Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 7 de xuño de 2021

Balda de Libros (XXII): Matanza, de Roberto Salgueiro

 


Matanza. Roberto Salgueiro. Deputación da Coruña


Para min, o momento máis importante da obra é cando morren os porcos, xa que tiña a esperanza de que segundo transcorrera a obra o primeiro irmán acabaría convencendo ao outro e así facéndoo de algunha maneira cambiar de opinión sobre a matanza e o seu destino. Ese final, é o que cambiaría do libro, xa que me tería gustado máis ver como o primeiro irmán lle contaxiara a súa ilusión pola vida ao segundo, e así xuntos non acabaran morrendo aquel día na matanza como calquera outro porco do mundo.

O meu personaxe favorito é o porco 1, xa que á parte das opinións alleas e dos costumes da matanza, el non quere morrer, ao contrario el quere seguir vivindo e desfrutando das súas paixóns como tocar o violín e desfrutar da música en xeral, xa que é o que lle gusta.

Paréceme un libro curioso e interesante, é curto, cun vocabulario fácil de comprender e de ler.

Uxía Beiras Rivas (4º ESO)

Para min o momento máis importante do libro é cando os dous porcos bailan xuntos, porque aí demostran que a pesar de discutir moito tamén se levan moi ben. E outro momento importante tamén é cando empezan a contar cada un as súas historias porque fan un gran resumo do que eran e facían no pasado.

Ao principio o libro considereino un pouco aburrido, pero a partir de que o matachín entrou na conversa, fíxose moito máis divertido e non podías parar de ler o texto.

O final do libro desgustoume un pouco, porque a obra estaba nun momento moi divertido e o texto déixate con bastante intriga porque acaba dunha maneira moi aberta.

Para min o vocabulario do libro enténdese bastante ben e non tes ningún problema para entendelo.

En resumo, é un libro que podería recomendar a calquera persoa e creo que lle gustaría, o único cambio que lle faría sería o final.

Anxo Lamas Liste (4º ESO)

O tema é interesante dende o meu punto de vida, xa que pon a vida dende dous puntos de vista que aínda se están a dar neste tempo e nesta sociedade. Tamén me parece gracioso, pola forma de falar do porco 2 xa que fala dunha maneira moi vulgar e coloquial.

O contido paréceme axeitado e non faría ningún cambio na historia, salvo que quitaría a escena final, onde se aprecia un diálogo entre os pais dos dous porcos.

Para min o momento máis importante, é o monologo final do porco 1, onde reflexiona sobre o que é a vida.

Gústame máis o porco 1 xa que mira a vida dende un punto de vista propio e non se deixa levar polos demais, seguindo os seus propios ideais ata o fin. Tamén me parece gracioso o porco 2 xa que usa unha linguaxe moi basta que me fai gracia. O matachín pola contra non me parece tan interesante, pero dálle un toque de tensión á historia xa que pon a presión da morte sobre os dous porcos.

Ten unha linguaxe fácil de entender que mestura a linguaxe coloquial e culta, creando un choque entre dúas formas de falar que fai o texto máis ameno de levar. Cando entra o matachín pon en escena unha nova maneira de falar que crea outro choque na maneira de falar dos personaxes.

Brais Pena Docampo (4º ESO)

Este libro trata de dous porcos que son irmáns que case sempre se andan pelexando pero lévanse ben. 

O momento máis importante do libro é cando o matachín chega para matalos porque é o momento máis triste. É un libro interesante, emocionante porque o que queres é saber e o que pasa, ou que lle van facer os porcos, sobre todo o porco 1 porque el non quería morrer.

Outra escena máis importante é cando falan da súa infancia, tamén sobre os pais que tiveron e as cousas que lle pasaban cando estaban con eles.

O meu personaxe favorito é o porco 2 porque é o máis gracioso do libro e só quería morrer para facer desfrutar a xente que o comese. O porco 1 era raro porque tocaba o violín e criase diferente os demais. Outro personaxe é o matachín que é a persoa encargada de acabar coa relación entre eles.

Non lle faría ningún cambio, porque é un libro simple e o máis importante e que é fácil de entender porque non ten palabras raras, recomendo este libro porque é fácil de ler e é bastante curto. 

Martín Rivas Suárez (4º ESO)

Este libro trata sobre dous porcos e un matachín. O momento máis importante para min foi cando o matachín foi polo porco 2 para matalo, pensei que o porco ía reaccionar doutra maneira.

O porco 1 e o porco 2 son moi diferentes. A un gústalle a música e toca un instrumento, e é mais tranquilo, o seu vocabulario é bastante axeitado aínda que ao longo da obra vai engadindo palabróns. O porco 2 é máis bruto, máis salvaxe, usa moitos palabróns e é como moi crido.

O personaxe que máis me gustou sen dúbida foi o porco 2 xa que non lle ten medoá morte e iso é de ter moita valentía porque pola contra o porco 1 tenlle medo á matanza.

O tema está moi ben, é moi divertido e interesante.

A obra de teatro está moi ben desenvolta xa que engancha moito a ler. O final gustoume moito aínda que a min gustaríame máis se fora máis emocionante. E a lingua entendese perfectamente, aínda que ten moitos palabróns.

Sara Pena Gutiérrez (4º ESO)

Considero que o momento máis importante para min é a escena na que ambos irmáns decláranse o seu afecto e cariño porque paréceme intenso e emotivo. 

É un tema moi interesante a tratar, digo isto porque se o analizamos de maneira ética é moi inxusto de cara aos porcos que queren ser libres, ademais de ocasionarlle unha morte moi sufrida e sanguenta e estaría moi ben debater sobre estes temas. 

Sobre o desenvolvemento o único cambio que podería facer sería cambiar o dialogo final dos pais dos porcos, quizais é que non o comprendo moi ben pero penso que quedaría mellor ao comezo do libro cando ambos porcos contan a súa “porqueza”, penso que encaixa mellor. 

Un moi bo final, dando a entender que aí acabase a vida duns miserables porcos, cun vocabulario moi sinxelo e fácil de comprender á parte de vulgar e chistoso. 

Rubén Rodríguez Seoane (4º ESO)

Este libro trata de dous porcos que son irmáns, porco 1 e porco 2. Porco 1 é un porco que tocaba o violín, sempre soñaba con ser famoso e chegar lonxe como músico, ademais era un mixiricas.

 

Porco 2 é coma el dicía, un auténtico porco. Só pensaba en ter relacións sexuais e beber, e a súa honra era que o matasen e facer del un bo churrasco, uns bos torriscos e uns bos chourizos.

 

Aparecen varios personaxes mais. O matachín, que é o encargado de matar a estes irmáns. O pai e a nai case non aparecen na historia, pero son citados polos irmáns, recordando cousas da infancia.

 

O meu personaxe favorito é o porco 2. Sempre tiña as ideas claras e sabía o que quería.

 

O momento máis importante do libro para min foi no final, cando o matachín lles pregunta quen quere morrer primeiro, ponlles a canción que lle pediran e bailan os dous antes de morrer.

 

Este libro gustoume moito, é moi breve e fácil de ler. A lingua é bastante fácil de entender e moitas veces, pola maneira de falar, esquénceste de que os protagonistas son porcos

Ana Cebey de la Torre (4º ESO)

 

Ningún comentario: