Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 5 de xuño de 2018

Conta de Libros (XXXIII): O achado do castro, de Manuel Núñez Singala



O momento máis importante é cando chega Arpexia, xa que iso fai que se namore ela do Emperador e o Emperador dela, o que fai que os mozos poidan casar. 

En canto aos personaxes, non cambiaría ningún. O personaxe que máis me gustou foi Caleno, polos seus chistes e porque non entendía nada. 

É un tema que aínda que non dea moita para falar é divertido a forma na que o contan e o fan, con chistes, con moitas aparicións do presentador como un máis, etc. 

Non faría ningún cambio, excepto no final, no resto non engadiría nada, nin no transcurso da historia, nin na forma de contar a historia. No final engadiríalle algo gracioso, para rematar a obra rindo. 

A obra é bastante fácil de entender, cun vocabulario sinxelo e fácil de comprender. 

O libro recoméndollo a toda a xente, xa que é un libro divertido, por todos os chistes e aparicións divertidas que fan, e que se le moi rápido.

Oscar Iglesias Domínguez (4º ESO)


O libro gustoume moito. É moi fácil de ler e os sucesos están moi ben narrados e explicados polo narrador, o que fai a lectura máis fácil e fluída. Hai poucos libros que consigan facerme rir pero este conseguiuno, as situacións son tan absurdas e impredicibles que é imposible non rir. 

A historia é simple, un romance imposible que se une paralelamente co intento de roubo duns ladróns, estes últimos son os personaxes máis cómicos do libro. 

A personalidade dos personaxes dáse a coñecer moi ben por como pensan e polas accións que realizan. A miña personaxe favorita é Arpexia, polo seu forte carácter e a súa presenza nas escenas. 

Recomendo este libro para facer o traballo de lectura pois é moi sinxelo de resumir, os personaxes son fáciles de caracterizar, existen moitos posible finais...

Tamén llo recomendo ás persoas que lle gusten os libros de comedia mais as historias de amor, estou seguro de que non vos defraudará!

Iván Rivas Suárez (4º ESO)


O momento máis importante do libro é cando o emperador manda ir a súa filla a Nápoles a ver a súa tía que está moi vella e ao ir a Nápoles coñece a Manolitus e namórase del e despois diso ocorre toda a historia.

Dous personaxes moi importantes son Catulo e Caleno, que son o típico dúo no que un é o listo e o outro o parvo, saen momentos moi graciosos cando lle intentan roubar o medallón ao emperador.

O final foi bastante aberto porque falan de casar as dúas parellas pero non conta como foi a voda nin se ao final se separan ou se teñen fillos.

A lingua foi sinxela de entender e en ningún momento da historia te perdes. O libro pareceume interesante e bastante gracioso, porque mestura palabras actuais nunhas frases e xorden escenas graciosas. Fai un salto no medio do relato, e fai un resumo no que aconteceu durante ese salto. Creo que estaría mellor dicindo como o resto da obra.

Daniel Varela Bello (4º ESO)


O libro pareceume moi interesante e entretido pois o humor está presente en todo momento. Conta cun humor crítico e xoga con numerosos e orixinais anacronismos que converten unha simple historia nunha obra moi especial.

O desenvolvemento é axeitado mais é distinto ao longo da obra xa que ao principio é moito máis lento que ao final.

Os personaxes son moi cómicos e distintos, o que a fai unha obra moi entretida mais eu cambiaría os personaxes de Manolitus e Carmiñae pois na miña opinión o escritor podía sacarlles mais proveito.

A linguaxe é apropiada e sinxela con algunhas excepcións, por exemplo cando utiliza a lingua da época romana. 

O libro conta con moita orixinalidade mais o final queda un pouco simple é aburrido, eu cambiaríao por un máis tráxico.

Recoméndolle esta obra a todo o público en especial aos máis xoves.

Alba López González (4º ESO)


Sen dúbida, unha das mellores obras que existen en galego de teatro. Para min insuperable.

O Catulo mais o Caleno, son uns fenómenos, riste á forza lendo no libro. O momento máis importante do libro é cando están todos na sala de estar do Emperador e se lle declara a Arpexia e están os ladróns a mirar para eles. 

Os únicos cambios que faría son que Catulo e Caleno tiñan que acabar sendo os Emperadores, porque merecer, merecíano. 

Esta obra está escrita cunha linguaxe moi faciliña e enténdese perfectamente. 

Esta obra dedicaríalla a xente nova coma nós, xa que o pasarían en grande lendo. Pero tamén aos grandes, porque se lles gusta ler, esta é unha boa peza. Cando eu a empecei a ler, pensei que non me ía gustar pero ao contrario, encantoume. Pasoume o tempo rapidísimo. Volveríao a ler unhas poucas veces, e é raro que eu diga isto xa que non é que me entusiasma moito ler.

Samuel Vieites Abelenda (4º ESO)


É un libro moi gracioso e con moitos momentos de intriga. O momento máis importante da historia , paréceme que é cando o sabio Citrón vai chamar á Arpexia, xa que grazas a súa intervención o final é moi feliz. 

O tema do libro, como dixen anteriormente é un tema moi gracioso porque usan una linguaxe coloquial nun ambiente formal. 

Non lle faría ningún cambio ao libro  porque senón toda a historia perdería todo o seu sentido, agás o final dado que é un final un pouco aberto no cal non hai mortes cousa que me gusta moito. 

Os personaxes son fascinantes é moi orixinais. 

Pese que son un mal lector o libro foi un dos que máis me gustou, xa,que é curto e cunha linguaxe moi simple é fácil de entender, e ademais é unha historia tan interesante que non deixa que perdas a concentración no que estás a ler.

Carlos Dafonte Rodríguez (4º ESO)


O momento máis importante foi cando emperador pediulle casar a Arpexia porque así tamén o puideron facer os seus fillos que tanto o desexaban. O segundo momento que máis me gustou foi o de Catulo e Caleno roubándolle o medallón ao emperador porque fixeron moitos plans para iso e ao final non conseguiron o obxectivo. 

Fíxome moita gracia a forma de ser de Caleno e Catulo. Son os meus personaxes preferidos porque están continuamente discutindo e dicindo barbaridades. 

O libro está moi ben e é moi divertido e fácil de ler. O final paréceme axeitado porque o emperador co seu casamento fíxose vou e sacou a súa filla máis ao seu namorado do cárcere para casar, tamén porque non matou aos ladróns por intentar roubarlle o medallón. Non faría ningún cambio porque me gustou moito e fai moita gracia. 

Recomendaríallo a toda a xente que se queira rir un chisco.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)

Ningún comentario: