Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 14 de xuño de 2016

Balda de Libros (LX): Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro



Gustoume moito este libro, escollino porque fai uns anos, o alumnado de 4º ESO de Música fixeron unha interpretación con monicreques, e pareceume interesante ler o libro porque case sabía todo o seu contido grazas á obra que realizaron. 

Non teño parte preferida no libro, gustoume todo, pero se tivera que escoller unha parte preferida sería cando encontran todos os outros personaxes xa que é bastante interesante a maneira en como os encontran. A parte que menos me gustou foi o final xa que morren todos nun bombardeo.

Ten como nove personaxes, pareceume moi interesante que ao comezo do libro só aparecen dous, León e Flor, e os outros vanos encontrando polo camiño.

En canto ao vocabulario pareceume bastante doado de entender, pero tamén ten algunhas palabras que non sei o seu significado, e tamén ten algunhas palabras dialectais que non son da miña zona.

Recomendaríallo a todas as persoas xa que é moi interesante.


Manuel Vázquez Noya (4º ESO)

Balda de Libros (LIX): Conta saldada, de Suso de Toro


Baixo o meu punto de vista, Conta saldada é un libro bastante interesante, aínda que un pouco ficticio. Tamén teño que dicir ao seu favor que é bastante doado de ler, xa que non emprega vocabulario difícil. O que menos me gustou foi o principio do libro, xa que a aparición do pai de Catuxa na pantalla do ordenador afástase por completo da realidade.
O libro, pouco a pouco, váiseme facendo máis intrigante, xa que aparecen armas, o que me leva a ler o relato canto antes para saber o que sucede ao final.
Gústame moito a función que desempeñan os personaxes nesta novela.
En conclusión, recoméndolle este libro aos meus compañeiros, non só porque é faciliño de ler e curto, senón porque seguro que pasan un bo momento léndoo.
Recomendariallo especialmente aos rapaces ou rapazas aos que lle gusten os libros nos que saian armas ou nos que haxa asasinatos.
Samuel Vieites Abelenda (4º ESO)

Balda de Libros (LVIII): Salitre, de X. H. Rivadulla Corcón



Encantoume este libro, o que máis me gustou del foi o final, xa que non me esperaba para nada que Manuel recuperase o mar. Tamén me gustou moito cando Manuel se dá de conta de que, para el o máis importante é Marina, amaba máis que o mar.

O que me sorprendeu foi que morreran personaxes, xa que non é unha historia na que parece que vaia morrer ninguén, penso que non facía falta que morrera ningún personaxe. E a parte que menos me gustou foi o comezo, xa que é moi aburrido.

En canto á escrita custoume entender algunhas palabras, xa que moitas delas son palabras que usan os mariñeiros ou eu non sei o seu significado, tamén usan dialectalismos que entendo pero que non son da miña zona.

Recomendaríalle o libro ás persoas que viven cerca do mar, aos que lles gusta moito o mar ou a xente que a súa profesión sexa a de mariñeiro, pero non só a eles, a todas as persoas porque é moi interesante.

Manuel Vázquez Noya (4º ESO)



Balda de Libros (LVII): O heroe, de Manuel Rivas



A min non me gustan os libros de teatro, porque non me gusta que non haxa narrador, nin que antes de cada intervención estean escritos os nomes dos personaxes. 

A parte que menos me gustou foi cando conta a experiencia de Caronte no cárcere, porque non me gustaron as cousas que lle facían para que confesara, como meterlle a cabeza na auga durante un anaco ata que tivese apunto de quedar sen respiración, e quitábano. 

A parte que me gustou un pouco máis foi cando chegaron os homes da sombra, porque lle deron deron emoción ó libro. 

O personaxe que máis me gustou foi Caronte, porque foi boxeador e a min gústanme as pelexas de boxeo, tamén me gustou o personaxe de Lucía, porque era cantante e apoiaba en todo o seu marido Caronte, ela era a muller que cantaba ao principio e ao final dos combates de Caronte. 

A min este libro gustoume moi pouco, porque é un libro aburrido difícil de comprender, porque tiña moitas palabras que non entendía.

Adrián González Lage (4º ESO)


Balda de Libros (LVI): O asasino invisible, de Xosé Durán



Este libro pareceume moi interesante porque cada vez aparecen cousas novas e ademais eu sempre quero saber o que pasa ao final como por exemplo cando Sil inventara a máquina do tempo. 

A parte que máis me gustou foi cando descubriron ao asasino  e tamén me gustou cando entre todos construíran unha nave enorme para que poidesen viaxar cara a Marte e tamén cando chegaron a Marte ocorréuselles construír unha estación espacial só para eles.

Á parte eu non lle cambiaría nada porque está ben escrito e quen lea este libro seguro que lle vai a encantar porque ademais de que esté ben e coma se fora un vicio. 

A min este libro pareceume bo porque ten unha linguaxe sinxela excepto algunhas palabras que se poden sacar polo seu contexto. A miña opinión sobre este fascinante relato é que se lle debería recomendar a rapaces ou rapazas aos que lle gustase ler libros sobre as novas tecnoloxías ou tamén sobre a informática.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

venres, 10 de xuño de 2016

Balda de Libros (LV): Linguas Longas, de Xabier López Rodríguez



Para min este libro foi bastante cómico porque o protagonista principal da historia é Mario e di palabras e cousas graciosas e sen sentido.

Este libro é divertido por Mario e as súas  familia. É especialmente divertido cando Mario estaba falando cunha muller. A escena que máis me gustou foi  cando falan  de que Mario é un vello verde e tamén cando Mario se quería tirar desde unha terraza.

A min o personaxe que máis me gusta é Mario. E o personaxe que menos me gusta é Xandra porque non lle deixa  facer as cousas graciosas a Mario.

Este libro ben o lería unha persoa que lle interesa a vida dun vello e a súa familia. Tamén este libro é fácil ler porque ten poucas páxinas e ten algunhas palabras cotiás pero tamén ten palabras moi difíciles.

Eu recomendaríalle esta narración ás persoas ás que lle gusta ler libros con vocabulario, palabras cultas e complicadas.

Damián Botana Otero (3º ESO)

Balda de Libros (LIV): Biff, Bang, Pow!, de Xabier López López



O libro gustoume moito porque ten aventuras, misterio, intriga... O momento máis importante é cando secuestran a Antón, porque a partir de aí se desenvolve a trama. É moi interesante e ademais inclúe palabras descoñecidas pero indicando o seu significado, o cal axuda a entendelas. 

Se tivese que cambiar algo, sería o final porque creo que se merece unha recompensa polo seu traballo, que foi crucial, ou a parte na que morre Sarah e descobre que Venres é a súa parella, porque creo que farían boa parella xuntos. Porén, tampouco me disgusta tanto a idea de que ao final acabe coma o resto des emigrantes galegos, porque sería demasiado “heroico”que só el fose especial. 

Os personaxes son moi realistas e non son diferentes dunha persoa normal. 

Recomendaríallo a unha persoa que lle guste o misterio, a investigación, a intriga e a aventura.

Lucas Paz González (3º ESO)

Balda de Libros (LIII): As fronteiras do medo, de Agustín Fernández Paz


Este é un libro que me gustou moito. As historias de medo son as miñas favoritas.

Neste libro o medo sáeche pola pel, hai historias que che poñen os pelos de punta polo medo que che producen. Destacaría dúas historias, a primeira ``A porta do Alén´´porque o seu personaxe protagonista chegou de moi lonxe para buscar unha inmortalidade que nunca encontrou. a outra historia a dun personaxe malvado que por culpa dos cartos e da ambición de chegar a vivir moitos anos, decidiu matar a moita xente. 

A parte que máis me gustou foi cando o dono da pousada matou a Walter McGregor xa que me gusta ler libros nos que morre xente xa que provoca medo. E a parte que menos me gustou foi cando Morgana comeu aos mozos dos ``Fillos De Hamlet´´ porque provoca demasiado medo e tensión. 

Este libro recomendaríallo a tódalas persoas que lle gusten as historias de medo, tamén é moi entretido e moi doado de ler.

Brais Bouzas Leis (3º ESO)

Balda de Libros (LII): Reencontro, de Fred Uhlman.



Na miña opinión, o momento máis importante de toda a obra foi cando, despois de 30 anos, Hans atopa a carta. Paréceme que toda a historia cobra sentido. Tamén me pareceu moi importante cando no texto se menciona que os pais de Hans se suicidaron con gas e que  Konradin, o seu amigo, acabou asasinado por  conspirar contra Hitler.

Realmente non faría ningún cambio. Trata un tema realista que perfectamente puido ser real. Ademais o tema da Segunda Guerra Mundial paréceme un tema interesante. En canto ao final, foi o que máis me gustou. Pareceume un final inesperado.

Sobre a lingua, pareceume un libro fácil de entender, había algunha palabra moi culta pera en xeral foi bastante fácil.

Eu recomendaríallo a xente de entre a miña idade e dous anos máis porque aínda que me pareceu un libro fácil de entender, hai palabras demasiado cultas para xente que ten  un ou dous anos menos.

Marcos García López (3º ESO)

A min este libro pareceume un libro fácil de entender excepto algunhas palabras no cal se poden sacar polo contexto e tamén me pareceu un dos mellores libros que lin en toda a miña vida á parte de que trata sobre os nazis e é moi motivado. 

Ademais é coma se fora un vicio como por exemplo a parte na que todos os amigos de Konradin van por el para que os nazis non o levasen pero non puideron porque algúns dos seus amigos intentando salvalo morreron, excepto Hans que foi o único dos que sobrevivu  dos seus amigos. 

A parte que me interesou máis foi cando os nazis levaron ao mellor seu mellor amigo que é Konradin para o exército nazi e Hans estaba moi enfadado e fixo todo o posible para que o seu mellor amigo non fora para o exército e ademais el tiña gañas de matar a Hitler. 

Eu non faría ningún cambio e tampouco non me resultou moi difícil de entender. De feito, recomendaríallo a lectores no que lle gustasen os libro sobre o nazismo.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (LI): ¡Vaiche boa!, de Paul Jennings



A min este libro gustoume moito porque é moi divertido, as historias son todas diferentes pero todas teñen un punto divertido. Os finais das historias acompañan moi ben aos relatos e todos benefician as historias posto que todos acaban felizmente e todo o que pasou acaba ben.

O contido do libro nas historias é sinxelo pero conta todo ben e enténdese moi ben e non se para demasiado en contar todo detalle a detalle. Os momentos máis importantes son cando se van solucionando todos os problemas e todos acaban ben. 

O vocabulario pareceume fácil de entender porque non é vocabulario culto, senón do que usamos día a día. 

Eu este libro recomendaríallo a todo tipo de xente a partir de 10 anos incluída tamén a xente adulta posto que son historias que non pasarían na realidade pero tampouco é un libro infantil e é divertido.

Antía Iglesias Iglesias (3ºESO)

Balda de Libros (L): Paisaxe con fondo gris, de Pepe Carballude



O libro non é que me encantase xa que se me fixo un pouco aburrido porque o tema non é o que a min me gusta xa que non é de misterio e tamén porque se me fixo moi longo. 

A parte que máis me gustou foi cando Alfredo marcha porque seu pai non lle deixa estudar o que el quería porque a pesar de que foi duro éralle mellor marchar que seguir onda el e estudar o que el quería. 

A que menos foi cando morre a súa avoa debido a que ela era moi boa con Alfredo porque foi un momento moi triste. Cambiaría o comezo xa que se me fixo bastante aburrido. 

O desenvolvemento pareceu un pouco lento sobre todo ao principio xa que contaba case todo o que lle pasaba. O final gustoume porque Primitivo recapacita e fai as paces con Alfredo e todo queda arreglado.

Recoméndollo a persoas da miña idade ou máis maiores xa que se fosen máis pequenos igual non entenderían algunhas cousas das que aparecen non libro.

Samuel Deus García (3º ESO)

Este libro pareceume moi interesante, a parte que máis me gustou foi cando Alfredo foi a velar a seu pai na tumba porque morrera cando foran a deter aos ladróns nunha tenda que xusto lle quedaba ao lado de onde traballaba e a súa morte foi porque eles estaban roubando e cando entraron dispararon sen xeito e xusto lle pegaran un tiro nas costas. Ademais el traballaba cos policías e ao seu funeral foron todos os seus amigos da policía e mais a súa familia. 

O que lle podería cambiar neste libro é que o pai de Alfredo non morrese porque foi moi triste e todos lamentaron a súa queridísima perda. 

A min este libro pareceume bo, porque ten unha linguaxe sinxela menos algunhas palabras que ben se poden sacar os seus significados polo seu contexto. 

A miña opinión é que se lle podería recomendar a rapaces ou rapazas que lle gusten os libros que van sobre a tristeza.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

xoves, 9 de xuño de 2016

Balda de Libros (XLIX): Chamádeme Simbad, de Francisco Castro



Gustoume moito o libro. Gustoume sobre todo porque aínda que sexa algo ficticio reflicte a realidade á hora de que queren meter ao avó nunha residencia e que non o ían ir visitar porque iso pasa moito. 

O mellor momento, para min, foi cando Paulo foi á taberna do pirata e se atopou co avó e co tío Bernardino, aínda que tamén foi o momento que máis me sorprendeu, non esperaba que aparecese. 

O final gustoume aínda que podía acabar aínda mellor. Por exemplo, que o avó fose vivir con Paulo e seus pais outra vez e que seu pai deixara o teléfono. Cambiaría o comportamento do pai, paréceme moi borde e máis centrado no traballo que na súa familia, cousa que tamén pasa na realidade, pero tampouco me parece nin medio normal que se comporte así. 

Foi fácil de ler e de entender. Eu recomendaríalla a persoas ás que lles gusten os libros divertidos e fáciles de ler.

Laura Martínez Calvo (3º ESO)

Este  libro gustoume moito debido á ambientación da historia e a realidade fala dos personaxes protagonistas e a interacción entre eles. O único motivo polo que non me gustou sería debido a que só ten 150 páxinas, para min o autor podería realizar outro epílogo dentro duns anos de como sería a relación entre os personaxes, se sería a mesma ou cambiaría. 

O personaxe que máis se parece a min sería Paolo, debido a que é un rapaz pequeno pero que pode ser moi maduro en temas importantes. 

O final é axeitado debido a que todos saen gañando pero sobre todo o principal afectado da historia, o avó.

O vocabulario é básico e fácil de entender o libro agás algunhas palabras sacadas facilmente polo contexto. 

O libro recomendaríallo ás persoas que teñen avós na casa porque eles son fontes de sabedoría, que grazas a eles esta cultura é así de inmensa pero se non se aproveita o noso patrimonio perderase.

Yago Rey Viqueira (3º ESO)

Balda de Libros (XLVIII): O gardián invisible, de Dolores Redondo


O gardián invisibleDolores Redondo. Xerais

Gustoume o libro bastante. A min este tipo de libros non me gustan moito, pero o crime e o misterio desta obra chamou moito a miña atención. En todo momento, dubidas de quen pode ser o asasino. Pero, a min, Victor parecíame o modelo de asasino en serie.

O final é moi aberto, pero gústame que o deixara así. É o tipo de final que che fai querer saber como acaba todo, ler os seguintes libros. É unha boa forma de chamar ao público.

Creo que todo o envoltorio da historia está moi ben feito. A autora tivo que documentarse bastante para facer este libro, algo que se nota moi ben. Todo está moi ben descrito e creo que é algo moi positivo para unha escritora. A autora parece ter a habilidade de saber describir ao detalle, algo que me parece moi importante para este tipo de libros.

Faiche ler sen decatarte do paso do tempo, porque en todo momento tes que seguir lendo para saber máis. É verdade que hai momentos en que te perdes con tanta información, pero está todo moi ben escrito e non creo que haxa ningún problema para lelo.

Recomendo este libro porque penso que lle pode gustar a moita xente. Sobre todo a aquelas persoas que teñan a mente psicópata. Creo que lle pode gustar moito á xuventude de agora.

Está moi ben!

Irene Noya González (3º ESO)


Encantoume. Pareceume un gran libro que engancha moito porque ao ser un libro de misterio que ten mortes polo medio, desde o comezo da historia queres saber quen é o asasino. E a medida que a historia avanza, as túas opinións sobre os personaxes van mudando. Quero ler xa os outros dous para saber como continúa esta historia. Sen dúbida algunha xa forma parte dos meus libros favoritos.

Para min o momento máis importante do libro é cando Amaia se atopa co Basajaun no bosque xa que el, é dalgunha maneira o protagonista de toda a triloxía.

O final foi algo que verdadeiramente non me esperaba. Nunca sospeitei de Víctor. Nin del nin de James. Ao longo de toda a historia sempre estás pensando sobre quen pode ser o asasino, sospeitas de alguén todo o tempo, pero ao final resulta ser o que menos te esperas Nese momento todo pasa moi rápido pero á vez lento, porque non sabes que é o asasino ata que o di.

Penso que para escribir un libro como este hai que ter unha gran mente, sobre todo unha parte psicópata para describir uns escenarios do crime tan polo miúdo.

Nerea Portos Balsa (3º ESO)

Para min o mellor momento desta historia, aínda que non o teña moi claro, porque hai máis que un, creo que foi cando Amaia tivo que interrogar á súa irmá Flora e o peor momento para o meu gusto foi cando apareceu o cadáver de Fredi colgado. 

O tema deste libro está moi ben escollido, e ademais é moi intrigante ao longo de toda a historia. Sobre todo por a forma en que o asasino deixa a todos os cadáveres, xa que é unha forma un tanto peculiar. 

O desenvolvemento tamén está bastante ben, a pesar do largo que é o libro, xa que non se fai demasiado pesado. 

O final do libro non estivo mal, pero eu preferiría un final do estilo que eu propuxen no meu final inventado, porque me parece máis bonito e entretido. 

E coa lingua que usaron para este relato non hai problemas, xa que é un léxico que non ten dificultade algunha, e é perfectamente entendible.

Adrián Brea Martínez (3º ESO)

mércores, 8 de xuño de 2016

Balda de Libros (XLVII): Cartas a Lelo, de Xosé Neira Vilas


Cartas a Lelo. Xosé Neira Vilas. Galaxia

Pareceume interesante este libro, á parte de que quería saber o que ía a ocorrer ao final porque cada vez ían pasando cousas máis relevantes como por exemplo cando Tamboril e mais a súa pandilla ían facer unha pelexa nun barrio pechado contra os de Viralonga na cal ao final gaña o equipo de Tamboril. 

A parte que máis me gustou a min foi cando a Toño se lle ocorrera unha idea para comunicarse entre si e a idea era boa xa que eles non se podían comunicar coma nós agora polo Whatssap e ademais non tiñan móbiles, por iso ocorréuselle comunicarse por cartas co seu mellor amigo que era Lelo. Polo demais eu non lle cambiaría ningunha parte ao libro porque está ben.

A min este libro pareceume fácil de entender porque ten unha linguaxe sinxela, menos algunhas palabras que non se entenden moi ben pero pódense sacar o significado polo contexto. 

A miña opinión sobre este libro é que se lle podería recomendar a rapaces ou rapazas que lles gustaran historias sobre persoas que lles mandan cartas a outras.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (XLVI): Poderosa, 2, de Sérgio Klein


Poderosa, 2. Sérgio Klein. Xerais

Penso que este é un bo libro xa que amosa como as persoas maiores poden ter unha vida totalmente plena ao igual que o resto das persoas nun sentido romántico, namórandose.

Para min o mellor momento é cando, xa ao final do libro, os catro homes máis importantes nesta historia, o pai de Joana, Joao, Henrique e Apolo, lle cantan unha sereata escrita por Henrique a Nina.

Non cambiaría o final deste libro, xa que na miña opinión acaba dunha boa maneira, pero si que cambiaría unha parte do desenvolvemento: cando secuestran a Joana e a Joao , esta é ainda unha vella de 70 anos. Eu penso que sería mellor que se convertese nunha rapaza de 13 anos nalgún momento anterior.

Na miña opinión este é un libro que mantén a tensión ata o final ,e é un pouco máis emocionante que a primeira entrega desta saga (Poderosa 1).

Gustoume moito e espero que axiña poida ler o tercero libro. Eu recomendaríalle este libro ás persoas abertas de mente.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)