Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 13 de xullo de 2016

Adeus a Agustín Fernández Paz, mestre e contador de historias

A comunidade lectora despide hoxe ao mestre e contador de historias Agustín Fernández Paz, tan lido polo alumnado do CPI Viaño Pequeno, que finou onte, día 12 de xullo.

Cartas de inverno e As flores radioactivas son os seus títulos máis escollidos polo alumnado, mais tamén títulos como Rapazas, Trece anos de Branca, Amor dos quince anos, Marilyn, Aire negro, O centro do labirinto, Noite de voraces sombras, Tres pasos polo misterio, A neve interminable e algún máis, porque as persoas que len un dos seus libros adoitan procurar outros da súa autoría.

E no curso 2011/2012 quixemos que estivese connosco no CPI Viaño Pequeno de Trazo, naquela altura xa estaba ferido pola doenza que o levou mais sempre amosou toda a súa vontade e como non podía deslocarse até o noso centro combinamos para lle facer unha entrevista vía Skype, pois o alumnado que daquela cursaba 1º da ESO (a maioría xa no bacharelato) viña de ler o seu libro Lúa do Senegal.

Foi unha experiencia magnífica e o alumnado quedou fascinado coa súa palabra. A calidade de son non é boa, mais é perfectamente intelixible, e na páxina do proxecto interdisciplinar «A feira das Nacións», o alumnado elaborou a entrada que presentaba este video, fermoso documento do seu agarimo e da súa sempre amena e instrutiva conversa. Adeus, mestre!

VIDEOCONFERENCIA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

No Club de lectura limos un libro titulado Lúa do Senegal, que trataba dunha nena senegalesa que vén de Senegal para vivir a Vigo.
Despois, na clase de galego, dixéronnos que íamos falar co autor do libro e elaboramos unhas preguntas para lle facer.
O día de 10 de Marzo tivemos unha videoconferencia con Águstín Fernandez Paz mediante o programa Skype. Tivemos algunhas complicacións técnicas, pero ao final todo saíu ben.
Durante a conversa Agustín contounos que o seu libro iase chamar Cartas do Senegal.
Aprendemos moito escoitándoo.
Púxolle unha pipa de fumar á avoa Feriane porque lle quedaba ben.
Tivo que utilizar o Google Earth para coñecer máis do país e a súa xeografía.
Non sabe Wólof pero si escoitou persoas que o cantaban e o falaban.
Quería situar a historia en Vigo porque na cidade hai moitos senegaleses e el ten moita documentación sobre eles e sobre a cidade.
Púxolle Khoedi á nena porque en senegalés significa lúa.
Este libro traduciuse ao castelán e ao catalán.
Os contos que hai polo medio da historia algúns pertencen a Senegal, e outros inventounos.
E durante a entrevista recomendounos unha película chamada "Moolaade".
Tamén nos recomendou outra película que xa viramos: "Binta e a gran idea".
Contounos moitas máis cousas, que xa escoitaredes no video.
Foi unha actividade moi interesante e gustounos moito.

¡¡ATENCIÓN!!: UTILIZADE AURICULARES PARA ESCOITAR O VIDEO POIS O SON NON É DE BOA CALIDADE

xoves, 23 de xuño de 2016

O noso CPI de Viaño Pequeño (Trazo) no volume Falemos da nosa Historia


A Deputación da Coruña vén de publicar a obra que recolle todos os traballos gañadores das dez primeiras edicións do certame escolar “Falemos da nosa historia”, un concurso que convoca anualmente o CEIP “López Ferreiro” de Santiago de Compostela dende o curso 2003-2004 ata a actualidade e que está aberto á participación de escolares do 3º ciclo de educación primaria e do 1º ciclo da ESO de toda Galicia, sempre con temas relacionados con lendas, mitos ou personaxes históricos, ou costumes, ditos e refráns da nosa tradición, como a noite de San Xoán, san Andrés de Teixido, Pepa a Loba, María Castaña ou Pedro Madruga, entre moitos outros.


No volume figuran os traballos elaborados por varias promocións do noso alumnado do CPI de Viaño Pequeño (Trazo), baixo a dirección e coordinación de Isabel-Cita Sánchez Manso (profesora de Historia xa xubilada e de grato recordo na nosa comunidade escolar) e de moitos outros colexios e institutos de toda Galicia.

martes, 21 de xuño de 2016

Balda de Libros (LXVII): O achado do castro, de Manuel Núñez Singala


(Con este comentario pechamos neste curso 2015 / 2016 a sección de lecturas de Lingua e Literatura Galega que se chamou Balda de Libros. Foron un total de 67 títulos diferentes de narrativa e teatro, aínda que moitos deles foron lidos por varias persoas)


Este libro gustoume moito porque é unha historia que é fácil de ler mais é moi entretida e engánchate dende o primeiro momento no que comezas a lela. Cada vez que estás lendo dánche gañas de seguir máis e máis tempo.
A parte que máis me gusta é cada vez que o emperador di: "Me cago en Nápoles", mellor dito, as partes que máis me gustan porque o emperador cágase moitas veces en Nápoles, porque alí foi onde se coñeceron a filla do emperador, Carmiñae, e o fillo de Arpexia, Manolitus. 
O meu personaxe preferido é o emperador, xa que sempre se está cagando en Nápoles e iso fíxome moita gracia. Tamén me gusta Caleno, porque a pesar de que é o parvo do grupo, sabe saír el só dos problemas.
Recoméndolle ler este libro a toda a xente que lle guste ler, independentemente do tipo de libros que che gusten, xa que esta é unha historia moi boa e moi entretida que de verdade te engancha cada vez máis, ademais é moi doada de ler.

José Barreiro Hernández (4º ESO)


Balda de Libros (LXVI): Integral, de Roberto Vidal Bolaño



A parte que máis me gustou foi cando foi cando lle sacaron a roupa á camareira, pareceume sorprendente e moi emocionante. Cando dixeron que todo era un engano sorprendeume moito, non mo esperaba. Tamén me gustou moito que manteñen os seus papeis sempre cando está o cliente, dende que entra ata que sae.
A parte que menos me gustou foi o principio, parecíame aburrido, un local aburrido sen xente, pero pouco a pouco foi collendo moito emoción ata o punto que parecía que o espectáculo non o ían dar pero como dixen antes o final foi sorprendente.
O personaxe que máis me sorprendeu foi Furelos, pola súa paciencia e pola ilusión que tiña por ver o espectáculo, tamén me sorprendeu o pasado que lle ocultaba ao seu cuñado.
A min este libro gustoume moito polo incrible final que ten, ninguén o espera. A linguaxe pareceume moi fácil aínda que había algunhas palabras que non coñecía, por exemplo acubillar, garbo...
Eu recomendaríalle este libro a Daniel e a Alicia porque estou segura de que lle vai gustar e sorprender tanto coma min.

Laura Mariño Rey (4º ESO)

luns, 20 de xuño de 2016

1º ESO: menudo grupo de cantantes !!


Pois aquí vos amosamos o resultado do traballo poético/musical do alumnado de 1º de ESO nas aulas de Lingua Castelá e literatura. Non nos interesa poñer en valor tanto o resultado como a experiencia-proceso de escribir, reescribir, adaptar musicalmente, gravar, regravar, e por fin, escoitar(nos).
Foi un rico achegamento ao mundo da poesía convertida en rap, coa axuda do gran mestre Narci Rodríguez, traballando en equipo coa profe Asun e co alumnado. 
Cando todo a mundo pon ganas, a aprendizaxe fainos capaces de crear cousas sorprendentes.






venres, 17 de xuño de 2016

Balda de Libros (LXV): Matalobos, de Raúl Dans



Antes, segundo me contou meu avó, cando había caseiros os tempos eran moi difíciles, xa que tiñan que pagar por quedar nesa terra ou dar parte das colleitas.
A min encántame este libro porque Pedro vivía nesa época, recórdame moito a como mo contaba o meu avó. Pero con Pedro non foron xustos, xa que tiñan que ter cumprido o que dixeron, pero se che pasara a ti igual quererías conseguir as túas terras de novo.
Pero en realidade non me gustou moito xa que ao final non lle deron as terras, pero iso acordan os antepasados. Tampouco era para matar a ninguén, pero a palabra era a palabra noutros tempos. 
A escena que máis me gustou foi cando levaron a Pedro para a comisaria e están todos tan tranquilos tomando algo no bar, entra el cunha escopeta e empeza a tiros.
Recomendo ler este libro porque a min recordoume ao que me contaba o meu avó e grazas a iso acabeino de ler rápido.

Iván Rodríguez Paredes (4º ESO)

Este libro gustoume moito e pareceume moi entretido, ademais como é de teatro é bastante breve e lese bastante rápido. Tamén ten un vocabulario moi cotián, e fácil de entender, e as poucas palabras que non coñecía pódense sacar polo contexto. 
Algo que non me gustou moito do libro foi o final, que é orixinal, pero non me gustou que morresen dous protagonistas tan importantes, eu preferiría que morresen os Saavedra e non os Matalobos. 
O meu personaxe favorito é Pedro Matalobos, porque me pareceu un home moi interesante e moi enigmático. 
A parte que máis me gustou do libro foi cando estaban na taberna e Pedro entrou coa intención de matar a un dos Saavedra e Marcelo estaba a pelexar co fillo del porque me pareceu un momento moi tenso. 
Eu recomendaríalle o libro as persoas que lles gusten os libros que te teñen en tensión ata o final, e tamén ás persoas ás que lle gusten as historias de amor, porque este libro tamén trata sobre algúns dramas de amor, como o de Marcelo e Amelia.

Adrián Landeira Pose (4º ESO)

Balda de Libros (LXIV): Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro



As memorias destas dúas personaxes, nai e filla, son moi duras. Porque para a filla é terrible a separación de súa nai, e despois da señora Maruxa. O mal que o pasa cando chega ao hospicio. As monxas que lle pegan, a súa vida faise terrible dende moi pequena xa que vive na miseria.
O tema da guerra encántame, polo interesante e dura que era. O que máis me gustou foi como conta que non só os adultos o pasan mal pola guerra, senón que tamén a xente que non ten culpa de nada, os seus fillos, o que conta perfectamente no libro. O que menos me gustou foi que a asasinaron coma un animal, sen pena por ela nin polo que deixaba atrás ao morrer.
A escena que máis me gustou foi cando María se da conta de que súa nai non fixera nada malo, senón que só quería gardar algo que lle recordara a seu marido. O que non me gustou demasiado foi como morren os personaxes, xa que María e súa nai non se merecían morrer así,

Iván Rodríguez Paredes (4º ESO)

Balda de Libros (LXIII): Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala



Este foi sen dúbida algunha o libro de galego que máis me gustou, xa que é moi divertido. A linguaxe é bastante doada de entender, é moi clara e compréndese ben. 
A miña escena preferida de todas foi cando cando Luci lle chamou polo seu nome completo a Diña e esta contéstoulle: "E dálle co nome". Esa escena fíxome rir moito. As chamadas da señora que pregunta pola lavandería industrial fixéronme rir moito tamén. 
Os personaxes que máis me gustaron e que máis divertidos me pareceron foron por un lado as siamesas Lana e Lina, fixéronme rir moitísimo. Ademais tamén me gustou Luci, aínda que non me fixera rir tanto, gustoume moito o seu papel. O personaxe que menos me gustou foi Pepe, xa que intenta subornar ao do xurado dicíndolle que rompa a cartolina vermella. 
Para min este libro paréceme perfecto tal e como é, eu non cambiaría nada. O final tamén me gustou moito. Pareceume moi divertido, cando chega o anxo dicindo que todo foi un erro.

Daniel Castro Álvarez (4º ESO)

A min este libro gustoume bastante porque defende a patria e o idioma galego e eu son galego.
Aínda que ao principio parece un pouco difícil despois engánchate e acabalo lendo e pasándoo ben. Ademais faino dun xeito cómico e divertido e iso fai que a lectura sexa mellor, ou polo menos a min así me resultou. 
O personaxe que máis me gustou foi o Anxo porque foi o que dixo que ese xulgado non valía. E os personaxes que menos me gustaron foron dúas, Lina e Lana, porque parecíanme moi "pijas" e moi presumidas, que non falaban galego porque non era "fashion".
A min o final sorprendeume moito xa que ese xulgado non valía para nada e non mo esperaba. Aínda así non llo cambiaría porque non me resultou desagradable. 
O libro pareceume que tiña vocabulario non moi difícil aínda que non me resultou moi fácil facer un resumo. Recomendaríallo á xente que lle guste a comedia, e que lle guste Galicia.

José Luís Mirás Otero (4º ESO)

xoves, 16 de xuño de 2016

Balda de Libros (LXII): Cita co diaño, de Raúl Dans



Este libro gustoume bastante, aínda que me pareceu algo complexo de entender por mor dos saltos de tempo. O vocabulario é fácil de entender, salvo algunhas palabras, pero en xeral o léxico é bastante fácil. 
O momento que máis me gustou do libro foi cando Mefistófeles lle amosou a Xoán o seu futuro se finalmente decidía non asinar o contrato con el para poder conseguir todo o que quixese. 
A escena que menos me gustou foi a do principio de todo onde aparece Xoán illado na cela, porque me resultou moi sinistra. 
O meu personaxe favorito de toda a historia é Xoán, porque é o protagonista da historia, tamén me gusta este personaxe porque me parece curioso como actúa, xa que cando era maior e estaba na cela parecía moito máis apático que cando era novo. 
Este libro recomendaríallo á xente á que lle gusten as historias de fantasía con personaxes doutros mundos, como o diaño, aínda que pode resultar un pouco complicado de comprender.

Adrián Landeira Pose (4º ESO)

Este libro gustoume moito, moito, primeiro porque me gusta o teatro, e despois porque é unha historia moi bonita, moi bonita que utiliza o Flash-back xa que a maior parte do contido é contado no pasado e logo volve á actualidade, ese paso de tempo fai que a historia sexa máis bonita e interesante.

O momento máis importante da historia é cando Xoán o protagonista principal asina un contrato co Diaño, que consistía en que se o firmaba ía a ter un futuro como el quixera, pero só durante 24 anos. Ao pasar ese tempo o Diaño iría a onda el e para que lle entregara a súa alma e acabaría morrendo. E así foi, Xoán firmou o contrato e ao cabo de 24 anos morreu.

Na historia hai poucos personaxes que son moi reais, agás o Diaño. 

Recoméndolle a todas as persoas que lean esta obra de teatro xa que é moi curto e moi fácil de ler, xa que o les de contado pois ten un vocabulario moi sinxelo e coloquial e ademais é moi curto .

Sergio Arias García (4º ESO)

Balda de Libros (LXI): Os vellos non deben de namorarse, de Castelao



Este libro gustoume moito aínda que non é dos meus preferidos. A portada deste libro non me gustou, paréceme fea. O debuxo da careta que hai nela non me gusta nada. 
A miña escena preferida é despois da morte do boticario Saturio xa que as súas irmás non paraban de laiarse berrando o seu nome. Esa escena pareceume moi divertida e cando lemos o libro na clase non paraba de rir. 
Os meus personaxes preferidos son os amantes Micaela e o portugués xa que xuntos queren enganar a Don Ramón para así quitarlle as propiedades. Aínda que despois da súa morte, Micaela pareceume moi egoísta por laiarse de non poder lucir os panos de cores que Don Ramón lle regalara, xa que ao morrer tiña que ir de loito. 
Eu, persoalmente, deste libro non cambiaría nada, paréceme que está moi ben relatado e organizado. O epílogo pareceume orixinal, xa que se encontran os tres vellos. 
En resume, este libro gustoume moito.

Daniel Castro Álvarez (4º ESO)


Este libro pareceume moi interesante xa que fala de temas que se poden dar na realidade como a xente que casa polo diñeiro e do egoísmo da xente moza que só quere poder.
A historia que máis me gustou foi a primeira (a do boticario) xa que os personaxes me parecen máis leais e menos interesados que nas outras historias, tamén me gustou cando a morte se quería matar por amor e o boticario lle chamou tolo cando ao final el morreu por amor a Lela.
A historia que menos me gustou foi a segunda porque non me gustou que armasen ese plan entre Micaela e o seu amante para sacarlle os cartos ao vello e despois casan eles cos seus cartos e as súas pertenzas.
Da terceira historia non me gustou como se comportaron os pais con Pimpinela porque ela non quería ao vello, ela estaba namorado do mozo que tiña e por culpa da presión tivo que casar co vello e gardar loito porque acabou morrendo.


Laura Mariño Rey (4º ESO)

Este libro gustoume moito e pareceume bastante fácil de ler, hai algunhas palabras e expresións que non me resultaron doadas de entender, pero non tantas como para non entender o libro. 
O momento do libro que máis me gustou e máis me chamou a atención foi cando estaban os tres vellos no cemiterio e o señor Fuco contoulle ao Boticario e a don Ramón o que fixeran as rapazas cos seus cartos tras as súas mortes. 
O momento que menos me gustou foi cando morreu don Ramón porque non entendín ben a súa morte. 
O meu personaxe favorito de todo o libro é o Boticario porque me pareceu o máis intelixente de todos os personaxes, a pesar de que se suicidou porque a rapaza da que se namorou non o quería e casou con outro home.
Eu o libro recomendaríallo á xente que lle gusten os libros de mortes e dramas románticos, tamén á xente á que lle gusten os libros un tanto cómicos, porque ten momentos que son divertidos.

Adrián Landeira Pose (4º ESO)

Este libro gustoume bastante porque contén tres lances e un epílogo moi interesantes. O lance que máis me gustou foi o primeiro, a do señor da botica, Saturio, e Lela, porque é a que máis me entretivo. O que menos me gustou foi o de don Ramón e Micaela, porque me pareceu moi aburrida e os personaxes non me caeron ben. 
A mellor parte do libro pareceume que foi cando morreu don Ramón, porque me parecía moi parvo e maleducado. A peor parte foi cando o mozo deixa a Pimpinela, porque eu quería que casara con el, e non co señor Fuco. 
O meu personaxe favorito é a morte, porque era misteriosa. 
Non me gustou o epílogo, porque me pareceu moi aburrido que só falen os tres vellos e non había intervención do resto de personaxes. 
Do libro tamén me gustou que foi fácil de ler, xa que ten un vocabulario moi sinxelo. Este libro recoméndollo a quen lle guste a literatura da época de Castelao, porque non me parece moi actual.

Alicia Guillín Casal (4º ESO)

Este foi o mellor libro dos poucos que levo lido tanto en castelán como en galego,é o meu libro favorito porque trata de tres historias que acaban do mesmo xeito, son sobre tres vellos moi ricos que se namoran e tres mozas pobres. No principio da historia aparece a morte e dille aos vellos que se se namoran a esa idade acabarían morrendo, pero eles non lle fixeron caso e namoráronse das mozas e acaban morrendo os tres de diferente maneira.

Este libro está dividido en tres historias amorosas que contan as diferentes maneiras de namorar a Lela. Micaela e Pimpinela.

Tamén escollín este libro porque o autor é Castelao e é o meu escritor favorito.

Recoméndolle a todas as persoas que lean esta historia porque é moi bonita e tamén moi recoñecida na literatura galega, ten un vocabulario moi sinxelo e é moi fácil de ler, tanto que se le moi rápido porque é moi entretida e moi curta e ao ser teatro lelo en nada de tempo.

Sergio Arias García (4º ESO)

Este libro xa engancha desde o principio porque empeza moi interesante. É unha comedia e a min fíxome gracia, ademais non ten moitos personaxes, e ten varios actos así que se non che gusta un ao mellor pódeche gustar o seguinte. 

Esta obra de teatro ten bastantes acoutacións e iso gústame porque así sabes bastante información dos personaxes. Este libro ten tres lances un para cada vello e a min gustáronme os tres. O texto tamén era bastante fácil e claro, entendíase bastante ben. O meu personaxe favorito é Don Ramón porque pareceume moi gracioso. O personaxe que menos me gustou foi Micaela porque non me gustaba como actuaba. O final tamén me sorprendeu porque non me esperaba que fosen morrer os tres vellos pero gustoume o desenlace.

A min este libro gustoume moito porque é un libro curto que se le rápido.  Este libro recomendaríallo ás persoas que lles guste o teatro e sobre todo a comedia.

José Luís Mirás Otero (4º ESO)

martes, 14 de xuño de 2016

Balda de Libros (LX): Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro



Gustoume moito este libro, escollino porque fai uns anos, o alumnado de 4º ESO de Música fixeron unha interpretación con monicreques, e pareceume interesante ler o libro porque case sabía todo o seu contido grazas á obra que realizaron. 

Non teño parte preferida no libro, gustoume todo, pero se tivera que escoller unha parte preferida sería cando encontran todos os outros personaxes xa que é bastante interesante a maneira en como os encontran. A parte que menos me gustou foi o final xa que morren todos nun bombardeo.

Ten como nove personaxes, pareceume moi interesante que ao comezo do libro só aparecen dous, León e Flor, e os outros vanos encontrando polo camiño.

En canto ao vocabulario pareceume bastante doado de entender, pero tamén ten algunhas palabras que non sei o seu significado, e tamén ten algunhas palabras dialectais que non son da miña zona.

Recomendaríallo a todas as persoas xa que é moi interesante.


Manuel Vázquez Noya (4º ESO)

Balda de Libros (LIX): Conta saldada, de Suso de Toro


Baixo o meu punto de vista, Conta saldada é un libro bastante interesante, aínda que un pouco ficticio. Tamén teño que dicir ao seu favor que é bastante doado de ler, xa que non emprega vocabulario difícil. O que menos me gustou foi o principio do libro, xa que a aparición do pai de Catuxa na pantalla do ordenador afástase por completo da realidade.
O libro, pouco a pouco, váiseme facendo máis intrigante, xa que aparecen armas, o que me leva a ler o relato canto antes para saber o que sucede ao final.
Gústame moito a función que desempeñan os personaxes nesta novela.
En conclusión, recoméndolle este libro aos meus compañeiros, non só porque é faciliño de ler e curto, senón porque seguro que pasan un bo momento léndoo.
Recomendariallo especialmente aos rapaces ou rapazas aos que lle gusten os libros nos que saian armas ou nos que haxa asasinatos.
Samuel Vieites Abelenda (4º ESO)

Balda de Libros (LVIII): Salitre, de X. H. Rivadulla Corcón



Encantoume este libro, o que máis me gustou del foi o final, xa que non me esperaba para nada que Manuel recuperase o mar. Tamén me gustou moito cando Manuel se dá de conta de que, para el o máis importante é Marina, amaba máis que o mar.

O que me sorprendeu foi que morreran personaxes, xa que non é unha historia na que parece que vaia morrer ninguén, penso que non facía falta que morrera ningún personaxe. E a parte que menos me gustou foi o comezo, xa que é moi aburrido.

En canto á escrita custoume entender algunhas palabras, xa que moitas delas son palabras que usan os mariñeiros ou eu non sei o seu significado, tamén usan dialectalismos que entendo pero que non son da miña zona.

Recomendaríalle o libro ás persoas que viven cerca do mar, aos que lles gusta moito o mar ou a xente que a súa profesión sexa a de mariñeiro, pero non só a eles, a todas as persoas porque é moi interesante.

Manuel Vázquez Noya (4º ESO)



Balda de Libros (LVII): O heroe, de Manuel Rivas



A min non me gustan os libros de teatro, porque non me gusta que non haxa narrador, nin que antes de cada intervención estean escritos os nomes dos personaxes. 

A parte que menos me gustou foi cando conta a experiencia de Caronte no cárcere, porque non me gustaron as cousas que lle facían para que confesara, como meterlle a cabeza na auga durante un anaco ata que tivese apunto de quedar sen respiración, e quitábano. 

A parte que me gustou un pouco máis foi cando chegaron os homes da sombra, porque lle deron deron emoción ó libro. 

O personaxe que máis me gustou foi Caronte, porque foi boxeador e a min gústanme as pelexas de boxeo, tamén me gustou o personaxe de Lucía, porque era cantante e apoiaba en todo o seu marido Caronte, ela era a muller que cantaba ao principio e ao final dos combates de Caronte. 

A min este libro gustoume moi pouco, porque é un libro aburrido difícil de comprender, porque tiña moitas palabras que non entendía.

Adrián González Lage (4º ESO)


Balda de Libros (LVI): O asasino invisible, de Xosé Durán



Este libro pareceume moi interesante porque cada vez aparecen cousas novas e ademais eu sempre quero saber o que pasa ao final como por exemplo cando Sil inventara a máquina do tempo. 

A parte que máis me gustou foi cando descubriron ao asasino  e tamén me gustou cando entre todos construíran unha nave enorme para que poidesen viaxar cara a Marte e tamén cando chegaron a Marte ocorréuselles construír unha estación espacial só para eles.

Á parte eu non lle cambiaría nada porque está ben escrito e quen lea este libro seguro que lle vai a encantar porque ademais de que esté ben e coma se fora un vicio. 

A min este libro pareceume bo porque ten unha linguaxe sinxela excepto algunhas palabras que se poden sacar polo seu contexto. A miña opinión sobre este fascinante relato é que se lle debería recomendar a rapaces ou rapazas aos que lle gustase ler libros sobre as novas tecnoloxías ou tamén sobre a informática.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)