Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 29 de novembro de 2017

Estamos a ver no Club de cine





Película: Hombres, mujeres y niños



Críticas moi variadas sobre a película. Nós faremos as nosas na vindeira reunión do 5 de Decembro, martes, no tempo de lecer de despois de comer, de 15 a 15.30 horas, xunto con alumnado de 3º e 4º de ESO.

venres, 17 de novembro de 2017

Conta de Libros (II): Pel de Lobo, de Xosé Miranda


Pel de lobo. Xosé Miranda. Xerais

Este libro dende que o vin, souben que tiña que lelo si ou si porque a min a temática de animais encántame, e a de medo tamén, e xuntas buaa… Iso que ler libros non é o meu porque moi poucos me chaman a atención, pero este foi todo o contrario, lino rapidísimo, en canto me din conta xa estaba case acabando o libro!!!!

Trata sobre unha familia (pai, nai e fillo) que vivían do que gañaba o pai das cacerías ás que ía, sempre que había que matar un lobo ou varios deles, chamábano para que fose liquidalos a todos e cada un deles. 

Un día chegou un home a súa casa e preguntou polo pai para que fose matar un lobo, pero o home comentoulle que era especial, este lobo non había quen o matase, xa que as balas non o furaban e xa matara varios nenos e animais do territorio. O pai decidiu intentalo e alá foron, el e mais o fillo que se empeñou en ir e conseguiuno.

Non vos vou a contar máis porque senón destripóvolo, espero que quen o lea lle guste e nada máis. ABUR!

Damián Regueiro Liste (3º ESO)

O momento máis importante para min foi cando toda a xente do pobo se reuniu para tenderlle a trampa aos lobos, e tamén cando chegaron á casa do fidalgo e mostrábase como era, que cadros tiña…

O libro ten dúas partes: a primeira é cando o fidalgo os chama e plantexan como matar os lobos, e a segunda sería cando xa sabían que facer co lobo (como matalo).

O final non me gustou moito, polo feito de que todo saíra mal e incluso por obrigar o fillo a matar o seu fiel can (aínda que no final mataran o lobo negro). É o único que cambiaría no libro.

Finalmente, con respecto á lingua non e difícil de ler, pero algúns nomes si que os cambiaría e tamén algunhas palabras en concreto. 

A min o libro gustoume bastante, excepto como xa dixen o seu final.

Daniel Balsa Balsa (3º ESO)

Este libro gustoume moito, xa que conta unha historia duns lobos que resultan ser lobishomes, Xosé o protagonista mais seu pai Fulxencio son os cazadores. Está baseada nunha época antiga, na cal para desprazarse usábanse cabalos e burros, para cazar usaban escopetas e machados. Conta unha trama chea de misterio e de emoción, pois dá a entender que Ana é o lobishome e ao seguir lendo aparece outro lobishome dándolle así máis emoción á lectura.

O momento máis importante do libro para min, foi cando matou o seu can, xa que iso demostra, o medo, que ten que pasar Xosé ante os lobos. Outro momento importante é cando Xosé libera da maldición a Aurora xa que demostra un gran valor baixando do faiado para queimar a pel do lobo.

Respecto ao final eu engadiríalle máis contido, xa que unha parte emocionante do libro sería o paradoiro do lobishome negro (Ana), se foi libre ou puxo o colar.

O vocabulario é actual con palabras sinxelas de fácil comprensión.

Recoméndolle esta lectura aos meus compañeiros.

Martín Dafonte Rodríguez (3º ESO)

martes, 14 de novembro de 2017

Conta de Libros (I): Asústate, Merche!, de Fina Casalderrey


Un novo curso 2017/2018 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI de Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega. 

Desta volta vaise chamar Conta de Libros e a primeira alumna en achegar o seu comentario crítico para o noso recuncho de lecturas foi Vannia Antelo Iglesias (3º ESO). Velaquí a recensión:

Asústate, Merche! Fina Casalderrey. Xerais

A min gustoume moito este libro, foi un dos libros que lin que máis me gustou, o único que lle cambiaría sería que non tivera un diario senón que llo fora contando a Frida. 

Paréceme un libro moi divertido porque conta que foron de excursión, que o pasaron moi ben, na viaxe pasáronlle moitas cousas pero a min a que máis mágoa me deu foi cando atropelaron o neno e aí déronse conta que o rapaz tiña problemas de oído. E na tenda a aventura que lle pasara do “mecheiro” pois eu iso quitaríallo porque eu vexo innecesario para esa parte do conto. O mesmo tempo que van contando a excursión tamén contan o que botan de menos as nais aos fillos. Tamén reflicte que non todos os curas son aburridos senón que a algúns tamén lles gustan as excursións e as aventuras. 

A parte que menos me gustou foi cando Auria se intentou suicidar por saber que Paio era seu irmán e se bicara con seu irmán, a min iso pareceume un pouco esaxerado o de intentar suicidarse por saber que tes un irmán aínda qque o bicaras iso déixao no pasado e poderíanse levar moi ben como irmáns ou como compañeiros se queren que ninguén saiba que son irmáns.

Vannia Antelo  Iglesias (3º ESO)

O momento máis importante no libro foi cando Auria se intentou suicidar, porque foi unha parte na que máis emoción expresa, aínda que me pareceu moi esaxerado e dramático, por iso me impactou tanto. 

Outra escena impactante é na que Paio toma a inciativa de poñerse ao lado de Auria, xa que os dous estaban namorados, pero ningún llo demostraba ao outro.

Este libro pareceume un dos máis interesantes que lin, xa que non podía deixar de lelo. Eu non faría ningún cambio, gustoume moito o libro tal e como ta escrito. 

O final era axeitado para o meu gusto, gustoume moito o final, en xeral, encantoume todo o libro, aínda que me gustaba máis polo medio xa que traía máis contido e enganchábame máis, pero o final non estaba mal, xa que acaban todos felices. 

A lingua foi máis ou menos complicada, xa que comprendía case todo, pero había algunhas palabras de cando en vez que non entendía, pero polo contexto dábao entendido todo. 

Eu este libro recomendaríao moito xa que foi moi emotivo e impactante para min, e estou segura de que aos que o lean lle vai gustar moito.

Laura Pena Gutiérrez (3º ESO)

domingo, 12 de novembro de 2017

Primeira reunión do Club de cine para 3º e 4º de ESO

Este mes de novembro está a presentarse como un mes cheo de actividade, e moi variada. O martes pasado inauguramos o noso Club de cine, para alumnado de 3º e 4º de ESO. Once participantes nos sorprenderon coa súa asistencia.
 Tentamos dende a biblioteca propoñer actividades diversas, e nesta ocasión convidamos a "ler" e "comprender"  películas que marcaron a historia do cinema. Por cuestións organizativas, o alumnado, tras unha breve presentacion do filme por parte do profesorado coordinador, comprométese a velo pola súa conta.  É nun encontro a posteriori cando comentamos as dúbidas, os acertos, os desacertos e as curiosidades sobre a cinta.  Un dos obxectivos principais desta nova andaina é a creación de espectadores e espectadoras de cinema máis críticos e reflexivos.


Escollemos Blade Runner (the final cut) como punto de partida destas novas xuntanzas que agardamos dean moito de si.

Neste artigo podedes coñecer todo acerca desta película que marcou a historia do cinema do século XX