Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 8 de xaneiro de 2019

A maxia do Pico Sacro. Uxía Iglesias Vázquez. Conto premiado con accésit no III Certame Literario da A. C. Mestre Gacio de Lestedo




A MAXIA DO PICO SACRO
 
Eran sobre as doce da noite, non adoitaba pasear a esas horas, mais necesitaba un pouco de paz. Fora un día aterrador. Na casa as cousas non andaban moi ben e no traballo non atopaba o meu sitio. Non sabía que facer, estaba saturada. E para pensar e tomar as cousas con calma sempre daba un paseo.
Nunca fora tan tarde, adoitaba ir nun oco que tivera durante o día, pero ese día, fun ás doce da noite, e non sei porqué.
Sei que estamos no século XXI, que non todos os homes son iguais e que non tiña de que ter medo, pero conforme ía andando, máis medo tiña.
Notaba algo, unha presenza, paranoias, estaba eu soa, mira que son dramática, sempre pensando no peor.
Cheguei ao Pico Sacro e acordeime de Pablo.
Sempre íamos alí para relaxarnos e esperabamos ata a noite para contemplar o ceo estrelecido.
Canto o botaba de menos, canto me doera a súa decisión de deixarme ir, nunca volveu por min, nunca.
Dende que nos deixamos todo empeorou, pero nunca baixei a cabeza, sempre fun orgullosa.
A nube de pensamentos introspectiva na que mergullaba, de súpeto, desapareceu. Xa me adentrara no monte.
Merda, sempre igual, non atendo ao que fago.
Xa levaba un bo recorrido e dábame pena marchar, así que seguín ascendendo.
Cada paso traíame mil recordos.
E cheguei á cima, mirei o móbil. 76 mensaxes de 3 chats. As 03:25.
Senteime e pechei os ollos. O aire batíame na cara, e o ruído dos mouchos soaba como un acorde menor.
Collín o móbil. 78 mensaxes 4 chats.
Entrei. Grupo do traballo, 60 mensaxes. Samay, 5 mensaxes. Renato, 6 mensaxes. Pablo, 7 mensaxes.
Quedei anonadada.
Non podía ser 
- Boas Nidia!
- Son Pablo, non sei se tes o meu número rexistrado.
- Soamente dicirche que o sinto.
- Non me preguntes como nin porqué.
- Perdoa e xa está.
-  Contéstame se pode ser.
- Gustaríame falar contigo. 
Comecei a andar en círculos, non podía ser, que ía facer eu agora?
Parei, ollei cara ao chan e dispúxenme a saír dese depravado soño. Pero non, non era un soño, e entón quixen fuxir daquel afanado lugar que tan malos momentos me estaba a facer pasar.
E aló me botei costa abaixo pero alguén berrou por min:
- Nidia, espera!
Xireime e vino, radiante, promiscuo e autoritario.
Achegouse correndo e deume unha aperta.
- Nidia, dixo marmurando.
+ Dime.
- Perdóame, de verdade.
+ Perdoarte, por que?
- Por ser como fun, síntoo moito, e entendo que non me poidas perdoar, pero...
+ Cala, xa entendín, soltei mentres que me separaba del dunha maneira brusca.
- Estás libre? Digo agora mesmo.
+ Mira Pablo, vouche ser moi sincera, si, estou libre e si, dende que marchaches todo cambiou moito para min, pero se pensas que podes volver dun día para outro pretendendo que as cousas sigan igual ca sempre estás moi enganado.
E non sei se foi a maxia do Pico Sacro ou un pequeno desliz, pero continuei falando:
+ Pero ben, agradezo o teu perdón e espero poder estar en contacto.
E encamiñeime costa abaixo.
El, veu correndo detrás de min, colleume por un brazo e díxome:
- Vamos.
E marchei con el, mirei a hora eran as seis da mañá.
+ Mañá traballo de mañá, é mellor que durma algo…
-  Mañá vas estar enferma. 
Aproveitamos o camiño para falar. Recordamos momentos, destacamos defectos e resaltamos virtudes. 
E cando chegamos ao final, no último tramo do camiño do Pico Sacro, Pablo achegouse a min, sorriume e bicoume.
Sentinme ben, libre e chea de vida, como meses antes de que a nosa relación rematase. 
E xusto nese paso do camiño onde non había mil recordos, houbo un recordo máis.
E con ese recordo unha nova vida, unha nova Nidia e unha nova muller.

Seudónimo: Sheeram
Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)

Ningún comentario: