Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 16 de xaneiro de 2019

Book tráiler (XXV): “E Xoel aprendeu a voar", de Marica Campo. Por Sara Conde Delgado e Iria Castro Noya


Unha nova entrega no noso recuncho de realización youbeira, velaquí o Book tráiler da novela E Xoel aprendeu a voar, de Marica Campo (O que leo, 2017). Realización youtubeira: Sara Conde Delgado e Iria Castro Noya, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Book tráiler (XXIV): “Trece anos de Branca", de Agustín Fernández Paz. Por Sara Conde Delgado e Paula Moar Iglesias



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youbeira, velaquí o Book tráiler da novela Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz (Rodeira-Edebé, 1994). Realización youtubeira: Sara Conde Delgado e Paula Moar Iglesias, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)




martes, 15 de xaneiro de 2019

Andel de Libros (XVI): Rapazas, de Agustín Fernández Paz



Ola! O meu nome é Paula, e vouvos falar do libro Rapazas, do escritor galego Agustín Fernández Paz. Este libro recolle seis relatos moi entretidos, que o único que teñen en común é que as personaxes principais son mozas adolescentes que narran algo que lles aconteceu.

Para comezar, imos falar dos personaxes. A miña personaxe preferida é Ana (do relato Un curso con Ana). Paréceme unha moza moi valente e forte, en xeral, gústame como presenta a súa forma de ser e como sendo ela mesma deixa esa esencia no colexio ao marcharen.

Persoalmente, o relato que máis me gustou foi o derradeiro, Dúas rosas murchas. Creo que é o que máis sentimentos remove e o que máis che fai pensar.

En canto aos finais, hai de todo, pero o que máis me gustou segue sendo o do derradeiro libro. É un final aberto que non me esperaba en absoluto.

En canto ao vocabulario, emprega xeralmente un vocabulario sinxelo e de fácil compresión.

Agora, só dicirvos que é un libro entretido e moi rápido de ler, polo que vos animo a facelo!

Paula Noya Redondo (3º ESO)


Rapazas é un libro que fala delas, das rapazas. En todas as historias é protagonista unha rapaza e cada unha fala dun tema que fai dano na realidade, machismo, racismo, desamor. 

Hai moitos relatos, o meu preferido é un no que unha rapaza foi á casa da súa avoa. Un día foi ó mercado e a rapaza acercouse a un vendedor africano, o cal lle chamou á atención á avoa, xa que non lle pareceu ben. Á rapaza isto chamoulle á atención. É o meu relato preferido e tamén á rapaza é o meu personaxe favorito.

En xeral, o libro está ben pero tampouco me gustou tanto coma outros deste autor. Non me enganchou nada, ó ser varias historias e a maioría non tiña final, que é a cousa que menos me gusta do libro. 

A lingua é complexa pero está ben. 

Non é un libro que volvería a ler pero mostra bastante ben cousas que non deberíamos xulgar, como é o caso do racismo. Se o ledes, espero que o desfrutedes.

Alba Rey Brea (3º ESO)

O libro Rapazas, relata diferentes historias de distintas rapazas que contan cada unha algo da súa vida. O momento máis importante do libro, en miña opinión é cando comezan as historias porque é cando ves as diferentes situacións de cada unha e onde se sitúan na súa vida. 

As personaxes son entretidas pero non son as típicas personaxes que enganchan dende o primeiro momento aínda así están en xeral ben pero o que non entendo é que a primeira rapaza Xntl... (nome inventado) non lle vexo importancia, xa que a min pareceume que foi unha escusa para poder contar o que lle sucedía a unha rapaza.

A miña personaxe preferida foi Carmen, a última rapaza da historia, pareceume entretida e pode que sexa unha das personaxes que máis representan a nosa actualidade.

Sobre o final esperaba que puxese as vidas das rapazas en común e non rematase de súpeto.


A lingua é fácil de comprender e en xeral eu non lle faría cambios, recomendo este libro.

Mirian Otero Sande (3º ESO)


Ola, son Adrián, e vou facer unha pequena valoración persoal sobre o libro RapazasA min gustoume moito este libro polo que relata no seu contido durante a historia.

O momento que máis me gustou do libro é cando chega a escola e fala o titor e di o que teñen que traer os alumnos e só dixo alumnos e Ana díxolle que as rapazas que traian porque só dixera os rapaces e dixo o titor que rapaces era xenérico e valía para os dous xéneros masculinos e feminino e Ana seguía coa súa idea na cabeza e non lle daba a razón

A min o tema pareceume moi interesante porque fala de moitas cousas. 

Os personaxes que máis me gustaron foron Raquel, Ana e Marta por como son eles e o que menos me gustou foi o titor porque el seguía coa súa opinión e non cambiaba e parecía moi serio.

Pois eu recomendaría moito este libro xa que a min gustoume moito e gustaríalle a moita máis xente porque ten diferentes historias.

Adrián Esmorís Noya (3ºESO)

martes, 8 de xaneiro de 2019

A maxia do Pico Sacro. Uxía Iglesias Vázquez. Conto premiado con accésit no III Certame Literario da A. C. Mestre Gacio de Lestedo




A MAXIA DO PICO SACRO
 
Eran sobre as doce da noite, non adoitaba pasear a esas horas, mais necesitaba un pouco de paz. Fora un día aterrador. Na casa as cousas non andaban moi ben e no traballo non atopaba o meu sitio. Non sabía que facer, estaba saturada. E para pensar e tomar as cousas con calma sempre daba un paseo.
Nunca fora tan tarde, adoitaba ir nun oco que tivera durante o día, pero ese día, fun ás doce da noite, e non sei porqué.
Sei que estamos no século XXI, que non todos os homes son iguais e que non tiña de que ter medo, pero conforme ía andando, máis medo tiña.
Notaba algo, unha presenza, paranoias, estaba eu soa, mira que son dramática, sempre pensando no peor.
Cheguei ao Pico Sacro e acordeime de Pablo.
Sempre íamos alí para relaxarnos e esperabamos ata a noite para contemplar o ceo estrelecido.
Canto o botaba de menos, canto me doera a súa decisión de deixarme ir, nunca volveu por min, nunca.
Dende que nos deixamos todo empeorou, pero nunca baixei a cabeza, sempre fun orgullosa.
A nube de pensamentos introspectiva na que mergullaba, de súpeto, desapareceu. Xa me adentrara no monte.
Merda, sempre igual, non atendo ao que fago.
Xa levaba un bo recorrido e dábame pena marchar, así que seguín ascendendo.
Cada paso traíame mil recordos.
E cheguei á cima, mirei o móbil. 76 mensaxes de 3 chats. As 03:25.
Senteime e pechei os ollos. O aire batíame na cara, e o ruído dos mouchos soaba como un acorde menor.
Collín o móbil. 78 mensaxes 4 chats.
Entrei. Grupo do traballo, 60 mensaxes. Samay, 5 mensaxes. Renato, 6 mensaxes. Pablo, 7 mensaxes.
Quedei anonadada.
Non podía ser 
- Boas Nidia!
- Son Pablo, non sei se tes o meu número rexistrado.
- Soamente dicirche que o sinto.
- Non me preguntes como nin porqué.
- Perdoa e xa está.
-  Contéstame se pode ser.
- Gustaríame falar contigo. 
Comecei a andar en círculos, non podía ser, que ía facer eu agora?
Parei, ollei cara ao chan e dispúxenme a saír dese depravado soño. Pero non, non era un soño, e entón quixen fuxir daquel afanado lugar que tan malos momentos me estaba a facer pasar.
E aló me botei costa abaixo pero alguén berrou por min:
- Nidia, espera!
Xireime e vino, radiante, promiscuo e autoritario.
Achegouse correndo e deume unha aperta.
- Nidia, dixo marmurando.
+ Dime.
- Perdóame, de verdade.
+ Perdoarte, por que?
- Por ser como fun, síntoo moito, e entendo que non me poidas perdoar, pero...
+ Cala, xa entendín, soltei mentres que me separaba del dunha maneira brusca.
- Estás libre? Digo agora mesmo.
+ Mira Pablo, vouche ser moi sincera, si, estou libre e si, dende que marchaches todo cambiou moito para min, pero se pensas que podes volver dun día para outro pretendendo que as cousas sigan igual ca sempre estás moi enganado.
E non sei se foi a maxia do Pico Sacro ou un pequeno desliz, pero continuei falando:
+ Pero ben, agradezo o teu perdón e espero poder estar en contacto.
E encamiñeime costa abaixo.
El, veu correndo detrás de min, colleume por un brazo e díxome:
- Vamos.
E marchei con el, mirei a hora eran as seis da mañá.
+ Mañá traballo de mañá, é mellor que durma algo…
-  Mañá vas estar enferma. 
Aproveitamos o camiño para falar. Recordamos momentos, destacamos defectos e resaltamos virtudes. 
E cando chegamos ao final, no último tramo do camiño do Pico Sacro, Pablo achegouse a min, sorriume e bicoume.
Sentinme ben, libre e chea de vida, como meses antes de que a nosa relación rematase. 
E xusto nese paso do camiño onde non había mil recordos, houbo un recordo máis.
E con ese recordo unha nova vida, unha nova Nidia e unha nova muller.

Seudónimo: Sheeram
Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)

Parabéns a Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO), accésit no III Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)




Uxía Iglesias Vázquez, alumna de 4º da ESO no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser premiada cun accésit no III Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. Uxía presentou o relato “A maxia do Pico Sacro” e os premios foron entregados a tarde do pasado día 22 de decembro na Casa de Cultura de Campoparrado.

Os nosos parabéns a Uxía!

Velaquí a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio):

RESOLUCIÓN E ENTREGA DE PREMIOS DO III CERTAME LITERARIO


Máis de medio centenar de traballos presentáronse ao concurso literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio.
O xurado estimou a calidade dos traballos presentados dun nivel máis que notable, polo que decidiu conceder dous accésits máis en ámbalas categorías
Os premiados recibiron o seu galardón o día 22 de decembre  na Casa da Cultura de Camporrapado, acto que no que  houbo unha lembranza especial para Luís Reimóndez, presidente da Fundación Neira Vilas.
Os gañadores foron:

Categoría A: Alumnos/as de Primaria
Un iPad, para o primeiro premio a a  Michelle Mato  por  “Manto de árbores”
O segundo premio un eBook a Ángela Liñares  por  “A lenda dos veciños desaparecidos”
Accésit:
Para Jessica Afonso  por  “Alicia e a máquina do tempo” e  Sara Ramos Mato  por  “Un encargo moi especial”

B: Alumnos/as de Secundaria
Un iPad, para o primeiro premio a María Crespo  por  “Rumores máxicos”
O segundo premio un eBook a Rubén Montero  por  “Excursión ao Pico Sacro”
Accésit:
Para  Uxía Iglesias  por  “A maxía do Pico Sacro” e  Pablo Barriuso  por  “Eclipse”.