Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 24 de xaneiro de 2022

Book tráiler (XXXIV): Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly. Realizado por Carla Caramés Rivas

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly (col. Árbore. Galaxia, 2013). Realización youtubeira: Carla Caramés Rivas, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

xoves, 13 de xaneiro de 2022

Book tráiler (XXXIII): Ameaza na Antártida, de Ramón Caride. Realizado por Cristina García Regueiro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Ameaza na Antártida, de Ramón Caride, con ilustracións de Miguelanxo Prado (col. Merlín. Xerais, 2000). Realización youtubeira: Cristina García Regueiro, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

mércores, 12 de xaneiro de 2022

Book tráiler (XXXII): Book tráiler de Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Realizado por Lucía Rey Martínez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas (col. Merlín. Xerais, 2014). Realización youtubeira: Lucía Rey Martínez, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

luns, 10 de xaneiro de 2022

Parabéns a Aitana Noya Santos (2º ESO), 2º premio no VI Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)


(Na imaxe reproducimos a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio), que tamén se pode ler nesta ligazón:

https://axendacultural.aelg.gal/2021/12/29/acta-do-xurado-do-vi-certame-de-narracion-breve-mestre-manuel-gacio/)

Aitana Noya Santos, alumna de 2º da ESO no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser gañardoada co 2ª premio no VI Certame Literario convocado po Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. Aitana presentou o relato “Solpor no Pico Sacro”, co pseudónimo A. Trazo.

Os nosos parabéns a Aitana!

E velaquí o relato que enviou Aitana:

SOLPOR NO PICO SACRO

Amencía en Santiago de Compostela.

9.07 am:

Estaba estacionada nun hotel de 5 estrelas. A través das fiestras podíase ver o famoso Pico Sacro. Estaba soa nesa cidade descoñecida para min, necesitaba estar soa. Ás veces a xente dicíame porque me gustaba tanto a soidade, pero eu penso que é un sentimento moi fermoso.

10:43 am:

Collín o meu libro preferido de Marie Condo, e saín do hotel. Collín o bus que pasaba cada 20 minutos pola parada. Nun abrir e pechar de ollos xa me encontraba no Pico Sacro. Non era o mellor día para ir visitar este, xa que había moita néboa, pero aínda así era un lugar moi impactante.

Comecei a subir por aquelas inseguras escaleiras de madeira, pouco despois vin unha pequena cova pero estaba moi escura así que proseguín co meu percorrido polo Pico Sacro.

11:15 am:

Xa me encontraba na cima deste. Como era cedo só había un grupo de rapaces alí. Era un sitio reconfortante, sentía que todos os meus problemas nese momento esfumábanse e só quedaba tranquilidade. Non tiña palabras para dicir como se sentía estar no alto do Pico Sacro. Era “perfectamente imperfecto”.

Senteime nun dos bancos que hai xusto no borde do precipicio, e simplemente estiven observando a cidade de Santiago. Estiven moitos minutos sen sacar ollo, e cheguei á conclusión de que “esa era a miña cidade”. 

11:56 am:

Pensei que ía a facer o resto do día, xa que mañá marchaba cara Pontevedra outra vez. Decidín ir buscar un sitio para máis tarde poder xantar, e despois volvería ao Pico Sacro a ver o anoitecer.

Collín o mesmo bus que pola mañá para ir cara á zona vella de Santiago, xa que me dixeran que alí se comía moi ben.

14:40 pm:

Xa comera ración de polbo á galega, e ía a polos famosos bicos de xeado desta cidade.

Pedín un de chocolate e abelás de tamaño medio, que por certo estaba para chuparse os dedos. Aínda era moi cedo para volver ao Pico Sacro, xa que o anoitecer non se vería ata as 19:00 pm, pero botaba en falta ese loable lugar. Ía ir cara alí, sen dúbida ningunha.

16:00 pm:

Alí estaba, no lugar que me namorara da contorna de Santiago, e que me poñía a pel de galiña.

Non necesitaba nada material pra que se me pasase o tempo voando naquel lugar, era máxico, polo que case sen eu decatarme fíxose de noite.

19:30 pm:

Era o momento.

O sol ía desaparecer, e a lúa chea iluminaría o ceo. O mellor é que eu podería ver ese momento desde o Pico Sacro.

Facía frío, moito frío, pero non era nada comparado coa emoción que sentía nese mesmo instante. O ceo xa estaba algo alaranxado, e o sol estaba moi baixo.

Nese preciso momento sucedeu, o sol esfumouse e no ceo só se vía unha escura cor, acompañado de pequenas estrelas.

Non quería que se acabase ese día, quería repetilo unha e outra vez ata que me cansara. Marchei de alí facéndome unha promesa a min mesma.

Cada vez que me sentise mal, ía vir aquí, e estaba segura de que marcharía encantada.

6:00 am:

Xa tiña a maleta feita, e ía coller o tren para volver a Pontevedra. Despedíame desa cidade con bágoas nos ollos, sabía que non esquecería aquela viaxe, estaba segura.

Esa era a “ miña cidade”.

Pseudónimo: A.Trazo

***

Neste mesmo certame xa foran premiadas Mirian Otero Sande na edición de 2017 (que podedes ler premendo nesta ligazón) e Alicia Martínez Rodríguez na edición do ano pasado, no pandémico 2021, que non celebrou aínda a súa Gala de entrega, mais deseguida tamén reproducimos o seu relato:

Contos de Bruxas

Como acabei así?

Estou sentada entre unhas pedras, ao carón da Capela de San Sebastián, rodeada de plantas e coa única compañía dunha pantasma. Si, oístes ben: unha pantasma.

Supoño que escoitariades falar sobre as meigas da idade media, pero sei con certeza que nunca ninguén vos explicou todo sobre o porqué do cruel asasinato destas (e que o vivise de primeira man). Eu si. O espírito que me acompaña foi unha desas meigas, quen me explicou o que está a facer aquí hai uns intres.

O rostro pálido de Celsa da Ponte está a fitarme cos seus ollos baleiros e negros (sen esclerótica nin iris) mentres os seus cabelos flotan ao redor da súa cabeza.

Coñecina cinco minutos atrás. Ela contoume como fora a súa vida e o porqué de seguir no limbo entre a vida e a morte. A conversación que mantivemos foi máis ou menos así:

Ti quen es? —estaba realmente aterrada. Imaxina por un segundo que un espírito sen ollos e con toda a súa non-masa gris estea a mirarte... A que dá arrepío. Pois isto era mil veces peor! —Hai tanto que ninguén me pregunta iso. —A pesar da súa rexia figura, o eco da voz que un día tivo a muller é sibilante e claro; ademais é como se resoara dentro do meu cranio. Logo dunha pequena pausa, a súa voz volve a soar—: Chámome Celsa da Ponte.

Eh...?

Non, non te preocupes —ela ben sabía o que eu quería dicir—. Só ti podes verme. Son completamente invisible para o resto do mundo, e ti para eles.

Por que estás aquí... comigo? —agora non me detén.

Non te deteño porque boto de menos falar. Respondendo á pregunta que formulaches coa boca e non co pensamento: veño a contarche a miña historia, a cal tamén che pertence a ti e á túa familia. Unha lenda con moita verdade e que se leva contando dende hai uns 400 anos. Así comezou a narrar un conto que só un tolo crería, pero que no século XVI era o normal. Ela nacera nunha familia de artesáns. A súa nai só puidera ter 5 fillos, pero dous deles morreran polas pestes de inverno; o pai traballaba nun gremio xunto con outros cabezas de familia e unha viúva cun único fillo. A súa irmá era cinco anos maior e casara cando Celsa só tiña sete anos (era nai de sete fillos cando esta morreu); o seu irmán, en cambio, estaba solteiro, pero desfrutaba de vivir aventuras coas mozas da vila. El estudaba para ser monxe, polo que non debería casar, senón xurar castidade eterna no nome de Deus, mais, ao igual que os sacerdotes da época, ninguén lle impedía ter liberdades persoais. Celsa sempre quixera ser coma os seus irmáns: quería ter unha boa vida cun marido e fillos ou ben estudar para ser monxa. Os seus pais non permitían ter unha monxa, posto que o de estudar nunha muller non ía ben, e o diñeiro que puidera traer un home máis á familia non podía rexeitarse.

Así foi que casou con doce anos co fillo da viúva do gremio, o que garantía máis man de obra e diñeiro para a familia. Con trece anos ela non tiña ningún fillo. «Isto é unha desgraza! Non hai diñeiro nin herdeiros nin sangue que herdar!» laiaba sempre o pai. Pola contra, a nai dicía que ao mellor era porque a rapaza non estaba preparada para iso, que era moi nova. —Parvadas! Ti coa súa idade xa tiñas á rapaza e ao home que hoxe é o noso fillo.

Así era sempre: o home falaba, a muller calaba. Se non tiñas fillos, a túa familia eran parias da sociedade.

Con dezaseis, quedara embarazada. O seu marido dicía: «Por fin alguén levará o meu apelido». A alegría durou pouco, pois, aos oito meses, Celsa tivo un parto doloroso. Ela sobreviviu de milagre, pero a criatura que levaba no ventre, non. A tristeza ameazaba con matala, pero soportouno.

Co que non puido foi coa prematura morte do home co que casara. Un inverno despois da morte do bebé, Johán contraera un arrefriado que gañou o combate en só tres días. Ela viuno morrer. No momento chamou berrando polos veciños, que ao ver o cadáver, ataron á pobre muller de mans e pés para ser xulgada unha semana máis tarde.

Así, o xuízo foi presidido polo seu irmán, quen a acusou de meiga e a mandou aforcar ao comezo da seguinte xornada. De fondo soaban as voces dos cidadáns de Vedra, quen recitaban, entre outras cousas: «Pico Sacro, fai que esta bruxa arda no inferno».

Xusto antes de perder a vida colleu unha afiada pedra ao pé da forca e cortou o pulso, axeonllouse e berrou:

Eu maldígote. Sufrirás enfermidades e pesares, fame e dor. Os teus descendentes morrerán con sufrimento e remordemento, ao igual que ti.

Foi entón cando lle taparon a boca e, coa soga ao pescozo e sen poder volver a respirar, a maldición chegou ao ceo. A súa forma espectral perseguiu aos herdeiros do cura, até chegar a min: a rapaza que está a contarvos isto e que vai a dicir:

E que queres que faga eu?

Que me perdoes —rogou—. Só así rematará o tormento de ambas.

Perdóote, Celsa da Ponte.

E con esas únicas palabras rematou o sufrimento dunha familia dividida polo odio de hai 500 anos. 

Pseudónimo: A. Lici

domingo, 19 de decembro de 2021

Book tráiler (XXXI): Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure. Realizado por Manuel Pardal Noya

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure, con ilustracións de Fernando Martín Godoy. Tradución de Ignacio Chao. (col. Sopa de Libros. Xerais, 2003). Realización youtubeira: Manuel Pardal Noya, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

Conta de Libros (XIII): Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey

Mutacións xenéticas. Fina Casalderrey. Xerais 

A min este libro gustoume moito xa que é moi interesante e a súa historia engancha bastante. Ten poucas paxinas e é moi fácil de ler xa que non ten case ningunha palabra complicada. Pero o que máis me gustou é que o avó de Adrian traballaba nun proxecto secreto colaborando co goberno e por iso se mantén escondido no medio das montañas. 

O avó de Adrián é moi precavido e case sempre que vai a algún sitio vai de incógnito para que non descubran a súa localización exacta e lle paren o seu proxecto secreto, el viste unha bata branca e un pantalón vaqueiro azul, está medio calvo e usa unhas lentes. 

Adrian é un rapaz moi intelixente pero non ten confianza nas persoas, por iso ao principio da historia dicía que non quería ir de vacacións con seu avó que ía ser unha viaxe moi aburrida. Adrian é unha persoa moi curiosa é entusiasmada, que viste un suadoiro negro e un pantalón negro. 

Sergio Señarís Suárez (3º ESO)

Conta de Libros (XII): A punta de pistola, de Fran Alonso

A punta de pistola. Fran Alonso. Xerais 

A min este libro gustoume moito xa que trata de dous adultos que non son aptos para coidar os seus dous fillos e por iso están nun centro de acollida. 

A personaxe que mais me gustou é Pixie porque non se deixa influír polos demais nin polo seu pai, el a pesar de ser pequeno decátase de que seu pai o utiliza para o seu propio beneficio e por iso el sempre intenta fuxir e a min iso paréceme moi valente, xa que para fuxir tería que abandonar a toda a súa familia. 

Neste libro conta como dúas historias que ao principio parece que non teñen nada en común, pero segundo vas lendo as dúas historias empezan a cobrar mais sentido. Esas dúas historias son Celia a camioneira e A punta de pistola. 

O que a min me parece o máis importante da historia é cando teñen que cruzar o control policial para poder coller a estrada cara A Coruña. 

Sergio Señarís Suárez (3º ESO)

Book tráiler (XXX): Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey. Realizado por Sergio Señarís Suárez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2008). Realización youtubeira: Sergio Señarís Suárez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

Book tráiler (XXIX): A punta de pistola, de Fran Alonso. Realizado por Sergio Señarís Suárez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A punta de pistola, de Fran Alonso (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2012). Realización youtubeira: Sergio Señarís Suárez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

Book tráiler (XXXVIII): Corredora, de María Reimóndez. Realizado por Nerea Sánchez Castro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Nerea Sánchez Castro, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

Book tráiler (XXXVII): Reo, de Xesús Fraga. Realizado por Nerea Sánchez Castro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Reo, de Xesús Fraga (col. Costa Oeste. Galaxia, 2012). Realización youtubeira: Nerea Sánchez Castro, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

Book tráiler (XXXVI): Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste. Realizado por Valeria Vásquez Fernández

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler do libro Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste (1926. 3ª ed. col. Narrativa. Galaxia, 2014). Realización youtubeira: Valeria Vásquez Fernández, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)

Conta de Libros (XI): Os dous de sempre, de Castelao.

A min este libro paréceme moi interesante xa que nalgúns momentos, por non dicir a maior parte deles, podemos ver como era a vida antes. 

As personaxes deste libro están moi ben desenvoltas xa que son dúas caracterizacións moi diferentes entre elas e a vida das dúas personaxes principais é moi interesante. A miña personaxe favorita é Rañolas xa que a súa vida é un gran exemplo de esforzo que a maioría deberíamos seguir e tomar de exemplo. 

O momento do libro que máis me gustou é cando o Pedriño empeza a ter unha vida un pouco máis doada aínda que nalgúns aspectos non o merecía debido a que é moi deixado.

Gústame moito que o libro teña ilustracións feitas polo propio Castelao e grazas a elas a narración mellora bastante e é máis doado de ler e entender. 

Non lle faría moitos cambios a esta novela clásica pero si que eliminaría a morte de Rañolas por un final un pouco máis feliz, xa que é unha personaxe á que ao longo do libro lle collín moito aprecio. 

Este libro recomendaríao a persoas da miña idade para que teñan unha lectura amena cunha novela clásica debido a que a xente dos meus anos non está afeita a ler novelas de épocas máis antigas.   

Ana Señarís Veiras (4º ESO) 

Para min o momento máis importante do libro é cando Pedriño casa, xa que se separatotalmente da tía Ádega e a súa vida cambia por completo en todos os sentidos. 

O libro pareceume interesante porque reflicte a vida destes dous personaxes, Rañolas e Pedriño, naquela época que era tan diferente á actualidade. 

No desenvolvemento, se tivese que cambiar algo, falaría algo máis de Rañolas porque de Pedriño xa se fala bastante. Con respecto ao desenlace deste libro, o final sorprendeume moito xa que para nada o esperaba nunha historia coma esta. 

O meu personaxe favorito é Rañolas, porque a pesar de todas as dificultades que se lle presentaron na súa vida sempre intentou seguir para diante. O personaxe que menos me gustou foi Filomena, a sogra de Pedriño, porque o trata con moito desprezo e indiferenza. 

A lingua resultoume fácil de entender aínda que hai moitos arcaísmos e hipergaleguismos no texto. O libro gustoume e recomendo lelo.

Lucía González Castro (4º ESO)


A min este libro gustoume moito, nunca antes tivera oportunidade de ler unha obra dun autor tan coñecido como Castelao, neste caso Os dous de sempre é un libro que che explica moi ben a vida de dous rapaces, concretamente Pedriño e Rañolas. 

Os dous son moi distintos, xa que Pedriño é un rapaz ben feitiño e aínda que non é de clase social alta non ten problemas económicos. Pola contra Rañolas é un rapaz eivado e por se fora pouco ten moitos problemas económicos. 

Respecto á linguaxe, non é complicado de entender, si que é verdade que ao ser un libro un pouco máis antigo hai palabras que eu non utilizaría hoxe en día, o bo é que moitas delas pódelas comprender polo contexto.

En xeral gustoume moito e lino bastante rápido porque ao final acábate enganchando xa que queres saber como remata a historia de Pedriño e Rañolas, penso que é un libro que debería ler todo o mundo.

Sonia Muíño Riomayor (4º ESO)

Conta de Libros (X): Senlleiras, de Antía Yáñez

Senlleiras. Antía Yáñez. Galaxia 

O libro de Senlleiras a min persoalmente gustoume moito xa que fala dun tema moi actual na sociedade e ao que se lle debería dar máis valor, ademais esta novela non só conta a historia dunha muller senón que segundo vai ocorrendo a historia vanse sumando máis mulleres. 

A historia enténdese bastante ben e non ten moitas complicacións xa que eu non sabía que significaba Senlleiras pero o interior do libro xa cho explica e así faise máis ameno porque che axuda a entender mellor as palabras, aínda así é bastante sinxelo de ler e a min enganchoume. 

Se tivera que escoller o momento máis importante sería cando se descobre toda a verdade sobre o asasinato da rapaza protagonista. Cabe destacar que a eu ao principio enredeime un pouco cos personaxes pero a medida que fun lendo xa o ía tendo máis claro. En definitiva este libro gustoume moito e pareceume moi entretido.

Sonia Muíño Riomayor (4º ESO)

Conta de Libros (IX): Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste

Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste. Galaxia 

O libro está bastante ben. Son varios contos doados de ler debido a que as súas historias son moi curtas. O malo é que o vocabulario non é moi actual e algunha palabra non se entende moi ben.

A historia que máis me gustou foi a primeira “Sobre da morte de Bieito”, porque me pareceu bastante divertida.

A que menos me gustou foi “O vagabundo”, porque penso que é a máis aburrida comparando con outras.

Unha das moitas cousas que me gustou deste libro son os finais. Estes son moi abertos e non sabes exactamente como vai acabar o conto, entón pódeste imaxinar ti como queiras o desenlace, é dicir, acabar a historia ao teu gusto.

Nunca lin ningún libro de Rafael Dieste pero a verdade é que me gustou bastante a súa maneira de expresar os acontecementos e seguramente lea outras obras súas como por exemplo A fiestra valdeira.

Dos arquivos do trasno recomendaríallo a todas as persoas que queiran ler un libro nun día e pasar un entretido tempo de lectura, xa que con estes contos iso telo asegurado. 

Ana Señarís Veiras 4ºESO

A min este libro gustoume moito xa que é un libro diferente á hora de ler, porque ten varios contos e non é un só. 

A historia que máis me gustou de este libro foi a de "Sobre da morte de Bieito" xa que me parece unha situación moi ben descrita e ademais moi divertida porque non te aburres ao lela e para min é unha cousa que valoro bastante, iso de que o libro non me aburra e me siga parecendo interesante ou divertida a historia. 

Pola contra o relato de "O caso dos tres fornos", ó contrario da outra historia paréceme unha historia bastante aburrida e non me chama a atención ao ler porque non é unha narración que te atrape para seguir léndoa, todo o contrario só queres que se termine pronto para que se acabe. 

O libro pareceume moi fácil de ler e ademais ao ser historias curtas e entretidas. Un día que te atopes sen nada que facer é una boa opción para ler e pasar así o tempo sen estar co teléfono, televisión ou ordenador. 

Paula Moar Iglesias (4º ESO)

A min este libro a verdade é que me gustou bastante porque non é só unha historia senón que se narran varios contos que son moi breves. 

As historias que amosa son moi entretidas, interesantes, intrigantes e misteriosas xa que che deixan coa intriga de que puido ocorrer na historia até o final. 

Gustoume moito tamén porque deixa a túa imaxinación desenvolver e intuír o que puido ter ocorrido ao final de cada un dos contos, e é algo que persoalmente gústame bastante. 

As miñas historias favoritas deste libro son a dos señores Resende porque para min foi a que máis intriga me deixou e a da nena que se chamaba Estreliña xa que esta é a miña personaxe favorita porque me pareceu moi boa persoa. 

O vocabulario que ten este libro en xeral é bastante doado pero algunha que outra palabra é algo difícil de entender para min. 

Valeria Vásquez Fernández (4º ESO)

A min este libro gustoume moito, é sinxelo de ler, xa que non se fai nada denso como outros libros que lin polo feito de estar dividido en 20 pequenos relatos. Ademais pese a ser unha obra máis antiga non ten complicacións na linguaxe.

Se tivera que escoller un só relato sería HISTORIA DUN XOGUETE xa que esta breve narración explica moi ben que antes a cativada non se podía permitir o luxo de comprar xoguetes así que usaban calquera cousa para xogar, non como agora que hai xoguetes de todo tipo. Cabe destacar que aínda así todos os relatos son entretidos.

Unha cousa que me chamou moito a atención deste libro foi que Rafael Dieste naceu en zona costeira concretamente en Rianxo onde pasou parte da súa vida, debido a iso a maioría de relatos deste libro transcorren ou sitúanse en zonas costeiras e algúns incluso falan da vida mariñeira.

Sonia Muíño Riomayor (4º ESO)

Este libro é un tanto diferente ao resto de libros, porque consta de varios contos de diferentes temas pero que comparten unha característica, que todos os contos teñen un final sen especificar ou sen rematar, como se se tratase de que detrás das historias houbera un trasno, facendo referencia ao título do libro.

É un libro rápido e sinxelo de ler aínda que algunhas palabras do vocabulario resúltanme un pouco confusas e un pouco difíciles de entender, máis ao ver o contexto no que están podo chegar a entendelas sen problema ningún.

O conto que máis me gustou foi o titulado “ Sobre da morte de Bieito”, xa que me parece un pouco estraño o ocorrido nel. Tamén outro dos que máis gustou foi “A volta”  xa que foi un conto que me deu moita intriga polo que pasa nel.

O meu personaxe preferido foi o protagonista do conto “Sobre da morte de Bieito”, pola valentía que tivo polo seu compañeiro Bieito.

O libro gustoume bastante e non lle faría ningún cambio.

Sara González Castro (4º ESO)