Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 19 de decembro de 2017

Vacacións no Pico Sacro. Mirian Otero Sande. Conto premiado con accésit no II Certame Literario da A. C. Mestre Gacio de Lestedo


(Fotografía: Arquivo do Concello de Boqueixón)

VACACIÓNS NO PICO SACRO

-Inés esperta!! apura!- dixo Andrea
-A ver... que che pasa agora?- dille Inés, abrindo a boca insinuando ter sono .
-Marchamos!- dille Andrea
-A onde?
-Como que a onde? Marchamos a Boqueixón, facerlles á tía Carme e ao tío Xoán unha visita
-O que? Non era a semana que vén?- dille Inés
-Non! A semana seguinte voltamos. Así que apura a facer a equipaxe, marchamos ás 10:00. Non tardes e non te abrigues moito que vai calor.
-Ala, marcha- di Inés- xa me apaño eu .
-Recorda ás 10:00 na porta principal
-Que siiiii…., marcha xa!
Inés senta na cama por riba das sabas, colle as zapatillas de andar pola casa e logo de poñelas, achégase ao armario, abre as portas de madeira de pino puída con dous grandes espellos. Abríndoas de par en par escolle entre algunhas pezas de roupa. Sae da habitación coma unha bala, vai a un moble situado no corredor da planta baixa e colle a maleta co seu nome en letras negras, con coidado de non tirar as fotos familiares de arriba do moble. Colle pezas de roupa de andar a cada día e algunha das festas. Finalmente colleu o pixama e roupa de andar á carón e zzaass…. Pechou a maleta coma un raio. Mirou cara ao reloxo da parede en forma de gato, viu que eran as 10:00, e lanzouse coa maleta pola varanda de madeira das escaleiras coma quen baixa por un tobogán. No medio do corredor do baixo estaba o seu gato siamés deitado panzola para arriba na alfombra de rombos verdes e vermellos. Con cautela deixou a maleta e colleu ao gato no colo, este miañou e lambeulle o nariz, a lingua era peluda e áspera pero sentiu igual o afecto que o gato mostraba cara a ela. Nese momento sentiu un bucinazo, eran seus pais que xa estaban no coche. A nena pousou o gato no chan pechou a porta da casa e dixo: Ata pronto FISTERRA!!!! e coa mesma meteuse no coche dos pais. A Inés ruxíronlle as tripas e dixo:

-Vaia, non almorcei!

Seu pai, un home alto, de pelo negro, ollos azuis e sombra de barba dixo:

-Eu xa pensei niso!

Tendeulle a nena unha bolsa marrón de papel que contiña dentro o almorzo: zume de laranxa en botella e unhas torradas con manteiga e xamón.

-Gracias papá! -exclamou a nena- Sempre pensas en todo.
Inés coa barriga farta quedouse durmida e despois dun bo anaco, esperta co ruído.
-Chegamos, chegamos,!! -di a súa irmá Andrea.

Acababan de chegar á casa dos tíos ao carón do Pico Sacro, a casa deles é a máis próxima ao monte,
-Iso de estar en natureza sempre mola e máis acostumada a vivir libremente en Fisterra.

Despois de estar un pouco cos tíos as dúas irmás saíron a explorar e coñecer aquilo un pouco, colleron o sendeiriño do río onde se atoparon cun neno que estaba intentando pescar cun garabullo e un sedal, como se aquilo fose o mellor aparello de pesca fluvial, elas entre risas saúdan e empezan a conversar:

-Ola, que estás a facer?
-Podémosche axudar?
-Eu chámome Mateíño e vós?
-Somos Andrea e Inés e non coñecemos nada disto pero parece moi fermoso.
-Pois eu podo ser o voso guía, total pescar non pesco nada..!
-Xenial!
-Imos cara ao cumio do monte e dende alí poderemos ver case toda Galicia, seguro que vos gusta!

Cando ían subindo toparon cunha cova e elas preguntaron que tipo de rochas había alí, xa que Inés acordábase das clases de 1º da ESO con D. Pablo, das rochas e dos minerais, do cuarzo, da cuarcita, da pirita e non sei que montón máis, que espertara nela un gran interese e mesmamente nos recreos xogaba cos seus amigos a facer escavacións na parte traseira do instituto.

Os tres puxéronse a facer iso precisamente cavar e rebuscar, cada anaquiño de rocha que collían era máis sorprendente, unhas brancas, outras grises, outras con píntegas, unhas brandas, outras durechas, unhas máis brillantes outras menos, pero de súpeto apareceu unha de cor azul, outra coma dourada, así seguiron vendo rochiñas interesantes ata que sen contalo apareceu o que semellaba ser unha xoia medio gastada, como 3 pedriñas superpostas, como se fosen parte dun colgante ou dun colar. Inés que como xa sabedes era a máis especialista no tema das rochas, encargouse de gardalas na súa mochiliña e correron cara á casa de Mateíño. Dende o correo electrónico contactaron co profesor D. Pablo que lles dixo que aquilo podería ser un achado importante incluso da etapa medieval, e isto a Inés soáballe porque acababa de estudala en Historia de 2º da ESO.

-Non deixo de abraiarme con cada cousa que aprendo, como me acordo das miñas clases de Historia do ano pasado, cada vez vexo que son máis interesantes, aínda ía ter razón D. Anselmo, por certo que será del?,
-Agora xa non está no colexio, xubilouse- dixo Inés.

Inés a primeira noite non puido durmir pensando se sería unha xoia da Raíña Lupa, da que falara o mestre de Lingua.

Os tres rapaces acordaron enviar unha carta e unha foto ao Museo Arqueolóxico e Medieval coa que se armou unha boa, saíu a noticia nos xornais, na TVG e entrevistáronos na radio Obradoiro.

Foron días inesquecibles nas vacacións do Pico Sacro.


MIRIAN OTERO SANDE (2º ESO)

Parabéns a Mirian Otero Sande (2º ESO), accésit no II Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

(Os premiados posan con membros de xunta directiva, do xurado do certame e autoridades presentes)

Mirian Otero Sande, alumna de 2º da ESO no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser premiada cun accésit no II Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. Mirian presentou o relato “Vacacións no Pico Sacro” e recolleu o seu premio a tarde do pasado sábado 16 no Centro de Interpretación do Pico Sacro.

Os nosos parabéns a Miriam!

Velaquí a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio):

RESOLUCIÓN E ENTREGA DE PREMIOS DO II CERTAME LITERARIO CONVOCADO POLA AC “MESTRE MANUEL GACIO”
Máis de medio centenar de traballos presentáronse ao Concurso literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio..
Dúas eran as categorías nas que podían participar.
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
e dous eran os premios que se establecían por categoría, aínda que ou xurado podía declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos presentados.
Foi todo o contrario, o xurado estimou a calidade dos traballos presentados dun nivel máis que notable, polo que decidiu conceder dous accésits máis en ambas as categorías
Os premiados recibiron o seu galardón o día 16 de decembro  no Centro de Interpretación Pico Sacro de Lestedo.
Categoría A: Un fin de semana nun balneario de Galicia para o autor e dous familiares, para o primeiro premio.
O segundo premio un cheque por valor de 75 euros para libraría Lino de Lestedo
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
Os accésits serán premiados con libros adaptados ás súas idades para que sigan lendo, que é a mellor maneira de escribir con calidade.
Tras as deliberacións pertinentes o xurado por unanimidade decidiu outorgar os premios os seguintes traballos :
Na categoría A 
1 premio para A Fada do Pico Sacro
2 premio para O Pico Sacro, un lugar encantado
accésits a::
– Os Trasnos do Pico Sacro
– A aldea do Pico Sacro
Na categoría B
1º premio para Amencer da Raíña... por recrear de forma actual a lenda do pico Sacro e a utilización dun vocabulario rico e variado.
2º premio para Loba.…salientar que o relato ten unha estrutura vangardista e unha utilización de frases curtas que contribúen a darlle ritmo ao relato.
accésits
– Unha Antiga Historia
-Vacacións no Pico Sacro
Abertas as plicas resultaron gañadores :
Na categoría A
1º premio para María Pichel
2º premio para Sabela Ferradás
accésits para
Alvaro Gómez
Michelle Mato
Na categoría B
1º premio para María Crespo
2º premio para Iago Barriuso
accésits para
Alba Pérez
Mirian Otero
En hora boa a todos os participantes e de modo especial os premiados.


Conta de Libros (XVI): Rapazas, de Agustín Fernández Paz


Gustoume moito este libro. Paréceme moi interesante e hai moita variedade de historias. Aínda que, faría algún que outro cambio. Un que cambiaría todo, sería que fose só unha historia. 
De todo o libro a min a que máis me gusta é a última. O do rapaz que morreu, e a nena que lle pasa todo iso... Que se as mesmas flores na súa cama que as que lle levara ao rapaz ao cemiterio, que se ela sentía cousas raras no seu corpo, como se a posuíra o espírito do neno... Pareceume moi interesante. Ademais, non é un libro que digas, que é irrealista é porque estas historias pódenlle pasar a calquera. Que se o capítulo no que había bullyng contra os dous nenos, que se a historia dunha carreira, como a morte dun amigo, que se a avoa dunha nena era racista... Hai anacos do libro que dan moita pena. 
A lingua, para min polo menos, pareceume moi fácil de entender. Ademais o libro lese moi rápido. É moi entretido. Está todo moi ben explicado.
Tania Villasenín Bello (3º ESO)

Conta de Libros (XV): As mans do medo, de Xosé Miranda


O libro non estivo nada mal, pensei que ía ser peor porque ao primeiro non me tiña moi boa pinta, xa que empezaba cunha historia e acababa con outra, e pensei que non o ía entender. 
Ás veces deixábate con algo de intriga, polas cousas que pasaban.
O momento que máis me gustou foi cando era a noite de reis e o Susinho lle petou na ventá para que saíra e el díxolle que non, porque se os reis os vían non lle ían deixar nada, ben si, carbón. Ao final o Susinho convenceuno, foron para fóra e miraron para aló ao lonxe e xa viron aos reis e marcharon correndo para que non os pillaran, e agocháronse detrás dunha silveira. 
A lingua non foi difícil de ler, había algunha palabra que non entendía pero a maioría xa as sacaba polo contexto. 
O único cambio que lle faría é que en vez de ser varias historias diferentes que foran algunhas menos e que a terceira historia non fose tan longa.
Lydia Rey Varela (3º ESO)

Conta de Libros (XIV): A sombra descalza, de An Alfaya


A sombra descalza. An Alfaya. Xerais.

O momento máis importante paréceme a parte final porque se descobre o romance de Xuliano e Sagrario co consentimento da avoa de Elsa que desvela todo o romance no intre da morte de Xuliano sobre a súa cama.

Resulta emocionante, polo drama familiar e pola tensión da guerra na casa dos avós de Elsa.

O único que cambiaría do libro é que non cambie a historia de capítulo en capitulo porque dificulta a lectura e faiche perder interese na verdadeira historia polo que non é bo.

O final é un pouco estraño pero concorda a perfección co resto da historia aínda que cando leo o desenlace quedáseme corto e sinto como se aínda quedara máis historia por diante, aínda así penso que é un final axeitado

Sobre a lingua, non está mal, como todo é mellorable pero non é difícil de entender.

Recomendo este libro para ler para pasar o tempo de lecer, debido a que o libro proporciona a intriga capaz de matar os teus tempos libres.

Daniel Balsa Balsa (3º ESO)
O libro gustoume moito, é o primeiro libro que leo desta autora (An Alfaya) e está nunha colección de xénero literario infantil e xuvenil. 
O que máis me gustou deste libro foi cando a rapaza da casa, que se chamaba Elsa, empezou a descubrir segredos que ninguén sabía, só algún familiar da casa. Eran uns segredos ocultos na familia. Como por exemplo o segredo de Florinda das cartas, que estaban agochadas nas solas dos zapatos de Sagrario que gardaba ela no seu cuarto. 
Cando morreu Sagrario non querían calzala estando defunta. E cando Elsa cumpriu 16 anos decidiu preguntar e preguntar e saber a verdade, cousas que pasaban e pasaron na casa.
Se tivera que facer un cambio sería que non morrera Rafael Xunqueira, e que Florinda fora a vivir con el.
A lingua non me foi difícil, pareceume bastante fácil, aínda que á hora de ler había algunha palabra que non entendía.
Lydia Rey Varela (3º ESO)

Conta de Libros (XIII): O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas



O libro pareceume persoalmente moi interesante porque conta cunha historia moi realista.

Tamén xoga moito co sentido figurado cando Herbal fala co pintor ou fala coa súa namorada.              

A miña parte favorita foi cando o doutor e Marisa se abrazan cando este sae do tren porque é no momento no cal Herbal expresa directamente os seus sentimentos por ela e cando se decata de realmente están  namorados.

Non me gustou moito que a momentos importantes se lles dera pouca importancia e que non os volveran a repetir, isto fai que te perdas moitas veces e non saibas  moi ben que ocorreu.

Ten un desenvolvemento para o meu punto de vista rápido pois conta unha historia de máis dun ano en poucas páxinas .A linguaxe e apropiada e doada de entender.

O meu personaxe preferido e Herbal porque é un personaxe que evoluciona moito na novela.

Ten un final moi bonito e orixinal, o que dunha maneira moi discreta conta moito, tan só cunha frase sabemos que o doutor ten conciencia de que Herbal está namorado da mesma muller ca el.

Alba López González (4º ESO)

A historia gustoume moito, pero a maneira na que o libro está escrito non, pois cando falan os personaxes non está marcado por guións o que dificulta a lectura xa que en ocasións non sabes quen está falando. 

As primeiras páxinas parecéronme bastante monótonas e ata a metade do libro, máis ou menos, a historia non te comeza a enganchar. 

O personaxe que máis me chamou a atención, foi un dos protagonistas, Daniel da Barca, pois pareceume un home moi real, que non cambia a súa forma de ser durante toda a historia pese ao que lle está pasando. En canto ao meu momento favorito do libro, foi cando Herbal e o comisario lle conseguiron unha noite de matrimonio para os dous namorados: Da Barca e Marisa Mallo. 

Recoméndolle este libro ás persoas que lle gusten as historias de amor e ambientadas en sucesos reais. Non o recomendo para facer un control de lectura pois é bastante difícil de resumir pois acontecen moitas cousas.

Iván Rivas Suárez (4ª ESO)