Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



domingo, 3 de decembro de 2023

Balda de Libros (VI): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

 

Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas. Galaxia

Memorias dun neno labrego é sen dúbida, unha das obras que tes que ler polo menos unha vez na túa vida. Este pequeno libro ensínanos como é a vida de Balbino, un rapaz de aldea que vive na pobreza. El mesmo afirma que é un ninguén, un ninguén que narra as súas aventuras dunha forma única e especial. Fainos viaxar ao pasado con todos os sentimentos posibles, xa que se conta dende a perspectiva dun neno, sendo unha óptica sinxela pero profunda.

A novela de Xosé Neira fainos dar conta da importancia das pequenas cousas, dos momentos sinxelos pero que nos fan ser felices, entre outras reflexións. Vemos un rapaz que vive os acontecementos dende a inocencia e o pouco coñecemento da vida, isto fai que lle collamos máis cariño e que nos sintamos conmovidos polas súas historias cheas de emocións.

É unha obra imprescindible da literatura galega, que nos invita a vivir na nosa propia pel a pobreza galega do pasado. Unha novela sinceramente inmellorable, cun amplo léxico galego.

Por último engado que eu recomendaríalla ler a calquera que estivese minimamente interesado pola literatura galega.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

Este libro conta varias historias que lle acontecen a un neno, unha en cada capítulo, o cal se mete en moitos problemas. O libro é moi entretido pero segundo o meu criterio ou a miña opinión faise complicado de ler, xa que cada capítulo conta unha aventura de Balbino sen ningún tipo de relación coa aventura anterior, iso dificulta a lectura xa que non é unha historia fluída. Quitando iso, as historias están moi ben e é moi entretido ler, recomendaríao por suposto.

Falando do vocabulario do libro, non me pareceu moi complicado de ler, algúns capítulos danse entendido mellor ca outros pero polo xeral non hai problema. Avaliando se me pareceu interesante ou non, a verdade é que estivo ben, pareceume moi interesante e intrigante ver todo o que lle vai ocorrendo a todos os personaxes, por exemplo como o can de Balbino morre polo veleno das galiñas ou como de preocupados acababan os pais.

O momento máis importante do libro para min foi o final, cando Balbino consegue o seu propio traballo.

Os mellores personaxes foron Balbino o protagonista e Manolito, que aínda que fora un neno moi desagradable para Balbino, foi bastante importante no libro polos seus comportamentos.

Carla Lema Domínguez (4º ESO)

Este libro gustoume moito porque relata unha historia moi semellante ás que sucedían na realidade como por exemplo a pobreza e os abusos dos pais en moitos casos e por suposto pola emigración a América, a cal foi unha das fases máis importantes de Galicia.

O libro está moi ben porque non é un libro longo nin difícil de ler e ademais hai algunhas das historias que se contan que están moi ben, como por exemplo a historia que nos di que Balbino case marcha río abaixo.

Os personaxes para min son en xeral todos agradables e simpáticos menos o pai do rapaz e o tío que eran uns abusadores que non se sabían controlar. A min a personaxe que máis me gustou foi a de Lalo de Cidre porque o neno arrisca a súa vida para salvar a de Balbino que nin sequera o coñecía.

Unha das únicas pegas que lle podo poñer ao libro, ademais de que hai algún capitulo que para o meu gusto non é moi bo, é que o final non é un desenlace ao que estamos acostumados a ver porque é outra historia que é a que lle dá título a esta obra e normalmente as novelas e libros que adoitamos ler son sempre con finais tráxicos ou bos que parten do tema principal do relato.

O que quizais máis me gustou do libro é que ao lelo te engancha cada vez máis ou polo menos foi o que me pasou a min.

Anxo Domínguez Martínez (4º ESO)

A min este libro gustoume moito porque fáiseme unha historia moi interesante e emocionante.

Gustoume como Xosé Neira Vilas describiu os sentimentos de Balbino dun xeito sutil e discreto. O libro pareceume atractivo e fácil de ler pola sinxeleza do vocabulario e as diversas aventuras que se producen ao longo da obra, facéndoa máis animada. Destaca como o autor mantén a historia a pesar da gran cantidade de personaxes que rodean a Balbino. Ao principio, o personaxe de Balbino é bastante sinxelo e a lectura pode parecer un pouco lenta e aburrida. Porén, todo cambia cando decide marchar da casa e romper coas expectativas dos seus pais. A partir dese momento, a historia faise máis animada e entretida.

O momento que máis me gustou foi cando Balbino se fixo amigo de Lelo, e por último o momento que menos me gustou sen dúbida foi cando Manolito empezou a insultar a Balbino e este tiroulle unha pedra.

Ainoha González Iglesias (4º ESO)

Paréceme un libro bastante interesante, non me pareceu nada aburrido, de feito enganchoume bastante. Non é dos textos que máis fácil me pareceu de ler porque non teñen case relación os capítulos e entón enredábame un pouco, pero aínda así entendino bastante ben.

A min persoalmente o momento que máis me gustou foi cando no capítulo 8, que se titula “O Rebusque”, Balbino estaba todo ilusionado coa caixa que atopara no monte porque cría que aí había tesouros que ían sacar á súa familia da pobreza, pero o día seguinte cando viu que a perdera desilusionouse todo, porque a partir diso pensa que vai quedar pobre para sempre.

O meu personaxe preferido é o amigo de Balbino porque o salva cando ía caer ao río sen coñecelo de nada.

Para min a portada ten moi que ver porque é un neno e principalmente o que aparece na historia é Balbino, o título tamén me parece que ten bastante que ver porque ao final son cousas que Balbino recorda.

Nerea Sánchez Castro (4º ESO)

Este libro gustoume moito, ten un argumento bastante orixinal, e está moi ben escrito. Ten unha trama interesante, e é moi fácil de ler. Usa un vocabulario bastante común e fácil de entender.

O único que non me gustou deste libro foi que cada capítulo era unha historia diferente á anterior, en lugar de ser unha única historia, pero iso xa é para o gusto de cada un.

O título que lle puxo o autor gústame moito, pero eu penso que os hai mellores. Por exemplo, eu poñeríalle: O caderno de Balbino, porque Balbino escribe todo o que lle pasa no seu caderno, o cal aprecia moito.

A min as historias deste libro gustáronme moito, xa que son moi realistas, aínda que non se parezan á realidade que vivimos agora, parécense á realidade vivida por nosos avós e avoas, porque a narración foi escrita hai bastantes anos.

Os personaxes están todos bastante elaborados, pero o meu favorito é Balbino, pois é do que máis se fala. Porén detesto o personaxe de Manolito.

Anímovos a ler este libro, seguro que vos encanta.

Laura Noya Sánchez (4º ESO)

Memorias dun neno labrego pareceume un libro moi interesante con moitas historias contadas en forma de anécdotas.

O seu protagonista, Balbino, é un neno moi valente e aventureiro. É unha persoa inocente e insatisfeita coa súa vida. Balbino ten un irmán chamado Miguel o cal marcha e non lle volve falar, por iso, para min é o peor personaxe do libro. A pesar diso, é verdade que é moi valente pola súa parte marchar a América para perseguir o seu soño de ser modelo.

A miña personaxe favorita foi Eladia xa que me pareceu unha persoa moi amable e moi boa persoa.

Pachín, o can, a pesar de non ser unha persoa, foi outro dos meus personaxes favoritos por ser un animal tan leal e bo.

Memorias dun neno labrego ten un vocabulario axeitado e é moi sinxelo de ler.

Penso que o seu final é moi bo e non cambiaría nada deste nin do contido xeral do libro. Gustoume moito o detalle de que cada capítulo sexa unha etapa diferente da adolescencia de Balbino e considero moi entretidas as súas anécdotas e lembranzas.

Alexandra Noemy Sousa Cruz (4º ESO)

A verdade é que este libro gustoume moito. Foi entretido e non me levou moito tempo a lectura.

Con respecto ao vocabulario, entendín bastante ben o libro en xeral, aínda que había algunhas palabras que non coñecía ou das que non sabía o significado.

Os temas son bastante interesantes. Trátanse varios como a pobreza, o traballo duro no campo, as tradicións rurais, as relacións familiares, a educación ou a esperanza dun futuro mellor. No libro vaise contando como vivía e as cousas que lle ían pasando a un rapaz galego de mediados do século XX.

O meu personaxe preferido é Balbino, o rapaz do que acabo de falar, en parte porque é o protagonista. Balbino é un rapaz pícaro e valente Este rapaz vivía na aldea coa súa familia, a cal non tiña moitos cartos. Pero aínda así, isto non lle impedirá vivir moitas aventuras, as cales escribirá nun caderno.

Un dos personaxes que menos me gustou foi o pai de Balbino, xa que lle pegaba ás veces ao seu fillo.

Recomendo a lectura deste libro.

Samuel Grela Seoane (4º ESO)

Este libro gustoume moito, pareceume moi divertido e entretido e ademais non te cansas de lelo.

O momento que máis me gustou foi cando Lelo salvou a Balbino de que morrese no río, polo que demostrou que era unha gran persoa e finalmente acabaría sendo alguén moi importante para Balbino, tamén o consideraba un gran amigo a pesar do pouquiño tempo que estiveron xuntos.

O momento que menos me gustou porque me deu moita pena, foi cando Balbino viu á súa mestra cun novo mozo, xa que iso provocou que estivera moi enfermo. E tampouco me gustou a actitude que tiña o pai de Balbino con el xa que sempre lle pegaba e iso non está ben, xa que aínda era un rapaz.

A miña personaxe favorita foi Balbino porque contaba a súa vida sen ningún segredo e tamén porque é o principal protagonista e é o máis entretido. Tamén me gustou seu padriño porque lle intentaba dar os mellores consellos e dicirlle o que el faría.

Pola contra, a personaxe que menos me gustou foi Manolito porque considero que se portou moi mal con Balbino.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Memorias dun neno labrego é un libro moi interesante e sobre todo bonito, xa que vai narrando toda a vida de Balbino.

É moi fácil de ler e moi emocionante, xa que cando o estás lendo tes moita intriga polo seguinte que vai pasar, estás sempre interesado polo que vai suceder no seguinte capítulo. Por iso engancha moito.

O meu personaxe favorito sen dúbida é Lelo, xa que me parece moi boa persona, xa que axudou moito a Balbino, e sempre estivo aí para el, ata cando marchou ás Américas e se acordou del mandándolle unha carta.

O personaxe que menos me gustou foi Manoliño, xa que parece moi larchán dicindo cousas sobre os demais. Tampouco me gustou moito o irmán de Balbino xa que me parece algo egoísta ao non dicirlle nada sobre as Américas sabendo a ilusión que lle facía.

E o momento que máis me gustou foi cando Balbino se namorou da mestra aínda que ao final se desilusionou.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

Este libro pareceume un moi bo libro, xa que para os anos que ten utiliza unha lingua que se pode entender facilmente coa evolución das palabras, aínda que algunhas delas xa poidan estar en desuso e tívenas que buscar no Portal das Palabras.

O tema gustoume moito, xa que eu nunca lera un libro baseado nun diario real dunha persoa calquera (aínda que para min, Neira Vilas debeu de esaxerar algunhas partes da historia, xa que dubido moito que xusto encontra un amigo e ese amigo teña que marcharse).

Gustáronme moito os protagonistas, sobre todo o tío de Balbino e o propio Balbino, e o que menos me gustou foi o trato da familia de Balbino ao propio neno, aínda que así fora a mentalidade da época.

En canto ao desenvolvemento, algúns capítulos, para min, poderían ser eliminados e así quedaría mellor a historia. A miña escena favorita é cando Balbino fai o “lume”, como lle din no libro, na festa cos outros rapaces da aldea.

En conclusión este libro recoméndollo a persoas que poidan aguantar aos familiares de Balbino, que son un pouco pesados, pero polo resto recomendo moito a lectura.

Simón Varela Baleato (4º ESO)

Ningún comentario: