Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 15 de maio de 2014

Para coñecermos un pouquiño a Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado nas Letras Galegas



A páxina web da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ofrécenos un completo catálogo de recursos para coñecermos a biografía e a obra do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, a quen se homenaxea este ano no Día das Letras Galegas.

De todos eles escollemos o Telexornal Díaz Castro, un informativo que repasa a vida e a obra do autor e que foi elaborado pola alumnado do CPI Os Dices de Rois, coa dirección e realización do seu profesor Luís Aldegunde.

E despois unha curtametraxe de animación sobre “Penélope” (realizada polo Obradoiro de Plástica do IES As Barxas de Moaña, por Paula Solla de 1º Bacharelato), o poema máis coñecido de Díaz Castro, que pertence ao seu libro Nimbos (que se pode ler na páxina poetadiazcastro) e que tamén figura en moitas antoloxías de poesía, cuxo texto é:

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
 e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
 a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.


Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

Ningún comentario: