Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 19 de decembro de 2016

Andel de Libros (XX): O corazón de Xúpiter. Ledicia Costas


O corazón de XúpiterLedicia Costas. Xerais

Eu opino que é moi entretido e moi bonito. Para min o momento máis importante foi cando Isla ía coñecer a Xúpiter e cando o viu non era o que esperaba. En xeral o libro gustoume pero o final non me gustou, porque non me esperaba que Isla morrese. Tampouco me gustou que Anxo non fixese nada por estar con Isla. O final sería o único que cambiaría porque sería mellor que Isla quedase con Anxo e deixase a Xúpiter. Gustaríame máis se Isla tivese un final feliz.

É  un libro que se le moi rápido porque engancha moito, xa que trata dun tema que nos pode pasar a nós na actualidade. Eu creo que a escritora nos quixo transmitir o perigo de Internet e que hai que ter moito coidado.

Tamén penso que é un libro moi fácil de ler e que non ten palabras difíciles. Recomendaríallo a xente que lle gustan os libros que traten sobre temas que sería posible que nos pasasen.

Anabel Dafonte Iglesias (3º ESO)

Este libro gustoume bastante xa que trata de temas moi actuais e moi adolescentes. Nomea o bullying, a homosexualidade e sobre todo quere facer ver aos adolescentes que non se debe confiar nunha persoa que non coñecemos, e menos, por Internet. 

A parte que máis me gustou do libro foi cando Isla, Anxo e Mar foron ao paseo marítimo e o rapaz contoulles unha historia que lle sucedera na súa infancia, hai demostrouse a confianza e a amizade que tiñan entre eles. O que non me gustou moito foi o final tan tráxico porque os lectores desta novela ou narración están esperando o momento de encontro entre os dous namorados, e que acabe deste xeito non é moi adecuado. 

Polo resto pareceume un libro xenial e moi ben escrito que te engancha dende o primeiro momento e non perde a forza en ningunha parte da historia. É un libro moi recomendable para os adolescentes.

Iván Rivas Suárez (3º ESO)


Na miña opinión a novela é moi interesante, está moi ben para os adolescentes porque lle fai aprender que non se poden fiar de internet e das persoas, porque poden acabar mal. 

Gustoume moito porque fala da amizade e do amor entre os adolescentes e faiche aprender moitas cousas sobre a xente de internet. Penso que os pais deberían apoiar máis a súa filla. 

O personaxe que máis me gustou foi Mar, porque e unha rapaza moi segura de si mesma e é unha boa amiga na que se pode confiar e che daría moi bos consellos. O personaxe que menos me gustou foi  Isla porque é algo infantil é fiase de todo o mundo e vive nunha fantasía que non existe, debería confiar máis nos seus amigos Anxo e Mar, porque se se fiara dela non lle pasaría o que pasou. 

Eu cambiaríalle o final porque  non me gusta cando as novelas acaban mal, Isla non debería morrer e ela máis Xúpiter tiñan que acabar xuntos. 

É moi fácil de ler, entendese moi ben todo. Recoméndolle esta lectura a todos os adolescentes para que non fagan o que fixo Isla e os pais para que souberan o perigo que ten internet sobre os seus fillos.

Nerea Rodríguez Deus (3º ESO) 


O tema do libro é a traxedia, é a típica historia dunha rapaza, que se namora da persoa que lle mandou mensaxes por internet, ela pensa que é un rapaz pero en realidade trátase dun home maior que a engana.

O momento máis importante foi cando Xúpiter lle mandou o primeiro correo pero ela tiña que ser algo intelixente e ignoralo xa que non o coñecía. Pero comezou a falar con el e acabouse namorando.
Isla estivo dende o primeiro momento ilusionada e namorada de Xúpiter, sen facerlle moito caso a Anxo e Mar sobre o que lle dicían de que non era unha boa idea relacionarse con xente que non coñecía persoalmente.

O final creo que era moi predicible, podíase saber como acababa bastante antes do final. O que máis importa do libro é como transcorren os feitos, as relacións que hai entre Isla, Mar e Anxo e como as resolven.

A linguaxe é sinxela, o libro lese rápido e enténdese todo con facilidade.

Daniel Varela Bello (3º ESO)


A min este libro gustoume bastante xa que trata sobre temas actuais e tamén da  adolescencia, este libro nomea a homosexualidade, o bulling e sobre todo quixo facer ver aos adolescentes que non se debe confiar dunha persoa que non coñezamos de nada a través das redes sociais. 

O que menos me gustou deste libro foi o final xa que é moi tráxico e o que máis me gustou deste libro foi a amizade que tiñan entre Isla, Mar e Anxo. Respecto aos personaxes o que máis me gustou foi Anxo porque gustáballe moito Isla e sempre a protexía, en cambio o que menos me gustou foi o que estaba falando por internet con Isla porque el fora quen matara a súa nai. 

Eu recomendaríallo a persoas que lles gusten os temas sobre a homosexualidades e mais o bulling. 

Para min este libro resultoume moi fácil de entender xa que ten un vocabulario bastante adecuado, o único cambio que faría neste libro sería o final xa que non me gustou moito.

Alejandro Vasquez Fernández (3º ESO)

 
A

Andel de Libros (XIX): O centro do labirinto. Agustín Fernández Paz



Na miña opinión a novela é moi entretida xa que é de aventura. A miña parte favorita é cando Sara vai á casa na que está recluído o seu fillo porque descubre que o único que quería esa familia é vela e falar con ela. 

Os personaxes son serios pero ao mesmo tempo interesantes. Por exemplo, Sara, é un dos meus personaxes favoritos porque despois de que desaparecera o seu fillo non deixou de buscalo e nunca se rendeu. Penso que algúns personaxes deberían ter máis diálogos e ser máis divertidos, porque así non habería momentos ou partes da novela non serían aburridas. 

O final gustoume porque acabou bastante ben e non foi aburrido, o final foi unha das parte que máis me gustou. 

Eu recomendaríallo a quen lle gusten as aventuras. Eu non lle cambiaría nada. É un libro bastante fácil de ler porque non ten moitas palabras descoñecidas.

Anabel Dafonte Iglesias (3º ESO)

Andel de Libros (XVIII): Sobrevives?, de Fina Casalderrey



O momento máis importante foi cando Moni empezou a ler o diario de Marianxo porque senón o xogo non podería seguir.

Gustoume o tema dun rapaz diferente, porque non se ve moito.

O momento que máis me gustou foi no que Moni estaba nunha festa e falaba cuns alemáns, porque me pareceu bastante graciosa.

O personaxe que máis me gustou foi Moni porque me identifico nalgunhas cousas con el. O que menos me gustou foi Marianxo polo xogo do final do libro, que me pareceu algo que non ten sentido na historia.

Cambiaría que na historia se notase máis que é lineal, porque non está moi ben indicado. Tamén cambiaría o final a algo que fora un pouco máis realista.

O final non me gustou nada porque me pareceu moi surrealista que todo o final fora un xogo de Marianxo.

Ten unha lingua moi fácil de entender.

Recoméndolle este libro porque ten bastantes escenas de humor que entreteñen e fan que te enganche máis a ler o libro.

Eloy Castro Deus (3 ºESO)

Andel de Libros (XVII): Poderosa. Sérgio Klein



A novela gustoume moito pois ten moita imaxinación e ademais serve para darlle importancia ás palabras, 

Cambiaría o personaxe de Joana por un personaxe máis aberto, é dicir que se puideran saber máis os seus pensamentos e os seus gustos. Gustoume moito o personaxe da avoa Nina porque aínda que é unha persoa maior ela ten o corazón de unha rapaza nova e mostra que a idade non é un obstáculo

Ao principio ten un desenvolvemento lento describe moito e faise algo pesado pero despois empezan a ocorrer os feitos mais rápido e pasa a ser máis entretido e rápido.

Ten un final aberto e orixinal, pero demasiado aberto para o meu gusto, pois a historia entre Joana e Joao queda no aire e non se sabe se acaban xuntos. 

Ten unha linguaxe sinxela e fácil de entender.

Recomendo este libro para todas as idades pero especialmente para a xuventude.

Alba López González (3º ESO)

Andel de Libros (XVI): Ruído. Relatos de guerra, de Miguel Anxo Murado


Ruído. Relatos de guerra. Miguel Anxo Murado. Galaxia

A min este libro gustoume porque trata un tema que é o da guerra e a min este tipo de libros sóenme gustar. 

É un libro que ten trece relatos e que cada un fala do mesmo tema pero de forma distinta, a guerra concretamente a guerra de Croacia. Todos os relatos parecéronme moi interesantes pero o que máis me gustou foi ``Os chatarreiros´´ porque trata un tema que ten moita repercusión no mundo que é a xente sen recursos e que vive na pobreza.

O problema que lle vexo a este libro é que é dificil de entender, non moito polo vocabulario senón polas expresións que utilizan e porque ás veces é complicado saber quen está falando ou sobre quen están falando pero ainda así é moi entretido e levadeiro de ler. 

Non ten moitos personaxes, todo fala sobre os mesmos e iso a min persoalmente gústame porque dáme a sensación de que se entende mellor porque se un libro está metendo continuamente personaxes novos ao final non te enteras do que lle pasa, como está cada un...

Este libro recomendaríallo a xente que lle guste coñecer a historia ou acontecementos doutro país.

José Luís Mirás Otero (4º ESO)

A min persoalmente este libro gustoume, aínda que é un libro moi triste porque faiche ver a realidade e a tristeza da guerra.

En tódolos relatos está a morte presente, case tódolos personaxes dos diferentes relatos intentan dalgunha maneira fuxir dela. Tamén viven co medo no corpo, pensando en ser asasinados ou caer nalgunha das minas antipersoas.

Tódolos relatos teñen finais tráxicos e dramáticos que nos fan entender a crúa realidade da guerra.

Este libro tamén te fai ver e entender o comportamento das persoas en situacións límites.

O libro foime moi bo de ler aínda que hai moitas siglas e palabras croatas que me confundiron, algún relato tíveno que ler dúas veces.

Recoméndollo a tódalas persoas que lles gusten os libros baseados na realidade.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)


Este libro gustoume porque os relatos do libro son moi interesantes polas numerosas historias de guerra. Os relatos que máis me gustaron foron "Francotiradores", "Foogo amigo" e tamén "Grandes cambios no último minuto". 

Os personaxes deste libro son emocionantes polas vidas dos soldados. O mellor personaxe destes relatos é Hoffamamn porque é un moi listo. 

No libro cambiaríalle algúns diálogos por escenas de máis acción e tamén engadiríalle escenas de pelexas  entre os soldados. Tamén engadiríalle unhas imaxes para explicar como era a guerra nesa época recente. 

O vocabulario destes relatos de guerra é doado de entender, excepto algunhas palabras que non se entendían porque están en croata e tamén tiña unha linguaxe culta da guerra. 

Ruído. Relatos de guerra é un libro que llo recomendaría ás persoas que lle gustan as obras de acción.


Damián Botana Otero (4º ESO)

Andel de Libros (XV): Morning Star, de Xosé Miranda



Para min, a mellor parte non foi o final, senón que foi cando a gavela de Lázaro estaba asaltando a casa do cura, e despois o Xudas e o Valente intentaron violar a Helena, porque nese momento Lourenzo fartouse e armouse de valor para pegarlle un tiro ao Valente, un golpe na cabeza ao Xudas e marchar coa moza.

Realmente non faría ningún cambio, ao contrario, gustoume moito cando insultaban e dicían palabras feas porque fai que a historia pareza máis orixinal que se dixesen palabras cultas, xa que mostran como era realmente os asaltos da época. Paréceme un final feliz, e a min gústanme máis os tráxicos, pero aínda así gustoume moito o libro.

O único que non me gustou nada da historia, foi o nome de Lázaro, xa que como Lourenzo e Lázaro comezan pola mesma letra custoume distinguilos ao principio.

O libro era bastante sinxelo de entender, empregaba linguaxe sinxela. Eu  recomendaríalle este libro a xente de 13 ou 14 anos, porque non ten ningunha dificultade con respecto á lectura.

Marcos García López (4º ESO)

Este libro gustoume bastante, ademais está dentro dos meus libro preferidos, xa que me pareceu moi entretido e divertido á vez, polas diferentes cousas que lle pasan aos personaxes, tanto aos principais coma os secundarios. E pareceume que a historia está ben pensada e ben escrita, xa que entretén ao longo de toda a historia, mentres o estás lendo. 

O final que escolleron para el tamén me parece que é o aceitado. Non lle cambiaría nada, deixaríao tal e como está escrito. Para min o mellor momento do libro, e o máis importante é cando Lourenzo e Tomás conseguen escapar con vida e ao mesmo tempo logran recuperar o tesouro ao cal lle tiñan tantas ganas, xa que parecía que non o ían recuperar, pero deunos unha sorpresa.

E a linguaxe que escolleron enténdese todo a perfección, non é para nada difícil de ler e calquera o pode ler sen dificultade.

Adrián Brea Martínez (4º ESO)


Este libro non me gustou en absoluto, xa que libros así hai moitos. Tratan de involucrar ao lector na historia, pero non o conseguiron xa que son escasos os diálogos entre os personaxes principais, só falan nos momentos cruciais da historia. Non me gustou porque é unha imitación dos típicos libros de piratas e tesouros.

O desenvolvemento do libro é rápido nalgunhas partes e lento noutras. A min gustoume a forma en que finalizou o libro, pero se fora eu o lector, deixaría un final aberto. 

A portada do libro que eu collín era diferente da orixinal, pero me gustou moito debido ao toque que lle dá a portada en branco e negro. 

O seu vocabulario é fácil de entender agás algunhas palabras ou expresións feitas, pero este libro recomendaríallo moito aos lectores aventureiros aos que lles gusta intriga de saber se os protagonistas conseguen o tesouro.

Yago Rey Viqueira (4º ESO)

Andel de Libros (XIV): O porco de pé, de Vicente Risco



O autor deste libro é Vicente Risco e esta é unha das súas obras mais emblemáticas e coñecidas. Este libro a min persoalmente gustoume moito porque é unha crítica de como estaba antes a sociedade, calquera podía chegar ao poder, os campesiños vivían de mala maneira e os ricos facían o que querían cos cartos e coas leis. 

Aínda que me gustou bastante é un pouco difícil de entender e non é porque teña vocabulario complicado, é porque está escrito como se escribía antes, con moitos dialectalismos, hipergaleguismos, etc. Tamén hai moitos personaxes e iso fai que envurulle un pouco pero aínda así é moi entretido.

E como engancha  a partir das dez primeiras páxinas acábase de ler moi rápido. A parte que mais me gustou foi a última páxina porque o final é moi inesperado por iso animo a xente a ler este libro. 

Este libro recomendaríallo á xente que lle gusten os libros de crítica e que ao mesmo tempo sexan graciosos ou teñan retranca.

José Luís Mirás Otero (4º ESO)

Gustoume moito o libro O porco de pé porque é moi fácil de ler, xa que non ten un vocabulario difícil nin unha trama complicada. 

Na miña opinión a historia que conta é moi curiosa, pero creo que si pasa na realidade: mentres que unha persoa que non ten ambición ou ningún talento chega á cima, mentres que outra persoa que se esforza e ten talento vive por baixo do nivel que se merecería. 

O meu momento favorito foi cando o Conde lle día ao seu fillo con todo o tacto e a delicadeza que pode, que xa non pode seguir saíndo coa filla de Don Celidonio e este lle contesta dunha maneira un pouco graciosa, como se non lle importara nada.

Non cambiaría nada desta historia, agás que tivera un final aberto para así ter unha segunda parte. 

Recomendaríalle esta obra ás persoas ás que lle gustase o humor un pouco negro (xa que hai un pouco neste libro) e os libros curtos.

Olaya Dubra Boquete (4º ESO)

Andel de Libros (XIII): Pensao nao, de Anxo Angueira


Pensao nao. Anxo Angueira. Xerais

Este é un libro que me gustou moito, mais penso que ten un vocabulario difícil, posto que na miña opinión é demasiado específico no referido ao campo. 

Penso que reflicte moi ben o que senten os personaxes ao final do libro, a desesperación cando os franquistas toman o control da aldea de Sernanselle, unha aldea que resistiu moito. 

O meu momento preferido do libro é cando xa ao final as nais de Ramón e de María lle ditan á nada (como se lle ditara a súa filla , quen normalmente escribe o que súa nai lle di) a carta na que xa non lle pide a Ramón que volva, coma sempre o fixo, senón que lle di que non se lle pase pola cabeza volver a Sernanselle, pois este xa non é un lugar seguro. 

Só cambiaría unha cousa en todo o libro, que o vocabulario non fose tan específico, xa que así máis xente podería entendelo e acabaría gustándolle moito, pois o argumento é moi emocionante e está moi ben desenvolto.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)