Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 20 de novembro de 2018

Andel de Libros (I): Os dous de sempre, de Castelao



Un novo curso 2018/2019 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega.

Desta volta vaise chamar Andel de Libros e a primeira alumna en achegarnos o seu comentario crítico para o noso recuncho das lecturas foi Tania Villasenín Bello (4º ESO). Velaquí a recensión:


Este libro encantoume. Está moi ben narrado. Para ser un libro de xa hai uns cantos anos o léxico enténdese perfectamente. É unha historia moi bonita. É todo real, que lle pode pasar a calquera, e sobre todo no tempo de antes. 

Nesta novela móstranse os diferentes tipos de persoas que hai no mundo pero levado un pouco ao extremo. Ou non se sabe facer de nada (Pedriño) ou se sabe facer de todo (Rañolas). Non hai ninguén que se atope no medio. Un dos amigos traballa do que se lle pon por diante só para poder facer unha vida normal, e o outro rexeita todo. A única diferenza é que a un déronllo todo feito dende pequeno e o outro non. Rañolas adáptase ao que sexa, coas condicións que sexan e Pedriño parece que se teñen que axeitar todos a el. Rañolas pareceume un moi bo personaxe, o mellor. 

Lese moi rápido. Tamén me gustou moito que no final de cada capítulo houbera un debuxo con sempre unha relación bastante importante co contido. Está moi ben organizado, os capítulos son moi pequenos e isto fai que sexan máis ameno. 

Foi un dos mellores libros que lin de esta época. Recoméndollo a todos!

Tania Villasenín Bello (4º ESO)

É un libro no que Castelao nos mostra a súa visión tan importante do pobo galego.

O libro, trata de dous rapaces chamados Pedriño e Rañolas. Estes rapaces criáronse xuntos na mesma vila e eran moi bos amigos. Pedriño, era un rapaz que só pensaba en comer e foi para a vila xove, para vivir coa tía Ádega, ela sempre lle buscaba traballo para que fixera algo.

Anos despois Rañolas decidiu marchar da vila e percorrer o mundo por aí adiante e facer a súa vida el só. Pedriño un pouco máis tarde que Rañolas, fixo o mesmo, grazas á súa tía que lle conseguiu traballo. Pero cando Pedriño marchou, a tía Ádega botábao de menos e como tiña moitas soidades del…..adiviñade o que lle pasou. Só tedes que ler o libro, nada máis!

O momento que me deu algo de pena foi cando Rañolas, despois duns anos volveu á súa vila e a súa nai xa non estaba. Pero o que máis me gustou, foi que Rañolas se buscou a vida, e non se rendeu nunca como fixo Pedriño que só pensaba en comer.

É un libro bastante fácil de entender e é moi entretido.

Lydia Rey Varela (4º ESO)

Ningún comentario: