Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 13 de febreiro de 2023

Book tráiler (XLIX): Lúa de Senegal, de Agustín Fernández Paz. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Lúa de Senegal, de Agustín Fernández Paz, con ilustracións de Marina Seoane (col. Sopa de Libros. Xerais, 2009). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo) 


 

xoves, 9 de febreiro de 2023

Book tráiler (XLVIII): Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Realizado por Laura Noya Sánchez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler do libro de relatos Exogamia 0.3, de Ramón Caride (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2011). Realización youtubeira: Laura Noya Sánchez, 3º ESO B, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Andel de Libros (XXII): Exogamia 0.3, de Ramón Caride

 


Exogamia0.3. Ramón Caride. Xerais

Estes contos gustáronme bastante, algúns máis que outros. Algúns eran moi fáciles de ler, pero outros custoume comprendelos a pesar de que tiñan un vocabulario bastante fácil de entender. Ao seren varios relatos nun só volume, é algo difícil de comprender, pero vale a pena ler este libro. Estes contos pretenden transmitir cousas importantes e necesarias como o problema da contaminación mundial...

O título do libro non entendo moi ben de onde vén, polo tanto non sei dicir se é axeitado ou non. Aínda así, se llo tiver que cambiar poríalle “Relatos variados” porque non se me ocorre outra cousa.

O meu personaxe favorito foi o comisario Duarte, que atendeu á muller que perdera a filla no relato “Mnemotécnica”. É o meu personaxe favorito polo ben que comprende a Lucía e pola calma coa que lle explica todo o sucedido coa súa filla.

Non lle cambiaría o final a ningún dos contos, paréceme que todos son axeitados.

Laura Noya Sánchez (3º ESO B)

 

martes, 7 de febreiro de 2023

Andel de Libros (XXI): Chamábase Luís, de Marina Mayoral

 


Chamábase Luís. Marina Mayoral. Xerais

Esta obra de Marina Mayoral, trata sobre un home, Luís, o cal é drogadicto, debido a iso nin el nin ningún dos personaxes teñen unha vida fácil e no libro cóntase que é unha carga para todos os do seu círculo. 

Nesta lectura podemos empatizar con todos os personaxes, porque ten varios puntos de vista da historia principal e isto axúdanos a que nos interese máis a narración e poder entender a situación e o papel de cada un. 

Falando da miña opinión persoal, a min gustoume moito este libro. A forma na que está estruturado e narrado fixo que a historia me atrapase e desta forma incitarme a seguir lendo para saber como transcorre a historia. 

Creo que os personaxes ademais de ser para min o mellor do libro, están moi logrados debido ao realismo que destaca neles e iso fai que te poñas nas súas situacións de forma inconsciente. 

Xa postos a falar dos personaxes contarei un breve resume dos que a min me parecen máis relevantes e a miña forma de velos e interpretalos.

Rosa é a nai de catro fillos, entre eles Luís e ela é a representación do inxusta que pode chegar a ser a vida e a desproporción entre o que un dá e o que recibe.

Alberte, un dos irmáns de Luís, representa a ideoloxía de que se non miras por ti ninguén máis o fará.

Luís simplemente é un home sen remedio, vese nel que quen non coida de si mesmo non vai coidar dos demais. El é unha carga para os que o rodean, aínda que no fondo sexa unha persoa de bo corazón, e aí é onde se ve que, para os ollos dos demais o importante non é o interior, se non o que se dá a mostrar.

Finalizando a valoración persoal engado que é moi fácil de ler porque se le moi rápido e ten un vocabulario que se entende á perfección e por todo iso recoméndoo moito.

Victoria Domínguez Marinho (3º ESO A)

 

Andel de Libros (XX): Memoria do silencio, de Eva Mejuto

 


Memoria do silencio. Eva Mejuto. Xerais

Este libro trata un tema moi interesante, dunha maneira diferente e entretida xa que non se fai nada pesado contar a mesma historia dende tres puntos de vista diferentes. Normalmente, cando se cruzan tres historias, son difíciles de entender, mais neste libro non foi así.

O meu personaxe favorito foi Lola, porque é moi valente e arríscase por algo que non é no seu beneficio. Ademais diso, esta historia foi baseada en feitos reais. As tres irmás existiron na realidade, e a rede na que colaboraron tamén. Esta rede salvou a máis de 500 persoas do Holocausto.

O final sorprendeume moito e encantoume, non llo cambiaría para nada. O título tampouco llo cambiaría, paréceme totalmente axeitado xa que concorda coa historia totalmente.  

Resultoume moi fácil de ler e paréceme que ten un vocabulario sinxelo xa que non usa palabras pouco comúns para contar a historia.

Laura Noya Sánchez (3º ESO B)

 

Book tráiler (XLVII): Memoria do silencio, de Eva Mejuto. Realizado por Laura Noya Sánchez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Memoria do silencio, de Eva Mejuto (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2019). Realización youtubeira: Laura Noya Sánchez, 3º ESO B, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

 

Book tráiler (XLVI): Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. DoCampo. Realizado por Samuel Grela Seoane

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler do libro Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. DoCampo (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2000). Realización youtubeira: Samuel Grela Seoane, 3º ESO B, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (XLV): Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro. Realizado por Diego Vásquez Fernández

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro (col. Árbore. Galaxia, 2014). Realización youtubeira: Diego Vásquez Fernández, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 31 de xaneiro de 2023

Andel de Libros (XIX): Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro

 


Camiño perigoso. Ánxela Loureiro. Xerais

O mellor momento do libro é cando a nena tira de todas as súas forzas que lle quedan para tentar poñer a salvo aos seus pais, e intentar xuntalos. 

A novela conta unha historia moi entretida e emocionante, e moi fácil de ler e entender porque non é nada difícil de seguir a trama, así que recomendo lelo para todas as idades xa que non ten dificultade ningunha. 

É unha historia que eu creo que non sucedería na realidade actualmente, pero tamén pode ensinar a valorar o que temos e non querer todo o posible e que non nos fai falta xa que hai xente que está en situacións moito peores sen culpa ningunha.

Zaira Antelo Iglesias (3º ESO A)

 

martes, 24 de xaneiro de 2023

Book tráiler (XLIV): O Principiño, de Antoine de Saint-Exupèry. Realizado por Laura Rodríguez Seoane

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O Principiño, de Antoine de Saint-Exupèry. Tradución de Carlos Casares (col. Árbore. Galaxia, 2013). Realización youtubeira: Laura Rodríguez Seoane, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 17 de xaneiro de 2023

Andel de Libros (XVIII): Os dous de sempre, de Castelao

 


Os dous de sempre. Castelao. Galaxia

A min este libro en xeral gústoume moito, tanto o seu desenvolvemento como os seus personaxes e os diálogos que estes manteñen. A novela conta unha historia ao meu parecer bastante interesante, que son as diferenzas entre a forma de ser dos dous personaxes protagonistas. A actitude dalgún que outro personaxe como a da señora Filomena deume gracia nalgún intre e sen embargo noutras ocasións un pouco de noxo, pois esta señora ás veces semellaba que non quería ver a Pedriño por diante nunca. 

Non me pareceu un libro moi longo, xa que no seu interior contén bastantes imaxes. O vocabulario tampouco me pareceu moi complicado de entender, aínda que certas partes do libro non me resultaron moi doadas de entender, por exemplo o final que teñen ambos personaxes protagonistas. 

Esta historia pareceume bonita pero ao mesmo tempo moi triste e humilde respecto á vida da maioría dos personaxes.

Lúa Edreira Martínez (4º ESO)

A min este libro gustoume bastante, xa que está escrito dunha maneira que engancha, como é, en capítulos curtos. Isto fai que cando acabas de ler un, quedes coa intriga de que pasa no seguinte, e queiras ler outro. Ademais paréceme que é interesante xa que conta a historia de dous personaxes totalmente diferentes, pero que aínda así lévanse moi ben dende sempre. 

Para min o momento máis importante do libro é cando Pedro e Rañolas se volveron reencontrar, xa que me pareceu moi bonito, e ademais, despois volveron levarse igual de ben como se nunca estiveran separados.  

O meu personaxe favorito é Rañolas, xa que é moi traballador e sempre se gañou a vida por si mesmo. Ademais, cando Pedro estaba pasando por un mal momento, escoitouno e axudouno no que puido, como un bo amigo. 

Na miña opinión, recomendo sin ningunha dúbida ler este libro. O único que eu lle cambiaría a este libro sería a linguaxe, xa que contén algunhas palabras que eu non entendía o seu significado.

Lucía Grela Seoane (4º ESO)

xoves, 12 de xaneiro de 2023

Book tráiler (XLIII): Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro. Realizado por Lucía Rey Martínez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro (col. Árbore. Galaxia, 2014). Realización youtubeira: Lucía Rey Martínez, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 20 de decembro de 2022

Book tráiler (XLII): Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa. Realizado por Ariadna Hernández Bautis

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa, con ilustracións de Alba Barreiro (col. Sopa de Libros. Xerais, 2018). Realización youtubeira: Ariadna Hernández Bautis, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

luns, 19 de decembro de 2022

Zaira Antelo Iglesias (3º ESO A) recolleu o seu 1º premio no VII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)


 

(Fonte: A. C. Mestre Gacio)


Onte, domingo 18 de decembro de 2022, ao mesmo tempo que Arxentina gañaba o mundial de fútbol, Zaira Antelo Iglesias, alumna de 3º da ESO A no CPI Viaño Pequeno (Trazo), recollía o seu premio da categoría B (Xuvenil) no VII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas as narracións premiadas tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. 

O acto desenvolveuse na Casa de Cultura de Camporrapado (Boqueixón). Lembramos que neste mesmo blogue podemos ler o relato titulado “Un sábado en familia, que Zaira presentou co pseudónimo Mona, e polo que recibiu un vale para mercar libros e/ou material escolar por valor de 300 euros. Bravísima!!!

 

martes, 13 de decembro de 2022

Parabéns a Zaira Antelo Iglesias (3º ESO A), 1º premio no VII Certame Literario convocado pola A. C. Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

 

(Na imaxe reproducimos a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio)


Zaira Antelo Iglesias, alumna de 3º da ESO A no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser galardoada co premio da categoría B (Xuvenil) no VII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro.

Zaira presentou o relato titulado “Un sábado en familia, co pseudónimo Mona, e continúa a mostra do talento literario que existe na mocidade de Trazo pois outras alumnas xa foran premiadas en anteriores edicións deste mesmo certame:

En 2017 Miriam Otero Sande, daquela en 2º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Vacacións no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2019 Uxía Iglesias Vázquez, daquela en 4º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “A maxia do Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2020 Alicia Martínez Rodríguez, daquela en 3º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Contos de Bruxas”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2021 Aitana Noya Santos, daquela en 2º da ESO, recibiu o 2º premio polo seu relato “Solpor no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)


-ACTA-
Sendo as 20:00 h. do 9 de Nadal de 2022, o xurado do VII Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio acorda:
• Categoría A:
1º Premio: Pico sagrado de Daniela Porto Fernández
2º Premio: Picos, rapazas, ananos e mouros de Inés Paz Pedreira
• Categoría B:
1º Premio: Un sábado en familia de Zaira Antelo Iglesias
2º Premio: A falta de amor fai o valor de Rocío Couceiro Martín
O xurado valorou a alta participación, con case medio cento de escritos, e a tremenda orixinalidade e imaxinación dos textos presentados, salientando a creatividade e a tenrura dos máis cativos, a capacidade de sorprender, divertir e conmover dos máis maiores, o compromiso social e o alarde dun amplo abano de temas contemporáneos e universais, todo isto no máxico escenario do Pico Sacro, referencia para os novos valores e fonte inesgotable de creación literaria.
O xurado:
José Mª Rodríguez Mallón / Carlos Cimadevila Álvarez / María Crespo Cutrín


Os nosos parabéns a Zaira Antelo Iglesias!

E velaquí o relato que enviou Zaira:

 

UN SÁBADO EN FAMILIA

Esta historia aconteceu en 2021 un sábado, cando eu e a miña familia fomos de excursión a pasar o día no Pico Sacro todos xuntos. No día anterior quedaramos de saír da casa ás oito da mañá e levar comida feita para comer por alí. Miña nai encargárase de facer unhas tortillas, miña tía uns filetes de polo e miña avoa unhas merendas, e íamos pasar alí toda xornada.

Ese día pola mañá xa houbo un problema a primeira hora e era que os meus tíos de Ordes xa chegaran ás catro e media porque o meu primo Raúl se quedara durmido. Cando estabamos todos arrincamos para o Pico Sacro. O segundo problema foi que xa nos perdemos polo camiño para ir, porque nunha rotonda collemos a saída que non era e fomos dar a outro sitio polo que tivemos que dar moitas voltas e cando chegamos ao Pico Sacro xa eran as 11.

Estivemos dando voltas polo Pico Sacro, era todo moi bonito e cunhas vistas super bonitas. Á hora de comer decatámonos que todo o mundo marchaba e que ninguén comía no Pico Sacro. Nós levaramos unhas mantas para poñelas no chan pero como vimos que todo o mundo marchaba a comer a bares pensamos que tampouco se podería comer por alí, polo que nos puxemos a buscar un bar onde se puidera comer e en Google atopamos un bar que se chamaba A Picotiña.

Así que como xa estaba cerca puxémonos a andar para atopalo, cando chegamos ao bar había un montón de xente e tivemos que esperar bastante tempo a cola ata poder entrar. Cando xa estabamos sentados e nos viñeron preguntar que queríamos de comer pedimos tortillas, polbo, orella e un montón de cousas mais, que todo estaba riquísimo.

Cando acabamos de comer xa eran as 3:15 porque entre as sobremesas, o café e a leria que teñen xa nos dera esa hora. Polo que andamos todos apurados para que nos dera tempo a ver todo porque non queríamos marchar sen ver nada. Estivemos dando un montón de voltas.

E cando nos decatamos de que faltaban o meu primo Martín e a miña prima Laura, e non sabíamos onde se meteran e tampouco sabíamos canto tempo había que desapareceran, polo que nós supuxemos que desapareceran fai moi pouco tempo porque senón dariámonos de conta antes. Entón puxémonos a buscar por cerca nosa, miramos dentro das covas por se estaban xogando ás agachadas, miramos por todos os lados e decatámonos de que ía ser moi difícil encontralos xa que o lugar era moi amplo e había moitos recunchos, e tamén moitos sitios onde facerse dano.

Entón eu e miña irmá puxémonos a sacarnos fotos porque queríamos ter fotos das dúas xuntas no Pico Sacro para os recordos. Cando acabamos de sacar as fotos démonos de conta de que nós tamén os perderamos de vista, pero eu e miña irmá tiñamos o móbil e non nos preocupou polo que fomos sacar fotos a un sitio que nos parecera moi bonito e despois xa chamariamos para ver onde estaban todos.

Cando acabamos de sacar as fotos decatámonos de que os nosos móbiles non tiñan cobertura e que non iamos poder avisar para saber onde estaban. Estábamonos poñendo dos nervios xa, de repente aparecen Laura e Martín berrando polos nosos nomes e Martín estaba chorando.

Entón miña irmá foi onda el e resulta que se cortara nun dedo e que estaba sangrando, miña irmá que tiña tiritas no bolso deulle unha, púxoa e xa parou de chorar e seguiron xogando, iso si sempre ao noso lado sen se separar nin un pouquiño.

Estivemos ata as 8:30 da noite sen atopar a ninguén, cando xa estábamos cansos de andar e iamos descansar un pouco, atopamos polo Pico Sacro ao famoso favorito da miña irmá e meu que era Alba González Villa (Nairobi na Casa de papel e Saray Vargas en Vis a Vis), dábanos moita vergonza falarlle pero aínda así fomos onda ela porque levabamos moito tempo querendo coñecela e sacar unha foto con ela, foi moi amable con nós e tratounos super ben, ata sacou fotos con nosos curmáns.

Despedímonos dela e marchou, isto deunos máis ánimos para seguir andando un pouco máis en busca de todos. Pero seguíamos andando e andando e non atopabamos a ninguén, estábase facendo de noite e xa era moi tarde para estar nós sos polo Pico Sacro, meus primos xa estaban cansos e querían ir para a casa a durmir pero claro se non atopabamos nin aos nosos pais tampouco ían poder ir durmir. Claramente entón dixémoslle que se se portaban ben e esperaban un pouco a que encontraramos a todos tiñan unha sorpresa, polo que aguantaron un pouco máis portándose ben e sen protestar nada.

Cando xa estábamos a punto de acabar de ver o Pico Sacro miña irmá decatouse de que podía ver onde estaba a nosa nai desde o seu móbil para poder atopalos, pero claro como había en sitios que non tiña cobertura ás veces perdíase o gps e eles tamén estaban en movemento, pero intentamos seguilos polo móbil porque aínda que ás veces desaparecera o punto de onde estaban seguíamos andando todo para diante ata que volvía a aparecer, e se había un camiño esperábamos a que volveran a ter cobertura para seguir andando ata chegar a onda eles.

E cando o punto aparecía xa case ao seu lado de repente desapareceu, pero seguimos facendo coma sempre, se o punto desaparecía nós seguíamos andando cara diante ata que volvera a aparecer, pero resulta que había dous camiños e o punto non aparecía así que a min téñenme dito que cando se perde hai que coller sempre á dereita, polo que fomos polo camiño da dereita e chegamos a un lugar sen saída e alí non viamos a ninguén.

Xa estábamos a punto de dar a volta, de repente escoitamos a todos berrar SORPRESA!!!, e resultou que estaban alí todos escondidos para darlle unha sorpresa a Martín que era o seu aniversario e compráranlle un agasallo. Pasámolo moi ben e tivemos que volver para a casa.

Pseudónimo: Mona