Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 3 de decembro de 2019

Conta de Libros (IV): Os dous de sempre, de Castelao



Este libro abrangue un tema bastante interesante. Fala da vida de dúas persoas, Pedriño e Rañolas. Estes dous son amigos dende moi pequeniños e a narración conta a súa vida por separado e a súa vida xuntos.

O momento máis importante do libro para min é cando os dous protagonistas se reencontran e pasan toda unha tarde falando da súa vida.

O meu personaxe favorito é Rañolas, xa que ao longo da novela demostra ser un home loitador, que con moito esforzo logra conseguir todas as cousas se propón. En cambio Pedriño é un rapaz ao cal todo lle dá igual e o único no que pensa é en comer e vivir ben.

Desde o meu punto de vista o final da narración é moi inesperado, xa que para nada te esperas o que vai ocorrer cun dos personaxes, e se queres sabelo terás que ler o libro!

O vocabulario desta obra para min foi algo difícil, porque ten algunhas palabras difíciles de entender, pero polo contexto podes chegar a comprendelas.

Dito todo isto, recoméndovos un montón este libro, e aínda que ao principio poida parecer algo aburrido, ao final acaba enganchando!

Ahinoa Antelo Rodríguez (4º ESO)

O momento máis importante para min foi cando Rañolas estaba disposto a ir á vila, pero chegoulle a desgraciada noticia de que súa nai falecera, entón este decidiu non volver e seguir co seu de vender nas romarías mentres que, pola outra parte, a vida de Pedriño era bastante mala, o pobre non sabía facer nada, soamente comer e andar de larchán. A tía de Pedriño pasábaas negras para poñelo a traballar en calquera cousa, xa que el ou non lle gustaba facer nada ou non servía para nada pero era moi bo rapaz.

O tema pareceume interesante xa que a vida dos dous era bastante diferente pero as dúas eran bastante entretidas, sobre todo a de Rañolas que era un aventureiro.

O final non me pareceu o axeitado debido a que a morte de Rañolas foime desagradable para o meu gusto, eu daríalle un como que el mais Pedriño pasasen todas as tardes xuntas e deixasen os seus traballos para estar un co outro.

Respecto ao contido do libro non cambiaría nada, todo está moi ben programado para que no final da historia se acaben encontrando un co outro.

Pablo García López (4º ESO)

Para min  o momento máis importante do libro foi cando Pedriño intenta matar a súa sogra Filomena xa que iso cambia todo entre eles dous.

O tema do libro está bastante ben, pero eu nalgunhas partes deste poñería algo máis interesante xa que ás veces resulta aburrido, por exemplo a min en verdade gustoume todo a novela pero a parte que é mais interesante na miña opinión é cando Pedriño lle intenta poñer os cornos á muller ou como xa dixen cando intenta matar a súa sogra pero a parte que máis impacta é cando o Rañolas se suicida.

O final foi inesperado pero non o entendín moi ben.

En canto á linguaxe para min foi moi difícil de comprender xa que estaba escrita na lingua da época Nós e ás veces pois resulta complicado de entender, pero polo resto fenomenal.

Gloria Pena Gutiérrez (4º ESO)


Boas a todos e a todas, vouvos falar dun libro que a min gustoume moito persoalmente e que lle recomendaría a todo o mundo.

O libro trata da vida de dúas persoas, Pedro e Rañolas, dous amigos da nenez que viven dúas vidas completamente distintas e que contan con dúas personalidades tamén diferentes. A historia é un tanto complicada de seguir dado que vai contando ambas historias paralelamente e ás veces salta dunha noutra cando aínda se atopa no medio da historia. Como xa dixen anteriormente as súas personalidades difiren moito, Pedro é un home que desaproveita moitas oportunidades que consegue (e consegue moitas) mentres que Rañolas tense que complicar moito para poder chegar a conseguir unha vida decente.

Esta novela é moi doada de ler xa que aínda que pareza que é un libro grande a metade das páxinas están en branco ou con un debuxiño que ilustra máis ou menos o que ocorre en cada capítulo.

A min o que máis me gustou de Os dous de sempre é que ao final de cada capítulo, que son bastante curtos, ás veces hai frases que che fan reflexionar ou que simplemente son boas, a min unha que me marcou persoalmente é esta: “O mundo é grande e o meu burro bule ben”.

O vocabulario utilizado por este escritor é doado de entender non obstante utiliza algunhas palabras que poden ser un pouco complicadas.

Unha conclusión que saquei do feito de que os capítulos sexan curtos é que Castelao en verdade non sabe escribir novelas xa que esta narración máis ca unha novela parece unha historia composta por historias curtas.

Yago Leis Ríos (4º ESO)


Esta narración paréceme que contén unha historia moi interesante, ademais dunhas bonitas ilustracións en cada capitulo, polo que recomendo lelo, mais o seu vocabulario foime difícil de comprender, o que provocou que perdera algo de interese nela.
Pedriño é toleirán e vago, só quere un traballo que lle paguen ben e non teña que facer moito.
Rañolas é traballador e eivado de nacemento, perseguía un soño, mais cando o acadou non se sentía que estaba vivindo a vida como debía.
O momento máis importante paréceme cando Pedriño tenta matar a sogra, pois é un momento moi entretido, xa que despois de todo o libro non esperas que se atreva a facer algo polo estilo. Ademais a causa disto a sogra comeza a respectalo e ata lle consegue traballo.
O final non me gustou, creo que Rañolas non merece rematar así, posto que levaba toda a vida traballando moito para lograr o seu soño e cando o consegue non se consideraba feliz, pois sentíase escravo do traballo.
Eu suprimiría algunhas escenas do libro nas que non teñen que ver directamente cos protagonistas.
Alba Dafonte Rodríguez (4º ESO)

O tema deste libro de Castelao non é precisamente emocionante, pero si entretido e interesante; fala de dous amigos da infancia que toman camiños separados na vida e cóntase como se desenvolven no mundo e as cousas que lle acontecen ata volver a encontrarse.

Persoalmente o momento máis importante do libro paréceme o reencontro dos dous de sempre; Pedriño e Rañolas, tal pasar unha gran tempada separados vivindo cada un a súa vida. Ademais, Rañolas, é e era o único amigo de Pedriño, o cal, non ten unha vida moi afortunada.

O meu personaxe preferido, se teño que elixir, diría que é Rañolas, xa que é o que máis avanza na historia.

Se tivera que cambiar algo, posiblemente arranxaría un pouco a vida de Pedro engadindo alguén que o quixera tanto coma a tía Adega, ou por exemplo, darlle máis protagonismo á súa filla, que a pesar de todo, quéreo ben.

A pesar de que ten unha linguaxe bastante "antiga" e difícil de comprender, recomendo este libro. Ten unha historia moi bonita e ao mesmo tempo, ensina o que era a vida naquela época; como actuaba xente, os seus pensamentos, etc. Gustoume bastante e é moi rápido de ler.

Iria Boquete Sánchez (4º ESO)

Ningún comentario: