Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 6 de maio de 2019

Andel de Libros (XXIX): Reo, de Xesús Fraga


Reo. Xesús Fraga. Galaxia

Este libro gustoume polo feito de que trata un tema moi polémico, que dá paso a moitas opinións diferentes, o graffiti. Está narrado por un graffiteiro  que nos conta a súa vida, unha combinación de estudos, amores, amizades e o mundo do graffiti.

O final pode considerarse aberto, xa que non se pecha ningún tema propiamente. Aínda así, danse a entender certas cousas que o fan un pouco máis pechado e que che axudan á comprensión completa do libro.

Para min a parte máis importante do libro transcorre no nó deste. Neste momento, Reo e a súa amiga deciden marchar cara á capital. É intrigante porque non sabes o que vai ocorrer, non é previsible.

En canto ao vocabulario, é sinxelo. Aínda que teña palabras difíciles, o contexto axuda moito.

Persoalmente recoméndolle este libro para rapaces e rapazas un pouco máis cativos, porque agora pode resultar un pouco aburrido.

Paula Noya Redondo (3º ESO)

luns, 29 de abril de 2019

Andel de Libros (XXVIII): Verdade, de Care Santos



Verdade. Care Santos. Rodeira - Edebé


Este libro é a continuación, é dicir, a segunda parte do libro Mentira. Trata da saída do protagonista dun centro de menores (lugar onde levaba preto de cinco anos) e a forma na que se buscou a vida xa que, fóra, non tiña nada nin a ninguén.

Persoalmente, o momento máis importante foi cando Eric descobre que a súa casa, a que o seu curmán comprara para os dous antes de ser asasinado, está ocupada por un camelo. Este último resultou ser o asasino de Ben.

En relación cos personaxes, un dos que máis me gustou foi Alberte. Este era o avogado de Eric, o cal lle axudou moito en todo momento. E un dos que menos me gustou foi Xenia, a moza de Ric. 

O final era bastante esperado, aínda que houbo cousas que non o foron. 

En canto ao vocabulario, era bastante sinxelo e de comprensión fácil.

Eu recomendo este libro porque esperta moitas e diversas emocións e opinións, que poden ser moi interesantes.


Paula Noya Redondo (3º ESO)

Verdade é un libro escrito pola  escritora Care Santos.

Este libro consegue que vivas a vida de Éric en primeira persoa, é unha historia que podería ser real, unha historia cargada de prexuízos. E preguntas como: Que pais deixarían que a súa filla saíse cun rapaz que estivo no cárcere? Que persoa contrataría a un mozo que saíu dun correccional? A resposta a estas preguntas é: Ninguén.

Un libro que fala dunha vida dura, familia rota, a volta á vida real nun entorno complicado, barrio con drogas, mafias, subornos e chantaxes.

Sinceramente non lle faría ningún cambio a este libro, pareceume que todo estaba ben pensado sobre todo o final…non sabería que libro escoller se este ou o outro da serie, Mentira.

Un libro sinxelo de ler, grazas ao seu vocabulario e rápido de ler pois non é moi grande, paréceo pero a letra é bastante grande. E que sen lugar a dúbidas recomendaría.


Leticia Añón Guerra (3º ESO)

venres, 26 de abril de 2019

Alba Dafonte, Paula Noya e Alba Rey accésits no certame de divulgación do dano cerebral convocado por FEGADACE


FEGADACE (Federación Galega do Dano Cerebral) agasallou con cadanseu exemplar da novela Iridium (EditorialGalaxia), de Francisco Castro, ás alumnas de 3º da ESO Alba Dafonte Rodríguez, Paula Noya Redondo e Alba Rey BreaDámoslles os nosos parabéns e publicamos aquí os tres microrrelatos:

Diagnóstico fatal

O meu curmán Andrés foi o neno máis desexado e guapo que pode existir. Mais unha triste tarde no parque levou un golpe, caeu e tiveron que correr con el a urxencias... diagnóstico fatal. Había que esperar a que espertara para saber os danos.
Cando espertou todo parecía igual, pero co paso dos días facía sinais do acontecido no parque, para el a vida seguía a ser fermosa, o triste foi como ían desaparecendo persoas do seu carón.
Só os que seguimos vendo a Andrés coma sempre estamos con el. No fondo sabemos que algo cambiou, nós admitímolo e amosámoslle felicidade e cariño.

Pseudónimo: A luz do sol (ALBA DAFONTE RODRÍGUEZ)


IMPACTO SÚBITO

Todo foi moi rápido, ninguén estaba preparado.
Ata o momento, aquel tema era alleo a nosa familia. É unha mágoa que ninguén te avise de que isto vai suceder, ou quizais non.  Foi moi de súpeto, do día para a noite. Unhas poucas horas nas que a angustia o superaba todo. Aínda hoxe non sei moi ben o que pasou, xa que cando conseguía preguntar algo, o único que recibía de todos os lados era un: “Todo vai ben, non te preocupes”. Estas palabras eran falsas, aínda que quixera crer o contrario.
As semanas sen vela fixéronseme eternas, pero teimei en que me levaran ao hospital. Hoxe doume conta do meu erro, non debería ter ido. Foi o peor día da miña vida. Que a persoa que máis queres non te recoñeza, doe.

Pseudónimo: VRAN (PAULA NOYA REDONDO)


LUZ

Aquel día esperábate sen saber o que ía atopar, apostei por ti sen saber quen eras.
Ilusións, chimpos, risas, choros, chistes...
Aquel día foi o mellor día da miña vida. Vinte por primeira vez e souben que serías a parte máis sólida e estable da miña vida. Saíame o corazón.
É incríbel o cariño que se lle pode coller a un neno que todos pensan que é un estorbo, un peso ás costas, algo que se puidera decidir antes, non estaría aquí.
É incríbel o forte e valente que es. Ás veces que lle ris á vida aínda que doia.
É incríbel a ilusión que dan eses chimpos cando escoitas a miña voz ou cando che canto a vaca Lola. Porque un deses chimpos, substitúe as palabras que non poden saír da túa boca.
Que aínda que digan que non che quedan moitos anos, vivirás sempre no recordo de nós. Estes 4 anos servíronme para saber que ninguén te vai superar.
Ás veces as persoas non merecen o que teñen. Sen ti, eu non sería a mesma. Es o que máis quero neste mundo.
Só dicirvos que el é igual a nós: chora, ri, sente... Porque si, ten sentimentos, nunca se che ocorra facerlle dano. Coñéceos e dáte a oportunidade a ti mesmo de saber que son o mellor deste mundo.
Eu, apostaría mil e unha veces por meu primo.

Pseudónimo: Olaff (ALBA REY BREA)


Antón Riveiro Coello agradece o book tráiler da novela A canción de Sálvora, realizado por Nerea González Rey




O escritor Antón Riveiro Coello vén de lle agradecer a Nerea González Rey (2º ESO) a realización do seu book tráiler sobre a novela A canción de Sálvora, que podedes ollar agora de novo. Como agasallo envioulle un exemplar asinado do seu libro A voz do lago (Galaxia, 2013). E nós tamén lle agradecemos a Antón a súa xenerosidade.





xoves, 28 de marzo de 2019

‘Xornalismo na Escola’, con David Fontán Bestilleiro


Onte, mércores 27 de marzo de 2019, o alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Viaño Pequeno xuntouse de 16:00 h. a 17:40 h. na sala de Audiovisuais para participar na cuarta edición dos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola La Caixa’, organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa', nos que profesionais da información imparten xornadas didácticas sobre comunicación e xornalismo a alumnado de Institutos de Ensino Secundario de toda a xeografía galega.

No noso centro recibimos a visita do comunicador David Fontán Bestilleiro, a quen coñeciamos por facer aquí as prácticas do Máster de Profesorado en Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, que realizou unha breve introdución teórica e moitas actividades prácticas en pequenos grupos para reflexionar sobre diversas problemáticas dos medios de comunicación na actualidade, mesmo a perspectiva mundial.

luns, 25 de marzo de 2019

Andel de Libros (XXVII): Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste




Este libro ten 22 historias, as cales non teñen nada que ver entre elas, cousa que a min personalmente non me gusta, porque cando lle pilas o fio, xa cambia a historia.

A min o conto que máis me gustou foi "O caso dos tres fornos", porque ten unha moralexa oculta moi boa, xa que o limpador dos fornos limpou os tres para darlle nos dentes ao xefe.

O que máis pena me deu foi o de Estreliña xa que os seus pais tiñanlle moito aprezo a esa rapaza ao ser tan guieira e cando morreu debéronse sentir moi mal.

A miña personaxe favorita é o vagabundo porque librouse de pagar unha consumición contando unha historia, algo que resulta estraño porque normalmete só corres cando o camareiro se despista.

O vocabulario é fácil, non ten case palabras difíciles e lese moi rápido, pero para un traballo de aula é moi dificil ao ter tantas historias.

Recomendado cen por cen para unha lectura optativa.

Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)

Máis relatos, bos relatos, do alumnado

O relato de Leticia de 3º de ESO, dos que máis nos gustou no certame de relatos convocado polo Día das bibliotecas, quedábasenos na nosa "base de datos" sen telo compartido aquí. Non pode ser !!!

 Os cen libros


-O 15 de novembro hai control de lectura, as persoas que non collestes aínda o libro recoméndovos que o collades se non queredes suspender lingua- dixo Anselmo o meu profesor de galego.

-Ariadna –chamoume a miña amiga Camila- ti aínda non colliches libro verdade?
-Non -dixen eu poñendo os ollos en branco.

-Recoméndoche que leas Aire negro, está ben é e curto- dixo.

-Xa verei, pero grazas

Cheguei á casa e púxenme  a ver Teen Wolf, en Netflix. Despois de acabar un capítulo deste recordei que tiña que escoller un libro.

Fun polo meu arquivador e busquei no apartado que poñía lingua, había un montón de libros onde escoller. Collín a listaxe e marchei rumbo á biblioteca, quedábame cerca da casa, podía ir andando. A dicir a verdade esa foi a primeira vez que entrara na biblioteca, xa que como non me gusta ler. Normalmente sempre lle pido un resumo a un compañeiro ou ao meu queridísimo amigo “El rincón del vago”, pero esta vez decidín ler eu mesma o libro xa que non podía seguir así.

Cando xa estaba dentro da biblioteca quedei coa boca aberta, os meus ollos percorrían toda a biblioteca observando o “mogollón” de libros que alí había. Estaba todo moi ben organizado polo apelido do autor, por linguas e por categorías. A  min gústame o misterio e a fantasía sobre todo nas películas. Mirei a listaxe e debía de haber polo menos uns 100 libros apuntados nela, e menos mal que ao lado de cada título aparecían as categorías. En total había 23 de fantasía e 36 de misterio, o resto eran de romance, aventura, suspense...

Pasadas un par de horas xa só me quedaban 3 libros para escoller. Funme sentar a unha  mesa, e comecei a ler os libros así por enriba, cando oio que alguén está a falar comigo. Levantei a cabeza e encontreime cuns ollos color café que me estaban a mirar, era un rapaz mais ou menos da miña idade con lentes e co pelo negro, delgado, bastante guapo, para que negalo.

Apartou a mirada e agora estaba a mirar os libros sinalando un que poñía O gardián invisible de Dolores Redondo.

-Este está moi ben, é un dos meus libros preferidos- dixo o rapaz.

-E que non sei cal é o mellor, cal me recomendas?- preguntei.

-Sen dúbida este –dixo sinalando o mesmo libro de antes.

-Grazas eh...

-Marco –dixo- chámome Marco.

-Grazas Marco.

-Ben ,teño que marchar que se me fai tarde, e grazas –dixen collendo o libro que me recomendara Marco e dirixíndome a onda a bibliotecaria.

-Espera -dixo Marco- que che parece se te apuntas ao club.

-Que club?

-O de lectura.

-Non sei...non me gustan moito os libros -por non dicir nada pensei.

-Veña, porque non probas e se non che gusta desapúntaste.

-Está ben, pensareino -dixen e marchei despois de rexistrar o libro.

Ao chegar a casa subín as escaleiras e tombeime na cama e comecei a ler o libro.

Aquela fora a primeira vez que entrara  na biblioteca pero podería non ser a última.





xoves, 21 de marzo de 2019

luns, 18 de marzo de 2019

Repasando clasificación de la oración simple por su estructura

Pincha en los enlaces

http://www.xtec.cat/~jgenover/predic1.htm

http://www.xtec.cat/~jgenover/predic2.htm

Andel de Libros (XXVI): Made in Galiza, de Séchu Sende



Este libro gustoume moito e foi moi entretido. Pareceume moi divertido por estar feito por moitos contos máis pequenos. É dicir, aínda que teña sempre algo en común (a defensa da lingua galega), as historias son totalmente diferentes. Os capítulos son moi pequenos e lense moi rápido. 

Houbo unha historia que me gustou moito a pesar de ser moi breve, ía sobre namorarse, e como o fixeran dúas persoas. Faría de cambios que, xa que se está a defender o galego, poñer menos contos noutros idiomas, por exemplo o castelán, xa que hai varios que falan en castelán. Aínda así, gustoume moito. 

Séchu sabe moi ben como poñerse na pel dos protagonistas (porque en cada historia hai uns diferentes), e faicho pasar moi ben mediante a lectura. 

O libro é moi emocionante, e ás veces tamén contraditorio, por exemplo, nun capítulo defende moito a lingua galega, e noutro, pola contra, fala todo o tempo en castelán, supoño que isto estará feito adrede para que nos decatemos. 

É un libro que lle recomendo a calquera persoa de calquera idade e ten unha lingua moi fácil de entender.

Tania Villasenín Bello (4º ESO)


A min o libro Made in Galiza pareceume xenial e foi un dos libros que máis me gustou ata agora xa que toca un tema moi vixente no galego e faiche reflexionar bastante. 

Non se trata dun libro ao que estemos acostumados porque non consta dun principio, nó e desenlace, senón que é un conxunto de relatos. Relatos moi pequenos e cunha lingua moi sinxela polo que son moi fáciles de ler, cada un cuns personaxes diferentes: uns vellos, outros novos, uns reais, outros imaxinarios... pero todos teñen un tema común que é a lingua. 

Penso que o que pretendeu Séchu Sende ao escribir esta obra era facer chegar aos seus lectores o que lle está acontecendo ao galego xa que é unha lingua minoritaria e estase vendo invadida polo castelán, e facernos reflexionar sobre iso para que tentemos difundila e coidala ó máximo posible para que non desapareza.

Paula Lema Domínguez (4º ESO)

Este libro gustoume moito, é moi interesante e entretido. Son un conxunto de relatos de diferente temática. Ten unha linguaxe moi doada de entender polo que se le moi rápido e sen problema.

Neste libro non hai relación entre portada e contido, na portada aparecen unhas bombonas cunhas caras pintadas e no libro non aparece isto.

Este obra recibiu un premio, o chamado premio Anxel Casal. Xusto llo deron no ano en que se publicou, en 2007. Foi o mellor libro do ano.

O relato que máis me gustou de este libro foi “A agulla de marear “ porque me pareceu moi divertido.

En canto aos personaxes, un dos que máis me gustou é o rapaz de "A agulla de marear", porque foi o relato que máis me gustou. Outro personaxe que tamén me gustou moito foi Luis de "Fixen unha ouiha co espirito de Castelao", porque foi moi gracioso que acabara falando o galego.

Recomendo este libro sen dúbida ningunha porque seguro que lle vai encantar a todo aquel que o lea.

Damián Regueiro Liste (4º ESO)

Andel de Libros (XXV): Miss Ourense, de Bieito Iglesias




Este libro foi moi interesante porque cada historia enganchábate moito mais debido aos casos ían sucedendo. 

Para min o momento máis importante desta historia foi cando o protagonista resolveu os 3 problemas.

A min o personaxe que mais me gustou foi o detective xa que resolvía os problemas moi facilmente e sen ningún problema. Os outros personaxes que mais me gustaron foron Claudina e mais o seu home xa que lle axudaron moito ao detective a resolver un dos crimes e en concreto non teño ningún personaxe que non me gustara. 

Sobre o seu desenvolvemento non cambiaría nada porque para min persoalmente penso que este libro está ben escrito. E sobre o final poñeríalle a cada historia unha distinta. 

Con respecto á lingua para min non foi moi difícil de entender xa que penso que ten unha vocabulario bastante xeral. 

Eu recomendaríallo a persoas que lles gusten os temas sobre os crimes.

Alejandro Vásquez Fernández (4º ESO)

A min o momento máis importante do libro pareceume a escena no que entra a rapaza e está o detective dentro falando coa muller de Aquilino sobre o seu asasinato e se había algunha persoa que lle tivese tirria, entón entrou a rapaza cunha roupa demasiado inadecuada para o momento no que mataron a o seu pai. Este momento paréceme o mais importante porque é o que mais me gustou xa que a rapaza é moi "pasota", así coma nós.

Polo demais, parécenme unhas historias moi interesantes e gustáronme moito, só que custa moito comprender o que está a contar en cada momento xa que a lingua é moi complicada, cambiaría a linguaxe do conto porque era moi custoso seguir a trama.  

O final pareceume axeitado xa que conseguiron resolver os asasinatos dos asasinados.

Eu este libro só o recomendo para persoas maiores de 19 anos xa que na miña opinión é moi doado de entender para elas, pois como xa dixen a lingua era demasiado complicada para as a nosas idades. 


Alicia González Lage (4º ESO)

venres, 15 de marzo de 2019

Book tráiler (XXXII): "Corredora" de María Reimóndez. Por Laura Codesido Fernández



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Laura Codesido Fernández, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



xoves, 14 de marzo de 2019

Book tráiler (XXXI): “A canción de Sálvora", de Antón Riveiro Coello. Realizado por Nerea González Rey




Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A canción de Sálvora, de Antón Riveiro Coello (A Nosa Terra, 2002). Realización youtubeira: Nerea González Rey, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Andel de Libros (XXIV): A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz



Este libro gustoume moito, grazas aos seus personaxes e á súa historia penetrante.

O que para min foi o momento máis importante foi ao final cando os dous personaxes principais se meten no saco de durmir e comézanse a bicar, e gustaríame saber o que sucedeu de verdade debaixo desa tenda de campaña.

O tema do libro paréceme interesante e emocionante, polo traballo dos seus pais e pola historia de amor non correspondido do protagonista xuvenil galego, e coa súa moza que era filla dun importante xurado de Barcelona e que metía na cadea á xente como o pai do protagonista.

Na miña opinión, non faría ningún cambio no desenvolvemento, paréceme perfecto e sinxelo, pero cambiaría algún capítulo pola metade suprimindo e cambiando por algunha das cartas que se redactaban.

Falando do final, eu penso que é axeitado, pero teríame gustado algo máis espontáneo e non tan acaramelado.

A lingua é facilmente entendible.

Daniel Balsa Balsa (4º ESO)

A min este libro gustoume moitísimo. Ao principio non me decataba moito do que estaba a contar, pero logo dun tempo lendo empeceime a decatar e despois empezoume a gustar e cada vez máis.  

O momento máis importante do libro, para min, foi os días nos cales levaron presa a súa nai, e nos cales unha morea de sentimentos e pensamentos roldaron pola súa cabeza. 

Os personaxes teñen un papel fundamental nesta historia, xa que os pais nos dan a ver que hai diferentes tipos de pensamentos. 

Este libro foi moi interesante, unha vez posta a ler nel, resultaba moi difícil parar de ler, dá a sensación que a intriga tira por ti para seguir lendo nesta novela. 

Eu persoalmente neste libro non faría ningún cambio, nin polo medio, nin polo final, gústame así, sen realizar ningún cambio. 

A lingua   é bastante axeitada, se cadra  hai algunha palabra  que non se entende, pero acábase deducindo polo texto que segue.

Laura Pena Gutiérrez (4º ESO)