Foto: Rubén
Prieto
O xornalista Santi G. Rial publica na edición comarcal de La Voz de Galicia - Carballo unha interesante entrevista con Artur Trillo, actor da compañía Talía teatro que vive en Chaiáns - Trazo desde hai uns anos. Velaquí a entrevista ao completo.
«O teatro é máis intenso, a relación directa co espectador é impagable»
Na tele dá vida a «Vitu» en «Urxencia
Cero», e no teatro, a «Foucellas»
S.
G.Rial Carballo / La Voz, 11 de marzo de 2016. Actualizado ás
05:00 h.
Ás veces, a Artur pregúntanlle de onde
é e a resposta non é fácil. Ser, é de Miñóns, en Buxantes
(Dumbría), onde naceu e viviu ata os 9 anos. Despois foise para Cee
e alí estivo ata os 18. Alí, xa desde o colexio e o instituto, foi
xerminando a súa vocación de actor. E alí naceu Talía. Aos 18
marchouse a estudar a Santiago, e desde hai un tempo reside en Trazo,
á beira do Tambre, coa súa muller e as súas dúas fillas. Así que
as súas coordenadas, como as de tanta xente que xa non é
exactamente nova, van cambiando.
O que se mantén é a súa profesión,
tanto a interpretativa (a que máis) como a de dirixir ou producir.
Desde que no 88 comezou coa súa compañía, ese é o seu mundo. Por
sorte, non para. «Está ben, hai moito traballo. Teño tamén un
pequeno papel en Sicixia, xa participei na rodaxe e volverei
en Semana Santa. E outras intervencións en cine, como a de Lobos
sucios, que se estreará o 1 de abril. A nivel de teatro tamén
hai moito traballo», resume.
O mellor é que os últimos anos, os da
crise (as artes escénicas non se libraron dela, máis ben ao
contrario) lograron superalos, saír indemnes. «Baixou algo, pero
grazas á nosa maneira de funcionar, os cursos que damos nos
concellos, permitiunos que a compañía non se resentise. Parece que
a situación, así, non foi tan dura», sinala.
A arte é importante, pero os números
non son un tema menor. Sobre todo para quen, como é o seu caso, é o
dono do 100 % da empresa. Os demais actores son contratados. «Os
números non se parecen en nada aos de hai 15 anos. Agora todo é
máis monstruoso, para ben e para mal. Todas as decisións van
sobre ti. O sono, a quen se lle quita é a min». Pero os recursos
artísticos son os que el decide, o mesmo que o camiño a seguir. E
os proxectos non faltan. Aqueles inicios de compañía afeccionada do
88 quedan xa moi lonxe.
A actualidade pasa pola tele e polos
escenarios. No primeiro caso, co papel e Vitu, o celador de
Urxencia Cero. Foi gravada a finais do pasado verán, e é
agora cando se pode seguir semanalmente na TVG. «Unha serie ben
feita. A factura da casa é moi boa, e o equipo de traballo, tamén,
un luxo», indica.
No teatro, dá vida a Foucellas , como
se coñecía, a mediados do século pasado, ao mítico maquis Benigno
Andrade. Con texto e dirección de Cándido Pazó, na obra está
acompañado de Toño Casais, Dani Trillo ou María Ordóñez. Ademais
de actor, é o produtor. O traballo poderase ver este sábado en
Noia; o domingo, en Cee; o venres da próxima semana, en Carballo, e
o sábado, en Narón. A Vimianzo arribará o 9 de abril.
Foucellas sae adiante ao fin, aínda que
a idea era levalo a escena xa no 2000 ou 2001. Por diversas
circunstancias, non foi adiante. Ten tinguiduras biográficos, pero
vai máis aló. «Fala de Foucellas, pero tamén dos
foucellas, do que pode ser e do que pode non ser. Levaba a
culpa de todo, do que pasaba onde estaba e a cen quilómetros». Dos
resistentes, en xeral, pero ao redor da vida do antifranquista.
Series, cine, televisión (foi moi
popular a súa aparición semanal en Luar ), cursos de
interpretación, por suposto teatro... ¿Algunha preferencia?
«Prefiro o teatro, pero son cousas distintas, comparado coa tele ou
o cine. A miña actividade na televisión ou no cine véxoa como algo
extra, ocasional. Son dúas maneiras de enfocar a profesión. ¡Non
me dá tempo a aburrirme! O teatro é máis intenso, a relación
directa co espectador é impagable. Iso non cho dá o resto, aínda
que é evidente que o recoñecemento ás veces si se ve máis nos
outros ámbitos. Pero o teatro ten ese punto de calor que non atopas
nos demais». Pero todo se acepta de bo grado: «Ou
mellor é poder compaxinar».
Artur Trillo Sendón. Ten 47 anos. É de
Buxantes, residiu en Cee, vive en Trazo.
Obras. A súa traxectoria teatral é
longa e intensa. A obra que máis veces representou, ao redor de 350,
é Bicos con lingua. Pelos na lingua anda polas 130. Demolición, de
hai dous anos, está xa preto das 50. E Menos lobos, infantil, supera
o centenar.
O novo texto é de Pazó. Chega aos 15
anos de intentalo por primeira vez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario