Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 5 de decembro de 2018

Andel de Libros (X): Unha presa de terra, de Marilar Aleixandre.


Unha presa de terra. Marilar Aleixandre. Ir Indo

Este libro gustoume moito porque conta unha historia interesante e entretida sobre un asaninato, a morte de Lourdes no ascensor do edificio e é moi doado de ler xa que a lingua non é dificil. 
Para min o momento máis importante foi cando Couto (o inspector) lle dixo a Ana (a detective privada que Choni, a irmá de Lourdes, contratou para resolver o caso xa que pensaba que o inspector non ía resolvelo) que na analítica se descubrira terra. Ao ter esa información Ana deu co culpable, Pepe, o marido de Lourdes. A terra proviña de Monforte, de onde era Toño (o xefe do bar no que ela traballaba) e el dáballa a Lourdes porque esta era moi boa para as plantas. 
É un libro emocionante xa que durante a lectura tes intriga de saber quen é o culpable. 
O libro está ben ainda que faría algúns cambios como que Martinez, un veciño do edificio, non fora tan machista ao dicir cousas como: “así vestida a onde vas?” “normal que coa roupa que leva a mataran”. O final paréceme axeitado.
Paula Lema Domínguez (4º ESO)


Este libro gustoume moito, xa que conta unha historia moi interesante dun crime nun ascensor e dunha detective que se namora do seu principal sospeitoso. 
Na miña opinión o personaxe máis importante é a detective xa que sen ela o caso non se resolvería nin a historia sería tan interesante pola relación que ten co asasino.   Pola contra o peor personaxe é o asasino porque matou a súa noiva e despois quixo matar a detestive. 
Para min o único defecto que ten é que o asasino podelo descubrir moi rápido.
O final para min é válido aínda que persoalmente eu cambiariallo por outro mellor para o meu gusto.
Á parte de que é moi doado de ler, a lingua é moi fácil de entender, pois case non hai palabras dificiles.
Este libro recomendariallo a xente que lle gusten os libros de asasinatos ou para aqueles que queren un libro rápido de ler .

Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)
O momento máis importante paréceme que é, dende o meu punto de vista, cando entran ao final no piso de Lulú, se non ben, pasaría outra vez a mesma historia. Salváronlle a vida. 

Os personaxes están moi ben descritos. Pareceume un libro moi interesante e emocionante. Gustoume moito, e sobre todo para a xente que lle gustan os libros de crimes. 

Con todo, o final non me gustou moito, porque a pesar de que intúes o que ía pasar, non queres que pase. É un libro que reflicte moi ben a sociedade de hoxe en día. É un claro exemplo de violencia de xénero, que, como non se pillou a tempo, logo non houbo solución. Tamén nos ensina o machismo que hai, xa que o detective pensa que Ana non ía ser capaz de resolver o crime polo simple feito de ser unha muller. Estaba enganado. 

Está moi ben estruturado. A lingua é moi fácil de entender e é un libro que se le moi rápido, ademais, os capítulos son moi pequenos. 

O que tamén me gustou foi que en tódolos capítulos hai unha ilustración, isto faiche a lectura máis amena e divertida. Recoméndovolo a tod@s vós.

Tania Villasenín Bello (4º ESO)


Este libro gustoume moito, chámase "Unha presa de terra", escrito por Marilar Aleixandre. 

Ten unha linguaxe moi sinxela e ten poucas páxinas, pero a autora soubo perfectamente desenvolver unha historia incrible.

Trata sobre unha muller, que apareceu morta no ascensor do edificio no que ela vivía co seu marido dende anos atrás. Despois uns policías puxéronse a investigar o caso pero ao ser difícil non lle puxeron moito interese, e debido a isto a curmá da morta contratou a unha detective privada para que conseguise resolvelo ela.

Despois duns dias de moi duro traballo por parte da detective conseguiuse resolver o caso. Resultou ser o marido da morta o asasino. Todo se resolveu grazas a que o cadáver tiña unha presa de terra na cabeza e o marido tiña esa mesma terra  nas súas plantas. 

A parte que máis me gustou foi no final, cando todo se resolveu e o marido foi a cárcere. E o personaxe que máis me gustou foi a detective por todo o esforzo que fixo por resolver o caso  e por conseguilo.

Damián Regueiro Liste (4º ESO)


O momento máis importante do libro paréceme o final porque se dá a casualidade de que Ana tiña razón dende un principio no que comezou a mirar se había algo raro durante os anos entre a parella e ela foi capaz de enfrontarse a todo ela soa.

Os personaxes que máis me gustaron foron a protagonista chamada Ana pola súa valentía de enfrontarse a todo soa, despois tamén me gustou a señora maior porque me pareceu súper riquiña, e o que menos me gustou foi Couto o outro detective porque pasou de Ana por ser unha novata e deixou que ela fixera todo.

Este relato pareceume moi emocionante, non faría ningún cambio no libro. O final non o cambiaría porque é a parte do libro que máis me gusta e a linguaxe foi moi fácil de entender.

Alicia González Lage (4º ESO)

Este libro trata dun asasinato dunha muller e dunha dectective que terá que investigalo. Pero no camiño da detective interponse un romance co viúvo da vítima. Terá que elixir se seguir co seu romance e deixar o caso, ou seguir investigando e esquecer a ese home. Tamén está o inspector da policía que non lle guste que Ana, a detective se interpoña na súa investigación.

A historia céntrase no desenvolvemento de como a detective resolve o caso. Se empezas non poderás deixar de lelo ata o final.

O meu personaxe favorito é Ana, xa que é intelixente e sabe ben o que quere, aínda que hai algúns momentos no que non sabe que facer ante o caso e a súa relación con Pepe, o viúvo.

Este relato está escrito por unhas das miñas escritoras favoritas en galego, Marilar Aleixandre. O libro é curto pero intenso. Está dirixido aos lectores que lles gusten os libros de asasinatos.

A linguaxe é doada de entender. Este libro gustoume moito e seguro que quen o lea tamén lle vai a gustar.

María Gigirey Iglesias(4º ESO)

Andel de Libros (IX): A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor



A esmorga baixo o meu punto de vista é un libro moi entretido que conta a historia de tres homes (o Bocas, o Milhomes e Cibrán) que se pasan un día de esmorga e ao longo del ocórrenlle diversas cousas, como acabar queimando un pazo ou decatarse de que unha muller da que se namorara o Bocas era unha boneca. Para min ese momento onde se decataron diso é o máis importante debido a que o Bocas ao descubrilo desespérase e dá pé a que se produza o desenlace. 

Os meus personaxes favoritos son o Bocas e o Milhomes porque me encanta a súa relación, a pesar de que cando están xuntos andan a golpes, non poden vivir un sen o outro.  

Eu no tocante ao contido cambiaría o final porque me parece bastante tráxico. 

A lingua ao principio pareceume un pouco difícil de entender pero a medida que segues lendo vaise facendo máis amena e paréceme que iso é o que fai da novela un libro orixinal.

Paula Lema Domínguez (4º ESO)


Este libro é moi bonito e con temáticas moi variadas, non é fácil de ler porque non é un galego actual pero se lle prestas atención entendelo.

O libro trata sobre tres borrachos que teñen problemas como queimar un pazo, arruinarse e moitas cousas máis que tamén son entretidas, só que se as queredes saber tendes que ler o libro.

O final pareceume axeitado porque non te esperas para nada este desenlace e cando o les quedas moi sorprendida.

Eu soamente lle faría un cambio e que a historia fora narrada por outra persoa non polo personaxe principal porque ao final se non estás moi centrado non sabes quen fixo que nin quen o contou.

O libro non é moi grande o vocabulario é axeitado para a nosa idade.

A quen lle gusten os libros de aventuras este si que é un bo libro para que o lea , tamén a quen lle gusten os libros de misterio porque o desenlace é un pouco misterioso xa que non sabes que final lle van dar a historia. Recoméndolle este libro a calquera persoa, espero que vos guste.

Vannia Antelo Iglesias (4º ESO)


Para min, o momento máis importante do libro son as mortes do Milhomes, O Bocas e Cibrán, porque son os protagonistas e morren os tres, aínda que non ao mesmo tempo.

A miña opinión sobre este libro e que é interesante, divertido e fácil de ler.

Eu penso que non faría ningún cambio na historia, pois a obra é así polos feitos e as cousas que pasan, se as cambiaran non tería o mesmo valor nin a mesma gracia.

O final paréceme axeitado porque non é o típico final feliz e gústame.

A lingua paréceme moi difícil, enténdese se lle dás unha volta ou polo contexto, pero paréceme complexo.

En definitiva, un libro totalmente recomendado pero, se non che gusta ler ou non queres pasar traballos nin o abras, traballos en van!
                                                                                                         
Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)


Para min o momento máis importante desta historia foi cando os tres personaxes se matan porque se seguían a vivir creo que seguirían a provocar máis maldades. A min o momento que máis me fixo rir foi cando o Bocas quedou pasmado e á súa vez babexando mirando cara a aquela muller moi fermosa.

E o momento que máis me impactou foi cando, ó rematar Cibrán o relato dos feitos, o xuíz ordénalle voltar ó cuartelillo, pero desesperado, Cibrán colle a navalla que servira como proba e cravouse con ela. Cibrán morreu tras declarar ante o xuíz, aínda que o autor da obra infórmanos que non se soubo claramente como morreu.

Sobre o seu desenvolvemento, o único cambio que lle faría a esta historia sería que, en vez de que os dous sen emborrachasen todo o tempo, que fosen buscar un emprego no cal poder gañar algo de cartos e comprarse unha casa e non vivir debaixo dunha ponte.

Sobre a lingua, este libro non tivo ningunha complicación nin foi tan difícil de entender.

Este libro recomendaríallo persoalmente a persoas ás que lles gusten os temas que estean relacionados coa bebedela ou os crimes.

Alejandro Vásquez Fernández (4º ESO)


Este libro non me gustou moito pero non pola historia senón pola linguaxe que é difícil de entender, xa que fala un home, que parece que é de Ourense e entón fala como eles.

Un dos momentos máis importantes do libro é cando se dá conta que os seus amigos son uns ladróns e que só saíron para roubar, pero xa é tarde para non ter problemas coa garda civil e non deixar os amigos. 

Este libro recomendaríallo a xente que lle gusten os libros de “intriga” pois comeza contando un día normal pero que varía moito segundo as decisións tomadas nos acontecementos: cara ao traballo, unha comida con amigo , pasando pola taberna, vixiando a casa dun veciño, queimando un castelo, indo a ver as mulleres de vida alegre, a conciencia de Cibrán, a morte de Socorrito.....e como non quero desvelar o fin desta pequena historia de tres mozos que só buscaban a diversión na opinión de Cibrán, pois anímate e le este libro.


Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)


Este libro describe como se pode "desmadrar" un só día. O relato describe un día de Castizo e dos seus amigos. O libro expón todas as cousas que se poden facer nun día. Tódalas aventuras que fan son moi surrealistas. 

A obra está ambientado no século pasado, nunha aldea de Galicia. Para min a lectura non se fixo moi doada, xa que custa lelo, o vocabulario que utiliza é moi vulgar e escribe como se fala, ou falaba nas aldeas. A min gustoume, pero pareceume moi difícil entendelo. 

Recomendo o libro porque é moi divertido. É entretido. O que menos me gustou foi o final, porque, na miña opinión, acabou dunha forma moi vaga e aburrida. Hai algunha partes que non dei entendido. Aínda que é pequeno, xa que ten 130 páxinas aproximadamente.  

O libro é axeitado para a xente á que lle gusten os libros cómicos, e sobre todo, galegos, porque este libro é moi galego, colle toda a esencia do rural.

María Gigirey Iglesias (4º ESO)


martes, 4 de decembro de 2018

Andel de Libros (VIII): Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz


Cartas de invernoAgustín Fernández Paz. Xerais

Ai as cartas! Este libro gustoume moitísimo. É moi interesante e aventureiro. Non podes para de lelo, xa que sempre queres saber o desenlace desta intrigante historia.

Os personaxes encántanme, parécenme moi axeitados, en todo momento saben levar a situación, sobre todo Adrián. As cousas que pasaron nesa casa son tan raras, que realmente fan que o libro sexa xenial. 

O momento máis importante na miña opinión, foi cando Adrián entrou nesa habitación, que cheiraba a peste, xa que debía facer moito tempo que non se abría, tamén me pareceu moi importante cando Tareixa queima o libro dos debuxos.

O final paréceme moi triste, xa que morren os dous e ata chegar ó derradeiro capítulo tes a esperanza de que ó queimar a casa, saian os dous vivimos. 

Resultoume moi fácil de ler, porque engancha e ten unha lingua moi sinxela. Anímovos a todas e atodos a lelo, xa que é incríbel, emocionante, triste, aventureiro e sobre todo, intrigante.

Alba Rey Brea (3º ESO)    


Para min o momento máis importante é cando Adrián se muda para a casa enmeigada e lle transcorre todo o acontecido, porque é o momento máis intrigante e interesante. 

O tema pareceume que enganchaba moito ao lector xa que é moi raro escoitar falar sobre unha casa enmeigada.

O desenvolvemento está ben, só que as datas poden chegar a enredar ao lector porque non se sabe cando ocorre cada suceso. 

O final tamén está ben, só que unha casa enmeigada queimada... queda algo raro, eu en vez de que a casa acabara queimada pois mellor poñería que a casa quedou precintada pola policía e nunca ninguén mais soubo nada sobre a casa.

Para min o mellor personaxe de todos foi Xavier xa que foi o que meteu toda esa intriga ao principio do relato e che mete ganas de saber que vai acontecer. 

A lingua na cal está escrito o relato pareceume que era moi sinxela de entender.  

Eu recomendaríalle este libro ás persoas ás que lles gusten as historias de misterio e, como non, a todas as persoas ás que lle guste ler.

Gloria Pena Gutiérrez (3º ESO)


Saúdos! Eu chámome Marcos e vouvos falar acerca do libro Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz.

O momento máis importante do libro creo que é cando Adrián sobe ao tellado e descobre quen lle está mandando faxes. Porque é cando se sabe que hai evidencias de que a casa estaba embruxada. 

Os personaxes foron bastante curiosos xa que por exemplo Adrián non é moi listo porque compra unha casa por unha broma que dixera o seu amigo Xabier e cando ve que está encantada en vez de marchar queda a investigar na casa mentres que Xabier é case o contrario porque cando foi axudar a Adrián queimou a casa polo menos xa que estaba encantada. Despois hai outros personaxes dos que non se sabe moito coma a irmá de Xabier, Tereixa e o inspector.

A súa lingua non me parecía díficil de entender. Pero si que lle daría un final distinto. 

Recomendo totalmente este libro ás persoas ás que lle gustan os libros de suspense e misterio.

Marcos Conde Delgado (3º ESO)

A verdade é que me gustou moito. Enganchoume dende o principio e acabeino moi rápido xa que ten moi poucas páxinas. Ten un vocabulário sinxelo polo que é fácil de ler .

O final gustoume moito xa que non contaba para nada con ese desenlace, ben, en realidade, en ningún momento do libro adiviñei o que ía a pasar a continuación

Non lle faria ningún cambio xa que me parece un libro súper orixinal: A parte que máis me gustou poida que fose cando Xabier  vai á casa embruxada e decide prenderlle lume, sabendo que tamén poñía a súa vida en perigo, pareceume moi bonito...., ou por dicilo doutra maneira gustoume o seu acto, xa que tamén morrería el, pero así acabaría con todo mal.

É un libro que sen lugar a dúbidas recomendaría.

E tamén  para os que non lles guste ler moito está moi ben xa que é un libro moi curto.

Este poida que sexa un dos libros que máis me gustaton de todos os libros que levo lido deste autor.

Leticia Añón  Guerra (3º ESO)

O libro pareceume moi interesante. Trátase dun libro no que es capaz de meterte da historia e ter tanto medo como teñen os personaxes, nesa casa que ten tanto que agochar. Que estea narrado en cartas faite sentirte como si ti foras o receptor delas. E o bo que ten tamén é que ten varias perspectivas de ver o conto; Tareixa, Adrián e Xabier.

O papel de Tareixa é breve, pero nel pódese ver que é unha muller forte e moi apegada a seu irmán Xabier. Tamén nos conta que Adrián, o mellor amigo do seu irmán, é o seu amor platónico. Adrián é o meu personaxe preferido, xa que en busca de inspiración meteuse nunha casa encantada que é protagonista desta historia

O libro en xeral gustoume moito, aínda que o final pareceume demasiado aberto e iso é o que menos me gusta do libro.

O momento que máis me gustou do libro foi cando Tareixa queimou o libro, xa que me pareceu que se acabaran todos os problemas que provocara a maldición desa casa.

O tema pareceume emocionante, co final demasiado aberto, e daríalle máis protagonismo a Tareixa. 

A lingua é moi fácil de entender.

Iria Boquete Sánchez (3º ESO)

Penso que é un libro ben narrado, non é un dos libros que máis me engancharon, Gustoume bastante en xeral pero non me gusta que teña un final aberto e que os protagonistas non aparecesen ao final. De feito pódeste asustar un pouco xa que semella que te metes no libro.

Os personaxes principais son dous. Deles o personaxe que máis me gustou foi Adrián, xa que conta todo o sucedido naquela casa encantada mediante cartas ao seu mellor amigo Xavier. A  irmá de Xavier Tareixa, non é moi fundamental na historia pero aínda así ten certa importancia no desenlace da historia.

Sobre o tema gustoume en especial que fose de misterio porque ao ser unha historia deste tipo deixa ideas abertas que logo vai resolvendo o protagonista principal.

Ten unha linguaxe expresiva e sinxela , polo tanto ten poucas palabras incomprensibles. 

Eu recomendo lelo aínda que haxa cousas que non me encanten no nó pero se queres saber os feitos acontecidos só tes que ler o libro

Mirian Otero Sande (3º ESO)

Andel de Libros (VII): Nubes de evolución, de Andrea Maceiras



Creo que é un libro que está xenial contado, cun gran tema. É un libro que te mete dentro da historia, está contado por  tres persoas que relatan o que lles atormenta a cada un deles. 

Sobre o tema dos personaxes gustáronme en especial a protagonista Amanda e Luis. Todo sucede na estación de autobuses onde se coñecen por primeira vez.

Ten unha linguaxe sinxela e coloquial incluso mellor sería dicir que chega á xente sen dificultade.

Agora en termos xerais é un libro estupendo no que podes incluso sentir a historia e visualizar os personaxes, imaxinas o que vén sendo o súa contorna, sentimentos que non revelan ata o final da historia….

Eu recoméndollo a todo o mundo que lle gustan as historias un pouco diferentes no xeito de contar o acontecido e as historias cun peso que os fai tentar resolver os seus problemas pasados.

Mirian Otero Sande (3º ESO)

Andel de Libros (VI): ¡Maldito D.N.I!, de Pepe Carballude



Este libro gustoume moito, dende o contido ata que te invita a continuar a ler a súa historia. A min foime moi fácil de ler.

O momento que máis me gustou foi cando Leonor xa sabía que Olimpio morrera, e este lle manda a carta a Leonor dicíndolle que está ben, e dándolle as explicacións precisas para que todos sigan pensando que está morto e así poder morrer legalmente dos papeis, para deixar de pagar impostos, estar vixiado...

Este momento gustoume moito debido a que foi cando se descubriu o que lle pasaba pola cabeza a Olimpio. Mais por outra parte Leonor deume pena porque sen sabelo, fíxose cómplice do tolo do seu marido.

Pareceume un libro moi interesante, con momentos de tensión que logo se ían disipando, e acaban sendo de risa.

Persoalmente o final gustoume, pareceume unha boa forma de acabar un relato tan interesante, pero non vos vou dicir como acaba pois para sabelo teredes que lelo vós mesmos.

Alba Dafonte Rodríguez (3º ESO)


Ola! Aquí vos deixo o que me pareceu o libro ¡Maldito DNI!, de Pepe Carballude.


Primeiro dicirvos que este libro gustoume moito, sobre todo polo tema do que fala.

Este é un libro moi curto, pero ao mesmo tempo é entretido e divertido, mantén o lector atrapado polas situacións disparatadas dun home que ao principio todo lle parece moi sinxelo pero que co paso do tempo se vai volvendo complicado. Móstranos o importante que é ter un documento de identidade como por exemplo o D.N.I., sen el non poderíamos facer nada!

Un dos personaxes que máis me gustou foi Leonor unha das protagonistas, xa que non se deixa intimidar por ninguén.

O vocabulario é moi sinxelo e por iso é moi fácil de ler.

O final gustoume moito xa que  non mo esperaba para nada! E claramente non lle faria ningún cambio.

E por último só dicirvos que se vos gustou o que lestes máis vai gustarvos o libro.

Leticia Añón Guerra (3º ESO)

Andel de Libros (V): Dragal 1. A herdanza do dragón, de Elena Gallego Abad



Hoxe vou falar do libro de fantasía Dragal, este libro é parte dunha triloxía de Elena Gallego Abad, a min persoalmente gustoume e recoméndollo a todas as persoas que lles guste minimamente a fantasía.
O seu protagonista, Hadrián é un rapaz ao que lle acaba de morrer o pai e el mais súa nai múdanse a Galicia, onde sucede todo o que acontece no libro.
O tema deste libro é un pouco intrigante ao principio pero eu creo que é cara o final cando comeza a ser emocionante. Eu creo que ao principio enrédase un pouco, xa que os personaxes fan unha investigación sobre o medallón que posúe o protagonista, e entre que investigan na casa ou noutros lados faise un pouco pesado, pero de cara ao final paréceme que se volve bastante emocionante.
A verdade é que despois de ler este libro quedei coas gañas de ler a segunda parte xa que posúe un final aberto.
Yago Leis Ríos (3ºE SO)

luns, 3 de decembro de 2018

Andel de Libros (IV): Aire negro, de Agustín Fernández Paz



Este libro gustoume moito, xa que sempre queres saber se Laura Novo se cura ou non. Ten unha historia detrás moi triste. Eu cando me sinto vixiada síntome incómoda, non me imaxino como me sentiría ás 24 horas. Tamén se ve un home que non se rende por moi grande que sexa o obstáculo, Victor que era novo na clínica e xa o puxeron a proba cun caso que ninguén antes descifrara, o caso de Laura Novo.
Por unha banda, o momento máis interesante na miña perspectiva é cando o raio caeu sobre a sombra negra e o máis emocionante era cando Laura se acercaba a Victor cando el lle estaba lendo. E, por outra banda, o momento que menos me gustou foi o final, aínda que sexa aberto, esperábame un asasinato ou un suicidio.
É un libro de fantasía, xa que na vida real non hai sombras negras que te perseguen, pero é verdade que te podes sentir vixiada e perseguida.
A lingua é sinxela, xa que se entende todo. En xeral o libro é fácil de ler porque engancha moito.
Recoméndollo a todos, gustoume moito e penso que é un dos grandes éxitos, entre outros, de Agustín Fernández Paz.
Alba Rey Brea (3º ESO)
Ola, eu son Paula e hoxe vouvos falar do libro Aire Negro, de Agustín Fernández Paz. Un relato fantástico, non moi longo, que mestura unha historia de amor coa mitoloxía galego-portuguesa.

Primeiro vouvos falar dos personaxes. Neste libro, o personaxe principal é Víctor Moldés, que narra o relato. Así a todo, a personaxe de maior importancia é Laura Novo, a base de case todo o relato. Esta última é a miña personaxe preferida, porque amosa unha actitude que fai sinxelo que te metas no personaxe.

O momento de maior importancia para min é o final. Un final aberto pero cerrado á vez, porque podes deducir o que ocorre. Persoalmente, gustoume moito.

No referido ao vocabulario, emprega unha fala moi sinxela pero sen chegar a coloquial en ningún momento.

Eu  recomendo o libro, a verdade é que me gustou moito, e verdadeiramente vale a pena lelo e aventurarse dentro del.

Paula Noya Redondo (3º ESO)


Ola tod@s! Hoxe vouvos falar do libro Aire Negro, un libro moi intrigante e emocionante que te invita a ler.
É unha historia fantástica xa que fala dun ser fantástico: A Gran Besta Negra.
Para min o momento máis emocionante é cando Laura Novo (a rapaza que esta no psiquiátrico) conta todo o que lle acontece en Galicia, xa que me pareceu sorprendente, sobre todo cando morre Démbalo (o can de Carlos) e cando viu a Gran Besta Negra.
Gústanme os personaxes sobre todo Laura e Carlos Valcárcel, pero non me gusta Víctor xa que me parece que non quere nada bo para Laura, e ademais moléstalle que estivese enamorada de Carlos, xa que a Víctor gústalle ela.
O final non me pareceu nada axeitado, xa que é un final aberto, e a min non me gustan nada.
Se tivera que facerlle algún cambio sería o final xa que non me gusta nada, e faría unha segunda parte do libro ou un final mellor.
O vocabulario é moi fácil de comprender.
Se che gustan moito os finas abertos, ou os libros de intriga e suspense recoméndoche moito ler este libro xa que ten todas esas cualidades!
Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO)


Para min o momento máis importante é cando Víctor e Laura van á cova e a Laura lle cae o colgante, co que se fai o demo con el xa que a partir dese momento o demo apoderase do corpo de Laura producíndolle a morte. 

O libro para min é moi interesante xa que unha historia como esta méteche un interese dentro que tes que saber que ocorre si ou si porque ninguén se espera que o demo fora capaz de apoderarse de alguén a través dun colgante.

A verdade é que o final a min gustoume moito xa que ninguén se esperaba a súa morte e menos desa maneira.

Para min o mellor personaxe era Víctor, polo interese que ten por axudar a Laura.

O vocabulario penso que non é moi difícil de entender penso que é  bastante normal para os rapaces da nosa idade. 

Eu recoméndolle este libro a todo o mundo, ben, a todas as persoas que lles guste ler xa que é moi fácil de entender, engancha mazo e ademais tes un algo que che impide parar de seguir lendo.

Gloria Pena Gutiérrez (3º ESO)


Ola a todxs, desta vez vouvos contar un pouquiño sobre o libro Aire Negro de Agustín Fernández Paz.

Para comezar falareivos dos personaxes. O meu personaxe preferido é Laura Novo (a protagonista), unha rapaza cunha escuridade no seu interior...,en xeral gustáronme todos os personaxes, parecéronme axeitados.

O contido deste libro está bastante ben, xa que mestura a cultura e mentalidade de hoxe en día coas historias mitolóxicas galegas.

O final é aberto pero neste caso non hai seguinte libro.

Pareceume un libro fácil de ler e cun vocabulario moi sinxelo.

Para rematar só teño que dicirvos que se queredes saber mais sobre este extraordinario libro só tedes que lelo. E se despois de lelo queredes máis anímovos a que continuedes a historia!

Leticia Añón Guerra (4º ESO)


Para min a parte máis importante do libro é cando Laura vai dar un paseo e sente que alguén a persegue, ela ten moito medo. Por iso creo que é a parte máis importante porque a min gústame a intriga e quería saber quen a perseguía.

O tema do libro foi interesante máis ca outros libros porque a min gústame o misterio, xa que fai que me involucre moito na lectura.

Por outro lado, con respecto aos cambios posibles, non creo que sexa necesario, pero non me gustou moito que lle morrera unha amiga por que me transmitiu moita tristeza e angustia.

Referíndome ao final, gustoume moito porque me gustan os finais abertos, pero que se sobreentendan.

Con respecto ao vocabulario, foi fácil de entender xa que son palabras comúns que se utilizan a diario, salvo algunha que outra que foi necesario mirar no dicionario.

Finalmente, a min gustoume moito o libro e recomendaríallo aos meus compañeiros para que poidan desfrutar da lectura.


Adrián Esmorís Noya (3º ESO)


Que onda banda! Son Yago e hoxe vou falar do libro Aire Negro. A min esta novela en xeral gustoume bastante, agás algúns momentos do medio do libro que me parecen postos soamente para encher paxinas aínda que é ben certo que hai momentos moi interesantes. 
O libro é unha cousa normal, consta de 200 e pico paxinas pero lese rápido xa que é interesante e ademais a letra é bastante grande. 
A narración vai de unha muller que debido a sucesos moi estraños acaba nunha clínica psiquiátrica e o seu psiquiatra, Victor Moldes terá que descubrir a verdadeira orixe dos seus síntomas. 
Os personaxes son normaliños, aínda que ao principio esta declaración é un pouco confusa xa que a protagonista cando se nos dá a coñecer parece ser un personaxe moi estraño, xa que fai cousas raras.
O vocabulario non é moi difícil de comprender tanto nas edicións antigas coma nas novas, xa que este libro xa leva bastantes reedicións. 
Yago Leis Ríos (3º ESO)


Eeiiiii que pasa amiguiños, todo ben? Todo correcto e eu alégrome moito, para empezar chámome Pablo, lin Aire Negro e gustoume bastante este libro, principalmente polos personaxes como Laura pero sobre todo Moncho. A min Moncho gustoume moito porque é unha persoa rariña que practicamente desenvolve el a historia do libro, mediante lendas e teimas súas. 

Despois está Laura que ten unha vida moi movida, de aquí para alá, así sempre. Se a miña opinión contase na decisión das outras persoas que poden escoller o libro diría que Laura sería a que máis lle gustaría porque todas as persoas se senten moi identificadas con ela tanto rapaces coma rapazas.

Deixando os personaxes ao marxe, o libro ten unha historia moi completa que se pode resumir en tres partes, unha introdución dos personaxes, despois a aparición dos problemas e finalmente os asasinatos, hehehehe. 

A lingua era bastante fácil quitando algunhas palabras en concreto.

Pablo García López (3º ESO)


Ola, son Miguel e vou dicir a miña valoración deste libro .O momento máis importante ao meu parecer é cando Laura narra a súa historia porque despois xa se sabe case todo o que vai pasar. 

O tema gustoume porque era de terror e é moi emocionante intuír o que vai pasar. O cambio que lle faría é que non morrese o can.

Nos personaxes os que máis me gustaron foron: Laura, Victor e Moncho. Moncho non era o principal pero era o gracioso ao meu parecer. Laura á parte de que era unha personaxe principal foi porque me gustou a súa participación no libro. E Victor á parte de que un dos principais pois el deu resolto un caso moi difícil porque non tiña moita información ao principio e ao final foille mais fácil. 

E os raios e tormentas cada  vez que pasaba algo pareceume moi ben.

O final paréceme axeitado porque deixa coa dúbida do que vai suceder. 

A lingua é fácil porque penso que todas as palabras se entenden. 

Eu recomendo este libro porque está moi logrado e está moi intrigante, sobre todo para as persoas ás que lle gusten os libros de terror.

Miguel Mariño Martínez (3º ESO)




venres, 30 de novembro de 2018

Andel de Libros (III): Todos somos, de Marcos Calveiro



Ola!

Son Alba Rey e hoxe vouvos falar dun libro que lin, Todos somos, de Marcos Calveiro.

Narra os feitos da desaparición de Natalia, unha nena de 12 e moi amiga de Antón. Gustoume moito este libro xa que o argumento recolle a historia de moitas outras desaparicións, a angustia de que uns pais atopen á súa filla e a maneira da que os medios de comunicación se aproveitan destas traxedias para aumentar a súa audiencia, co pretexto de ser mellor que outros programas.

É un libro moi triste, a xente reúnese para facer manifestacións, os policías non teñen ningunha proba nin ningunha hipótese...

É un libro que te engancha porque queres saber se encontran a Natalia e no estado que a encontran.

Esta cheo de sentimentos, por unha banda narra a realidade na que vivimos, e por outra, cada persoa ten unha historia atrás: Lina, Antón, a presentadora, os país de Natalia e os de Antón...

Outra razón pola que me gusta é que deixa un final aberto. O meu personaxe preferido é Lina, é moi boa con Antón e no seu traballo, é difícil que se renda.

En canto ó vocabulario, hai palabras que non coñezo pero en xeral é sinxelo.

Recoméndovos un montón que o leades, é moi bo libro.

Alba Rey Brea (3º ESO)


Ola amig@s! Son Ahinoa e hoxe tocoume falar dun libro moi interesante, Todos somos. Este libro abarca un tema que pode pasar na realidade, a desaparición dunha persoa, neste caso a desaparición dunha nena, Natalia.
Para min o momento máis importante deste libro é cando Lina se desfai do pasado, é dicir, cando lle entrega a Antón o álbum no que tiña todo relacionado coa única desaparición que non logrou descubrir.
Os personaxes son moi distintos, por exemplo o pai de Antón é un home sensato, parécerelle moi mal que o pai de Natalia vaia á televisión só para gañar cartos, en cambio a súa nai parécelle ben, xa que pensa que só quere atopar a súa filla.
O meu personaxe favorito é Lina, a inspectora que leva o caso. É unha muller forte, e que loita para superar o pasado, cousa que lle costa un montón.
Neste libro só faría un cambio, o final xa que é aberto e a verdade é que non mo esperaba.
Deixando o final a un lado, recomendo un montón ler este libro xa que está xenial, e explica brevemente o que lle ocorre a unha familia á que lle desaparece unha persoa querida, unha sensación moi moi mala.
Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO)

luns, 26 de novembro de 2018

Book tráiler (V): Todos somos, de Marcos Calveiro. Realizado por Alba Rey Brea



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira. Velaquí o Book trailer da novela Todos somos, de Marcos Calveiro (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2013). Realización youtubeira: Alba Rey Brea, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Book tráiler (IV): Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Realizado por Mirian Otero Sande



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira. Velaquí o Book trailer da novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (col. Fóra de Xogo. Xerais, 1995. 36ª ed. 2018). Realización youtubeira: Mirian Otero Sande, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



xoves, 22 de novembro de 2018

Book tráiler (III): Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras. Realizado por Lucía González Castro e Ana Señarís Veiras




Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book trailer da novela Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras (Xerais, 2014). Realización youtubeira: Lucía González Castro e Ana Señarís Veiras (1º ESO) CPI Viaño Pequeno (Trazo)