Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 16 de febreiro de 2023

Roteiro Rosalía de Castro “De Padrón polos Camiños”, saída didáctica de 2º e 3º da ESO


O próximo día 23 de febreiro celébrase o “Día de Rosalía de Castro”, na data do seu nacemento (ata hai ben pouco tiña o lugar o 24 e así figura aínda en moitos libros, mais novos achados documentais demostraron que nacera o día 23).

Como xa falamos nas aulas o artigo “Matinando arredor de Rosalía”, escrito por Xosé Pumar Gándara e que se pode ler nesta ligazón, afirma que: “María Francisca Martínez, fiel serventa da nai de Rosalía, que fixo de madriña no bautizo da nena, era natural da aldea de Raíndo, na parroquia de San Xoán de Campo, no Concello de Trazo”, a escasa distancia do actual CPI Viaño Pequeno.

Adiantándonos ás actividades que faremos no centro nesta data, este xoves 16 de febreiro, tivemos unha saída didáctica de 2º e 3º da ESO para realizar unha parte significativa do Roteiro Rosalía de Castro “De Padrón polos Camiños”, ben guiados polo especialista en Rosalía e en historia da arte, ademais de escritor, Manuel Lorenzo Baleirón.

Percorremos nunha andaina levadeira (non houbo moita queixa) os seguintes lugares: Estatua de Rosalía, Casa na Rúa do Sol, Cemiterio de Adina e Casa-Museo de Rosalía, coñecendo diversos aspectos da súa biografía e da súa obra literaria, mais tamén do seu home o historiador Manuel Murguía e dos seus fillos, sobre todo de Ovidio, que foi un recoñecido pintor na súa época, e de Alejandra que foi excelente no debuxo antes de o abandonar para coidar da súa nai enferma.

A primeira das dúas imaxes que acompañamos testemuña a nosa presenza no cuarto onde finou Rosalía de Castro e onde pronunciou as súas célebres palabras “Abride a fiestra, que quero ver o mar”, cando aínda o Ulla era navegable e desde alí podían ollarse as velas dos galeóns.

E na segunda os grupos de 2º e 3º da ESO aparecen diante da Casa-Museo de Rosalía, acompañados polo escritor Anxo Angueira, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, que casualmente se atopaba na casa preparando as actividades dos próximos días e que nos saudou.




Ningún comentario: