Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 5 de decembro de 2018

Andel de Libros (IX): A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor



A esmorga baixo o meu punto de vista é un libro moi entretido que conta a historia de tres homes (o Bocas, o Milhomes e Cibrán) que se pasan un día de esmorga e ao longo del ocórrenlle diversas cousas, como acabar queimando un pazo ou decatarse de que unha muller da que se namorara o Bocas era unha boneca. Para min ese momento onde se decataron diso é o máis importante debido a que o Bocas ao descubrilo desespérase e dá pé a que se produza o desenlace. 

Os meus personaxes favoritos son o Bocas e o Milhomes porque me encanta a súa relación, a pesar de que cando están xuntos andan a golpes, non poden vivir un sen o outro.  

Eu no tocante ao contido cambiaría o final porque me parece bastante tráxico. 

A lingua ao principio pareceume un pouco difícil de entender pero a medida que segues lendo vaise facendo máis amena e paréceme que iso é o que fai da novela un libro orixinal.

Paula Lema Domínguez (4º ESO)


Este libro é moi bonito e con temáticas moi variadas, non é fácil de ler porque non é un galego actual pero se lle prestas atención entendelo.

O libro trata sobre tres borrachos que teñen problemas como queimar un pazo, arruinarse e moitas cousas máis que tamén son entretidas, só que se as queredes saber tendes que ler o libro.

O final pareceume axeitado porque non te esperas para nada este desenlace e cando o les quedas moi sorprendida.

Eu soamente lle faría un cambio e que a historia fora narrada por outra persoa non polo personaxe principal porque ao final se non estás moi centrado non sabes quen fixo que nin quen o contou.

O libro non é moi grande o vocabulario é axeitado para a nosa idade.

A quen lle gusten os libros de aventuras este si que é un bo libro para que o lea , tamén a quen lle gusten os libros de misterio porque o desenlace é un pouco misterioso xa que non sabes que final lle van dar a historia. Recoméndolle este libro a calquera persoa, espero que vos guste.

Vannia Antelo Iglesias (4º ESO)


Para min, o momento máis importante do libro son as mortes do Milhomes, O Bocas e Cibrán, porque son os protagonistas e morren os tres, aínda que non ao mesmo tempo.

A miña opinión sobre este libro e que é interesante, divertido e fácil de ler.

Eu penso que non faría ningún cambio na historia, pois a obra é así polos feitos e as cousas que pasan, se as cambiaran non tería o mesmo valor nin a mesma gracia.

O final paréceme axeitado porque non é o típico final feliz e gústame.

A lingua paréceme moi difícil, enténdese se lle dás unha volta ou polo contexto, pero paréceme complexo.

En definitiva, un libro totalmente recomendado pero, se non che gusta ler ou non queres pasar traballos nin o abras, traballos en van!
                                                                                                         
Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)


Para min o momento máis importante desta historia foi cando os tres personaxes se matan porque se seguían a vivir creo que seguirían a provocar máis maldades. A min o momento que máis me fixo rir foi cando o Bocas quedou pasmado e á súa vez babexando mirando cara a aquela muller moi fermosa.

E o momento que máis me impactou foi cando, ó rematar Cibrán o relato dos feitos, o xuíz ordénalle voltar ó cuartelillo, pero desesperado, Cibrán colle a navalla que servira como proba e cravouse con ela. Cibrán morreu tras declarar ante o xuíz, aínda que o autor da obra infórmanos que non se soubo claramente como morreu.

Sobre o seu desenvolvemento, o único cambio que lle faría a esta historia sería que, en vez de que os dous sen emborrachasen todo o tempo, que fosen buscar un emprego no cal poder gañar algo de cartos e comprarse unha casa e non vivir debaixo dunha ponte.

Sobre a lingua, este libro non tivo ningunha complicación nin foi tan difícil de entender.

Este libro recomendaríallo persoalmente a persoas ás que lles gusten os temas que estean relacionados coa bebedela ou os crimes.

Alejandro Vásquez Fernández (4º ESO)


Este libro non me gustou moito pero non pola historia senón pola linguaxe que é difícil de entender, xa que fala un home, que parece que é de Ourense e entón fala como eles.

Un dos momentos máis importantes do libro é cando se dá conta que os seus amigos son uns ladróns e que só saíron para roubar, pero xa é tarde para non ter problemas coa garda civil e non deixar os amigos. 

Este libro recomendaríallo a xente que lle gusten os libros de “intriga” pois comeza contando un día normal pero que varía moito segundo as decisións tomadas nos acontecementos: cara ao traballo, unha comida con amigo , pasando pola taberna, vixiando a casa dun veciño, queimando un castelo, indo a ver as mulleres de vida alegre, a conciencia de Cibrán, a morte de Socorrito.....e como non quero desvelar o fin desta pequena historia de tres mozos que só buscaban a diversión na opinión de Cibrán, pois anímate e le este libro.


Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)


Este libro describe como se pode "desmadrar" un só día. O relato describe un día de Castizo e dos seus amigos. O libro expón todas as cousas que se poden facer nun día. Tódalas aventuras que fan son moi surrealistas. 

A obra está ambientado no século pasado, nunha aldea de Galicia. Para min a lectura non se fixo moi doada, xa que custa lelo, o vocabulario que utiliza é moi vulgar e escribe como se fala, ou falaba nas aldeas. A min gustoume, pero pareceume moi difícil entendelo. 

Recomendo o libro porque é moi divertido. É entretido. O que menos me gustou foi o final, porque, na miña opinión, acabou dunha forma moi vaga e aburrida. Hai algunha partes que non dei entendido. Aínda que é pequeno, xa que ten 130 páxinas aproximadamente.  

O libro é axeitado para a xente á que lle gusten os libros cómicos, e sobre todo, galegos, porque este libro é moi galego, colle toda a esencia do rural.

María Gigirey Iglesias (4º ESO)


Ningún comentario: