Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 26 de abril de 2019

Alba Dafonte, Paula Noya e Alba Rey accésits no certame de divulgación do dano cerebral convocado por FEGADACE


FEGADACE (Federación Galega do Dano Cerebral) agasallou con cadanseu exemplar da novela Iridium (EditorialGalaxia), de Francisco Castro, ás alumnas de 3º da ESO Alba Dafonte Rodríguez, Paula Noya Redondo e Alba Rey BreaDámoslles os nosos parabéns e publicamos aquí os tres microrrelatos:

Diagnóstico fatal

O meu curmán Andrés foi o neno máis desexado e guapo que pode existir. Mais unha triste tarde no parque levou un golpe, caeu e tiveron que correr con el a urxencias... diagnóstico fatal. Había que esperar a que espertara para saber os danos.
Cando espertou todo parecía igual, pero co paso dos días facía sinais do acontecido no parque, para el a vida seguía a ser fermosa, o triste foi como ían desaparecendo persoas do seu carón.
Só os que seguimos vendo a Andrés coma sempre estamos con el. No fondo sabemos que algo cambiou, nós admitímolo e amosámoslle felicidade e cariño.

Pseudónimo: A luz do sol (ALBA DAFONTE RODRÍGUEZ)


IMPACTO SÚBITO

Todo foi moi rápido, ninguén estaba preparado.
Ata o momento, aquel tema era alleo a nosa familia. É unha mágoa que ninguén te avise de que isto vai suceder, ou quizais non.  Foi moi de súpeto, do día para a noite. Unhas poucas horas nas que a angustia o superaba todo. Aínda hoxe non sei moi ben o que pasou, xa que cando conseguía preguntar algo, o único que recibía de todos os lados era un: “Todo vai ben, non te preocupes”. Estas palabras eran falsas, aínda que quixera crer o contrario.
As semanas sen vela fixéronseme eternas, pero teimei en que me levaran ao hospital. Hoxe doume conta do meu erro, non debería ter ido. Foi o peor día da miña vida. Que a persoa que máis queres non te recoñeza, doe.

Pseudónimo: VRAN (PAULA NOYA REDONDO)


LUZ

Aquel día esperábate sen saber o que ía atopar, apostei por ti sen saber quen eras.
Ilusións, chimpos, risas, choros, chistes...
Aquel día foi o mellor día da miña vida. Vinte por primeira vez e souben que serías a parte máis sólida e estable da miña vida. Saíame o corazón.
É incríbel o cariño que se lle pode coller a un neno que todos pensan que é un estorbo, un peso ás costas, algo que se puidera decidir antes, non estaría aquí.
É incríbel o forte e valente que es. Ás veces que lle ris á vida aínda que doia.
É incríbel a ilusión que dan eses chimpos cando escoitas a miña voz ou cando che canto a vaca Lola. Porque un deses chimpos, substitúe as palabras que non poden saír da túa boca.
Que aínda que digan que non che quedan moitos anos, vivirás sempre no recordo de nós. Estes 4 anos servíronme para saber que ninguén te vai superar.
Ás veces as persoas non merecen o que teñen. Sen ti, eu non sería a mesma. Es o que máis quero neste mundo.
Só dicirvos que el é igual a nós: chora, ri, sente... Porque si, ten sentimentos, nunca se che ocorra facerlle dano. Coñéceos e dáte a oportunidade a ti mesmo de saber que son o mellor deste mundo.
Eu, apostaría mil e unha veces por meu primo.

Pseudónimo: Olaff (ALBA REY BREA)


Ningún comentario: