Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



sábado, 4 de marzo de 2023

Primeira e quinta parte de “¡Pra a Habana!”, de Follas Novas, nas voces de Nuria Recouso Pena e seu irmán Adrián

Primeira e quinta parte de “¡Pra a Habana!”, de Follas Novas, nas voces de Nuria Recouso Pena (3º ESO B) e seu irmán Adrián, ex-alumno. Día de Rosalía 2023 no CPI Viaño Pequeno.

#cumpriuseaxustiza #_rdc_23 @aelg @CasadeRosalia

¡Pra a Habana!

I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"


V
Éste vaise i aquél vaise,
e todos, todos se van.
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

 

Book tráiler (LXXII): Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Realizado por Ángel Castro Noya

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (col. Fóra de Xogo. Xerais, 1995, 40ª edición 2018). Realización youtubeira: Ángel Castro Noya, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LXXI): Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Realizado por Lidia González Rey

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (col. Fóra de Xogo. Xerais, 1995, 40ª edición 2018). Realización youtubeira: Lidia González Rey, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

“Xan”, de Follas Novas, nas voces de Laura Gómez García e seu pai José Luís Gómez Fernández

Sara Gómez García (3º ESO A) achéganos a gravación de “Xan”, de Follas Novas, nas voces de súa irmá Laura (10 anos) e seu pai José Luís Gómez Fernández (47 anos). CPI Viaño Pequeno.

#cumpriuseaxustiza #_rdc_23 @aelg @CasadeRosalia

Xan

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:

—Por Dios non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
—¿Pois que tes, ña mulleriña?
—¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
—Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, que antre mil,
n' hai máis que un anxo antre os demos;
n' hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

 

“A xusticia pola man”, de Follas Novas, nas voces de Sara Gómez García e de súa nai Ana María García Porta

Sara Gómez García (3º ESO A) achéganos a gravación de “A xusticia pola man”, de Follas Novas, na súa voz e na de súa nai Ana María García Porta (48 anos). CPI Viaño Pequeno.

#cumpriuseaxustiza #_rdc_23 @aelg @CasadeRosalia


A xusticia pola man


Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
 

Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
 

¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
 

Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira