Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 7 de xuño de 2021

Balda de Libros (XXIV): Xogos de Damas, de Anxo Rey Ballesteros

 


Xogos de Damas. Anxo Rei Ballesteros. Os libros do CDG. Xerais

Gustoume bastante a obra, creo que está ben feita e a idea é boa, pero creo que lle poderían ter dado algo máis de emoción e acción polo medio, xa que mentres se vai contando a historia non pasa nada emocionante, só no final cando se descobre que Pamela está con Totó, o ex de Berta e Virxinia.

Tamén creo que o personaxe de Rieira non vén moito a conto na trama, xa que só aparece no principio e despois non volve aparecer, e as escenas nas que aparece el non teñen nada que ver co resto da obra.

O final si que me gustou moito, xa que se descobre algo que ninguén esperaba, e dálle emoción á historia, pero creo que se podería ter desenvolto un pouco máis con Berta e Virxinia decatándose da relación entre Pamela e Totó.

A linguaxe non é difícil de entender e o meu personaxe favorito é Virxinia.

Laura Codesido Fernández (4º ESO)

A min este libro encantoume porque é moi interesante e lese moi rápido. Este texto é unha obra teatral con varios personaxes que van intervindo no libro.

O libro trata sobre un pai e unha filla que se atopan nun bar, despois desenvólvense varias escenas onde aparece o noivo e finalmente as amigas. Nas escenas que aparecen as amigas fan uns papeis cada unha, ou sexa, interpretan a persoas que están presentes nas súas vidas.

O meu personaxe favorito é a protagonista (Berta) porque é decidida, segura de si mesma e ten moita paciencia, seu pai fai cousas que a ela non lle gusta como levar a unha muller á súa habitación pero aínda así non se enfada.

A miña parte favorita é o final porque descobres como son as súas amigas.

O final é moi surrealista porque non te esperas iso, deberían acabar o final e ver a reacción da protagonista. 

O vocabulario é moi fácil de entender, igual algunhas palabras non sabes que significa pero co contexto xa o entendes. 

Nerea González Rey (4ºA) 

O libro Xogos de damas é un libro moi entretido e interesante. Paréceme que engancha bastante xa que queres saber o que vai a acontecer e como vai a rematar cada escena. 

A obra ten bastantes escenas importantes ao longo da obra, pero a que me parece máis importante e tamén a menos esperada me parece quue é a escena final. Nela pódeste decatar de cousas que non podes sospeitar durante a obra.

Os personaxes desta obra gustáronme polo xeral bastante, xa que son entretidos e bastante diferentes entre eles. Isto na miña opinión fai que sexa un libro que che guste máis e sexa mais sinxelo de ler. Pero o personaxe que máis me gustou foi Virxinia, xa que é unha persoa moi sincera,directa e moi segura do que fai en cada momento.

A obra ten na miña opinión un desenvolvemento axeitado, fácil de seguir e de comprender o que está a acontecer en cada escena. O final é bastante inesperado e aberto.

Arancha Rey Brea (4º ESO)

Balda de Libros (XXIII): O achado do castro, de Manuel Núñez Singala

 


O achado do castro. Manuel Núñez Singala. Galaxia

Esta obra conta a coñecida historia de Romeo e Xulieta pasada completamente ao ámbito galego, ambientada na antiga Roma. Gustoume moito a historia, lese moi rápido porque é moi curta a ademais faise moi levadeira grazas aos toques humorísticos. 

O momento máis importante para min é a última parte porque ten moitos xiros inesperados moi sorprendentes. 

É un libro para pasalo ben e rirse, a escena que máis graza me fixo foi a de un diálogo que tiña o Emperador con distintos personaxes sobre Nápoles. 

O único que cambiaría sería o final xa que é demasiado feliz e un pouco surrealista (como toda a obra) para o meu gusto. Eu daríalle un final máis dramático con algunha morte de por medio como a historia tradicional. 

Non tiven problemas á hora de entender a obra, pois ten un vocabulario moi sinxelo, bastante coloquial que se entende a perfección. Polo tanto, recomendo esta obra a toda aquela persoa que queira pasar un bo anaco, curto pero divertido.

Lorena Becerra Varela (4º ESO)

Balda de Libros (XXII): Matanza, de Roberto Salgueiro

 


Matanza. Roberto Salgueiro. Deputación da Coruña


Para min, o momento máis importante da obra é cando morren os porcos, xa que tiña a esperanza de que segundo transcorrera a obra o primeiro irmán acabaría convencendo ao outro e así facéndoo de algunha maneira cambiar de opinión sobre a matanza e o seu destino. Ese final, é o que cambiaría do libro, xa que me tería gustado máis ver como o primeiro irmán lle contaxiara a súa ilusión pola vida ao segundo, e así xuntos non acabaran morrendo aquel día na matanza como calquera outro porco do mundo.

O meu personaxe favorito é o porco 1, xa que á parte das opinións alleas e dos costumes da matanza, el non quere morrer, ao contrario el quere seguir vivindo e desfrutando das súas paixóns como tocar o violín e desfrutar da música en xeral, xa que é o que lle gusta.

Paréceme un libro curioso e interesante, é curto, cun vocabulario fácil de comprender e de ler.

Uxía Beiras Rivas (4º ESO)

Para min o momento máis importante do libro é cando os dous porcos bailan xuntos, porque aí demostran que a pesar de discutir moito tamén se levan moi ben. E outro momento importante tamén é cando empezan a contar cada un as súas historias porque fan un gran resumo do que eran e facían no pasado.

Ao principio o libro considereino un pouco aburrido, pero a partir de que o matachín entrou na conversa, fíxose moito máis divertido e non podías parar de ler o texto.

O final do libro desgustoume un pouco, porque a obra estaba nun momento moi divertido e o texto déixate con bastante intriga porque acaba dunha maneira moi aberta.

Para min o vocabulario do libro enténdese bastante ben e non tes ningún problema para entendelo.

En resumo, é un libro que podería recomendar a calquera persoa e creo que lle gustaría, o único cambio que lle faría sería o final.

Anxo Lamas Liste (4º ESO)

O tema é interesante dende o meu punto de vida, xa que pon a vida dende dous puntos de vista que aínda se están a dar neste tempo e nesta sociedade. Tamén me parece gracioso, pola forma de falar do porco 2 xa que fala dunha maneira moi vulgar e coloquial.

O contido paréceme axeitado e non faría ningún cambio na historia, salvo que quitaría a escena final, onde se aprecia un diálogo entre os pais dos dous porcos.

Para min o momento máis importante, é o monologo final do porco 1, onde reflexiona sobre o que é a vida.

Gústame máis o porco 1 xa que mira a vida dende un punto de vista propio e non se deixa levar polos demais, seguindo os seus propios ideais ata o fin. Tamén me parece gracioso o porco 2 xa que usa unha linguaxe moi basta que me fai gracia. O matachín pola contra non me parece tan interesante, pero dálle un toque de tensión á historia xa que pon a presión da morte sobre os dous porcos.

Ten unha linguaxe fácil de entender que mestura a linguaxe coloquial e culta, creando un choque entre dúas formas de falar que fai o texto máis ameno de levar. Cando entra o matachín pon en escena unha nova maneira de falar que crea outro choque na maneira de falar dos personaxes.

Brais Pena Docampo (4º ESO)

Este libro trata de dous porcos que son irmáns que case sempre se andan pelexando pero lévanse ben. 

O momento máis importante do libro é cando o matachín chega para matalos porque é o momento máis triste. É un libro interesante, emocionante porque o que queres é saber e o que pasa, ou que lle van facer os porcos, sobre todo o porco 1 porque el non quería morrer.

Outra escena máis importante é cando falan da súa infancia, tamén sobre os pais que tiveron e as cousas que lle pasaban cando estaban con eles.

O meu personaxe favorito é o porco 2 porque é o máis gracioso do libro e só quería morrer para facer desfrutar a xente que o comese. O porco 1 era raro porque tocaba o violín e criase diferente os demais. Outro personaxe é o matachín que é a persoa encargada de acabar coa relación entre eles.

Non lle faría ningún cambio, porque é un libro simple e o máis importante e que é fácil de entender porque non ten palabras raras, recomendo este libro porque é fácil de ler e é bastante curto. 

Martín Rivas Suárez (4º ESO)

Este libro trata sobre dous porcos e un matachín. O momento máis importante para min foi cando o matachín foi polo porco 2 para matalo, pensei que o porco ía reaccionar doutra maneira.

O porco 1 e o porco 2 son moi diferentes. A un gústalle a música e toca un instrumento, e é mais tranquilo, o seu vocabulario é bastante axeitado aínda que ao longo da obra vai engadindo palabróns. O porco 2 é máis bruto, máis salvaxe, usa moitos palabróns e é como moi crido.

O personaxe que máis me gustou sen dúbida foi o porco 2 xa que non lle ten medoá morte e iso é de ter moita valentía porque pola contra o porco 1 tenlle medo á matanza.

O tema está moi ben, é moi divertido e interesante.

A obra de teatro está moi ben desenvolta xa que engancha moito a ler. O final gustoume moito aínda que a min gustaríame máis se fora máis emocionante. E a lingua entendese perfectamente, aínda que ten moitos palabróns.

Sara Pena Gutiérrez (4º ESO)

Considero que o momento máis importante para min é a escena na que ambos irmáns decláranse o seu afecto e cariño porque paréceme intenso e emotivo. 

É un tema moi interesante a tratar, digo isto porque se o analizamos de maneira ética é moi inxusto de cara aos porcos que queren ser libres, ademais de ocasionarlle unha morte moi sufrida e sanguenta e estaría moi ben debater sobre estes temas. 

Sobre o desenvolvemento o único cambio que podería facer sería cambiar o dialogo final dos pais dos porcos, quizais é que non o comprendo moi ben pero penso que quedaría mellor ao comezo do libro cando ambos porcos contan a súa “porqueza”, penso que encaixa mellor. 

Un moi bo final, dando a entender que aí acabase a vida duns miserables porcos, cun vocabulario moi sinxelo e fácil de comprender á parte de vulgar e chistoso. 

Rubén Rodríguez Seoane (4º ESO)

Este libro trata de dous porcos que son irmáns, porco 1 e porco 2. Porco 1 é un porco que tocaba o violín, sempre soñaba con ser famoso e chegar lonxe como músico, ademais era un mixiricas.

 

Porco 2 é coma el dicía, un auténtico porco. Só pensaba en ter relacións sexuais e beber, e a súa honra era que o matasen e facer del un bo churrasco, uns bos torriscos e uns bos chourizos.

 

Aparecen varios personaxes mais. O matachín, que é o encargado de matar a estes irmáns. O pai e a nai case non aparecen na historia, pero son citados polos irmáns, recordando cousas da infancia.

 

O meu personaxe favorito é o porco 2. Sempre tiña as ideas claras e sabía o que quería.

 

O momento máis importante do libro para min foi no final, cando o matachín lles pregunta quen quere morrer primeiro, ponlles a canción que lle pediran e bailan os dous antes de morrer.

 

Este libro gustoume moito, é moi breve e fácil de ler. A lingua é bastante fácil de entender e moitas veces, pola maneira de falar, esquénceste de que os protagonistas son porcos

Ana Cebey de la Torre (4º ESO)

 

Balda de Libros (XXI): Os homes só contan até tres, de Antón Lopo

 


Os homes só contan até tres. Antón Lopo. Os libros do CDG. Xerais, 2006.

Este libro gustoume moito, pareceume un texto moi chulo e interesante, é unha obra de teatro fácil de ler, e que engancha moito. Ao principio non se sabe moi ben o que pasa, dáche a pensar que é algo raro porque como trata Luísa a súa irmá Helena e iso chámache a atención e dáche como pena Helena, pero despois ao que vas lendo unhas escenas máis xa ves que está moi ben o libro, e lese moi rápido. 

O momento máis importante do libro paréceme cando Nico vén vivir á mesma casa que Luísa e Helena, na cal se instala moi ben e lévase xenial coa irmá da súa noiva, Helena. 

O meu personaxe favorito é Helena porque é moi lista, aínda que ao principio non pareza. 

O final encantoume, tan só cambiaría unha cousa e é que Evaristo escollera unha opción e non acabase así, aínda que por outra parte paréceme ben pois deixa esa pequena intriga.

Recomendaría este libro a todo o mundo que lle guste ler teatro pois é un libro moi chulo e fácil de ler.

Pablo Couselo Noya (4º ESO)

venres, 4 de xuño de 2021

Balda de Libros (XX): Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño

Animaliños. Roberto Vidal Bolaño. Edicións Positivas

O libro gustoume bastante, é un libro moi fácil de ler, ademais lese moi rápido. Na miña opinión, é unha obra que ten moitas situacións graciosas o que a fai moi amena, aínda que o argumento non sexa moi interesante nin elaborado. 

O único que non me gusta desta obra é que nalgúns momentos as intervencións dos personaxes non teñen un sentido obvio, polo que non te dás conta do que están a falar. 

O libro representa de forma humorística como un problema insignificante e absurdo para algunhas persoas pode ser algo terrible para outras. Eu penso que o momento máis importante da obra é cando o tipo raro pon en contexto a obra. 

Os personaxes que me pareceron mellores son El e Ela, porque che fan rir, e o personaxe que menos me gustou foi A de Vendas porque non é nada ecoloxista e a súa solución para a praga é usar un fertilizante para matar os caracois no canto de utilizar outro método máis responsable. 

O final do libro é aberto, un final que a min non me gustou. O vocabulario do libro é totalmente comprensible. Recomendo lelo se che gustan as obras de comedia. 

David Rodríguez Blanco (4º ESO)  

O momento que me pareceu máis importante foi cando morre a nai, porque fai reflexionar sobre que non hai que deixar pasar as cousas, que é mellor atendelas cando aínda se está a tempo para logo non arrepentirse. 

A min pareceume un libro entretido xa que conta varias historias imposibles sobre unha praga de caracois, unhas máis interesantes ca outras que poden ocorrer nun xardín coma outro calquera e tamén as historias de varias persoas ás que o xardín lles parece a parte máis importante da casa. 

Eu si que faría algún cambio nalgunha historia porque non me gustou moito ou porque non son como eu me esperaba. E eu daríalle un novo final porque este que ten a min non me gustou nada xa que non me parece moi bo. 

A min paréceme que ten un vocabulario fácil de entender porque coñezo case todas as palabras e as que non pódese deducir o seu significado polo contexto. 

Gloria Bello Fraga (4º ESO)

Balda de Libros (XIX): Os vellos non deben de namorarse, de Castelao

Os vellos non deben de namorarse. Castelao. Galaxia 

O momento que me pareceu máis importante foi cando os tres vellos o Boticario, Don Ramón e Don Fuco se atopan no cemiterio porque é cando se decatan de que o seu maior pecado foi namorar de vellos de Lela, Micaela e Pimpinela xa que en realidade elas nunca os quixeron e por non sufrir polo seu amor eles decidiron quitarse a vida. 

A min pareceume un libro entretido e ás veces divertido xa que conta tres historias de vellos que se namoraron de tres mozas as cales non lles fan caso e porque polo medio ten partes que son graciosas. 

Eu non faría ningún cambio porque me parece que o libro está ben así xa que eu atopo fácil de ler e entretido. 

O vocabulario pareceume algo difícil xa que ten polo medio moitas palabras que non coñezo ou non entendo pero polo contexto pódese deducir o que significan. 

Gloria Bello Fraga (4º ESO)

martes, 1 de xuño de 2021

Book tráiler (LXXVI): O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira. Realizado por Nerea Sánchez Castro, coa colaboración de seu irmán Samuel

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira (col. Árbore. Galaxia, 2015). Realización youtubeira: Nerea Sánchez Castro, coa colaboración de seu irmán Samuel, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LXXV): A canción de Sálvora, de Antón Riveiro Coello. Realizado por Brais Montaos Dubra

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler do relato A canción de Sálvora, do libro Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello (Galaxia, 2014). Realización youtubeira: Brais Montaos Dubra, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

mércores, 26 de maio de 2021

Book tráiler (LXXIV): Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño. Realizado por David Rodríguez Blanco

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da obra de teatro Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño (2003, nas Obras Completas. Edicións Positivas, 2013). Realización youtubeira: David Rodríguez Blanco, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 25 de maio de 2021

Balda de Libros (XVIII). Os nenos da varíola, de María Solar


 

Os nenos da varíola. María Solar. Galaxia 

A min este libro gustoume moito porque ao falar dunha historia baseada en feitos reais paréceme aínda moito máis interesante e entretido. 

A miña parte favorita é cando Ezequiel pon en perigo a súa vida para salvar a doutra persoa, neste caso a de Tomás, xa que se comportara bastante mal co seu mellor amigo Clemente e coas traballadoras do hospicio. Con este acto Ezequiel demostra que é xeneroso e non garda rancor. Gustaríame que Ezequiel fora a América porque a súa personalidade e forma de ser encantáronme, ademais merecía ir. 

Gustoume moito que o libro falase de Isabel Zendal xa que se di que era de Ordes, un concello moi preto de Trazo. 

O final non está mal pero eu continuaría escribindo como foi a chegada a América e que fixeron cos nenos. 

O vocabulario non é moi sinxelo pero tampouco é moi difícil, é dicir o libro enténdese ben. Gústame que teña algunhas palabras que non sexan doadas de entender porque así aprendo novo vocabulario. 

Ana Señarís Veiras (3º ESO)

Os nenos da varíola recrea a historia da expedición ás Américas coa vacina da varíola a través dos nenos, conta moi ben o ocorrido e paréceme un libro moi interesante para ler, non só porque sexa bo senón tamén porque coñeces como foi a expansión da vacina naqueles tempos.

Para min o momento máis importante do libro é cando reciben a carta do médico Balmis informando da súa chegada, xa que a partir de aí comeza o proceso da expedición. Este libro gustoume moito porque é moi interesante e entretido, ademais da expedición inclúen outros temas que completan a historia e fana máis emocionante.

Ten unha linguaxe moi fácil e sen dificultades, pódese entender ben. Gústame moito que no final cambie a historia por completo porque non esperas que pasará e iso fai que sexa máis amena a lectura. Recomendo ler este libro, a min foi un dos que máis me gustou entre todos os que lin.

Lucía González Castro (3º ESO)

A min este libro gustoume moito porque foi un gran acontecemento que ocorreu neste país e que conseguiu salvar a moita xente por todo o mundo.

Este libro tamén me gusta moito porque conta unha historia moi interesante e entretida xa que narra a vida duns nenos antes de embarcar cara a América para conseguir levar a vacina da varíola e así conseguir salvar moitas vidas.

O meu personaxe favorito foi Ezequiel porque intenta sempre axudar os demais.

O único que non me gusta deste libro é que non mostra a vida dos rapaces e rapazas en América despois de un tempo, polo demais gustoume moito.

O vocabulario era moi doado de comprender, non só me pareceu unha historia ben contada senón que fala de feitos históricos que falan dunha misión impactante que tiveron eses rapaces. Por iso eu recoméndollo a todas as persoas que lles guste ler porque é un tema demasiado interesante.

Darío Sánchez Liste (3º ESO)

Os nenos da varíola é un libro que nos achega a ler unha historia que pasou na realidade, fai anos foi un gran choque para todo o mundo, o cal acabou coa vida de mais de 500 millóns de persoas.

A autora dedícalle este libro aos 22 nenos de entre 3 e 9 anos que no 1803 foron seleccionados para inxectar a vacina da varíola no seu corpo e así poder levala a América, tamén explica a realidade de como chegou a todo o mundo.

A lingua é moi doada, sinxela e sen palabras moi complexas. O libro é moi interesante,curto e fácil de ler, no cal podes saber o que pasou na época que apareceu a varíola nas vidas das persoas de todo o mundo e como lles afectou na súa vida.

A historia engancha moito e é moi recomendable tanto para mozos como para adultos. En resumo o libro está moi ben para empaparse un pouco da historia sobre o que aconteceu coa varíola.

Valeria Vásquez Fernández (3º ESO)

 

Book tráiler (LXXIII): Mentira, de Care Santos. Realizado por Ana Señarís Veiras

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Mentira, de Care Santos (col. Periscopio. Edebé, 2015). Realización youtubeira: Ana Señarís Veiras, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LXXII): Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias. Realizado por Brais Montaos Dubra

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias, con ilustracións de Marcos Viso (col. Merlín, Xerais, 2016). Realización youtubeira: Brais Montaos Dubra, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LXXI): Noite de temporal, de Manuel Núñez Singala. Realizado por Íker Señarís Suárez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Noite de temporal, de Manuel Núñez Singala (Oqueleo, 2017). Realización youtubeira: Íker Señarís Suárez, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LXX): Noite de temporal, de Manuel Núñez Singala. Realizado por Sergio Señarís Suárez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Noite de temporal, de Manuel Núñez Singala (Oqueleo, 2017). Realización youtubeira: Sergio Señarís Suárez, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)