Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 28 de marzo de 2019

‘Xornalismo na Escola’, con David Fontán Bestilleiro


Onte, mércores 27 de marzo de 2019, o alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Viaño Pequeno xuntouse de 16:00 h. a 17:40 h. na sala de Audiovisuais para participar na cuarta edición dos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola La Caixa’, organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa', nos que profesionais da información imparten xornadas didácticas sobre comunicación e xornalismo a alumnado de Institutos de Ensino Secundario de toda a xeografía galega.

No noso centro recibimos a visita do comunicador David Fontán Bestilleiro, a quen coñeciamos por facer aquí as prácticas do Máster de Profesorado en Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, que realizou unha breve introdución teórica e moitas actividades prácticas en pequenos grupos para reflexionar sobre diversas problemáticas dos medios de comunicación na actualidade, mesmo a perspectiva mundial.

luns, 25 de marzo de 2019

Andel de Libros (XXVII): Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste




Este libro ten 22 historias, as cales non teñen nada que ver entre elas, cousa que a min personalmente non me gusta, porque cando lle pilas o fio, xa cambia a historia.

A min o conto que máis me gustou foi "O caso dos tres fornos", porque ten unha moralexa oculta moi boa, xa que o limpador dos fornos limpou os tres para darlle nos dentes ao xefe.

O que máis pena me deu foi o de Estreliña xa que os seus pais tiñanlle moito aprezo a esa rapaza ao ser tan guieira e cando morreu debéronse sentir moi mal.

A miña personaxe favorita é o vagabundo porque librouse de pagar unha consumición contando unha historia, algo que resulta estraño porque normalmete só corres cando o camareiro se despista.

O vocabulario é fácil, non ten case palabras difíciles e lese moi rápido, pero para un traballo de aula é moi dificil ao ter tantas historias.

Recomendado cen por cen para unha lectura optativa.

Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)

Máis relatos, bos relatos, do alumnado

O relato de Leticia de 3º de ESO, dos que máis nos gustou no certame de relatos convocado polo Día das bibliotecas, quedábasenos na nosa "base de datos" sen telo compartido aquí. Non pode ser !!!

 Os cen libros


-O 15 de novembro hai control de lectura, as persoas que non collestes aínda o libro recoméndovos que o collades se non queredes suspender lingua- dixo Anselmo o meu profesor de galego.

-Ariadna –chamoume a miña amiga Camila- ti aínda non colliches libro verdade?
-Non -dixen eu poñendo os ollos en branco.

-Recoméndoche que leas Aire negro, está ben é e curto- dixo.

-Xa verei, pero grazas

Cheguei á casa e púxenme  a ver Teen Wolf, en Netflix. Despois de acabar un capítulo deste recordei que tiña que escoller un libro.

Fun polo meu arquivador e busquei no apartado que poñía lingua, había un montón de libros onde escoller. Collín a listaxe e marchei rumbo á biblioteca, quedábame cerca da casa, podía ir andando. A dicir a verdade esa foi a primeira vez que entrara na biblioteca, xa que como non me gusta ler. Normalmente sempre lle pido un resumo a un compañeiro ou ao meu queridísimo amigo “El rincón del vago”, pero esta vez decidín ler eu mesma o libro xa que non podía seguir así.

Cando xa estaba dentro da biblioteca quedei coa boca aberta, os meus ollos percorrían toda a biblioteca observando o “mogollón” de libros que alí había. Estaba todo moi ben organizado polo apelido do autor, por linguas e por categorías. A  min gústame o misterio e a fantasía sobre todo nas películas. Mirei a listaxe e debía de haber polo menos uns 100 libros apuntados nela, e menos mal que ao lado de cada título aparecían as categorías. En total había 23 de fantasía e 36 de misterio, o resto eran de romance, aventura, suspense...

Pasadas un par de horas xa só me quedaban 3 libros para escoller. Funme sentar a unha  mesa, e comecei a ler os libros así por enriba, cando oio que alguén está a falar comigo. Levantei a cabeza e encontreime cuns ollos color café que me estaban a mirar, era un rapaz mais ou menos da miña idade con lentes e co pelo negro, delgado, bastante guapo, para que negalo.

Apartou a mirada e agora estaba a mirar os libros sinalando un que poñía O gardián invisible de Dolores Redondo.

-Este está moi ben, é un dos meus libros preferidos- dixo o rapaz.

-E que non sei cal é o mellor, cal me recomendas?- preguntei.

-Sen dúbida este –dixo sinalando o mesmo libro de antes.

-Grazas eh...

-Marco –dixo- chámome Marco.

-Grazas Marco.

-Ben ,teño que marchar que se me fai tarde, e grazas –dixen collendo o libro que me recomendara Marco e dirixíndome a onda a bibliotecaria.

-Espera -dixo Marco- que che parece se te apuntas ao club.

-Que club?

-O de lectura.

-Non sei...non me gustan moito os libros -por non dicir nada pensei.

-Veña, porque non probas e se non che gusta desapúntaste.

-Está ben, pensareino -dixen e marchei despois de rexistrar o libro.

Ao chegar a casa subín as escaleiras e tombeime na cama e comecei a ler o libro.

Aquela fora a primeira vez que entrara  na biblioteca pero podería non ser a última.





xoves, 21 de marzo de 2019

luns, 18 de marzo de 2019

Repasando clasificación de la oración simple por su estructura

Pincha en los enlaces

http://www.xtec.cat/~jgenover/predic1.htm

http://www.xtec.cat/~jgenover/predic2.htm

Andel de Libros (XXVI): Made in Galiza, de Séchu Sende



Este libro gustoume moito e foi moi entretido. Pareceume moi divertido por estar feito por moitos contos máis pequenos. É dicir, aínda que teña sempre algo en común (a defensa da lingua galega), as historias son totalmente diferentes. Os capítulos son moi pequenos e lense moi rápido. 

Houbo unha historia que me gustou moito a pesar de ser moi breve, ía sobre namorarse, e como o fixeran dúas persoas. Faría de cambios que, xa que se está a defender o galego, poñer menos contos noutros idiomas, por exemplo o castelán, xa que hai varios que falan en castelán. Aínda así, gustoume moito. 

Séchu sabe moi ben como poñerse na pel dos protagonistas (porque en cada historia hai uns diferentes), e faicho pasar moi ben mediante a lectura. 

O libro é moi emocionante, e ás veces tamén contraditorio, por exemplo, nun capítulo defende moito a lingua galega, e noutro, pola contra, fala todo o tempo en castelán, supoño que isto estará feito adrede para que nos decatemos. 

É un libro que lle recomendo a calquera persoa de calquera idade e ten unha lingua moi fácil de entender.

Tania Villasenín Bello (4º ESO)


A min o libro Made in Galiza pareceume xenial e foi un dos libros que máis me gustou ata agora xa que toca un tema moi vixente no galego e faiche reflexionar bastante. 

Non se trata dun libro ao que estemos acostumados porque non consta dun principio, nó e desenlace, senón que é un conxunto de relatos. Relatos moi pequenos e cunha lingua moi sinxela polo que son moi fáciles de ler, cada un cuns personaxes diferentes: uns vellos, outros novos, uns reais, outros imaxinarios... pero todos teñen un tema común que é a lingua. 

Penso que o que pretendeu Séchu Sende ao escribir esta obra era facer chegar aos seus lectores o que lle está acontecendo ao galego xa que é unha lingua minoritaria e estase vendo invadida polo castelán, e facernos reflexionar sobre iso para que tentemos difundila e coidala ó máximo posible para que non desapareza.

Paula Lema Domínguez (4º ESO)

Este libro gustoume moito, é moi interesante e entretido. Son un conxunto de relatos de diferente temática. Ten unha linguaxe moi doada de entender polo que se le moi rápido e sen problema.

Neste libro non hai relación entre portada e contido, na portada aparecen unhas bombonas cunhas caras pintadas e no libro non aparece isto.

Este obra recibiu un premio, o chamado premio Anxel Casal. Xusto llo deron no ano en que se publicou, en 2007. Foi o mellor libro do ano.

O relato que máis me gustou de este libro foi “A agulla de marear “ porque me pareceu moi divertido.

En canto aos personaxes, un dos que máis me gustou é o rapaz de "A agulla de marear", porque foi o relato que máis me gustou. Outro personaxe que tamén me gustou moito foi Luis de "Fixen unha ouiha co espirito de Castelao", porque foi moi gracioso que acabara falando o galego.

Recomendo este libro sen dúbida ningunha porque seguro que lle vai encantar a todo aquel que o lea.

Damián Regueiro Liste (4º ESO)

Andel de Libros (XXV): Miss Ourense, de Bieito Iglesias




Este libro foi moi interesante porque cada historia enganchábate moito mais debido aos casos ían sucedendo. 

Para min o momento máis importante desta historia foi cando o protagonista resolveu os 3 problemas.

A min o personaxe que mais me gustou foi o detective xa que resolvía os problemas moi facilmente e sen ningún problema. Os outros personaxes que mais me gustaron foron Claudina e mais o seu home xa que lle axudaron moito ao detective a resolver un dos crimes e en concreto non teño ningún personaxe que non me gustara. 

Sobre o seu desenvolvemento non cambiaría nada porque para min persoalmente penso que este libro está ben escrito. E sobre o final poñeríalle a cada historia unha distinta. 

Con respecto á lingua para min non foi moi difícil de entender xa que penso que ten unha vocabulario bastante xeral. 

Eu recomendaríallo a persoas que lles gusten os temas sobre os crimes.

Alejandro Vásquez Fernández (4º ESO)

A min o momento máis importante do libro pareceume a escena no que entra a rapaza e está o detective dentro falando coa muller de Aquilino sobre o seu asasinato e se había algunha persoa que lle tivese tirria, entón entrou a rapaza cunha roupa demasiado inadecuada para o momento no que mataron a o seu pai. Este momento paréceme o mais importante porque é o que mais me gustou xa que a rapaza é moi "pasota", así coma nós.

Polo demais, parécenme unhas historias moi interesantes e gustáronme moito, só que custa moito comprender o que está a contar en cada momento xa que a lingua é moi complicada, cambiaría a linguaxe do conto porque era moi custoso seguir a trama.  

O final pareceume axeitado xa que conseguiron resolver os asasinatos dos asasinados.

Eu este libro só o recomendo para persoas maiores de 19 anos xa que na miña opinión é moi doado de entender para elas, pois como xa dixen a lingua era demasiado complicada para as a nosas idades. 


Alicia González Lage (4º ESO)

venres, 15 de marzo de 2019

Book tráiler (XXXII): "Corredora" de María Reimóndez. Por Laura Codesido Fernández



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Laura Codesido Fernández, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



xoves, 14 de marzo de 2019

Book tráiler (XXXI): “A canción de Sálvora", de Antón Riveiro Coello. Realizado por Nerea González Rey




Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A canción de Sálvora, de Antón Riveiro Coello (A Nosa Terra, 2002). Realización youtubeira: Nerea González Rey, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Andel de Libros (XXIV): A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz



Este libro gustoume moito, grazas aos seus personaxes e á súa historia penetrante.

O que para min foi o momento máis importante foi ao final cando os dous personaxes principais se meten no saco de durmir e comézanse a bicar, e gustaríame saber o que sucedeu de verdade debaixo desa tenda de campaña.

O tema do libro paréceme interesante e emocionante, polo traballo dos seus pais e pola historia de amor non correspondido do protagonista xuvenil galego, e coa súa moza que era filla dun importante xurado de Barcelona e que metía na cadea á xente como o pai do protagonista.

Na miña opinión, non faría ningún cambio no desenvolvemento, paréceme perfecto e sinxelo, pero cambiaría algún capítulo pola metade suprimindo e cambiando por algunha das cartas que se redactaban.

Falando do final, eu penso que é axeitado, pero teríame gustado algo máis espontáneo e non tan acaramelado.

A lingua é facilmente entendible.

Daniel Balsa Balsa (4º ESO)

A min este libro gustoume moitísimo. Ao principio non me decataba moito do que estaba a contar, pero logo dun tempo lendo empeceime a decatar e despois empezoume a gustar e cada vez máis.  

O momento máis importante do libro, para min, foi os días nos cales levaron presa a súa nai, e nos cales unha morea de sentimentos e pensamentos roldaron pola súa cabeza. 

Os personaxes teñen un papel fundamental nesta historia, xa que os pais nos dan a ver que hai diferentes tipos de pensamentos. 

Este libro foi moi interesante, unha vez posta a ler nel, resultaba moi difícil parar de ler, dá a sensación que a intriga tira por ti para seguir lendo nesta novela. 

Eu persoalmente neste libro non faría ningún cambio, nin polo medio, nin polo final, gústame así, sen realizar ningún cambio. 

A lingua   é bastante axeitada, se cadra  hai algunha palabra  que non se entende, pero acábase deducindo polo texto que segue.

Laura Pena Gutiérrez (4º ESO)

Andel de Libros (XXIII): Pensao nao, de Anxo Angueira




A parte máis importante do libro, para  min, é a morte de Camoiras, porque me parece a parte que máis contradicións sentimentais permite ter, e iso gústame. Mentres que lía ese anaco do libro sentíame triste porque ían  matar a Camoiras, unha das miñas personaxes preferidas e ao mesmo tempo facíame gracia a afouteza e bravura de Camoiras contra os falanxistas.

Paréceme un libro interesante, pois conta con detalles e feitos históricos múltiples, emocionante e triste ao mesmo tempo.

Quitaríalle algunhas partes onde non se conta nada, é dicir, nas cales a información que dan é relativamente irrelevante, que isto tampouco é dun todo cero, xa que, todo o que conta segue un fío e está así contado e escrito por algo. Pero como ía dicindo, que lle quitaría algúns anacos porque á hora de traballar sobre o libro, como tiven que facer eu, sería máis doado.

O final paréceme axeitado, porque como dixen antes, todo segue un fío e gústame moito porque o libro acaba co título do libro, Pensa nao.

E en canto á linguaxe pareceume moi complexo e custoume entendelo todo ben, pero polo contexto, máis ou menos, podes deducir o que quere dicir.

Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)

Andel de Libros (XXII): Enderezo descoñecido, de Kressmann Taylor




Gustoume moito este libro, ademais é moi entretido. Nel, móstrase como era a vida tanto antes como mentres Hitler foi collendo o poder e como foi cambiando a sociedade e o pensamento alemán.

Chamoume moito a atención que ten moitos detalles, como por exemplo as cartas, entre elas, hai moita diferenza de datas (un mes ou nalgúns casos aínda máis). Hai algunhas fallas a nivel escrita, como por exemplo faltar letras, ademais é un libro traducido, xa que o idioma orixinal é o inglés. É un libro que reflicte moi ben toda a historia de Alemaña. 

Este libro demostroume como, aínda que ti non queiras, as cousas poden cambiar de un día para outro. Os amigos non son (neste caso) tan bos amigos como parecían, xa que de un día para outro, teñen que deixar de falar xa que un non podía facelo, e diso dependía el e a súa familia. 

Foi moi entretido, pero á vez foi un pouco duro porque non me imaxinaba que isto puidese ser así, xa que apenas tiña coñecementos sobre esta época. 

É un libro que recomendo ler a calquera. Enténdese moi fácil e ten unha lingua fácil de entender. Lese moi rápido e é moi breve, así que desta volta esa non pode ser a desculpa!

Tania Villasenín Bello (4º ESO)


Este libro recoméndollo a todas aquelas persoas ás que lles guste as novelas cun tema histórico. Esta obra fala de como dous amigos se poden pelexar por culpa dunha guerra. 

A historia está ambientada na Segunda Guerra Mundial. Conta a historia de dous amigos, un alemán e outro xudeo. Martin, o alemán, marcha coa súa familia a Alemaña, xa que estaban a vivir en California. Max, o xudeo, queda encargado da galería de arte que tiñan en común. Estes cartéanse durante un tempo, falando de como lle vai a vida a cada un, como evoluciona o mundo,... Cando estala a guerra, Martin vólvese nazi, e non pode mandarse cartas con Max. Por culpa dunha traxedia, Max víngase de Martin ata que lle provoca a morte. 

Este libro é moi sinxelo de ler, xa que conta con 60 páx. Lese moi rápido e é un libro que che fai pensar. Este relato cóntase nun formato coma se fosen cartas, as cartas que se mandan entre eles. A min gustoume moito.

María Gigirey Iglesias (4º ESO)

Este libro pareceume moi interesante e creo que é moi recomendable que a xente o lea.Trata sobre dous homes que levan a cabo un negocio xuntos. Un é xudeu e outro é alemán. E cando Xitler acadou o poder a súa relación acabou, xa que Xitler meteralle ideas na cabeza a sociedade de Alemaña que non eran normais e o amigo alemán cambiou moito debido a isto. Entón o xudeu non podía relacionarse co seu amigo de Alemaña.

A linguaxe deste libro é moi doada polo que se le sen problemas e tamén é un libro moi curto, que en media hora xa se ten lido.

En canto aos personaxes, o que máis me gustou foi o xudeu, porque non cambiu coma o outro. O alemán cambiou moitísimo e non para ben.

Eu penso que este é un libro que todos deberíamos de ler xa que te fai pensar sobre estes temas, e seguro que lle gusta a case todo o mundo que o lea.

Damián Regueiro Liste (4º ESO)

venres, 8 de marzo de 2019

Book tráiler (XXX): “Aire negro", de Agustín Fernández Paz. Por Miguel Mariño Martínez



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Aire negro, de Agustín Fernández Paz (col. Fóra de Xogo, Xerais, 2012). Realización youtubeira: Miguel Mariño Martínez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)





Book tráiler (XXIX): “Trece anos de Branca", de Agustín Fernández Paz. Por Sara González e Valeria Vásques



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz (Rodeira-Edebé, 1994). Realización youtubeira: Sara González Castro e Valeria Vásques Fernández, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



xoves, 7 de marzo de 2019

Book tráiler (XXVIII): “Trece anos de Branca", de Agustín Fernández Paz. Por Lucía González e Ana Señarís



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz (Rodeira-Edebé, 1994). Realización youtubeira: Lucía González Castro e Ana Señarís Veiras, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)