Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



domingo, 3 de decembro de 2023

Balda de Libros (VII): Silencio, de Fran Alonso

Silencio. Fran Alonso. Xerais

A min este libro gustoume pero tamén lle faría algún cambio, xa que ao principio non me gusta porque hai páxinas onde sentes que non estás ou non te dás situado moi ben e o final xa é o meu gusto, porque non me gusta que me deixe coa intriga de que pasou como o fai esta obra, prefiro que me diga como acaba.

Pero quitando iso do libro os personaxes gústanme bastante porque o protagonista é bastante curioso e valente xa que entra no piso dos veciños e ve aquel percal e tamén me gustou moito o que dixera de Ofelia “Salvoume aínda que ela non o saiba” xa que el mentalmente estaba bastante mal polos ruídos dos seus veciños, porque xa sentía que se estaba volvendo paranoico.

E despois está Ofelia que parece unha muller bastante romántica e agradable, é a ex do personaxe pero polo que contan na historia parece que seguen namorados un polo outro.

E por último está o neno que levaba as caixas coa comida que dese a verdade non teño que opinar porque ao final acaba morto no salón do piso e do pai tampouco xa que non apareceu moito na historia.

Carla Caramés Rivas (3º ESO)

Gustoume moito o libro, é moi interesante e ten moita intriga, non esperas para nada o final. A pesar de que ten palabras que non entendo é moi fácil de ler.

Para min foi moi entretido, porque trata dunha cousa principalmente, que se tratase de máis podería ser máis complicado de ler e así é máis doado.

O personaxe principal é El, non sabemos o seu nome, parece unha persoa que é moi independente, pero non pide axuda cando de verdade a necesita.

Os secundarios son os veciños, Catulo e Ofelia. Non sabemos moito deles. Os veciños son moi misteriosos e serios. Catulo é moi bo amigo xa que intentou axudalo sempre que puido. E Ofelia chegou no momento que máis o necesitaba, a punto de volverse tolo.

O meu personaxe preferido é Catulo, porque sempre o intenta axudar, a pesar de que El o tratase fatal porque non lle gustase o que lle dixera ou propuxera, pero Catulo sempre estaba aí. A min isto paréceme que só o fan os amigos de verdade que non te queren por interese.

Ainhoa Leis Ríos (3º ESO)

O momento máis importante do libro é cando o periodista ve a porta da casa dos veciños aberta, porque hai moita tensión polo que pode se pode atopar dentro do piso. Outra escena destacada tamén é cando se atopa cun fillo do suposto Papá no ascensor, porque os ve por primeira vez e non se sabe como podían reacionar, tamen me gustou a escena cando os intenta espiar. A escena que menos me gustou foi cando se atopa co segundo rapaz no ascensor e lle ensina as moscas mortas aplastadas contra a caixiña.

É un tema moi intrigante, porque queres saber porque os veciños fan esas cousas tan raras e tamén como van a reaccionar cando se ven no ascensor por primeira vez o raparigo e o periodista.

O meu personaxe preferido é o periodista, xa que dos outros non se sabe case nada.

Ten momentos nos que dá moito noxo cando di que os veciños comían moscas mortas, miolos de rato e tripas de lagarto. Non me gustou moito que non se saiba moi ben que pasa no final.

Laura Rodríguez Seoane (3º ESO)

Balda de Libros (VI): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

 

Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas. Galaxia

Memorias dun neno labrego é sen dúbida, unha das obras que tes que ler polo menos unha vez na túa vida. Este pequeno libro ensínanos como é a vida de Balbino, un rapaz de aldea que vive na pobreza. El mesmo afirma que é un ninguén, un ninguén que narra as súas aventuras dunha forma única e especial. Fainos viaxar ao pasado con todos os sentimentos posibles, xa que se conta dende a perspectiva dun neno, sendo unha óptica sinxela pero profunda.

A novela de Xosé Neira fainos dar conta da importancia das pequenas cousas, dos momentos sinxelos pero que nos fan ser felices, entre outras reflexións. Vemos un rapaz que vive os acontecementos dende a inocencia e o pouco coñecemento da vida, isto fai que lle collamos máis cariño e que nos sintamos conmovidos polas súas historias cheas de emocións.

É unha obra imprescindible da literatura galega, que nos invita a vivir na nosa propia pel a pobreza galega do pasado. Unha novela sinceramente inmellorable, cun amplo léxico galego.

Por último engado que eu recomendaríalla ler a calquera que estivese minimamente interesado pola literatura galega.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

Este libro conta varias historias que lle acontecen a un neno, unha en cada capítulo, o cal se mete en moitos problemas. O libro é moi entretido pero segundo o meu criterio ou a miña opinión faise complicado de ler, xa que cada capítulo conta unha aventura de Balbino sen ningún tipo de relación coa aventura anterior, iso dificulta a lectura xa que non é unha historia fluída. Quitando iso, as historias están moi ben e é moi entretido ler, recomendaríao por suposto.

Falando do vocabulario do libro, non me pareceu moi complicado de ler, algúns capítulos danse entendido mellor ca outros pero polo xeral non hai problema. Avaliando se me pareceu interesante ou non, a verdade é que estivo ben, pareceume moi interesante e intrigante ver todo o que lle vai ocorrendo a todos os personaxes, por exemplo como o can de Balbino morre polo veleno das galiñas ou como de preocupados acababan os pais.

O momento máis importante do libro para min foi o final, cando Balbino consegue o seu propio traballo.

Os mellores personaxes foron Balbino o protagonista e Manolito, que aínda que fora un neno moi desagradable para Balbino, foi bastante importante no libro polos seus comportamentos.

Carla Lema Domínguez (4º ESO)

Este libro gustoume moito porque relata unha historia moi semellante ás que sucedían na realidade como por exemplo a pobreza e os abusos dos pais en moitos casos e por suposto pola emigración a América, a cal foi unha das fases máis importantes de Galicia.

O libro está moi ben porque non é un libro longo nin difícil de ler e ademais hai algunhas das historias que se contan que están moi ben, como por exemplo a historia que nos di que Balbino case marcha río abaixo.

Os personaxes para min son en xeral todos agradables e simpáticos menos o pai do rapaz e o tío que eran uns abusadores que non se sabían controlar. A min a personaxe que máis me gustou foi a de Lalo de Cidre porque o neno arrisca a súa vida para salvar a de Balbino que nin sequera o coñecía.

Unha das únicas pegas que lle podo poñer ao libro, ademais de que hai algún capitulo que para o meu gusto non é moi bo, é que o final non é un desenlace ao que estamos acostumados a ver porque é outra historia que é a que lle dá título a esta obra e normalmente as novelas e libros que adoitamos ler son sempre con finais tráxicos ou bos que parten do tema principal do relato.

O que quizais máis me gustou do libro é que ao lelo te engancha cada vez máis ou polo menos foi o que me pasou a min.

Anxo Domínguez Martínez (4º ESO)

A min este libro gustoume moito porque fáiseme unha historia moi interesante e emocionante.

Gustoume como Xosé Neira Vilas describiu os sentimentos de Balbino dun xeito sutil e discreto. O libro pareceume atractivo e fácil de ler pola sinxeleza do vocabulario e as diversas aventuras que se producen ao longo da obra, facéndoa máis animada. Destaca como o autor mantén a historia a pesar da gran cantidade de personaxes que rodean a Balbino. Ao principio, o personaxe de Balbino é bastante sinxelo e a lectura pode parecer un pouco lenta e aburrida. Porén, todo cambia cando decide marchar da casa e romper coas expectativas dos seus pais. A partir dese momento, a historia faise máis animada e entretida.

O momento que máis me gustou foi cando Balbino se fixo amigo de Lelo, e por último o momento que menos me gustou sen dúbida foi cando Manolito empezou a insultar a Balbino e este tiroulle unha pedra.

Ainoha González Iglesias (4º ESO)

Paréceme un libro bastante interesante, non me pareceu nada aburrido, de feito enganchoume bastante. Non é dos textos que máis fácil me pareceu de ler porque non teñen case relación os capítulos e entón enredábame un pouco, pero aínda así entendino bastante ben.

A min persoalmente o momento que máis me gustou foi cando no capítulo 8, que se titula “O Rebusque”, Balbino estaba todo ilusionado coa caixa que atopara no monte porque cría que aí había tesouros que ían sacar á súa familia da pobreza, pero o día seguinte cando viu que a perdera desilusionouse todo, porque a partir diso pensa que vai quedar pobre para sempre.

O meu personaxe preferido é o amigo de Balbino porque o salva cando ía caer ao río sen coñecelo de nada.

Para min a portada ten moi que ver porque é un neno e principalmente o que aparece na historia é Balbino, o título tamén me parece que ten bastante que ver porque ao final son cousas que Balbino recorda.

Nerea Sánchez Castro (4º ESO)

Este libro gustoume moito, ten un argumento bastante orixinal, e está moi ben escrito. Ten unha trama interesante, e é moi fácil de ler. Usa un vocabulario bastante común e fácil de entender.

O único que non me gustou deste libro foi que cada capítulo era unha historia diferente á anterior, en lugar de ser unha única historia, pero iso xa é para o gusto de cada un.

O título que lle puxo o autor gústame moito, pero eu penso que os hai mellores. Por exemplo, eu poñeríalle: O caderno de Balbino, porque Balbino escribe todo o que lle pasa no seu caderno, o cal aprecia moito.

A min as historias deste libro gustáronme moito, xa que son moi realistas, aínda que non se parezan á realidade que vivimos agora, parécense á realidade vivida por nosos avós e avoas, porque a narración foi escrita hai bastantes anos.

Os personaxes están todos bastante elaborados, pero o meu favorito é Balbino, pois é do que máis se fala. Porén detesto o personaxe de Manolito.

Anímovos a ler este libro, seguro que vos encanta.

Laura Noya Sánchez (4º ESO)

Memorias dun neno labrego pareceume un libro moi interesante con moitas historias contadas en forma de anécdotas.

O seu protagonista, Balbino, é un neno moi valente e aventureiro. É unha persoa inocente e insatisfeita coa súa vida. Balbino ten un irmán chamado Miguel o cal marcha e non lle volve falar, por iso, para min é o peor personaxe do libro. A pesar diso, é verdade que é moi valente pola súa parte marchar a América para perseguir o seu soño de ser modelo.

A miña personaxe favorita foi Eladia xa que me pareceu unha persoa moi amable e moi boa persoa.

Pachín, o can, a pesar de non ser unha persoa, foi outro dos meus personaxes favoritos por ser un animal tan leal e bo.

Memorias dun neno labrego ten un vocabulario axeitado e é moi sinxelo de ler.

Penso que o seu final é moi bo e non cambiaría nada deste nin do contido xeral do libro. Gustoume moito o detalle de que cada capítulo sexa unha etapa diferente da adolescencia de Balbino e considero moi entretidas as súas anécdotas e lembranzas.

Alexandra Noemy Sousa Cruz (4º ESO)

A verdade é que este libro gustoume moito. Foi entretido e non me levou moito tempo a lectura.

Con respecto ao vocabulario, entendín bastante ben o libro en xeral, aínda que había algunhas palabras que non coñecía ou das que non sabía o significado.

Os temas son bastante interesantes. Trátanse varios como a pobreza, o traballo duro no campo, as tradicións rurais, as relacións familiares, a educación ou a esperanza dun futuro mellor. No libro vaise contando como vivía e as cousas que lle ían pasando a un rapaz galego de mediados do século XX.

O meu personaxe preferido é Balbino, o rapaz do que acabo de falar, en parte porque é o protagonista. Balbino é un rapaz pícaro e valente Este rapaz vivía na aldea coa súa familia, a cal non tiña moitos cartos. Pero aínda así, isto non lle impedirá vivir moitas aventuras, as cales escribirá nun caderno.

Un dos personaxes que menos me gustou foi o pai de Balbino, xa que lle pegaba ás veces ao seu fillo.

Recomendo a lectura deste libro.

Samuel Grela Seoane (4º ESO)

Este libro gustoume moito, pareceume moi divertido e entretido e ademais non te cansas de lelo.

O momento que máis me gustou foi cando Lelo salvou a Balbino de que morrese no río, polo que demostrou que era unha gran persoa e finalmente acabaría sendo alguén moi importante para Balbino, tamén o consideraba un gran amigo a pesar do pouquiño tempo que estiveron xuntos.

O momento que menos me gustou porque me deu moita pena, foi cando Balbino viu á súa mestra cun novo mozo, xa que iso provocou que estivera moi enfermo. E tampouco me gustou a actitude que tiña o pai de Balbino con el xa que sempre lle pegaba e iso non está ben, xa que aínda era un rapaz.

A miña personaxe favorita foi Balbino porque contaba a súa vida sen ningún segredo e tamén porque é o principal protagonista e é o máis entretido. Tamén me gustou seu padriño porque lle intentaba dar os mellores consellos e dicirlle o que el faría.

Pola contra, a personaxe que menos me gustou foi Manolito porque considero que se portou moi mal con Balbino.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Memorias dun neno labrego é un libro moi interesante e sobre todo bonito, xa que vai narrando toda a vida de Balbino.

É moi fácil de ler e moi emocionante, xa que cando o estás lendo tes moita intriga polo seguinte que vai pasar, estás sempre interesado polo que vai suceder no seguinte capítulo. Por iso engancha moito.

O meu personaxe favorito sen dúbida é Lelo, xa que me parece moi boa persona, xa que axudou moito a Balbino, e sempre estivo aí para el, ata cando marchou ás Américas e se acordou del mandándolle unha carta.

O personaxe que menos me gustou foi Manoliño, xa que parece moi larchán dicindo cousas sobre os demais. Tampouco me gustou moito o irmán de Balbino xa que me parece algo egoísta ao non dicirlle nada sobre as Américas sabendo a ilusión que lle facía.

E o momento que máis me gustou foi cando Balbino se namorou da mestra aínda que ao final se desilusionou.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

Este libro pareceume un moi bo libro, xa que para os anos que ten utiliza unha lingua que se pode entender facilmente coa evolución das palabras, aínda que algunhas delas xa poidan estar en desuso e tívenas que buscar no Portal das Palabras.

O tema gustoume moito, xa que eu nunca lera un libro baseado nun diario real dunha persoa calquera (aínda que para min, Neira Vilas debeu de esaxerar algunhas partes da historia, xa que dubido moito que xusto encontra un amigo e ese amigo teña que marcharse).

Gustáronme moito os protagonistas, sobre todo o tío de Balbino e o propio Balbino, e o que menos me gustou foi o trato da familia de Balbino ao propio neno, aínda que así fora a mentalidade da época.

En canto ao desenvolvemento, algúns capítulos, para min, poderían ser eliminados e así quedaría mellor a historia. A miña escena favorita é cando Balbino fai o “lume”, como lle din no libro, na festa cos outros rapaces da aldea.

En conclusión este libro recoméndollo a persoas que poidan aguantar aos familiares de Balbino, que son un pouco pesados, pero polo resto recomendo moito a lectura.

Simón Varela Baleato (4º ESO)

sábado, 2 de decembro de 2023

Balda de Libros (V): A dúbida, de María Reimóndez.

 

A dúbida. María Reimóndez. Xerais

A dúbida é unha novela de María Reimóndez, a cal aborda un tema moi importante. Fala sobre os abusos sexuais, contados dende una perspectiva diferente á da vítima.

É certo que moitos de nós se nos encontrásemos nunha situación coma a que vive Deli, probablemente gardaríamos silencio e non actuaríamos ao respecto. Pero este libro amósanos esta personaxe, que nos ensina como actuar e non quedar caladas ante estas situacións.

Deli defende á vítima a pesar da súa relación co acusado, un acto valente e necesario nunha sociedade onde a maioría preferimos escoller a vía fácil, facer coma se nada ocorrese. Por esta razón Deli é a miña personaxe preferida, una muller que non se deixa levar polas ideas dos demais e que loita por conseguir o que quere, ademais de que nos ensina que as aparencias enganan.

Persoalmente gustoume moito a novela, pola trama que ten e como se desenvolve, finalizando a historia da mellor maneira posible, coa verdade saíndo á luz. Tamén me gustou que tivese os capítulos curtos, desta forma cada vez que rematas un xa queres comezar o seguinte, e cando te dás conta xa acabaches de ler o libro.

Considero que é unha novela digna de ser recomendada xa que é engaiolante, interesante e fácil de ler. E á parte diso achéganos coñecementos sobre o tema tan importante do que nos fala.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

A dúbida conta a historia de dous homes, unha muller e unha nena, eses son os personaxes principais. Os dous homes, un deles abusou da nena pequena que se chamaba Ana, e era a filla duns amigos seus, e a muller era a moza deste home. O outro home, os dous traballaban xuntos, e cando ían a Madrid por traballo ían de putas, pero nenas menores de idade.

Deli, que é a muller do primeiro home, cando se decatou de que o seu home lle fixera iso a Ana, intentou buscar probas por todos os lados para intentar metelos no cárcere, e se queres saber como acaba deberías lelo.

É un libro que recomendo bastante para ler, para a miña opinión é moi sinxelo de entender, e non é longo polo tanto non se fai pesado, tampouco é repetitivo. Ademais na miña opinión creo que este libro pode concienciar a moita xente, sobre a realidade que hai neste mundo, porque isto é unha historia pero na realidade tamén pasan estas cousas, e tanto para as persoas que non fan nada malo, pode axudarlle a que nunca se lle ocorra facelo. Pero tamén para as persoas que o fan, porque seguramente ler isto non lles importa nada, pero ao mellor hai a algunhas persoas que si que lles afecta, e ao mellor din pois é verdade, e pararían de intentalo.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

A dúbida é unha novela moi emocionante e interesante, xa que cando a estás lendo tes moita curiosidade polo seguinte que vai pasar, estás sempre pendente por esa emoción de saber o que suceder no seguinte capítulo. Por iso engancha moito esta novela.

A min pareceume moi interesante, sobre todo cando no xuízo aparece o vídeo de Ana contando todo o que pasara na bañeira, tamén cando Deli vai a Madrid e volve e atopa os CDS nos que había pornografía onde atopa as probas para acusar ao seu marido. E afirmar que si que abusara de Ana.

O meu personaxe favorito é Deli, xa que me parece unha muller moi valente por buscar probas para meter no cárcere ao seu home Vicente. Aínda que ao principio fose algo inocente ao crer ao seu home e intentar axudalo.

O personaxe que menos me gustou foi Vicente xa que me parece moi mala persoa por abusar de Ana e despois chegar a negalo. Paréceme moi ben que fose para o cárcere, tíñao merecido.

Tampouco me gustou moito Ricardo o pai de Ana, xa que amañou as contas no seu traballo de político e ía máis diñeiro para el que para o resto, e iso é ser moi egoísta e mala persoa.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

Este libro estivo moi ben xa que fala dun tema moi interesante, é moi importante mentalizar aos nenos ou adolescentes da miña idade que aínda que esta historia estea nun libro perfectamente podería aparecer nas noticias do xornal. O abuso sexual acontece día a día no mundo no que vivimos así que me parece un libro que fai reflexionar e empatizar coa nena.

O resto do contido do libro pareceume tamén moi interesante xa que fala de temas máis fortes sen ningún tipo de tabú en dicilo.

Falando dos personaxes, penso que o máis importante é Deli xa que é quen consegue desenmascarar ao seu marido, un señor dexenerado capaz de abusar dunha menor.

Outros personaxes que tamén me gustaron foi Ana polo loitadora que foi e a amiga de Deli.

O momento máis importante da narración para min é cando Deli, a muller de Vicente conseguiu meter a este no cárcere, é dicir no desenlace, xa que por así dicilo é o que se espera que pase durante toda historia.

Non faría cambios na orde dos acontecementos e tampouco cambiaría ningún deles, todo está moi ben ordenado e no seu sitio.

O vocabulario deste libro foi bastante comprensible e fácil de entender.

Carla Lema Domínguez (4º ESO)

Foi un libro que a min persoalmente me gustou moito xa que narra unha historia que trata un tema que hoxe en dia está moi presente no día a día das persoas.

Gustoume principalmente porque ten un vocabulario moi doado de ler e moi fácil de entender xa que posúe unha lingua moi próxima a nós.

A min o momento que máis me gustou foi cando á protagonista lle poñen a gravación en vídeo de Ana dicindo unhas declaracións e ela logo decide ir contra o seu marido para castigalo polo que fixo.

Persoalmente a personaxe que máis me gustou non foi a protagonista, foi Ana xa que a pesar de que o mellor amigo de seus pais a estaba agredindo sexualmente tivo o valor de dicilo e de non quedar calada, xa que outra xente na súa situación, como pasa hoxe en día, queda calada e non ten o valor suficiente de denuncialo como tivo Ana.

Unha personaxe que non me gustou nada foi o marido da protagonista xa que cometeu un dos actos mais miserables que se pode cometer hoxe en día, violar a unha muller, e persoalmente merecía ese castigo.

En conclusión eu recoméndolle este libro a todo o mundo xa que é moi entretido.

Íker García Brea (4º ESO)

O libro conta unha historia na que a protagonista é Deli. Esta é unha muller á que un día lle chega a policía á casa para deter ao seu marido, chamado Vicente, xa que este tiña cargos por abusos sexuais a unha rapaza chamada Ana cando esta tiña once anos, Ana era filla dun amigo seu.

O personaxe da historia que menos me gustou foi Vicente, xa que abusou dunha rapaza de once anos e iso está moi mal. Pola contra, o personaxe da historia que máis me gustou foi o policía Couto, xa que axudou moito no caso. Houbo outros personaxes que tamén me gustaron como Deli, a muller de Vicente, xa que ao principio pensaba que o seu marido era inocente, pero en canto se deu conta de que era culpable non dubidou en ir contra el, a pesar de que fose seu home.

O momento que máis me gustou foi cando arrestaron a Vicente, xa que se fixo xustiza.

A verdade é que este libro gustoume aínda que non me encantou, xa que a trama é interesante. Con respecto ao vocabulario, en xeral entendín todo ben.

Recoméndolle este libro a calquera persoa que lle gusten este tipo de historias as cales abordan temas como a denuncia social ou a intriga.

Samuel Grela Seoane (4º ESO)

A min este libro pareceume moi interesante, á hora de lelo enganchoume bastante nada máis empezalo a ler. Ademais ten un vocabulario bastante fácil de comprender e iso fai que sexa fácil de entender e de ler.

O tema pareceume moi entretido e cada capítulo que lía dábame ganas de ler o seguinte, pero si que me deu bastante noxo cando Vicente lle mando meterse a Ana na bañeira e lle fixo esas cousas.

Eu persoalmente non lle faría ningún cambio porque ao final Vicente ten o seu merecido polo que lle fixo a Ana. O título ten moito que ver coa historia porque supoño que coa dúbida se referira a que Deli non cría moito en Vicente e a portada tamén ten que ver porque é unha nena en negro e eu creo que representa a Ana porque sempre que che pasa algo así nunca o chegas a esquecer de todo. 

A miña personaxe favorita é Deli porque aínda que o quixera cando descubriu a verdade fixo que fora ao cárcere, e o que menos e gustou foi Vicente por violar a Ana que era una nena de 12 anos. De feito, a escena que máis me gustou do libro foi cando Vicente tivo o seu merecido.

Nerea Sánchez Castro (4º ESO)

A narrativa resulta envolvente, de lectura sinxela e compréndese de xeito claro. Nesta historia, chegarás a cuestionar a realidade ao igual que Deli, quen interpretou entre liñas para descubrir a verdade e procurar xustiza.

O meu personaxe preferido é Deli, xa que amosa forza e, a pesar das adversidades, esfórzase por asegurar que aqueles que cometeron faltas reciban a xustiza correspondente, como lle pasou ao seu home.

A obra aborda o acoso, a violencia e o abuso, expoñendo o trato cara ás nenas e as penurias que padeceron para liberarse dese entorno. A trama segue a unha parella con anos de matrimonio, cando un día a policía detén ao home de Deli. A pesar da busca exhaustiva, ela indicoulle que estaba no seu rincón cosendo.

Persoalmente encantoume esta historia porque revela unha realidade que ás veces pasamos por alto. Tamén subliña que as aparencias poden ser enganosas, xa que inicialmente se pensa que el non puido cometer o acto, pero ao final descóbrese que si. Como?

Ainoha González Iglesias (4º ESO)

 

Book tráiler (X): Corredora, de María Reimóndez. Realizado por Lucía Sánchez Couselo

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Lucía Sánchez Couselo, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (IX): Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly. Realizado por Fernando Muíño Couto

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly (col. Árbore. Galaxia, 2013). Realización youtubeira: Fernando Muíño Couto, 1º ESO B, CPI Viaño Pequeno (Trazo) 


 

 

Book tráiler (VIII): 22 segundos, de Eva Mejuto. Realizado por Lidia González Rey

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela 22 segundos, de Eva Mejuto (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2019). Realización youtubeira: Lidia González Rey, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (VII): O grupo, de An Alfaya. Realizado por Lidia González Rey

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O grupo, de An Alfaya (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2019). Realización youtubeira: Lidia González Rey, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

 

xoves, 30 de novembro de 2023

Book tráiler (VI): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Realizado por Laura Noya Sánchez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (col. Biblioteca Neira Vilas. Galaxia, 2016). Realización youtubeira: Laura Noya Sánchez, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (IV): A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre

 


A banda sen futuro. Marilar Aleixandre. Xerais

A banda sen futuro, escrito por Marilar Aleixandre,é un libro moi interesante, xa que fala dun tema moi importante, os prexuízos, ademais reflicte a importancia de apoiar a xente que está pasando por un momento complicado na súa vida.

O vocabulario e a lingua parecéronme fáciles de entender, aínda que houbera palabras que tivera que buscar no dicionario.

Carlota foi o personaxe que máis me enganchou, sendo a protagonista non se podía esperar outra cousa. Penso que é unha rapaza moi intelixente e cunha forza interior sorprendente, capaz de afrontar e superar calquera problema, por moi grave que sexa.

A avoa, sen ter un papel principal, xoga un papel fundamental na historia, xa que grazas a ela dáse conta das cousas verdadeiramente importantes da vida. Non teño dúbida de que a fortaleza de Carlota herdouna dela.

Finalmente, recomendo ler este libro sobre todo aos adolescentes xa que parte do argumento podería ser a vida cotiá de calquera rapaz ou rapaza da mesma idade de Carlota.

Cristina García Regueiro (3º ESO)

O libro contén moitas cousas interesantes sobre a adolescencia e demais, aínda que o tema principal é que Carlota, unha nena adolescente, por culpa dun eccema tivo que cortar o cabelo todo. Este tema interesoume moito xa que esas cousas non lle ocorren normalmente ás persoas no día a día.

Ademais de Carlota están outros personaxes coma Lidia, que é unha rapaza que dende o momento no que Carlota chegou ao colexio non parou de molestala xunto a outros rapaces e rapazas da clase, Mister Bean, que é o profesor de Inglés que para min é un personaxe moi relevante no libro posto que Carlota acode varias veces a el. E Moncho, un rapaz que, ao comezo do libro non é moi

relevante pero cara ao final faría moi boas migas con Carlota.

Tamén me gustou que a historia a contase Carlota dende o seu punto de vista porque así temos unha perspectiva moi clara de como é ter eses problemas e tamén saber que se sente.

O desenvolvemento da historia pareceume bastante axeitado porque contaba todo con calma e de maneira sinxela; e o final non me gustou porque deixaba moi aberta a historia e non puiden saber que acontecía despois, se o libro contase cun par de capítulos nos que terminase de explicar e resumir o que pasa pareceríame un desenlace moito mellor e máis axeitado.

Diego Vásquez Fernández (3º ESO)

Esta novela está protagonizada por Carlota, unha rapaza de dezaseis anos que por culpa dun eccema tivo que cortar o cabelo. Este tema é moi importante xa que nos fala dos prexuízos que teñen os seus compañeiros cara ela, sobre todo ao comezo.

A miña personaxe preferida foi a protagonista, Carlota. Ao comezo vese moi acomplexada e cústalle relacionarse pero pouco a pouco vai facendo amigos no novo instituto. A avoa de Carlota é unha personaxe que tamén me gustou moito xa que pasan xuntas moito tempo. Ao longo do libro Carlota tamén comezará a ter amigos como Paulina, unha rapaza morena coa que soe ir ao cine.

Outro personaxe que me gustou moito foi Míster Bean, o profesor de inglés, xa que é comprensivo co alumnado, escoita os seus problemas e está disposto a axudarlles. E tamén Moncho, un rapaz que vai co cranio rapado e que comeza a fixarse en Carlota.

Os personaxes que menos me gustaron foron Miguel, xa que llo fixo pasar mal a Carlota e Gracia, a profesora de debuxo, porque sempre tiña problemas co alumnado.

É unha novela interesante e emocionante.

Pareceume un libro fácil de entender e recoméndoo para todos os adolescentes pero en concreto para os que están pasando por unha situación similar a esta.

Lucía Rey Martínez (3º ESO)

martes, 28 de novembro de 2023

Book tráiler (V): O enigma do baúl pechado, de Xosé Antonio Neira Cruz. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O enigma do baúl pechado, de Xosé Antonio Neira Cruz, con ilustracións de Luz Beloso (col. Árbore. Galaxia, 2020). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 21 de novembro de 2023

Balda de Libros (III): Os dous de sempre, de Castelao


 

Os dous de sempre. Castelao. Galaxia

Os dous de sempre conta a historia de dous rapaces, que ao final do libro acaban sendo homes. Que se levaban moi ben, e non se enfadaron nunca. Un chámase Pedriño, que era un pouco "pasota", e non quería facer nada, que a min non me gustaba moito, e outro chamábase Rañolas, que a min era o que mais me gustaba, xa que a pesar de que non tiña pais, e tampouco pernas, sempre quería seguir coa súa vida, pero ao final consegue poñer unhas pernas ortopédicas. Se queres saber máis sobre esta novela tes que lela.

Agora vou dar a miña opinión sobre esta historia. A verdade é que me parece unha historia bastante entretida, aínda que lle cambiaría algunhas cousas, por exemplo, que fala dalgúns temas como o suicidio, sen ningún tipo de pudor, e pode ser que a algunhas persoas que ao mellor tiveron que pasar por iso, que lle afecte. Tampouco me acaba de convencer que sexa un libro bastante longo, e moi repetitivo, o que fai que ás veces a narración se faga algo aburrida.

Ten un vocabulario ao principio algo complicado, pero despois xa é máis sinxelo a medida que avanza a historia, e iso fai que ao final sexa bastante fácil de comprender.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

Os dous de sempre é unha obra moi entretida é sobre todo bonita, conta a vida de dous amigos dende que eran pequenos ata maiores.

Paréceme moi triste a vida do pobre Rañolas, xa que me dá a sensación de que é moi bo neno, e por culpa da súa discapacidade non pode vivir a vida como se merece, ademais de que se ten que buscar a vida como pode. Pero logrouno xa que lle foi ben coa súa reloxería. Dáme moita mágoa que ao final se suicidara xa que merecía vivir unha vida máis feliz.

Pedriño paréceme todo o contrario, é mal rapaz desde pequeno, cando eran pequenos sempre se aproveitaba da inocencia de Rañolas. De maior seguía sendo igual é só pensaba en si mesmo, nunca nos demais.

O meu personaxe favorito é Rañolas polo seu bo corazón, e tamén porque a pesar das súas dificultades nas súas pernas seguiu adiante para gañarse a vida aínda que ao final se suicidara pola súa dor.

O personaxe que menos me gustou foi a nai de Filomena, xa que me parece moi mal falada é con pouco respecto.

Pedriño tampouco me gustaba moito porque se aproveitaba da inocencia dos demais sobre todo cando ameazou a súa muller para ter respecto. Ao final sempre acababa logrando todo o que el quería facer.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

A miña valoración persoal deste libro é que me gustou moito xa que vai narrando a vida de Pedriño e Rañolas. Ademais é fácil de ler xa que o seu léxico é moi sinxelo. Tamén ten os capítulos curtos polo que non te cansas de ler. Tamén é moi entretido polo que se le rapidamente sobre todo se che gusta ler este tipo de narracións.

O momento que máis me gustou foi cando Rañolas e Pedriño se volvían a reencontrar xa que levaban tempo sen verse, e cando contan como lle foi a vida nese período de tempo no cal non se vían. Pola contra, o que menos me gustou deste libro era o trato que lle daba a nai de Filomena, a sogra de Pedriño, a Pedro xa que o insultaba e dicíalle que era un larchán.

O meu personaxe preferido é Rañolas xa que era moi traballador e se buscaba a vida como podía. Pedriño non me gustou tanto xa que sempre esperaba a que súa tía lle mandase comida e tamén esperaba ter cartos sen facer nada polo que cando ía traballar lle era imposible durar unhas semanas nese posto.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Este libro cóntanos a interesante vida de dous rapaces: Pedriño e Rañolas, totalmente diferentes.

Un dos rapaces, neste caso Rañolas, ten unha personalidade loitadora, intenta conseguir sempre o que quere a pesar da súa discapacidade, axudándose tamén da súa intelixencia. En cambio o outro rapaz, Pedriño, a pesar de todas as súas facilidades decide non perseguir ningún soño e despreocuparse do seu futuro.

Nesteas escenas tamen interveñen outros personaxes como a tía de Pedriño, a muller de Pedriño… personaxes secundarios pero que lle dan interese á historia.

Para min o momento máis importante foi cando Rañolas se suicida, xa que é un momento moi tráxico, e mais pensando os motivos polos que tomou esa decisión e relacionándoos coa vida real, xa que no día a día iso tamen ocorre.

Foi moi interesante e emocionante ir lendo as aventuras de cada un dos rapaces ata que se fan adultos. Penso que non cambiaría ningún momento do libro xa que está moi ben como está. Non é nada complicado de ler e animo á mocidade e á xente máis maior a lelo.

Carla Lema Domínguez (4º ESO)

 

 

luns, 20 de novembro de 2023

Book tráiler (IV): Corredora, de María Reimóndez. Realizado por Ariadna Hernández Bautis

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Ariadna Hernández Bautis, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 14 de novembro de 2023

Book tráiler (III): A balada dos unicornios, de Ledicia Costas. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, con ilustracións de Mónica Armiño (Xerais, 2018). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

luns, 13 de novembro de 2023

Balda de Libros (II): Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste

 

Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste. Galaxia

Este libro conta cunha serie de diferentes relatos que teñen en común un punto de inquedanza, xa que trata numerosas veces o tema da morte neles.

Non é un libro complicado de ler e ademais é xeralmente curto con relatos de dúas ou tres páxinas, polo que non custa entendelos e fai que resulte máis doado seguir o ritmo de lectura.

O meu personaxe favorito é o home que rexuvenecía cos anos en lugar de envellecer. Gústame moito porque é unha capacidade que lle permitiu ter unha vellez adiantada para poder traballar e saber como ía ser de vello sen ter os anos. Aínda que o seu final non foi o mellor, xa que se acabou suicidando, ten unha capacidade orixinal e diferente que nunca lera en ningún libro.

O personaxe que menos me gustou foi o vello Moreno xa que abandonou á muller sen reparo ningún pensando só no seu beneficio.

En resumo pareceume un bo libro cunha trama afastada do que eu adoito ler, pero está bastante ben relatada e non se fan pesadas as historias.

Uxía Mariño Parafita (4º ESO)

martes, 7 de novembro de 2023

Book tráiler (II): Ameaza na Antártida, de Ramón Caride. Realizado por Fernando García Regueiro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Ameaza na Antártida, de Ramón Caride, con ilustracións de Miguelanxo Prado (col. Merlín. Xerais, 2000). Realización youtubeira: Fernando García Regueiro, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)