Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 14 de xaneiro de 2013

Andel de Libros (XXIV): Unha presa de terra, de Marilar Aleixandre





A min este libro gustoume moito, xa que é una historia que engancha ademais de facerche deducir cousas erróneas que logo pouco teñen que ver co desenlace final. A historia podería ser perfectamente real xa que os personaxes están moi ben elaborados e ambientados no seu tempo. Os capítulos ao ser tan curtos tamén animan a seguir lendo, e as ilustracións crean una idea xeral da historia. 

Aínda que eu teño o libro que publicou La Voz de Galicia e non é o orixinal, quedei moi contenta co formato do libro, é pequeno, a lectura non se fai pesada, o vocabulario é fácil e aínda que pareza absurdo ata o tacto das follas é agradable. Polo tanto en resume gustoume este libro porque a autora sabe captar ben as necesidades do lector.  

Verónica Barreiro Calviño (4º ESO)



Para min o momento máis importante foi cando o home descobre a gravadora. Nese momento sentín una tensión moi grande, pensei que xa a ía matar sen máis. Outro momento tamén importante para min foi cando encontraron o cadáver, porque daquela aínda non sabía de que trataba o libro e chamoume a atención, non me esperaba un libro de misterio con ese título.

Algún cambio que lle faría o libro sería poñerlle máis personaxes, que foran entrando ao longo da historia, pouco a pouco; para crear misterio e desconcerto.
Foi un libro fácil de ler, e mais, enganchoume tanto a partir do capitulo cinco, que o lin en só dous días, gustoume moito porque non ten palabras raras e difíciles de saber, polo contexto atópase algunha que outra, pero sempre as vai haber. Para min un dos mellores libros que lin de galego, e o que máis me enganchou, non me arrepinto de escollelo para facer o traballo.
 

Martín Calviño Vicente (4º ESO)



A min o libro gustoume aínda que no primeiro momento cando o collín pensei que era de amor pola portada, pero ao ir lendo deime de conta de que non era así. Nos relatos hai un pouco de todo amor, contos de bares, “medo”…
En xeral gustoume o libro aínda que hai relatos que non me gustaron ou non os entendín cando cheguei ao final por exemplo. En “Só por aí”  ou en “A luz do Yoko”… Iso está claro porque non sempre che vai a gustar e a desgustar todo.
Uns dos relatos que máis me gustaron foron “A lingua das bolboretas” e “A leiteira de Vermeer”. Unha das razóns porque me gustara “A lingua das bolboretas” é porque xa sabía de que trataba porque hai unha película e xa tiña vista. E o de “A leiteira de Vermeer” é simplemente pola coincidencia que hai na fotografía daquela moza e o cadro da leiteira.
 

Lucía Andrade Castro (4º ESO) 

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Ter un día gris...ver a vida de cor rosa...

Imaxinas percibir sabores cada vez que escoitas unha música, ou escoitar o sonido das laranxas, dos plátanos, dos melocotóns....?

Como será percibir cada número ou letra asociados a unha cor, e non só iso, senón saborear a cor de cada día da semana...

Ciencia ficción? Non. Son as persoas sinestésicas.

Para saber máis pincha aquí

martes, 8 de xaneiro de 2013

3,2,1,0.....2013 !!!!!

Pois aquí estamos de novo arrincando un novo trimestre, con ¿moitas ganas?. Se non é así, peor para nós, pois todo nos vai costar máis esforzo se non lle botamos ánimo ao traballo.
Novas lecturas no club de lectura, novos consellos e curiosidades, documento videográfico do gran partido de fútbol sala co que nos despedimos antes do Nadal...De todo isto e moito máis vos iremos dando conta aquí nas vindeiras semanas.

Como foi o voso Nadal? Nesta páxina dannos pistas para comprobar se realmente aproveitamos ben as vacacións ou desaproveitamos os días, é un xeito especial de facer balance, pero ben interesante.....

xoves, 20 de decembro de 2012

Agradecemento de Alfredo López "Tokio"




O ilustrador Tokio (pseudónimo artístico do biólogo mariño Alfredo López), que tivo un encontro connosco para falar da novela gráfica Cabana de Balieiros, enviounos esta mensaxe de agradecemento. Velaquí: 

Olá:

Moitas grazas, fiquei moi contento do recibimento e da participación, tamén de saber que o conto deu que reflexionar e para debater, é o mellor premio!
 
 Ademais agora xa sei onde está Trazo, volvín por Chaián, cantas lembranzas dos traballos desenvolvidos no Tambre alá polo 1992.

Saúdos para tod@s.

Tokio

mércores, 19 de decembro de 2012

Encontro con Alfredo López "Tokio", biólogo mariño e autor da novela gráfica Cabana de balieiros


Onte tivo lugar un encontro do alumnado de 3º, 3º PDC e 4º da ESO co autor de banda deseñada Tokio (pseudónimo artístico do biólogo mariño Alfredo López), para falar da novela gráfica Cabana de Balieiros, publicada por Demo editorial, e tamén da súa aprendizaxe e posterior evolución no mundo da ilustración.Lembrounos os seus primeiros debuxos no Instituto, as primeiras colaboracións en fanzines e revistas e xa logo como chegou a vivir profesionalmente do seu traballo como ilustrador científico.
Deseguida recuperamos un anaco da anotación de fixemos o curso pasado sobre a publicación da novela gráfica gráfica Cabana de Balieiros:
"No trailer as ilustracións aparecen con música de Manel Cráneo. Non debería faltar en ningún andel de libros e en ningún centro de ensino esta novela gráfica que conta unha historia de acción e aventuras ambientada na Costa da Morte durante o século XIX. Os trazos de Tokio son espléndidos, non o imos descubrir agora, e o guión está moi ben documentado, mesmo con referencias a acontecementos históricos como a traxedia do buque Serpent a carón do cabo Vilán (Camariñas)".
E moitas grazas a Alfredo López Tokio por se achegar ata Viaño Pequeño (Trazo) desde os nosos mares do Sur de Galicia.



Andel de Libros (XXIII): O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz





Gústame moito este libro, pero o último relato non moito. Porque todos os relatos son tristes menos ese último que a min non me parece moito.
E o autor creo que pensou demasiado no pasado e está ben pero debería alternar algo.
Gústanme todos os relatos moito pero o que máis me gustou foi o de “Loanza da filatelia” porque o autor creo que aí pensou moito, porque non é que teña moito sentido meter un diamante nunha caixa de mistos. E despois o que máis me gustou foi o primeiro porque é unha historia moi atractiva, xa que trata dun rapaz que lle demostra que a quere dunha forma que nunca oín, gústame sobre todo por iso.
 
Alba Docampo Noya (3º PDC)

Andel de Libros (XXII): Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz




Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz, Rodeira-Edebé

Este libro xa o lera en quinto de primaria pero non me lembraba do contido. Pareceume un libro entretido, divertido, e que che fai pensar sobre o que pode facer un simple álbum de fotos. O capítulo que máis me gustou foi o quince “Unha conversa no pombal” porque xa case é o desenlace e porque explica todo o que ocorrera entre Lois e a Víbora. Para min este é un dos que máis me impresionou pero non é o meu libro favorito porque hainos mellores. Este libro é recomendable xa que che fai reflexionar sobre as cousas que se pode facer estando enfermo. O que non me gustou do libro foi que ten un vocabulario un pouco difícil e contiña moitas palabras que non entendía.


Penso que podíase quitar un pouco máis do tema de explicar as fotos que poñía no álbum e ampliar máis o tema de Lois e de Branca porque ao final explica un pouco sobre o que lle pasa a Lois coa profesora e podíase explicar un pouco máis sobre que pasou despois.

Daniel González Iglesias (3º ESO)
Este libro gustoume porque fala sobre unha rapaza e os acontecementos que lle suceden durante trece anos de vida por culpa dunha enfermidade que lle chamaban hepatite vírica e que lle impedía ir á escola e facer diversas cousas, xa que tiña que manter repouso completo, dieta, etc., durante dous meses completos.

O libro é fácil de ler porque apenas ten palabras descoñecidas. Poderíao ler quen quixera porque ves como foron transcorrendo os anos dunha rapaza segundo ve as fotografías que lle dá súa nai nunha caixa para que vaia completando o álbum que lle regalou unha amiga polo seu aniversario e así dese xeito poderá ver como foi a súa vida e así non se aburrirá mentres estea na casa sen poder saír.

Margarita Pombo Castro (3º PDC)

  O momento máis importante do libro é cando Lois lle conta a Branca o que fixera a profesora, a víbora, porque foi cando acusaron a Lois de que lle escribira unha carta insultándoa. A min gustoume moito este libro e telo que ler porque o relato lese rápido e é moi fácil de entender. Gústame porque a min encántanme os libros de adolescentes e non lle faría ningún cambio porque o autor o fixo así e así debe quedar. A lingua na que está escrita a novela é fantástica, ademais o seu galego é moi bonito. Eu aconsello ler este libro a aquelas personas que estean desesperadas e se queren ler un libro rápido esta é a lectura perfecta.

Martín Mesías Remuiñán (3º PDC)