Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



domingo, 13 de decembro de 2020

Balda de Libros (XIV): A dúbida, de María Reimóndez



A dúbida. María Reimóndez. Xerais 

Ola! Hoxe vou comentar un libro que me gustou moito. Trátase dun home que é detido por acusacións de abusos sexuais a menores. O máis normal se acusan ao teu home é confiar nel e pensar que nunca tal cousa fixo, mais co paso dos días Deli comeza a ter dúbidas. 

Ao longo do libro van sucedendo feitos que a levan a saber a verdade do que ocorreu. O momento con máis importancia para min foi cando Deli decide ir a Madrid a falar coas rapazas e estas lle dixeron que coñecían a Ricardo e a Vicente.

O meu personaxe favorito foi sen dúbida Deli. Foi capaz de poñerse en contra do seu home, cando a maioría se poñen da súa parte ainda que saiban a verdade. Fixo todo o posible para buscar probas para metelo no cárcere.

O libro en xeral gustoume moito, foi bastante sinxelo de entender, e trata dun tema que agora está bastante presente nas nosas vidas. Mais faríalle algún cambio. Gustaríame que Bea e Ana fosen falar con Deli, xa que realmente ela non tivo a culpa de nada. 

Ana Cebey de la Torre (4º ESO)

Persoalmente, o libro gustoume moito, porque creo que relata moi ben o mal que o poden chegar a pasar as mulleres que pasan pola situación de que o seu marido sexa denunciado por abusos. 

A historia engancha moito, xa que dende o principio queres saber se é verdade que Vicente abusou de Ana e segundo vas lendo vas pensando, coma Deli, se isto é verdade ou non. 

Eu ao principio cría que isto non era verdade, pero despois de ler a declaración de Ana, igual que Deli deime conta que a nena non estaba mentindo e que todo o que dicía era verdade. Así que o final gustoume moito, aínda que creo que a autora o podería ter desenvolto un pouco máis, xa que non sabemos nada do que pasou dende que unha das nenas recoñeceu unha foto de Rafael ata que Vicente entra preso, e gustaríame saber todo o que fixo Deli para conseguilo. Pero aínda así A dúbida gustoume moito. 

Laura Codesido Fernández (4º ESO)

Este libro gustoume moito, pareceume un libro moi chulo e interesante e é un libro fácil de ler. 

Ao principio non te sabes situar ben, non sabes ben o que pasa pero logo de ler 2 ou 3 capítulos xa entendes todo moi ben e lese moi rápido. 

O momento máis importante do libro paréceme cando Deli, a protagonista, cambia a maneira de pensar sobre un personaxe logo de ver a declaración de Ana no xuízo. 

O meu personaxe favorito é Deli porque é moi lista e pensa rápido, tamén me gusta moito a súa maneira de afrontar as cousas poñéndose a coser e descoser roupa. 

O final gustoume moito, aínda que o cambiaría completamente, para que ao final Vicente non fose ao cárcere, pero Ricardo e Rafael si que fosen por corruptos e que o inspector lle ofrecera traballo igual a Deli. 

Recoméndovos este libro porque está moi chulo xa que trata un pouco de temas que pasan na actualidade. 

Pablo Couselo Noya (4ºESO)

O relato é moi interesante, fácil de ler e enténdese moi ben. Nesta novela ti mesma vas pensar cousas que a realidade é distinta. A Deli tamén lle ocorreu o mesmo pero loitou pola realidade para facer todo o posible para dar xustiza. 

Este libro reflicte moito o acoso, a violencia, o abuso... Tamén conta como trataban as rapazas e todo o que sufriron ata sacalas deses sitios. A novela trata sobre unha parella que levan 11 anos de matrimonio, un día a policía peta na porta da súa casa e levan arrestado o home de Deli. Ela queda sorprendida, eles buscaron por todas partes e ela díxolle que no seu recuncho onde cosía. 

A min gústame moito porque é un reflexo da realidade que non nos percatamos que existe máis frecuentemente do normal. Tamén reflicte que as aparencias enganan porque pensas que el non puido facer iso e ao final dáste conta de que si. 

O meu personaxe favorito é Deli porque ela é moi forte e aínda que se faga dano ela mesma quere facer todo o posible para que alguén que fixera algo malo teña xustiza. 

Nerea González Rey (4º ESO)

A dúbida é un libro que me gustou moito, xa que conta a historia dunha muller, que meten ao seu home no cárcere por abuso a menores. A narración vai poñer moitas dúbidas se o home dela é inocente ou non. 

Para min o momento máis importante deste libro foi cando Deli dáse conta de que o seu home é culpable pola declaración da nena, paréceme o máis importante porque Deli ao darse conta de que é culpable, non quere que saia do cárcere, e busca probas por todos os lados para que cumpra a pena. 

A miña personaxe preferida foi Deli porque cando se decatou de que era culpable non lle importou perder o traballo con tal de que fora para o cárcere. O personaxe que me parece peor é Vicente porque abusaba das rapazas. 

O libro é moi interesante e entretido xa que desde o principio ata o final ponche en dúbida, ao principio de se é culpable ou non e despois se vai ir para o cárcere ou non. 

A lingua é moi fácil de entender. Recomendo este libro porque lese moi rápido e engancha. 

David Louro Rey (4º ESO)

A min este libro gustoume moito, xa que fala dun tema importante, onde ensinan unha realidade sobre este que está bastante agochada. 

Ademais este libro tamén che ensina que aínda que as cousas se poñan moi difíciles, hai que loitar polo que desexas ter ou neste caso demostrar. 

Os personaxes son moi interesantes e son reflexo dunha realidade que pasa día tras día. O personaxe que máis me gustou foi Deli, xa que aínda que o seu home fose o acusado, en vez de crelo, decidiu buscar a verdade. Aínda que esta non lle gustase e lle prexudicase. Ademais dela, tamén me gustou moito o personaxe de Lala, xa que creo que debería de haber máis persoas como ela. 

Ao final eu faríalle algúns cambios, pero creo que é bastante axeitado e xa o esperas a medida que vas lendo o libro. 

É un libro curto e cunha linguaxe moi fácil de comprender. Lese moi rápido xa que cando o empezas a ler, só queres saber o seu final e o que vai acontecer. 

Arancha Rey Brea (4º ESO)

A dúbida foi un libro que me gustou bastante. Trata temas reais e interesantes como a trata de persoas, os abusos sexuais a menores e os conflitos matrimoniais. 

Gústame moito que a protagonista sexa un personaxe redondo, xa que cambia de opinión no medio da historia, o cal é para min o momento máis importante do libro que ademais fai que o libro dea un xiro argumental.  

O meu personaxe favorito é Deli, a protagonista, e Lala. Deli porque é unha persoa forte e decidida, e Lala porque traballa nunha ONG para axudar ás menores que son prostituidas. O personaxe que menos me gusta é Vicente, o marido de Deli, porque é un pedófilo e míntelle á súa muller. 

A narración lese rápido e ten un vocabulario fácil. O final é axeitado pero podería ser un pouco máis longo e desenvolvido. 

O libro é bo, recoméndoo moito se che gustan os relatos sobre xuízos ou problemas sociais, ademais o libro mostra o difícil que pode ser para unha menor vítima de abusos sexuais gañar un xuízo e que a xente a crea. 

David Rodríguez Blanco (4º ESO)

Ningún comentario: