche pero non teñen onde ir por mor de que a garda vaia á súa casa. Entón deciden ir pedir lle cartos a un amigo del. Pero el non ten diñeiro, de súpeto o Varas pelexa con el.
Tamén aparece outro relato dunha camioneira, que o seu amigo é Lolo, ela sempre o vai buscar a Vigo pero ao final da narración ela vaino buscar pero trae consigo unha amiga.
Se queredes saber o final lede o relato. Espero que o leades, porque a min encantoume moito o libro. Ao principio non te enteiras de nada, porque conta como dous relatos diferentes e ao final xúntanse.
Nerea González Rey (3º ESO)

A min gustoume este libro pero ao principio pareceume complicado de entender. O que máis me gustou foi o tema do que fala este relato e gustoume moito xa que podes ver como a vida de varias persoas se pode xuntar nun instante.

A escena que máis me impactou foi cando os camións paran a o Varas e o seu propio fillo dálle un tiro na perna, xa que iso demostra o mal pai que era.

O meu personaxe preferido é a camioneira xa que demostra que pese as adversidades ela logrou ser o que quería, e demostra que independentemente do xénero que sexas podes ser o que te propoñas nesta vida.

O final gustoume pero non o entendín de todo.

Eu recoméndovos este libro xa que é sinxelo de ler, ademais faiche entender o difícil que é a vida para algún nenos e para algún adultos.

Arancha Rey Brea (3º ESO)

A punta de pistola é un libro que me gustou moito, xa que conta dúas historias paralelas e cando o les pensas que non van relacionadas ata que chega o momento no que as historias se enlazan e todo ten sentido. Tamén me gusta a intriga de saber o que vai a pasar no seguinte capítulo.

Para min, o momento máis importante do libro é cando as dúas historias se enlazan, é dicir, cando o coche choca contra o camión, xa que nese momento comeza o final do libro e todo é moi interesante.

A personaxe que me parece mellor é Camila, porque é unha persoa que reflexiona moito sobre a súa vida e comparte a súa experiencia coa xente. O personaxe que me parece o peor é O Varas, porque non quere coidar aos seus fillos e ademais créese o mellor.

O tema do libro paréceme moi interesante. O desenvolvemento do libro é axeitado, pero o final é moi inesperado e desconcertante.

A lingua é absolutamente fácil de entender.

Recomendo moito este libro porque é de lectura rápida, é moi entretido e interesante e ademais é baseado en feitos reais.

David Rodríguez Blanco (3º ESO)

O momento que me pareceu máis importante foi cando o Varas e a súa familia chocan contra o camión da camioneira que tiña aparcado cando foi recoller a Lolo e a Vanesa, porque a partir de aí é cando a camioneira decide que facer e a policía deten o Varas e a súa familia.

O personaxe que me pareceu mellor foi a camioneira porque é un personaxe que anima a moitas mulleres a ser camioneiras, a non facerlle caso ao que digan porque é un traballo no que a maioría son homes e hai moi poucas mulleres. E tamén Rica porque é quen lle di ao Varas de ir polos rapaces e é a irmá de Vanesa, a muller que está con Lolo, o amigo da camioneira que vai buscar na rotonda.

O tema pareceume interesante porque son dúas historias reais que sucederon en Galicia e coma estas hai moita mais que suceden todos os días. Non faría ningún cambio porque son dúas historias reais.

A lingua foi fácil de entender porque é coloquial.

Eu recomendo este libro porque e fácil de ler e porque son dúas historias reais que viven moitas persoas día a día e axudan a que a xente se anime a ser o que ela queira sen importar que sexan home ou muller.

Gloria Bello Fraga (3º ESO)

A min este libro gustoume moito porque contén duas historias moi interesantes, que che poden facer ver que se loitas por algo podelo conseguir.

Na miña opinión, no primeiro relato, o momento máis impactante foi cando o fillo do Varas, Pixie, ten a valentía de matar o seu pai. No segundo relato o momento máis importante pareceume que foi cando a camioneira consegue sacar o carné de conducir do camión, e convértese na primeira muller que conduce ese tipo de vehículo.

Para min o personaxe máis importante foi Pixie, porque ao paso do tempo deu arreglado todo o mal que o seu pai fixera cando aínda estaba vivo.

O libro ten un desenvolvemento moi axeitado, ten un final moi adecuado porque nel desenvólvese todo moi ben.

A lingua do libro é moi fácil de entender, xa que é moi coloquial.

Eu recomendaríalle esta novela a todas aquelas persoas ás que lle guste ler libros, pero non libros simples, libros de emoción e interese.

Adrián Gándara Reboredo (3º ESO)

O momento máis importante deste libro pareceume ao principio cando o Varas e a súa muller recuperan os seus fillos ou senón tamén me parece moi importante cando a camioneira consegue o carné de conducir. Parécenme eses dous os máis importantes porque cando a camioneira consegue o carné ninguén esperaba unha muller e cando o Varas e a súa muller recuperan os seus fillos porque os volven ver.

Os mellores personaxes para min foron Dixie e a camoneira, Dixie porque lle disparou ao seu pai na perna e a camioneira porque supera os obstáculos que lle poñen na vida.

O tema pareceume moi interesante, ao principio non, pero despois engancha.

Non lle faría ningún cambio, aínda que secadra aumentaría algo o desenlace.

A lingua é fácil de entender, por ser coloquial.

Recomendaría este libro porque a min gustoume moito e é divertido.

David Louro Rey (3º ESO)

A verdade é que A punta de pistola non me gustou moito. A historia é algo interesante, pero na miña opinión non pasan suficientes cousas interesantes para que se convirta nunha boa historia. Creo que esta narración podería dar moito de máis, pero claro, ao ser baseada en feitos reais, non se pode modificar moito a historia. 

Lese bastante rápido pero non engancha moito, xa que os personaxes pasan demasiado tempo sen facer nada e con problemas moi sinxelos. 

Foi un libro bastante fácil de ler xa que non tiña ningunha complicación na linguaxe nin en ningún outro aspecto. 

Recomendo o libro se che gustan moito as historias baseadas en feitos reais, xa que esta é unha delas e supoño que non está moi modificada da realidade. 

En conclusión, A punta de pistola non foi un dos mellores libros que lin, pero tampouco está tan mal se che gustan as historias con verosimilitude.

Laura Codesido Fernández (3º ESO)

A min este libro gustoume moito xa que é moi entretido e gustoume o que pasou nel. O malo é que ten dúas historias e ás veces confundes unha historia coa outra e non ten sentido.

O momento máis importante para min foi cando a camioneira consegue o carné xa que nos tempos que están é moi complicado que unha muller conduza un camión. Ela faino porque quería ser como a camioneira Celia Rivas, que foi a primeira muller en sacar o carné para conducir un camión en 1932.

Para min o personaxe máis importante foi Pixie, o fillo do Varas, que mata a seu pai, xa que hai que ter moito valor para facer esta loucura.

Ten un tema entretido para quen lle gusta o misterio porque quedas coa intriga de que vai pasar no seguinte capitulo de cada historia, xa que van intercaladas un capítulo de unha e outro de outra e esté ben desenvolvido.

O final foi o que máis me gustou de todos os libros que lin deste estilo.

Ten un vocabulario moi fácil, coloquial.

Eu recoméndolle este libro a todo o mundo xa que é moi entretido. 

Iván Costa Raña (3º ESO)

Este libro está moi ben. A parte que máis me gustou foi cando o fillo de O Varas e Rica lle tira un tiro na perna ao seu propio pai. Outra escena que me gustou moito foi cando a camioneira intentou matar a Vanessa, a rapaza que lle gustaba o seu exmarido.

A narración divídese como en dúas pequenas historias. Nunha que trata dunha camioneira e a súa empresa e outra dunha familia que estaban os pais nun cárcere.

Os personaxes principais son: O Varas, Rica, os seus dous fillos e a Camioneira. E o personaxe que máis me gustou foi o fillo de Rica pola súa valentía de salvar a súa nai e tirarlle o tiro a seu pai.

Gústanme moito todos os personaxes, eu penso que O Varas e Rica non teñen moitos cartos polo feito de estar no cárcere e penso que os seus fillos terán problemas de maiores por non ter unha educación adecuada.

Este libro está xenial, é moi divertido e engancha moito. Lese decontado, o seu vocabulario é fácil de entender, non ten ningunha dificultade.

Sara Pena Gutiérrez (3º ESO)

Conta de Libros (XX): Pel de lobo, de Xosé Miranda



O momento máis interesante deste libro foi cando se deron de conta de que un dos lobos era Aurora. Cando o empezas a ler xa queres saber como acaba porque é moi curioso, en verdade penso que está moi ben rescrito e compréndese moi ben.

Dos personaxes, Xosé pareceume botado para diante porque non lle tiña medo ao lobo e sempre o quixo atacar, seu pai era moi disparador porque á mínima xa tiña a escopeta na man para coser a tiros os condenados dos lobos. E Aurora falsa porque encubría que ela era o lobo xunto súa irmá.

En relatos coma este non cambiaría nada, só ler e desfrutar dunha gran narración como é Pel de lobo. O final deste relato foi bastante axeitado ademais porque o deixa como medio aberto, cando a irmá marcha para Madrid non se sabe máis dela nin da súa existencia.

Eu persoalmente recomendo moito ler esta historia porque de verdade que o desfrutaredes moito.

Daniel Martínez Calvo  (3º ESO)