Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 7 de xuño de 2021

Book tráiler (LXXVII): Tes ata as dez, de Francisco Castro. Realizado por Sonia Muíño Riomayor

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Tes ata as dez, de Francisco Castro (col. Costa Oeste. Galaxia, 2015). Realización youtubeira: Sonia Muíño Riomayor, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (XXIV): Xogos de Damas, de Anxo Rey Ballesteros

 


Xogos de Damas. Anxo Rei Ballesteros. Os libros do CDG. Xerais

Gustoume bastante a obra, creo que está ben feita e a idea é boa, pero creo que lle poderían ter dado algo máis de emoción e acción polo medio, xa que mentres se vai contando a historia non pasa nada emocionante, só no final cando se descobre que Pamela está con Totó, o ex de Berta e Virxinia.

Tamén creo que o personaxe de Rieira non vén moito a conto na trama, xa que só aparece no principio e despois non volve aparecer, e as escenas nas que aparece el non teñen nada que ver co resto da obra.

O final si que me gustou moito, xa que se descobre algo que ninguén esperaba, e dálle emoción á historia, pero creo que se podería ter desenvolto un pouco máis con Berta e Virxinia decatándose da relación entre Pamela e Totó.

A linguaxe non é difícil de entender e o meu personaxe favorito é Virxinia.

Laura Codesido Fernández (4º ESO)

A min este libro encantoume porque é moi interesante e lese moi rápido. Este texto é unha obra teatral con varios personaxes que van intervindo no libro.

O libro trata sobre un pai e unha filla que se atopan nun bar, despois desenvólvense varias escenas onde aparece o noivo e finalmente as amigas. Nas escenas que aparecen as amigas fan uns papeis cada unha, ou sexa, interpretan a persoas que están presentes nas súas vidas.

O meu personaxe favorito é a protagonista (Berta) porque é decidida, segura de si mesma e ten moita paciencia, seu pai fai cousas que a ela non lle gusta como levar a unha muller á súa habitación pero aínda así non se enfada.

A miña parte favorita é o final porque descobres como son as súas amigas.

O final é moi surrealista porque non te esperas iso, deberían acabar o final e ver a reacción da protagonista. 

O vocabulario é moi fácil de entender, igual algunhas palabras non sabes que significa pero co contexto xa o entendes. 

Nerea González Rey (4ºA) 

O libro Xogos de damas é un libro moi entretido e interesante. Paréceme que engancha bastante xa que queres saber o que vai a acontecer e como vai a rematar cada escena. 

A obra ten bastantes escenas importantes ao longo da obra, pero a que me parece máis importante e tamén a menos esperada me parece quue é a escena final. Nela pódeste decatar de cousas que non podes sospeitar durante a obra.

Os personaxes desta obra gustáronme polo xeral bastante, xa que son entretidos e bastante diferentes entre eles. Isto na miña opinión fai que sexa un libro que che guste máis e sexa mais sinxelo de ler. Pero o personaxe que máis me gustou foi Virxinia, xa que é unha persoa moi sincera,directa e moi segura do que fai en cada momento.

A obra ten na miña opinión un desenvolvemento axeitado, fácil de seguir e de comprender o que está a acontecer en cada escena. O final é bastante inesperado e aberto.

Arancha Rey Brea (4º ESO)

Balda de Libros (XXIII): O achado do castro, de Manuel Núñez Singala

 


O achado do castro. Manuel Núñez Singala. Galaxia

Esta obra conta a coñecida historia de Romeo e Xulieta pasada completamente ao ámbito galego, ambientada na antiga Roma. Gustoume moito a historia, lese moi rápido porque é moi curta a ademais faise moi levadeira grazas aos toques humorísticos. 

O momento máis importante para min é a última parte porque ten moitos xiros inesperados moi sorprendentes. 

É un libro para pasalo ben e rirse, a escena que máis graza me fixo foi a de un diálogo que tiña o Emperador con distintos personaxes sobre Nápoles. 

O único que cambiaría sería o final xa que é demasiado feliz e un pouco surrealista (como toda a obra) para o meu gusto. Eu daríalle un final máis dramático con algunha morte de por medio como a historia tradicional. 

Non tiven problemas á hora de entender a obra, pois ten un vocabulario moi sinxelo, bastante coloquial que se entende a perfección. Polo tanto, recomendo esta obra a toda aquela persoa que queira pasar un bo anaco, curto pero divertido.

Lorena Becerra Varela (4º ESO)

Balda de Libros (XXII): Matanza, de Roberto Salgueiro

 


Matanza. Roberto Salgueiro. Deputación da Coruña


Para min, o momento máis importante da obra é cando morren os porcos, xa que tiña a esperanza de que segundo transcorrera a obra o primeiro irmán acabaría convencendo ao outro e así facéndoo de algunha maneira cambiar de opinión sobre a matanza e o seu destino. Ese final, é o que cambiaría do libro, xa que me tería gustado máis ver como o primeiro irmán lle contaxiara a súa ilusión pola vida ao segundo, e así xuntos non acabaran morrendo aquel día na matanza como calquera outro porco do mundo.

O meu personaxe favorito é o porco 1, xa que á parte das opinións alleas e dos costumes da matanza, el non quere morrer, ao contrario el quere seguir vivindo e desfrutando das súas paixóns como tocar o violín e desfrutar da música en xeral, xa que é o que lle gusta.

Paréceme un libro curioso e interesante, é curto, cun vocabulario fácil de comprender e de ler.

Uxía Beiras Rivas (4º ESO)

Para min o momento máis importante do libro é cando os dous porcos bailan xuntos, porque aí demostran que a pesar de discutir moito tamén se levan moi ben. E outro momento importante tamén é cando empezan a contar cada un as súas historias porque fan un gran resumo do que eran e facían no pasado.

Ao principio o libro considereino un pouco aburrido, pero a partir de que o matachín entrou na conversa, fíxose moito máis divertido e non podías parar de ler o texto.

O final do libro desgustoume un pouco, porque a obra estaba nun momento moi divertido e o texto déixate con bastante intriga porque acaba dunha maneira moi aberta.

Para min o vocabulario do libro enténdese bastante ben e non tes ningún problema para entendelo.

En resumo, é un libro que podería recomendar a calquera persoa e creo que lle gustaría, o único cambio que lle faría sería o final.

Anxo Lamas Liste (4º ESO)

O tema é interesante dende o meu punto de vida, xa que pon a vida dende dous puntos de vista que aínda se están a dar neste tempo e nesta sociedade. Tamén me parece gracioso, pola forma de falar do porco 2 xa que fala dunha maneira moi vulgar e coloquial.

O contido paréceme axeitado e non faría ningún cambio na historia, salvo que quitaría a escena final, onde se aprecia un diálogo entre os pais dos dous porcos.

Para min o momento máis importante, é o monologo final do porco 1, onde reflexiona sobre o que é a vida.

Gústame máis o porco 1 xa que mira a vida dende un punto de vista propio e non se deixa levar polos demais, seguindo os seus propios ideais ata o fin. Tamén me parece gracioso o porco 2 xa que usa unha linguaxe moi basta que me fai gracia. O matachín pola contra non me parece tan interesante, pero dálle un toque de tensión á historia xa que pon a presión da morte sobre os dous porcos.

Ten unha linguaxe fácil de entender que mestura a linguaxe coloquial e culta, creando un choque entre dúas formas de falar que fai o texto máis ameno de levar. Cando entra o matachín pon en escena unha nova maneira de falar que crea outro choque na maneira de falar dos personaxes.

Brais Pena Docampo (4º ESO)

Este libro trata de dous porcos que son irmáns que case sempre se andan pelexando pero lévanse ben. 

O momento máis importante do libro é cando o matachín chega para matalos porque é o momento máis triste. É un libro interesante, emocionante porque o que queres é saber e o que pasa, ou que lle van facer os porcos, sobre todo o porco 1 porque el non quería morrer.

Outra escena máis importante é cando falan da súa infancia, tamén sobre os pais que tiveron e as cousas que lle pasaban cando estaban con eles.

O meu personaxe favorito é o porco 2 porque é o máis gracioso do libro e só quería morrer para facer desfrutar a xente que o comese. O porco 1 era raro porque tocaba o violín e criase diferente os demais. Outro personaxe é o matachín que é a persoa encargada de acabar coa relación entre eles.

Non lle faría ningún cambio, porque é un libro simple e o máis importante e que é fácil de entender porque non ten palabras raras, recomendo este libro porque é fácil de ler e é bastante curto. 

Martín Rivas Suárez (4º ESO)

Este libro trata sobre dous porcos e un matachín. O momento máis importante para min foi cando o matachín foi polo porco 2 para matalo, pensei que o porco ía reaccionar doutra maneira.

O porco 1 e o porco 2 son moi diferentes. A un gústalle a música e toca un instrumento, e é mais tranquilo, o seu vocabulario é bastante axeitado aínda que ao longo da obra vai engadindo palabróns. O porco 2 é máis bruto, máis salvaxe, usa moitos palabróns e é como moi crido.

O personaxe que máis me gustou sen dúbida foi o porco 2 xa que non lle ten medoá morte e iso é de ter moita valentía porque pola contra o porco 1 tenlle medo á matanza.

O tema está moi ben, é moi divertido e interesante.

A obra de teatro está moi ben desenvolta xa que engancha moito a ler. O final gustoume moito aínda que a min gustaríame máis se fora máis emocionante. E a lingua entendese perfectamente, aínda que ten moitos palabróns.

Sara Pena Gutiérrez (4º ESO)

Considero que o momento máis importante para min é a escena na que ambos irmáns decláranse o seu afecto e cariño porque paréceme intenso e emotivo. 

É un tema moi interesante a tratar, digo isto porque se o analizamos de maneira ética é moi inxusto de cara aos porcos que queren ser libres, ademais de ocasionarlle unha morte moi sufrida e sanguenta e estaría moi ben debater sobre estes temas. 

Sobre o desenvolvemento o único cambio que podería facer sería cambiar o dialogo final dos pais dos porcos, quizais é que non o comprendo moi ben pero penso que quedaría mellor ao comezo do libro cando ambos porcos contan a súa “porqueza”, penso que encaixa mellor. 

Un moi bo final, dando a entender que aí acabase a vida duns miserables porcos, cun vocabulario moi sinxelo e fácil de comprender á parte de vulgar e chistoso. 

Rubén Rodríguez Seoane (4º ESO)

Este libro trata de dous porcos que son irmáns, porco 1 e porco 2. Porco 1 é un porco que tocaba o violín, sempre soñaba con ser famoso e chegar lonxe como músico, ademais era un mixiricas.

 

Porco 2 é coma el dicía, un auténtico porco. Só pensaba en ter relacións sexuais e beber, e a súa honra era que o matasen e facer del un bo churrasco, uns bos torriscos e uns bos chourizos.

 

Aparecen varios personaxes mais. O matachín, que é o encargado de matar a estes irmáns. O pai e a nai case non aparecen na historia, pero son citados polos irmáns, recordando cousas da infancia.

 

O meu personaxe favorito é o porco 2. Sempre tiña as ideas claras e sabía o que quería.

 

O momento máis importante do libro para min foi no final, cando o matachín lles pregunta quen quere morrer primeiro, ponlles a canción que lle pediran e bailan os dous antes de morrer.

 

Este libro gustoume moito, é moi breve e fácil de ler. A lingua é bastante fácil de entender e moitas veces, pola maneira de falar, esquénceste de que os protagonistas son porcos

Ana Cebey de la Torre (4º ESO)

 

Balda de Libros (XXI): Os homes só contan até tres, de Antón Lopo

 


Os homes só contan até tres. Antón Lopo. Os libros do CDG. Xerais, 2006.

Este libro gustoume moito, pareceume un texto moi chulo e interesante, é unha obra de teatro fácil de ler, e que engancha moito. Ao principio non se sabe moi ben o que pasa, dáche a pensar que é algo raro porque como trata Luísa a súa irmá Helena e iso chámache a atención e dáche como pena Helena, pero despois ao que vas lendo unhas escenas máis xa ves que está moi ben o libro, e lese moi rápido. 

O momento máis importante do libro paréceme cando Nico vén vivir á mesma casa que Luísa e Helena, na cal se instala moi ben e lévase xenial coa irmá da súa noiva, Helena. 

O meu personaxe favorito é Helena porque é moi lista, aínda que ao principio non pareza. 

O final encantoume, tan só cambiaría unha cousa e é que Evaristo escollera unha opción e non acabase así, aínda que por outra parte paréceme ben pois deixa esa pequena intriga.

Recomendaría este libro a todo o mundo que lle guste ler teatro pois é un libro moi chulo e fácil de ler.

Pablo Couselo Noya (4º ESO)