Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 5 de xuño de 2019

Andel de Libros (XXXV): O velorio, de Francisco Taxes



Persoalmente o libro sorprendeume bastante, pois, os dous primeiros cadros consisten no mesmo e non contan nada, só a conversación entre as persoas que están na cociña, por iso non me gustaba. Pero no último cadro empeza a acción, e o que parecía unha obra totalmente insípida convértese en todo o contrario.

A verdade é que me gustou moito. Creo que aparecen todas as personaxes necesarias para crear unha escena, ou mellor dito, un panorama moi real e no cal se reflicte moi ben como eran antes os velorios, nesa época.

Con respecto aos personaxes, son necesarios todos. Algúns case non falan nin son nomeados, pero sen ese fato de xente, non sería o mesmo. As personaxes complementan e fían a historia.

E con respecto á linguaxe, pareceume bastante sinxela. É certo que había palabras que non coñecía, pero polo contexto enténdense, máis ou menos.

Recomendo este libro pois sorpréndeste moito, e, paréceme moi interesante e que deixa un final onde quedas un pouco desorientada/o, xa que este é moi aberto.
    
Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)

Este libro conta a historia dun velorio como di o título. 

Esta historia gustoume máis ou menos. A historia en si é divertida porque é moi diferente ás demais, e non te imaxinas para nada que acabe como acaba, pero ás veces é moi lenta, explícome, en todo o libro non ocorre nada ata o final, é seguido o mesmo, é algo repetitiva e ás veces chega a ser canso pois toda a historia transcorre na habitación onde velan o corpo e na cociña da mesma casa. A pesar disto, a historia está moi ben expresada, neste velorio, hai varias persoas dende familiares tan cercanos como son os fillos ata choronas que cada vez que rezan choran. Como era unha familia poderosa, tiñan a Xusto e Vitiña na casa que eran dous criados da facenda e do casal respectivamente.

Tras toda a historia, quedas abraiad@ cando chegas ao final, pois despois de toda a trama, non esperas un desenlace así. 

A lingua é moi fácil de entender, e ademais diso é bastante curto, polo que aínda que a historia transcorra un pouco lenta, lese moi rápido.

Tania Villasenín Bello (4º ESO)

Ningún comentario: