Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 21 de novembro de 2022

Andel de Libros (XI): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

 


Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas. Galaxia

A min pareceume o libro máis divertido e interesante dos que levo lidos deste autor, xa que conta varias historias á vez como da súa infancia na súa aldea, o loito que ten que gardar pola morte do seu tío, como é un día de festa na súa aldea, as historias da súa nenez,....

Tamén é moi entretido e cada vez canto máis avanzas na súa lectura máis e máis que vai enganchando a lectura. A min a historia que máis me gustou foi cando Balbino, o neno protagonista, nos conta como non pode ir á festa porque na súa casa están de loito pola morte do seu tío Braulio e como ten que vestir de negro aínda que a el non lle gusta facelo.

Tamén me gustou moito porque a través do protagonista vamos aprendendo moitos costumes e cousas que se facían antigamente nas aldeas e tamén se ve que Balbino tenlle moita paixón a vivir nese lugar.

O que cambiaría desta novela foi cando o noso protagonista tivo problemas co señorito e seu pai lle rifou a el, aínda que non era a súa culpa e non o crían a el.

Por outra parte a min sorprendeume o final de moitas historias da novela, xa que eu non me imaxinaba ese final senón outro moi diferente e tamén eu creo que é moi axeitado.

No caso da linguaxe é moi adecuada para os rapaces e é moi fácil de entender.

Jorge Lavandeira Vilares (4º ESO)

O momento máis importante do libro pareceume que foi cando o protagonista, despois de moito tempo, consegue facer un novo amigo do cal se fai moi amigo, e tamén pode volver ás festas porque o tempo de loito xa pasara e xa era libre de facer o que quixese. Xa que era un neno ao que lle gustaban moito as festas e ademais podía estar co seu mellor amigo nelas.

O tema deste libro paréceme que é moi interesante porque a narración fálanos dun neno que a pesar de ser pobre traballaba e conseguía saír adiante e axudaba a súa familia a vencer os atrancos e a conseguir comida, tamén sacaba as vacas a pacer á leira ás tantas da maña e volvía ao amencer para saír a gañar uns cartos traballando pola aldea.

O mellor personaxe é Balbino, o protagonista, porque é moi traballador e responsable, porque non vai xogar cos amigos senón que traballa para poder gañar uns poucos cartos e poder axudar na casa para poder vivir mellor.

Íker Señarís Suárez (4º ESO)

A parte que máis importante me pareceu neste libro foi cando Balbino decide deixar de fuxir e obedecer todo o que lle digan e bota o valor suficiente para encarárselle ao señor e a seu pai. Outra parte que me pareceu moi importante foi cando a pesar de estar lastimado decide e bota as suficientes forzas para coller e fuxir do seu fogar para que seus pais non teñan que pagar as consecuencias dos seus actos.

Esta novela é moi interesante, xa que Balbino é un neno de poucos recursos e sen amigos, a pesar diso ten unha gran determinación e toma decisións que un neno normal da súa idade non tomaria.

O meu personaxe preferido é Balbino aínda que a curmá de Balbino ou o seu mellor amigo tampouco están nada mal, a súa curma é una rapaza independente e o seu mellor amigo é un rapaz pobre pero que non se deixa intimidar por ninguén nin por nada.

En xeral foi un libro que me gustou moito, ten un vocabulario moi sinxelo.

Sergio Señarís Suárez (4º ESO)

 

Andel de Libros (X): Os soños escuros de Clío, de Carlos Casares


Os escuros soños de Clío. Carlos Casares. Galaxia

A min está libro de relatos en xeral encantoume moito e ademais resultoume moi entretido de ler, é dicir, cada vez que lía un pedazo entrábanme as ganas de seguir avanzando nel.

Tamén comentar que uns relatos gustáronme uns máis que os outros. Aínda que a súa linguaxe escrita resultoume algo difícil de comprender polo que tiven que volver a reler algúns contos, para entender ben o que me querería comunicar. Eu tiven que usar o dicionario algunhas veces para buscar o significado de varias palabras.

Eu recomendaría a lectura desta libro porque son relatos que enganchan moito e bonitos. Este libro eu recoméndoo para lectores avanzados. As persoas que non len moito e non teñen facilidade de lectura e de compresión lectora quizais non entenderían o seu vocabulario e as distintas metáforas que utiliza o autor ao longo dos relatos.

Tamén me gustou moito a presentación dos distintos capítulos deste libro e a súa portada encantoume.

Jorge Lavandeira Vilares (4º ESO)

Book tráiler (XXVIII): A dúbida, de María Reimóndez. Realizado por Lucía Grela Seoane

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A dúbida, de María Reimóndez (col. Narrativa. Xerais, 2016). Realización youtubeira: Lucía Grela Seoane, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo) 


 

 

Andel de Libros (IX): Rapazas, de Agustín Fernández Paz

 


Rapazas. Agustín Fernández Paz. Xerais

Gustoume moito. Ten varios contos con rapazas adolescentes como protagonistas. Os máis intrigantes e entretidos parecéronme “Visitante das estrelas” e “Dúas rosas murchas”. Tamén me gustou moito “Un curso con Ana”, porque ensina como é un curso con adolescentes e como cambia a presenza dunha que fai moito barullo.

Os relatos son: “ Visitante das estrelas” que trata dun extraterrestre que ven á Terra e métese nos pensamentos dunha nena; “Unha pedra na area” fala dunha adolescente que atopa unha pedra na praia que ao final resultou ser algo diferente; “Un curso con Ana” narra como uns nenos e nenas relatan o que ocorrera o curso pasado cando Ana, unha nena un tanto molesta, estivo na súa clase; “Querida Avoa” trata dunha adolescente que pensaba que a súa avoa era perfecta e diante dela fixo algo inesperado; “A primeira meta” vai dunha nena chamada Mariña e de como era a súa vida antes de ser campioa de Galicia en cros e “Dúas rosas murchas”, que nos conta a historia dunha nena á que os seus país mandan cos seus avós á aldea para que se poida concentrar no verán para aprobar as materias que lle quedaron suspensas e alí pásanlle cousas moi raras.

En resumo, todas estas historias transmiten, de forma amena, as vivencias e complicacións de varias mozas na adolescencia.

Sara Gómez García (3º ESO A)

Book tráiler (XXVII): O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. Realizado por Nerea Sánchez Castro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2012). Realización youtubeira: Nerea Sánchez Castro, 3º ESO B, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

xoves, 17 de novembro de 2022

Book tráiler (XXVI): 22 segundos, de Eva Mejuto. Realizado por Íker García Brea

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela 22 segundos, de Eva Mejuto (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2019). Realización youtubeira: Íker García Brea, 3º ESO A, CPI Viaño Pequeno (Trazo) 


 

Book tráiler (XXV): Dragal I. A herdanza do dragón, de Elena Gallego Abad. Realizado por Íker García Brea

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Dragal I. A herdanza do dragón, de Elena Gallego Abad (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2010). Realización youtubeira: Íker García Brea, 3º ESO A, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (XXIV): Corredora, de María Reimóndez. Realizado por Ainhoa Leis Ríos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Ainhoa Leis Ríos, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Andel de Libros (VIII): Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo

 


Cando petan na porta pola noite. Xabier P. Docampo. Xerais

Este libro resultoume de fácil lectura e acabeino moi rápido grazas ao seu vocabulario sinxelo e a forma de narrar do autor.

É un libro baseado nas historias que lle contaban os pais de Xabier P. Docampo cando era neno e co que el intenta que non se perda a literatura oral tradicional. Ten varios relatos de historias que dan medo pola forma de contalas e polos seus protagonistas. Estes relatos son: “O espello do viaxeiro”, “O fornadas”, “A loba” e “ O cumpremortes”.

Os mellores contos parecéronme: “O espello do viaxeiro”, pola intriga que xera ao estar lendo que te engancha e non podes parar de lelo e “A loba” pola intriga ata descubrir como remataba a historia.

O meu personaxe favorito foi a loba, porque me encanta que nunha manda de animais onde os machos soen ser os líderes, mande unha femia e o faga tan ben.

Non lle faría ningún cambio porque me parece un libro moi especial e tamén o seu propósito de transmitilo a todo o mundo, dito por Xabier P. Docampo.

Se vos gustan as historias de medo convídovos a lelo a todos e a todas.

Sara Gómez García (3º ESO A)

O libro en xeral gustoume bastante, xa que ten toques de suspense, misterio e terror, os cales son os meus xéneros favoritos á hora de ter que ler un libro.

Consta de catro historias, as cales non teñen nada que ver unha coa outra, isto paréceme algo moi enxeñoso deste libro, porque se non che gusta unha historia podes ler outra que che poida acabar gustando.

A miña historia favorita foi a de “O espello do viaxeiro”, porque ten un concepto de perderse no monte que na maioría de libros de terror ambienta moi ben a historia, tamén me gustou porque ten un final bastante inesperado e intrigante. Polo contrario, a historia que menos me gustou foi “O cumpremortes”, porque ao ser a última historia do libro pensei que ía ser máis entretida, polo tanto decepcionoume bastante.

Polo xeral o libro gustoume bastante, sen contar a última historia, e recomendaríallo bastante á xente que lle gustan esta tipo de historias e que non teña tempo de ler outras historias máis longas.

Laura Sánchez Liste (3º ESO B)

No libro cóntanse varias historias. A primeira, “O Espello Do Viaxeiro”, trata dun señor que tivo un problema con outro señor, xa que pelexaron. Hai dous personaxes. Non me gustou ningún dos dous, xa que tiveron problemas co alcohol.

O seguinte relato titúlase “A Loba” e trata dunha loba que baixa a unha aldea e rouba o fillo dun home que enganara a unha muller, esa muller posteriormente suicidaríase, máis tarde a loba e o neno morren queimados. Nesta historia o personaxe da loba e do home non me gustaron. Os personaxes que me gustaron foron os cazadores, que defenderon a súa aldea doutros lobos que baixaran a atacala.

A terceira historia titúlase “O Fornadas”. Esta historia trata dunha malleira que lle pegaran tres rapaces a unha vella ata matala, o motivo desta malleira foi que a vella andaba a molestar a todo o mundo. O personaxe da vella non me gustou xa que molestaba a todo o mundo, pero tampouco me gustaron os personaxes dos rapaces agresores xa que non poden tomar a xustiza pola súa man.

O último relato titúlase “O Cumpremortes”. Trata dunhas cartas que lle enviaba unha señora a un home dicindo que ía morrer. O personaxe da señora non me gustou, pero o do home si, xa que fixo todo o posible por aferrarse á vida e conseguiuno, este foi o meu personaxe preferido de todo o libro.

Samuel Grela Seoane (3º ESO B)

A min este libro gustoume bastante, practicamente todos os relatos me gustaron. O que máis me gustou foi: “ A LOBA”. Persoalmente pareceume máis entretido. O meu personaxe preferido desa historia é o home, porque a pesar de que ao principio os abandona, cando o fillo o necesitaba foi por el.

O que menos me gustou foi o segundo: “O FORNADAS”, xa que non o entendín moi ben, pero a historia que conta é bastante entretida.

Os outros dous bastante: “O ESPELLO DO VIAXEIRO” e “O CUMPREMORTES”, que trata dun home que lle mandan unha carta co dia é a hora na que morre.

A historia do relato que máis me gustou foi a do “ESPELLO DO VIAXEIRO” pero certamente, “ O CUMPREMORTES” pareceume a historia máis entretida.

En xeral, todas as historias están moi ben e parecéronme orixinais, e cun final bastante axeitado. Recomendaría a súa lectura.

Nerea Sánchez Castro (4º ESO)

 

mércores, 16 de novembro de 2022

Book tráiler (XXIII): Corredora, de María Reimóndez. Realizado por Mateo Pérez Vázquez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Mateo Pérez Vázquez, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Andel de Libros (VII): Silencio, de Fran Alonso

 


Silencio. Fran Alonso. Xerais

Este libro non é algo que impresione moito, xa que é unha historia bastante curta, non chega ás cen páxinas, pero a pesar disto é un libro moi intrigante, abafante e misterioso, o cal fai que me entretivera moito lendo esta historia e deume a oportunidade de encariñarme cos personaxes principais do relato.

Non puiden parar de ler o libro, porque non me quería quedar coa intriga de non saber que pasaba na seguinte páxina.

Algo que non me gustou deste relato, aínda que sexa un pouco estraño, foi que o protagonista se obsesionara tanto con esa familia ata o punto de só dedicarse a investigar sobre eles, gustaríame que tamén lle dedicara algo de tempo ás súas amizades mentres investiga sobre a familia.

O final do libro pareceume moi arrepiante, inesperado e terrorífico, xa que me parece que ao lector lle podería sorprender bastante esa escena no momento de estar lendo.

En xeral o libro gustoume bastante, aínda que haberá libros mellores.

Laura Sánchez Liste (3º ESO B)

Andel de Libros (VI): A chave das noces, de Xabier P. Docampo.



A chave das noces. Xabier P. DoCampo. Xerais

O libro A chave das noces gustoume moito xa que ten un tema moi interesante e intrigante.

Ten un vocabulario axeitado e moi fácil de entender.

Para min, o momento mais importante do libro foi cando Mauro foi á casa de Mario Pena e logo foi Severo porque foi aí cando se revelaron os feitos e quen cometera cada asasinato.

O meu personaxe favorito é Mauro, porque é moi intelixente, astuto e ten moi boas ideas. Un personaxe que non me gustou foi Severo, xa que facía as cousas sen pensar e acabou mal, en cambio Celso era máis prudente, e ao non haber probas na súa contra, Mauro xa non podía facer nada.

Eu persoalmente, non lle cambiaría o título xa que me parece axeitado e orixinal.

A relación da portada co título é que na portada sae un rapaz co casco dunha moto e o protagonista, Mauro, sempre se despraza en moto.

O final non me gustou moito, xa que non acabou como eu esperaba.

Laura Noya Sánchez (3º ESO B)

Este libro gustoume moito. É un relato cun deixe de misterio que trata dende temas delicados como, por exemplo, a trata de mulleres ata temas máis cotiás como o pequeno romance entre o protagonista e unha rapaza chamada Inés.

Fala da historia de Mauro, un rapaz bastante novo que traballa para unha axencia de detectives, pero indiferentemente sempre anda metido en leas. Coñece a un rapaz portugués que vende panos de papel na rúa mentres cumpría co labor de perseguir a unha muller, aínda que desgraciadamente aparece o seu cadáver no porto. Desenvólvese a historia nunha investigación constante de Mauro para buscar respostas ás súas preguntas.

O meu personaxe favorito é Henrique, o rapaz portugués, xa que por moitas dificultades que teña el séguese preocupando pola súa familia.

En xeral pareceume un libro bastante sinxelo de ler, aínda que haxa algunhas palabras un pouco complicadas. 

Uxía Mariño Parafita (3º ESO B)

 

Andel de Libros (V): A sombra cazadora, de Suso de Toro

 


A sombra cazadora. Suso de Toro. Xerais

Ola, vouvos falar de un libro que para min foi o mellor que lin en galego ata agora. Este libro trata dunha rapaza e un rapaz que son irmáns e o seu inimigo mais o de seu pai é unha sombra que quere acabar con eles polo que o irmán menor tivo que matarse para matar tamén a esa imaxe que era unha copia de seu pai pero era en formato virtual.

Para min é un libro que está moi ben porque trata algo de medo e aventura e son os aspectos que máis me gustan e non é tan común atopalos nunha mesma obra xuntos. O único que non me gustou e case non me gusta en ningún libro é que sempre ten que acabar morrendo un dos personaxes principais bos. Outro punto negativo é que non ten ningunha ilustración e non veñen nunca mal para captar mais a atención do lector. Un punto que ao meu parecer acostuma ser negativo, pero neste libro non é, é o titulo que explica moi ben o que trata a historia.

O autor foi o que máis me sorprendeu porque nunca oíra falar do seu nome nin dos seus libros pero encantoume. O que non entendo é a foto da portada porque supostamente Clara ten dezaoito anos e na portada parece unha neniña de entre dez e doce anos.

Anxo Domínguez Martínez (3º ESO A)