Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 25 de febreiro de 2019

Primeira e quinta parte de “¡Pra a Habana!”, nas voces de Alba Rey Brea (3º ESO) e súa curmá Iria Vilariño Rey


Primeira e quinta parte de “¡Pra a Habana!”, de Follas Novas, nas voces de Alba Rey Brea (3º ESO) e súa curmá Iria Vilariño Rey. CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2019. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 @aelg @CasadeRosalia

¡Pra a Habana!

I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"

V
Éste vaise i aquél vaise,
e todos, todos se van.
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.


martes, 19 de febreiro de 2019

Primeira parte de “Campanas de Bastabales...”, de Cantares gallegos, na voz de Mirian Otero Sande (3º ESO)




Primeira parte de “Campanas de Bastabales...”, de Cantares gallegos, na voz de Mirian Otero Sande (3º ESO). CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2019. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 @aelg @CasadeRosalia

Campanas de Bastabales

   Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

I
Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.

   Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades,
e das entrañas me doio.

   Dóiome de dor ferida,
que antes tiña vida enteira
i hoxe teño media vida.

   Sólo media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.

   Non me roubaron, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.

   Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.

Primeira parte de “Has de cantar...”, de Cantares gallegos, na voz de Leticia Añón Guerra (3º ESO)




Primeira parte de “Has de cantar...”, de Cantares gallegos, na voz de Leticia Añón Guerra (3º ESO). CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2019. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 @aelg @CasadeRosalia

[Has de cantar ...]

I
"Has de cantar,
meñina gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.

Canta, meniña,
na beira da fonte;
canta, dareiche
boliños do pote.

Canta meniña,
con brando compás;
dareiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che darei;
sopiñas con viño,
torreixas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Que ricas que saben!

¡Que feira, rapaza,
si cantas faremos…!
Festiña por fóra,
festiña por dentro.

Canta, si queres,
rapaza do demo;
canta, si queres;
dareiche un mantelo.

Canta, si queres,
na lengua que eu falo.
Dareiche un mantelo.
Dareiche un refaixo.

Co son da gaitiña,
co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.

Co son da gaitiña,
co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios."

“Quíxente tanto, meniña...”, de Cantares gallegos, na voz de Paula Noya Redondo (3º ESO)




Quíxente tanto, meniña...”, de Cantares gallegos, na voz de Paula Noya Redondo (3º ESO). CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2019. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 @aelg @CasadeRosalia

[Quíxente tanto, meniña...]

«Quíxente tanto, meniña,
tívenche tan grande amor,
que para min eras lúa,
branca aurora e craro sol;
augua limpa en fresca fonte,
rosa do xardín de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón».
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol,
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches,
en proba de teu amor
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me fireu de dolor!
Mais a pasar polo río,
¡o caravel afondou!...
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou
.



“Fun un domingo...”, de Cantares gallegos, nas voces de Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO) e súa irmá Laura (2º Primaria)



Fun un domingo...”, de Cantares gallegos, nas voces de Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO) e súa irmá Laura (2º Primaria), de 7 anos. CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2019. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 @aelg @CasadeRosalia

[Fun un domingo...]

   Fun un domingo,
fun pola tarde,
co sol que baixa
tras dos pinares,
cas nubes brancas
sombra dos ánxeles,
cas palomiñas
que as alas baten
con un batido
manso e suave,
atravesando
vagos celaxes,
mundos estraños
que en raios parten
ricos tesouros
de ouro e diamante.
Pasín os montes,
montes e valles;
pasín llanuras
e soledades;
pasín os regos,
pasín os mares
cos pes enxoitos
e sin cansarme.

   Colléume a noite,
noite brillante
cunha luniña
feita de xaspes,
e fun con ela
camiño adiante,
cas estreliñas
para guiarme,
que aquel camiño
sólo elas saben.

   Dempóis a aurora
co seu sembrante
feito de rosas
veu a alumbrarme,
e vin estonces,
antre a romaxe
de olmos e pinos,
acobexarse
branca casiña
con palomare
donde as pombiñas
entran e saien.
Nela se escoitan
doces cantares,
nela garulan
mozos galantes
cas rapaciñas
de outros lugares.
Todo é contento,
todo é folgare
mentras a pedra
bate que bate,
mole que mole,
dálle que dálle,
con lindo gusto
faille compases.

   Non hai sitiño
que máis me agrade
que aquel muíño
dos castañares,
donde hai meniñas,
donde hai rapaces
que ricamente
saben loitare;
donde rechinan
hasta cansarse
mozos e vellos,
nenos e grandes,
e, anque non queren
que aló me baixe,
sin que o soupera
na casa naide,
fun ó muiño
do meu compadre;
fun polo vento,
vin polo aire.

xoves, 14 de febreiro de 2019

Book trailer (XXVI): “Universo Pitágoras”, de Rocío Leira Castro. Realizado por Ana Señarís Veiras





Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer do libro Universo Pitágoras, de Rocío Leira Castro (Biblos, 2013). Realización youtubeira: Ana Señarís Veiras, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


martes, 12 de febreiro de 2019

Alumnado que sorprende con relatos inquietantes (e brillantes)

Pausa por Laura Codesido Fernández (2º ESO)

(relato destacado no Concurso do Día das bibliotecas)



Ola, chámome Paula e teño 16 anos, estou no instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela estudando letras. Ben, mellor dito, agora mesmo non estou no instituto Rosalía de Castro, agora mesmo estou no instituto William Frankling Miller en Chicago. E por que? Preguntarédesvos moitos, ou non, ben, dá igual, prosigamos, a ver estou en Chicago porque estou desfrutando dunha das bolsas de estudo de Amancio Ortega.
A verdade é que aquí estou moi ben aquí, tocoume unha familia dun matrimonio gay, Damion e Alfonso, cunha filla, Mary, e un fillo, Famous. O mellor é  que Alfonso é venezolano e con el podo falar en castelán.
Na escola tamén teño moitos amigos, os meus mellores amigos de aquí son Hadmed, que é de Arabia Saudí pero emigrou aquí a Chicago fai uns anos, Michael, Sky e Helen que son de aquí de Chicago e Laura, que é de Córdoba.
Agora mesmo os da miña clase están en clase de Español, pero claramente Laura e eu non imos a esa clase, xa que o español é a nosa lingua materna. Nesta hora imos a unha sala onde facemos os deberes, estudamos, falamos, e demais cousas.
-Paula, quedan dous minutos para que toque o timbre, imos indo cara ao comedor?- preguntoume Laura-
Eu díxenlle que si e fomos as dúas cara ao comedor.
-Olaaa!- dixeron ao unísono Michael, Sky e Helen cando chegaron ao comedor-
-Que pasa Hadmed, non saúdas? Tes mala cara, que che pasa?- pregunteille eu a Hadmed-
-Chicos teño un problemón- dixo preocupado Hadmed-
-Que che pasa?- preguntou Michael-

-A ver, sabedes que o profesor de historia me mandou traer onte o Corán, non? Ben, pois cando cheguei á casa e abrín a mochila, non estaba, e hoxe busquei por todo o colexio coa axuda do conserxe e tampouco o encontramos! Non sei que vou facer- dixo preocupado Hadmed-
-Ben, non pasa nada, compras outro Corán, e xa está- dixo Sky-
-Non, non podo comprar outro Corán, ese libro é único. Leva mais dun século en mans da miña familia é moi importante para nós. Como non o encontre miña nai vaime matar.- dixo preocupado Hadmed.-
-Un momento- dixo Helen -o Corán que trouxeches era marrón cunhas liñas vermellas polos bordes?-
- Si,  por que? Encontráchelo?- preguntou Hadmed-
-Non, pero o outro día vin un coma ese na biblioteca, na sección de relixión- contestoulle Helen-
Nese momento fomos correndo cara á biblioteca. Nós pensabamos que non ía estar a porta aberta e non iamos poder entrar. Pero para a nosa sorpresa si que estaba aberta.
-Non nos berrarán se entramos aquí?- preguntou preocupado Michael-
-Bo, cala a boca e entra- respondinlle eu-
-Mira Hadmed, aí está!- exclamou Helen-
Nese momento fomos correndo cara a onde estaba o Corán. Víase que Hadmed estaba moi feliz. Hadmed colleu o libro coas súas mans pero así que o inclinou uns centímetros para sacalo do estante as luces empezaron a acender e apagar. Hadmed asustado soltou libro e este caeu ao chan. Nese momento pasou algo moi raro, non sei nin como explicalo. Unha forte racha de vento pasou por diante das nosas caras e as luces pararon de acender e apagar.
-Sentistes unha refoleada de vento?- preguntou Laura asustada-
-Si- contestamos o resto ao unísono tamén moi asustados-
Nese momento todos quedamos calados mirándonos uns a outros. Hadmed colleu o Corán do chan, pasou as follas para comprobar que era igual que o da súa familia e asentiu, entón os seis marchamos da biblioteca totalmente calados. Cruzamos o corredor igual sen que ninguén dixera ningunha palabra. Pero entón chegamos ao comedor. Cando vimos o que había aí dentro os seis detívémonos sorprendidos. O que os nosos ollos viron non era normal. Todo o mundo estaba totalmente parado, ata había uns spaghettis suspendidos no aire.
Quedamos arredor dun minuto calados observando todo ese panorama.
-Que?- preguntou Michael-
-Ai, Deus!- exclamou Sky
-Buff- budei eu-
-Isto non pode estar pasando- dixo Hadmed e nese momento desmaiouse-
Nós os cinco mirámonos, collemos a Hadmed e levámolo á enfermería. Cando chegamos á enfermería presenciamos o mesmo escenario que ollaramos no comedor.  Na enfermería estaban o director e a enfermeira, pero ao igual que no comedor estaban totalmente parados, sen mover nin un mísero músculo.
Sen pensalo deitamos a Hadmed na padiola e chamamos a urxencias. Ninguén colleu o teléfono.
Un ou dous minutos despois Hadmed espertou e nada máis espertar dixo Willis, Sears.
Nós non entendemos nada pero mentres Hadmed se recuperaba buscamos en google Willis. A primeira cousa que nos apareceu foi a torre Willis, unha torre moi importante que había alí en Chicago. Buscamos cousas sobre a torre Willis e atopamos outras das palabras que dixera Hadmed, Sears. Tamén buscamos Sears. Sears é unha cadea estadounidense de tendas de todo tipo de cousas, pero nos seus comezos só era de reloxos. O seu fundador foi Richard Warren Sears. Decidimos tamén buscar información sobre Richard Warren Sears.
-Dálle aí á wikipedia- dixo Paula-
Empezamos a ler a biografía de  Richard e non encontramos nada interesante, ata que…
-Un momento, para aí- dixo Helen sinalando unha foto dun dos modelos de reloxos desta cadea de tendas- de que me soa ese reloxo?-
-Ese é o reloxo da State Street aquí en Chicago, está moi preto de aquí, sobre un quilómetro. Podemos ir andando!- dixo Hadmed, que xa se recuperara-
Todos estábamos de acordo así que fomos a clase a coller os móbiles, que os tiñamos nas mochilas e fomos cara a State Street. Nas rúas todo estaba parado, non había nin unha persoa andando. Cando chegamos a State Street vimos o famoso reloxo.
-Agora que facemos?- preguntou Michael sen ningunha idea-
-E se miramos se hai algo dentro do reloxo?- preguntei eu-
-Vale, boa idea, pero como subimos?- preguntou sky-
-Mirade, alí hai unha escaleira- dixo Helen-
Fomos a unha ferretería onde había unha escaleira, e tamén atopamos un desparafusador para abrir ese vello reloxo.
Abrimos o reloxo, nel había un pequeno papel.
-Que pon? Rápido, leo Michael- dixo apresurada Helen-
-Tocarás as trompetas pero sen botóns para tocalas- leu Michael-
-Pero que?- estrañouse Sky-
-Creo que é unha adiviña- dixen eu- hai que intentar resolvelo-
-Tocarás as trompetas pero sen botón para tocalas- repetiu Laura- A ver, pensade en trompetas sen botóns…-
-Claro, xa o teño!- exclamou Hadmed- as vuvucelas que hai aí, son como trompetas pero sen botóns-
Collede a escaleira- dixo Helen- imos mirar dentro delas-
Michael subiuse outra vez é escaleira, pero esta vez para mirar nas vuvucelas que había colgadas no edificio de enfronte.
-Hai unha nota!- dixo emocionado Michael – non sei ler isto, é unha letra moi rara, creo que é árabe.
-A ver- dixo Hadmed acercándose para ler a nota- si, está en árabe. Aquí pon, vai ao regalo da vista pero non do tacto-
-Cal será o regalo da vista pero non do tacto?- preguntei eu-
-O regalo que hai no centro comercial Maci´s- dixo Sky- pódense ver pero non tocar-
Os seis fomos correndo inmediatamente ao centro comercial, cando chegamos había moita xente pero todos estaban quietos, como esperábamos. Cando chegamos a onde estaban os paquetes de regalos colgados do teito Laura e eu fixámonos nun en concreto. Tiña escrito algo pero dende a distancia non se vía moi ben, así que chamamos a Michael para que o lera. Michael colleu a escaleira e subiu.
-Creo que está en castelán!- dixo Michael – esperade, a nota está pegada con celo pódese quitar, agora a baixo.-
Michael baixou da escaleira coa nota e deunola a min e a Laura.
-Volve a onde todo comezou- dixo Laura lendo a nota-
-Temos que volver á biblioteca, onde todo isto comezou- dixen eu-
Os seis empezamos a correr moi rápido cara á escola, estabamos moi emocionados, podía ser que isto acabara moi pronto. Cando chegamos ao colexio todo seguía coma antes, claramente nada se movera, fomos rapidamente á biblioteca. Cando entramos Hadmed apresurouse a colocar o Corán no seu sitio do estante correspondente pero cando o ía colocar todos nos demos conta de que había outra nota.
Todos a empezamos a ler ata que eu moi sorprendida dixen.
-Está en galego!-
-Rápido, lea- dixo Hadmed-
-Abre o Corán por calquera páxina e le a primeira palabra da páxina- lin eu-
Hadmed abriu o Corán máis ou menos pola metade e leu a primeira palabra.
-Respectémonos- leu Hadmed-
Nese momento un libro saíu do chan e dirixiuse cara Hadmed.
-É o Corán da miña familia!- dixo Hadmed moi alegre-
Hadmed deixou o Corán que non era seu no seu lugar correspondente e como pasara a comezos de todo as luces empezaron a prenderse e a apagarse, e por último unha refoleada de vento pasou por diante das nosas caras.
-Continuará- dixo Hadmed-

- Que continuará?- preguntou Helen-
-Non sei, un momento, que facemos aquí na biblioteca?- preguntou Hadmed-
-Non sei- contestaron ao unísono Helen, Sky, Michael e Laura-
-Non vos acordades de nada?- preguntei eu-
-Que pasa? Témonos que acordar de algo?- preguntou Michael-
- Non, non pasa nada, vamos para o  comedor-

luns, 11 de febreiro de 2019

Celebramos o Día da muller e a nena na ciencia

A visita de Nieves achegounos unha realidade un tanto descoñecida para nós: o traballo e a investigación de árbores in vitro. A súa experiencia como bióloga pareceunos ben interesante. 
Gracias por vir compartir as túas vivencias !