Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 9 de decembro de 2020

Balda de Libros (I): 22 segundos, de Eva Mejuto.



Un novo curso 2020/2021 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega

Desta volta vaise chamar Balda de Libros e a primeira alumna en achegarnos o seu comentario crítico para o noso recuncho das lecturas foi Iria Castro Noya Redondo (3º ESO). Velaquí a recensión: 


A min este libro gustoume moito, xa que é un relato moi interesante, e o feito de estar narrado en primeira persoa fai que o libro sexa máis doado á hora de lelo. 

Trata dun tema que se dá moito na actualidade, como é a transexualidade. O libro vainos contando a súa vida dende máis cativa, que daquela recibía o nome de Xela ata máis maior que se pasou a chamar Álex. 

A miña personaxe favorita é Álex, xa que ao longo de toda a súa adolescencia pasouno mal por culpa das súas amizades, pero ao final coa axuda de Ana, o seu avó e de súa nai conseguiu ir ao psicólogo e dar o gran paso. 

22 segundos é un libro moi sinxelo e fácil de ler, polo que o poden ler dende os máis cativos ata maiores, tamén se fai bastante curto e é moi interesante. 

Iria Castro Noya (3º ESO) 

O momento máis importante do libro é cando Álex e Ana se bican, porque iso a Alex faino máis forte e parece que desde ese momento Álex empeza a sentir a verdadeira felicidade e comezou a confiar máis na súa xente máis próxima como en Ana, seu avó ou súa nai. 

O tema deste libro é moi interesante xa que nos fala dun colectivo que nesta sociedade está marxinado pero co paso do tempo estase facendo ver pero moi pouco a pouco. Tamén e moi interesante porque este tipo de historias acontecen na realidade e por desgraza moita xente rise disto e pensa que a xente transexual está enferma. Este libro axúdanos a ver a realidade e a comprendela. 

Non faría ningún cambio porque me gustou moito o libro. O final é axeitado pero non deixaría morrer ao avó de Álex porque é a miña personaxe favorita de todo o libro xa que é quen mellor entende a Álex e quen desde que el era cativo e súa nai estaba a berrar con el, Ramón, sempre o defendía e conseguía sacarlle un sorriso. 

O libro ten un vocabulario sinxelo que fai bastante comprensible o libro. A verdade é que a min gustoume moito o libro que o lin en dous días porque quería saber por completo a historia de Álex. 

Ana Señarís Veiras (3º ESO)
 
Este libro gustoume bastante porque conta a vida dunha rapaza que non se sente cómoda co seu xénero durante a súa infancia e adolescencia, e conta todas as dificultades polas que tivo que pasar, entre elas o bullying que sufría na escola e tamén ao contarllo aos seus familiares e amigos. 
 
A parte que máis me gustou do libro foi cando acende a cámara e comeza a contar como se sentía e o que estaba ocultando dende máis cativa, e dicindo tamén a súa nova entidade para logo subilo as redes. 
 
Un dos meus personaxes favoritos é Xela xa que me parece moi valente á hora de contar todo e subilo ás redes. A parte de Xela, o seu avó tamén é un dos meus personaxes preferidos xa que é o que máis a apoia e é o que mellor comprende todo polo que está a pasar coa pequena rapaza. 
 
O final non me convenceu de todo, e gustaríame que o libro seguise e que contase algo máis sobre a protagonista. É un libro curto e moi sinxelo de ler sen apenas complicacións na escrita. 
 
Sara González Castro (3º ESO)

Ningún comentario: