Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 8 de xaneiro de 2024

Parabéns a Lucía Viqueira Vieites (1º ESO B) polo 1º premio e a Álex Rey Brea (1º ESO B) polo 2º premio no VIII Certame Literario convocado pola A. C. Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

 


(Nas imaxes reproducimos a acta do xurado e unha fotografía da entrega) (Fonte: A. C. Mestre Gacio)

Lucía Viqueira Vieites, alumna de 1º da ESO B no CPI Viaño Pequeno (Trazo) e Álex Rey Brea, alumno do mesmo curso, veñen de ser galardoados co 1º e 2º premio, respectivamente, da categoría B (Xuvenil) no VIII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro.

Lucía presentou o relato titulado “Un Samaín especial, co pseudónimo Galo, e Álex titulouno “O paseo ao Pico Sacro”, co pseudónimo RBA.

Os relatos de Lucía e de Álex continúan a exitosa testemuña do talento literario que existe na rapazada de Trazo pois outras alumnas xa foran premiadas en anteriores edicións deste mesmo certame:

En 2017 Miriam Otero Sande, daquela en 2º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Vacacións no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2019 Uxía Iglesias Vázquez, daquela en 4º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “A maxia do Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2020 Alicia Martínez Rodríguez, daquela en 3º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Contos de Bruxas”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2021 Aitana Noya Santos, daquela en 2º da ESO, recibiu o 2º premio polo seu relato “Solpor no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

E en 2022 Zaira Antelo Iglesias, daquela en 3º da ESO, recibiu o 2º premio polo seu relato “Un sábado en familia”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)


-ACTA-


Sendo as 19 horas do 22 de Nadal de 2023, o xurado do VIII Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio, acorda:

Categoría A:

1º Premio: As criaturas do Pico de Sofía Liñares García.

2º Premio: A lenda de Xia e Ara, de Udane del Amo Sánchez.

Accésit: A agulla de ouro, de Lala Muras Paz.

Categoría B:

1º Premio: Un samaín especial, de Lucía Viqueira Vieites.

2º Premio: O paseo ao Pico Sacro, de Alex Rey Brea.

Accésit: A cidade secreta, de Nerea Alonso Rodríguez.

O xurado valorou a numerosa participación, así como a alta calidade dos textos presentados.

Destacar o coñecemento do Pico Sacro por parte das autoras e autores, así como a paixón narrativa e a riqueza de vocabulario.

O Pico Sacro segue a xerar talentos para a nosa literatura, sendo unha referencia literaria para as novas xeracións.

O xurado:

María Barcala / Severino Fernández / José Luís Graña

Secretaria / Vogal / Vogal


Os nosos parabéns a a Lucía Viqueira Vieites (1º ESO B) polo 1º premio e a Álex Rey Brea (1º ESO B) polo 2º premio!

E velaquí os relatos premiados:


Un Samaín especial


Todos sabemos que é o Pico Sacro. Un monte situado no concello de Boqueixón, na parroquia da Granxa. Pero o que ninguén sabe é a historia de André, un neno pequeno de aproximadamente uns dez anos.

A historia comezou o martes trinta e un de outubro, cando André decidiu ir dar unha volta coa bicicleta pola aldea. Eran as seis menos vinte da tarde. Xa faltaba pouco para a noite. Pero aínda así decidiu ir ao Pico Sacro. Empezou a dar voltas polo monte. Era a quinta vez que ía, pero a primeira só, as outras veces ía acompañado do seu avó Marcelo. André levaba algo de medo. Subía polas pistas coa súa bicicleta verde que lle regalaran polo aniversario entre toda a familia. Na casa xa sabían que fora dar un paseo, pero o que non sabían é que fora ata o Pico Sacro.

Quedaba moi pouco para que fose noite, pero André non se botou atrás. Na casa non o botaban en falta porque normalmente quedaba a xogar na casa da veciña, e pensaban que ese día non ía ser distinto. Por fin chegou ao cumio.

Despois de dar tantas voltas atopou unha pequena estrutura. Pensou que sería boa idea refuxiarse alí, xa que comezaban a caer algunhas pingueiras. De súpeto atopou unha porta de madeira. Semellaba ser antiga xa que estaba moi gastada. Tiña a fechadura moi forzada, entón André intuíu que estaba abandonada. A curiosidade podíalle. Comezou a dar voltas e viu unha ventá pola que podería entrar. Sabedes que fixo? Si, entrou. A estrutura por dentro non tiña paredes. Era todo de pedra.

Ao fondo podíase observar unha pequena mesiña de noite e xusto ao lado algo que semellaba ser unha cama. André decidiu ir mirar a ver que había. Achegábase cada vez máis. De súpeto, oíu detrás súa unha voz moi aguda. Era unha bruxa que dicía:

  • Ti quen es?


  • E-e-e-e-eu son André, si André - dicía el, esta vez con algo máis de medo- Por que?


  • Que fas aquí?-preguntou a señora - Viñeches para verme?

  • Non, non, eu non sabía que había alguén aquí dentro. Perdoe vostede, xa marcho agora.

André asustouse moito. Antes de que se puxera a correr polo camiño abaixo a muller chamou por el dicíndolle que non tiña que ter medo que ela non lle ía a facer nada. André desconfiado deuse a volta, mirou para ela e comezou a chorar. Ela, preocupada, foi correndo ata onde estaba el e comezou a consolalo.

Cando a bruxa lle falaba o neno choraba aínda máis, ata que chegou a un punto que parou de bagoxar. A bruxa díxolle que non se preocupara que ela non lle ía facer nada malo, o único que lle quería era darlle uns doces porque era Samaín. Ao neno xa lle saíu un sorriso. Colleu bastantes para compartir coa súa irmá. André pediulle perdón por chorar e deulle as grazas por darlle os doces.

O neno colleu a súa bicicleta e voltou para a casa camiño abaixo. Baixou polas pistas outra vez ata chegar á aldea. Tan pronto entrou pola porta botou un berro:

  • Sonia! Mira o que che trouxen!


  • O que, o que?- dixo a irmá con curiosidade - dimo xa!


André meteu a man no peto para coller os doces e darllos á súa irmá Sonia. Incriblemente desapareceran, non se soubo nada máis deles. Súa nai foi correndo a preguntarlle onde estivera que ninguén o vira en toda a tarde. O neno para deixalos coa intriga díxolles que llo contaba na cea. Deron as once no reloxo de agullas da cociña e a nai berrou:

-A cear!


Rapidamente André correu para sentarse na mesa e comezoulle a contar a aventura daquel día.

Dende logo que o Samaín pode ser especial.


Pseudónimo: Galo

**********

O paseo ao Pico Sacro


Brais era un rapaz moi alegre ao que lle encantaba ir todas as fins de semana á aldea á casa dos seus avós Maruxa e Xacobe. Alí era feliz axudando cos animais á avoa e na horta ou no invernadoiro ao avó. A hora de xantar de xantar era a súa preferida pois ademais de comer a mellor comida de toda a semana, a súa avoa era unha cociñeira fantástica, a sobremesa sempre estaban acompañada duns cafés con leite para os adultos e unha taza de chocolate quentiño para Brais para facer máis levadeira a partida de cartas ou como Brais a chamaba, a Liga profesional de brisca.

Brais facía equipo co seu avó Xacobe e a avoa Maruxa facíao coa sua filla Sabela, a nai de Brais. Avó e neto eran indestrutibles pois rara ver perdían. Brais xogaba por diversión pero o avó tomábao tan en serio que incluso chegaba a enfadarse e regañaba ao seu neto se este saía cun tres sen que tiña o as ou cando lle facía tirar trunfos. Aínda así, eran as mellores tardes de toda a semana.

Á noitiña, despois de gardar os animais e prender a lareira, Brais líalles libros aos seus avós pois estes a duras penas sabían escribir o seu nome. Escoitaban ao seu único netiño con admiración e Brais líalles historias encantadoras e esa semana estaban lendo A Esmorga de Eduardo Blanco Amor.

Os domingos despois de xantar xa tocaba recoller as cousas para volver á vila xa que o luns había escola. Un domingo de inverno, deses típicos días de inverno onde brilla o sol con moita forza pero vai moito frío, Brais despediuse dos avós e prometeulles que iría á biblioteca a por un libro novo para ler a próximo fin de semana.

O mércores cando chegou á casa da escola veu a súa nai chorando desconsolada na cociña. O avó morrera esa mesma mañá dun infarto, sen avisar, sen posibilidade de cura...

A Brais caeulle todo o seu mundo enriba, non tiña forzas nin ánimo de facer nada, vagaba da casa á escola coma unha alma en pena. A súa avoa Maruxa convenceuno para facer unha andaina ata a pequena capela situada no alto situada no alto do Pico Sacro e alí ofrecer unha misa para o avó Xacobe. Brais aceptou a súa proposta pois non quería deixar que a súa avoa fose soíña.

Marcharon os dous, avoa e neto, cara ao Pico Sacro. Foron todo o camiño falando do avó, recordando todas as parvadas que facía e chorando de cando en vez cando a morriña por el atacáballes forte.

 Decidiron parar a merendar baixo unha árbore e descansaron un pouco. Brais pousou a súa cabeza nas pernas da avoa e mentres ela acariciábao el quedouse durmido. No seu soño apareceu o avó, quería despedirse e dicirlle que o que acontecera era lei de vida e que tiña que seguir coa súa vida e loitar polos seus soños.

Cando espertou, con bágoas nos ollos, díxolle a súa avoa que a quería e que coidaría dela ata o fin dos seus días.


Pseudónimo: RBA

Ningún comentario: