Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 4 de decembro de 2019

Conta de Libros (XIV): Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz



Paréceme un libro moi interesante, emocionante, con moito suspense e no que nalgúns momentos chega a dar medo de verdade, atrápate completamente e non o podes deixar de ler.

Creo que o momento máis importante do libro é cando Adrián atopa o libro da ilustración e comeza a decatarse de que a rapaza da imaxe se move, porque a historia e todo o que acontece despois xira arredor desa imaxe.

O meu personaxe favorito é Xabier, porque é moi aventureiro, pero sempre intenta estar fixo á realidade e coa cabeza en completa orde. É moi xeneroso e axuda a todo o mundo que precisa aínda que a súa vida estea en perigo.

Tamén me gustan moito Adrián e Tareixa, aínda que Tareixa, nesta historia foi a que máis cabeza tivo e a única que non acabou toleando e por iso a única que acaba ben.

Cambiaría o final, porque para min non é axeitado porque quedas con moitas preguntas por contestar. E co bo que é o libro o final podería acabar moitísimo mellor.

Non ten un vocabulario nada difícil, eu entendino todo á perfección.

Laura Codesido Fernández (3º ESO)


O máis importante de este libro foi cando Xabier entra na casa enmeigada e pensa que non pode saír, xa que nese momento el decatouse de que a casa estaba enmeigada de verdade. Ao mesmo tempo tamén me gustaban moito os momentos nos que Xabier tiña moito medo pola noite e se poñía ás tantas da madrugada a escribirlle cartas a Adrián, pero Adrián non llas lía porque non estaba na casa.

Este relato é moi sinxelo de ler e sobre todo é moi intrigante xa que sempre tes ganas de saber o que pasa despois de cada acción, de vez en cando ganas medo, por exemplo cando sobe ao faiado a mirar o que había xa que tiñan un presentimento de que algo había alí.

O final defraudoume un pouco xa que pensaba que os ían a encontrar, pero non encontraron nada, soamente encontrou a curmá de Adrián o libro polo que sucedera todo e era unha cousa que a verdade non ma esperaba.

Este libro recoméndovolo moito porque é axeitado para todas as idades e creo que lle pode gustar a todo tipo de persoas.

Anxo Lamas Liste (3º ESO)


A min este libro gustoume bastante xa que te intriga moito. Pero o que máis me gustou da narración foi que me fixese darme conta de que os amigos reais son moi importantes, xa que cando o seu amigo estaba en perigo el non dubidou nin un intre en ir axudalo e a arriscarse a dar a súa vida se fose preciso.

A escena que máis me impactou, foi cando Xabier levanta a trapela e o seu amigo dille que nin se lle ocorra ir a rescatalo despois do que el vira aí abaixo, porque xa non o podía rescatar ninguén, pero el aínda estaba a tempo de salvarse.

O personaxe que máis me gustou foi Xabier xa que foi capaz de facer calquera cousa para axudar ao seu amigo, ata dar a vida por el. Ensinounos que unha amizade pode ser para toda a vida, se valoramos á outra persoa.

O final non me gustou moito, xa que non me gustan moito os finais abertos.

Eu recoméndovos moito este libro porque é sinxelo de ler e de entender.

Arancha Rey Brea (3º ESO)

Este libro gustoume moito porque desexas saber que lle pasa??, que lle ocorre?? encontrárono???
Esas preguntas que te fas cando estás entusiasmada, ademais este relato é de fantasía ou real porque isto podería pasar na realidade que che fixeran unha broma sobre esa casa. Esta historia é interesante.

O meu personaxe favorito é a irmá de Xavier porque se fai ver que é aventureira e forte. Por ir a esa casa encantada, por non lle facer caso a seu irmán e por loitar sempre no final da historia.

Os personaxes mellores son os protagonistas: Adrián, Xavier e a irmá porque son os que che fan o relato máis ameno, intrigante e interesante, pois queres saber o que lles pasa.

A situación que máis me gustou foi o momento que Tareixa (irmá de Xavier) enfrontouse a ir a esa case e queimar o libro dos debuxos.

Neste libro eu cambiaría unha cousa o final porque é un final aberto e non sabes nada sobre os personaxes.

A lingua é fácil de entender porque se non entendes unha palabra co contexto xa a entendes. 

Nerea González Rey (3ª ESO)

O título Cartas de inverno fai referencia a que a maioría da historia é contada mediante as cartas e a portada mostra a casa embruxada que comprou Adrián e na cal ocorre case todo na historia. 

É una historia moi entretida, recomendo este libro porque aínda que sexa unha historia curta tanto os personaxes coma a trama referente á casa embruxada está bastante ben. 

A parte que máis me gustou foi cando Adrián empezou a contar as súas experiencias paranormais na casa embruxada.

O meu personaxe favorito é o inspector Sotillo porque é o único que non fixo ningunha estupidez en todo o libro.  

O final pareceume algo apresurado xa que foi chegar Teresa e o Inspector á casa embruxada, encontrar o libro co retrato da rapaza queimalo e xa está. 

O vocabulario non é difícil de entender na maioría dos casos e recomendo abertamente a súa lectura se che gustan os libros de misterio. 

Marcos Conde Delgado (3º ESO)

A min este libro gustoume moito xa que me pareceu moi interesante, con moito suspense e que te atrapa completamente e non o podes deixar de ler ata chegar ao final e descubrir todo o que está a pasar.

Na miña opinión, o momento máis importante do libro é cando Adrián atopa aquel estraño libro e empeza a decatarse de que a imaxe da rapaza comeza a mudar de posición co paso do tempo. Paréceme o máis importante xa que o relato ten moito que ver coa imaxe.

O meu persoaxe favorito é Adrián, xa que me gustou moito a súa personalidade. É moi aventureiro e valente, a pesar de todos os sucesos que lle estaban a acontecer, el non perdeu a cabeza nin a calma e tentou chegar ata o fondo daquel misterio que tanto o inquietaba.

Cambiaría o final xa que me defraudou un pouco, esperaba outro desenvolvemento da historia, xa que me pareceu que che deixa con moitas preguntas por responder na cabeza, e paréceme que se fose un final máis claro quedaría mellor acorde co libro.

O vocabulario non era complicado, era moi doado de entender.

Gabriella González Lamas (3º ESO)

Conta de Libros (XIII): Todos somos, de Marcos Calveiro




O libro en si gustoume. Pero non me convence o final, eu boto en falta un final cerrado, porque me gustan así. Que descubran algunha pista ou que atopen a Natalia. 

Polo resto, os personaxes son moi bos e o autor describe moi ben o punto de vista de cada un. Desta forma podemos ver como afecta unha desaparición en distintas perspectivas. 

Ensina a vida real dos programas de televisión, que lles importa máis a audiencia que a xente que pode estar detrás desa noticia. Tamén nos mostra a realidade coas persoas, que nin todos son tan bos, nin todos son tan malos.                                                                                                                 

Sen dúbida o meu momento preferido foi cando a inspectora marcha e envían a xente máis especializada para axudar na desaparición, creo que era algo bastante necesario.                  

Respecto ao vocabulario, non tiven ningún problema á hora de ler e entender o libro. 

Por último, este é un libro que realmente recomendaría, pois creo que todos deberían ver o que hai tras unha desaparición e que non todo é como nolo pintan por televisión.

Lorena Becerra Varela (3º ESO)

Para min o momento máis importante é cando a rapaza desaparece e iso fai que todo o vecindario cambia en moitos xeitos, afectando a todo o mundo. 

O meu personaxe favorito é Lina porque é un decisivo na trama. 

Paréceme un tema interesante e emotivo porque aínda que queiras pensar que iso non acontece, pasa en moitísimas partes do mundo e en moitos casos non hai ningunha solución. En todo caso o da reporteira do programa ese vexo que, como diría, fáltalle ``chicha´´ e que debería ter máis importancia. 

Ten un final triste pero aberto, o que quere dicir que pode haber segunda parte. 

Un vocabulario moi fácil de entender, se acaso hai algunha palabra por aí solta que non a entendes pero co contexto pódese dar a entender o que significa. 

Recoméndolle este libro as persoas ás que lle gusten as historias reais, o misterio e a intriga. Moi bo libro, entretido e fácil de ler, engánchate xa no segundo capitulo. 

Rubén Rodríguez Seoane (3º ESO)


Conta de Libros (XII): A sombra descalza, de An Alfaya




A min o relato do libro gustoume moito porque trata sobre temas moi importantes que pasaron no pasado. Esta obra non só che relata a historia que trata, senón que tamén nel podes aprender cousas que pasaban nese pasado. Non só do que contaba a familia da protagonista senón de cousas que tamén puideren pasar na miña familia e na de outras persoas. 

Na novela hai momentos de tensión e moitos de intriga. Para min momento máis importante do libro é cando a protagonista descobre o secreto de Sagrario porque é un momento de moitísima curiosidade. 

Para min o final da novela é moi axeitado porque a protagonista acaba sabendo todos os segredos que lle ocultaban na casa. Eu sinceramente non cambiaría nada do que aparece no final do relato.

Este libro recoméndollo a todas as persoas que lle gusten os relatos de tristeza e sobre todo que lle gusten os libros nos que hai moita intriga.

Adrián Gándara Reboredo (3º ESO)


Esta novela gustoume moito porque é unha historia que pode ocorrer de verdade, pero non imaxinei ese final. O momento máis importante pareceume cando Xuliano conta a historia de Sagrario, de porqué andaba descalza pola casa, pareceume o máis importante porque Xuliano non era moito de dicir as cousas.
Elsa, a protagonista, paréceme moi investigadora porque descobre ela todo o de Sagrario, a súa verdadeira historia, o da súa tía, do mozo de Arxentina e tamén o da súa avoa, o que sabía. O avó de Elsa pareceume que debería facerlle máis caso á súa familia. A avoa de Elsa paréceme que era boa persoa, a pesar de traizoar a súa irmá, porque seguiu co seu home a pesar que está coa súa irmá, ata aguantou ata que morrera para dicirlle que sabía o del coa súa irmá, e que fora ela quen lle roubara os zapatos ao morto.
Recoméndoo porque me gustou moito, a pesar de como acaba, que non se sabe que pasou despois do final coa familia. A lingua da narración enténdese ben.
David Louro Rey (3º ESO)

O momento máis importante do libro é cando Elsa lle rouba a chave a Florinda para entrar na habitación da súa tía e resolver os problemas todos que había. 

E o momento que menos me gustou foi cando o mozo de Florinda foi buscar as cartas porque desconfiaba dela, mais é moi controlador.

A personaxe máis importante foi Elsa porque quería saber que pasou con todo e esforzouse moito e a historia xira arredor dela sempre. 

Este libro é moi interesante porque queres saber como acaba. O final cambiaríao porque non tería que morrer Rafael, o amante de Florinda, xa que Florina tivo que estar con outro home ata que Rafael a puidera levar. 

Ten unha lingua fácil de entender porque non había palabras que non se entendesen polo contexto. 

Recomendo este libro porque é moi interesante e e entretido. 

Martín Rivas Suárez (3º ESO)

Para min os momentos máis importantes do libro foron cando morreu Sagrario, porque a familia alporizouse, xa que Florinda e Elsa querían entrar na súa habitación e o avó Xuliano non lle deixaba. 

E tamén cando a familia decidiu comprarlle uns zapatos a Sagrario para o día do seu enterro, xa que aí déronlle como unha azouta na boca ao avó Xuliano porque el consideraba unha falta de respecto cara á súa persoa que lle compraran uns zapatos a esa muller.

Este relato é moi sinxelo de ler, porque ten un vocabulario moi coloquial. O libro é moi misterioso xa que todos queren entrar na habitación de Sagrario porque o avó nunca lle permitira entrar a ninguén nese cuarto.

O final desta historia defraudoume un pouco xa que esperaba outro tipo de desenlace, como que o avó acabara cedendo e lle deixara á rapaza entrar nese lugar tan misterioso.

Recoméndovos moito este libro xa que é axeitado para todas as idades e creo que lle pode gustar a todo tipo de persoa, ata a xente á que non lle gusta ler.

Anxo Lamas Liste (3º B)

Conta de Libros (XI): ¡Maldito DNI!,de Pepe Carballude



Saúdos, chámome Marcos e vou falar deste libro. O momento que me pareceu máis importante foi cando Olimpio desapareceu despois de falsificar os documentos para que aparecera no sistema como morto. 

O tema pareceume interesante porque é curioso ver como ao non estar controlado polo sistema é todo moito máis difícil no día a día. 

Gustoume como se desenvolve a historia desta obra xa que se ve o difícil que é vivir de  forma normal sen un DNI ou pasaporte por exemplo. 

O final eu creo que é axeitado. O único que non me gustou do libro foi que nalgúns diálogos deixa puntos suspensivos e así non se pode saber o que din e aínda que moitas veces non é información relevante preferiría que estiveran aí eses diálogos. 

Recomendo a lectura, sobre todo se hai un tolo coma Olimpio que quere desaparecer do sistema para que saiba que non lle vai ir moi ben.

Marcos Conde Delgado (3º ESO)

Conta de Libros (X): A sombra cazadora. Suso de Toro


Esta novela gustoume moito, paréceme un libro moi interesante e divertido, é moi fácil de ler, menos ao principio que non se entende moi ben porque non explica moito o que sucede pero cando les un pouco máis vaise entendendo e xa está mellor.

O momento máis importante da narración paréceme cando Teseo co seu tiracroios rompe a imaxe nas vías do tren, que era come se lles cortase o paso, porque é como se a derrotase e xa se acabase todo pero non.

O meu personaxe favorito é Teseo, porque sempre é moi seguro de si mesmo, outra cousa que me gusta moito del é que sempre leva consigo o seu tiracroios por se sucede algo como case ao final.

O final gustoume moito, tan só cambiaría unha cousa e sería que cando atopasen o final que houbese unha torre xigantesca e que cunha panca que puxera no tocar e ao activala que saíran raios pola punta, logo acabaríase todo e volvería todo á normalidade.

Recoméndovos este libro porque está moi chulo xa que trata como que o mundo é absorbido polas pantallas de agora.

Pablo Couselo Noya (3º ESO)

A sombra cazadora é un libro de misterio e aventuras, é bastante fácil de ler, porque ten un vocabulario fácil de entender. É unha novela xuvenil con bastantes conceptos antigos, que lle dan un toque diferente ao que estou acostumada a ler normalmente.      

Para min o momento máis importante do libro é cando a imaxe coñece a Clara e a seu irmán e se rebelan contra ela. A pantalla non era real e o rapaz sabía como demostrarllo. A imaxe dixo que era seu pai, mais cando o rapaz lle preguntou cal era o seu nome non lle soubo responder. Teseo, díxolle que ese era o seu nome e despois rebentou cun coio a pantalla. Nese momento é cando os lectores comprendemos moitas cousas do libro.

O meu personaxe favorito é Clara, xa que demostra ser moi intelixente e astuta, e sabe como coidar de Teseo.

O único que cambiaría do libro é o final, xa que non me gusta moito e é moi estraño o ocorrido nel.                     

Uxía Beiras Rivas (3º ESO)

martes, 3 de decembro de 2019

Conta de Libros (IX): A casa dos Lucarios, de Teresa Moure



Este libro gustoume moito pero foi moi difícil de entender porque ten un vocabulario un pouco rebuscado e hai moitas palabras que non sei o que significan. 

O momento máis importante do libro para min foi cando lle morre a nena pequena porque é un momento no que o pasan mal porque ninguén quere que lle morra un fillo porque é unha personiña moi importante na familia. 

Para min ten un tema interesante porque me gusta a taberna e esta historia transcorre o máis do tempo na taberna do Chicho con algunha historia divertida. 

O personaxe que máis me gustou foi o Chicho porque ten unha forma de pensar e unha forma de ser que a min me gustou moito porque é parecida a miña. 

O final é axeitado pero podía se un pouco máis completo e explicar máis o desenlace. 

Eu recomendo a lectura aínda que sexa difícil de entender, porque foi moi divertida e entretida. Na miña opinión, esta lectura non é valida para todos os públicos.

Iván Costa Raña (3º ESO)

Conta de Libros (VIII): Aire negro, de Agustín Fernández Paz



A min o libro gustoume xa que é fácil de ler e divertido. A parte que máis me gustou da novela foi cando Laura Novo tivo pesadelos por culpa da Gran Besta. A parte que menos me gustou do libro é o inicio xa que só describe e non pasa absolutamente nada. 

O personaxe que máis me gustou foi a Gran Besta, a pesar de que é un personaxe psicolóxico e moi importante xa que é a antagonista da historia é sen ese personaxe a historia non tendía sentido. A min pareceume que no libro hai poucos personaxes principais e hai moitos personaxes secundarios. 

O final podía ser mellor xa que é un pouco sorprendente e os doutores da clínica non buscan a Laura Novo cando desapareceu da clínica.

No libro non aparece un vocabulario difícil e é fácil de comprender. 

Eu recoméndolle este libro a todo o mundo sobre todo a quen lle gusten as historias de misterio e terror. 

Andrés Dafonte Varela (3º ESO)

Conta de Libros (VII): A Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre



Ola, chámome Ana Cebey e hoxe vou falar sobre o libro A Cabeza de MedusaO  momento máis importante do libro pareceume cando ocorre o de Mauricio e a pintada, para min foi moi emocionante e sempre estaba en intriga.

En canto aos personaxes, o que máis me gustou foi Sofía, xa que para min é unha persoa moi valente. O que menos me gustou foi Vicenzo, o xinecólogo, porque non me deu moi boa espiña cando convidou a Lupe a cear. Os pais de Lupe tampouco me gustaron nada, deume a impresión de que non apoian á rapaza, cando debería ser ao revés, xa que acaba de ser vítima dunha violación, mais sempre teñen medo de poñer a denuncia. Cambiaría o final, xa que acaba moi raro e non conta nada. 
Recoméndolle este libro a todas e a todos, pois ten poucas páxinas e lese nun día ou dous. Ao principio é moi aburrido na miña opinión, xa que falan moito do mito. 

Considero que é un libro moi característico na época na que estamos e na cal as mulleres sofren tantas violacións día a día.

Ana Cebey de la Torre (3º ESO)


A min este libro gustoume porque a historia é moi entretida e porque fala dun tema moi importante, as violacións que son cousas que pasan moi frecuentemente e moitas mulleres non se atreven a denunciar por medo a que non as crean e que lle digan que son unhas porcas como lle fixo Mauricio a Sofía e Lupe no baño das rapazas poñendo unha pintada na que dicía que eran putas.


O momento máis importante é cando despois de saír de festa as violen eses dous rapaces porque a partir de aí é cando comeza toda a historia e porque a maioría das violacións ocorren así.

Eu cambiaría que aparecesen máis veces os violadores e se falase máis do tema porque só se fala ao principio e un poucoa o final, despois e todo da vida das rapazas sobre todo da de Sofía e dos pais de Lupe.

Daríalle outro final porque non se sabe se os violadores resultaron culpables ou os deixaron libres, tampouco se sabe que pasou con Lupe oo volver a poñer a denuncia contra eles e se Mauricio foi expulsado por facer a pintada contra Sofía e Lupe

Eu recomendo este libro porque é interesante e entretido.

Gloria Bello Fraga (3º ESO)

O momento que máis me gusta foi cando Sofía os quere levar ao xulgado porque sendo outros non o farían. Outro momento moi importante do relato foi cando Sofía e Lupe  non quixo ir con Rubén e despois tiveron que ir obrigadas cos outros rapaces. 

A personaxe que máis me gustou foi Sofía porque é a que fai todo o posible para defenderse da xente, e é moi atrevida, por iso me gusta moito. 

Este libro é moi interesante porque queres saber sempre o que lle vai pasar aos rapaces .Cambiaría o final porque Sofía quita a denuncia e non tería que quitala, tería que caer todo o peso da lei sobre eles. 

Foi un final axeitado porque acabaron todos ben, non houbo ningún que acabara mal.

Está escrito nunha lingua fácil de entender porque non había case ningunha palabra que non se entendera.  Recomendo este libro porque é moi divertido pero triste á vez.


Martín Rivas Suárez (3º ESO)

O libro A cabeza de Medusa gustoume moito xa que é un relato que é moi facil de ler e ademais é moi intrigante e sempre tes ganas de seguir lendo o libro. 

Esta narración ten un moi interesante contido porque nos axuda a reflexionar sobre o tema do maltrato e por se non o sabiamos dámonos conta que o maltrato é unha cousa moi fea e absurda.

O personaxe de Lupe non me gustou moito porque á hora de denunciar o sucedido dubidouno moito, en cambio Sofía fixo todo o contrario e gustoume moito.

O final non me acabou de convencer, entón eu escollería un desenlace no que Sofía e Lupe se pensaran moito o da denuncia e ao final, como non, acabaran denunciando o sucedido.

Anxo Lamas Liste (3º ESO)

Conta de Libros (VI): A canción do verán, de Vicente Araguas




Este libro gustoume. Pareceume gracioso nalgunhas escenas coma a do restaurante italiano (entre outras). 

Polo xeral é un tema normal, dous amigos que un día deciden ir xuntos facer unha visita pola Coruña. Creo que o momento máis importante do libro é cando morre un dos dous protagonistas, xa que era moi inesperado que morrera na costa abaixo antes de chegar ao seu pobo (Nebia). 

Eu non faría ningún cambio demasiado importante, probablemente cambiaría a última visita a aquel bar de estrada o “Maika”.

E a Fandiño (amigo do falecido e o outro protagonista), que non fose tan serio que só lle avisaba ao seu amigo do mal que lle podería pasar. Pero o final do libro estivo bastante ben engadindo tamén a morte e a chea que levaba Fandiño.

Os personaxes estiveron ben, o meu favorito é Fandiño por ser tan precavido e pensar as cousas antes de facelas, aínda que Pacho é un personaxe moi sinxelo, compleméntase moi ben co seu amigo, sendo tan contrarios e á súa vez tan iguais.

A linguaxe é sinxela e comprensible, lese rápido e ademán é entretido.

Eu recomendaría ler este libro, porque hai poucos que sexan tan abertos en temas que trata.

Mirian Otero Sande (4º ESO)

Conta de Libros (V): Sete Caveiras, de Elena Gallego Abad



O libro do cal vos vou falar aquí é unha novela de Elena Gallego titulada Sete Caveiras, que sen dúbida está  chea de intriga, misterio, que a cada páxina que pasa engancha cada vez máis, mais sobre todo o final do libro, xa que estás ansios@ por saber como remata. 

O momento máis importante ou intrigante para min de toda narración creo que foi cando reciben un sobre co  DVD coa canción que di que estas mortes son unha vinganza de algo que ocorreu hai varias décadas.

Esta novela cóntanos sen dúbida un crime perfecto.

Non lle faría ningún cambio, a verdade, o final sorprendeume totalmente, non  mo esperaba, pero para ben. Por esa razón encantoume.

Os personaxes parecéronme moi traballados e os nomes tamén me gustaron moito.

Ten un vocabulario moi sinxelo, de fácil comprensión.

Un libro que por suposto recomendo, sobre todo se che gustan as historias de asasinato, misterio.

Leticia Añón Guerra (4º ESO)

Conta de Libros (IV): Os dous de sempre, de Castelao



Este libro abrangue un tema bastante interesante. Fala da vida de dúas persoas, Pedriño e Rañolas. Estes dous son amigos dende moi pequeniños e a narración conta a súa vida por separado e a súa vida xuntos.

O momento máis importante do libro para min é cando os dous protagonistas se reencontran e pasan toda unha tarde falando da súa vida.

O meu personaxe favorito é Rañolas, xa que ao longo da novela demostra ser un home loitador, que con moito esforzo logra conseguir todas as cousas se propón. En cambio Pedriño é un rapaz ao cal todo lle dá igual e o único no que pensa é en comer e vivir ben.

Desde o meu punto de vista o final da narración é moi inesperado, xa que para nada te esperas o que vai ocorrer cun dos personaxes, e se queres sabelo terás que ler o libro!

O vocabulario desta obra para min foi algo difícil, porque ten algunhas palabras difíciles de entender, pero polo contexto podes chegar a comprendelas.

Dito todo isto, recoméndovos un montón este libro, e aínda que ao principio poida parecer algo aburrido, ao final acaba enganchando!

Ahinoa Antelo Rodríguez (4º ESO)

O momento máis importante para min foi cando Rañolas estaba disposto a ir á vila, pero chegoulle a desgraciada noticia de que súa nai falecera, entón este decidiu non volver e seguir co seu de vender nas romarías mentres que, pola outra parte, a vida de Pedriño era bastante mala, o pobre non sabía facer nada, soamente comer e andar de larchán. A tía de Pedriño pasábaas negras para poñelo a traballar en calquera cousa, xa que el ou non lle gustaba facer nada ou non servía para nada pero era moi bo rapaz.

O tema pareceume interesante xa que a vida dos dous era bastante diferente pero as dúas eran bastante entretidas, sobre todo a de Rañolas que era un aventureiro.

O final non me pareceu o axeitado debido a que a morte de Rañolas foime desagradable para o meu gusto, eu daríalle un como que el mais Pedriño pasasen todas as tardes xuntas e deixasen os seus traballos para estar un co outro.

Respecto ao contido do libro non cambiaría nada, todo está moi ben programado para que no final da historia se acaben encontrando un co outro.

Pablo García López (4º ESO)

Para min  o momento máis importante do libro foi cando Pedriño intenta matar a súa sogra Filomena xa que iso cambia todo entre eles dous.

O tema do libro está bastante ben, pero eu nalgunhas partes deste poñería algo máis interesante xa que ás veces resulta aburrido, por exemplo a min en verdade gustoume todo a novela pero a parte que é mais interesante na miña opinión é cando Pedriño lle intenta poñer os cornos á muller ou como xa dixen cando intenta matar a súa sogra pero a parte que máis impacta é cando o Rañolas se suicida.

O final foi inesperado pero non o entendín moi ben.

En canto á linguaxe para min foi moi difícil de comprender xa que estaba escrita na lingua da época Nós e ás veces pois resulta complicado de entender, pero polo resto fenomenal.

Gloria Pena Gutiérrez (4º ESO)


Boas a todos e a todas, vouvos falar dun libro que a min gustoume moito persoalmente e que lle recomendaría a todo o mundo.

O libro trata da vida de dúas persoas, Pedro e Rañolas, dous amigos da nenez que viven dúas vidas completamente distintas e que contan con dúas personalidades tamén diferentes. A historia é un tanto complicada de seguir dado que vai contando ambas historias paralelamente e ás veces salta dunha noutra cando aínda se atopa no medio da historia. Como xa dixen anteriormente as súas personalidades difiren moito, Pedro é un home que desaproveita moitas oportunidades que consegue (e consegue moitas) mentres que Rañolas tense que complicar moito para poder chegar a conseguir unha vida decente.

Esta novela é moi doada de ler xa que aínda que pareza que é un libro grande a metade das páxinas están en branco ou con un debuxiño que ilustra máis ou menos o que ocorre en cada capítulo.

A min o que máis me gustou de Os dous de sempre é que ao final de cada capítulo, que son bastante curtos, ás veces hai frases que che fan reflexionar ou que simplemente son boas, a min unha que me marcou persoalmente é esta: “O mundo é grande e o meu burro bule ben”.

O vocabulario utilizado por este escritor é doado de entender non obstante utiliza algunhas palabras que poden ser un pouco complicadas.

Unha conclusión que saquei do feito de que os capítulos sexan curtos é que Castelao en verdade non sabe escribir novelas xa que esta narración máis ca unha novela parece unha historia composta por historias curtas.

Yago Leis Ríos (4º ESO)


Esta narración paréceme que contén unha historia moi interesante, ademais dunhas bonitas ilustracións en cada capitulo, polo que recomendo lelo, mais o seu vocabulario foime difícil de comprender, o que provocou que perdera algo de interese nela.
Pedriño é toleirán e vago, só quere un traballo que lle paguen ben e non teña que facer moito.
Rañolas é traballador e eivado de nacemento, perseguía un soño, mais cando o acadou non se sentía que estaba vivindo a vida como debía.
O momento máis importante paréceme cando Pedriño tenta matar a sogra, pois é un momento moi entretido, xa que despois de todo o libro non esperas que se atreva a facer algo polo estilo. Ademais a causa disto a sogra comeza a respectalo e ata lle consegue traballo.
O final non me gustou, creo que Rañolas non merece rematar así, posto que levaba toda a vida traballando moito para lograr o seu soño e cando o consegue non se consideraba feliz, pois sentíase escravo do traballo.
Eu suprimiría algunhas escenas do libro nas que non teñen que ver directamente cos protagonistas.
Alba Dafonte Rodríguez (4º ESO)

O tema deste libro de Castelao non é precisamente emocionante, pero si entretido e interesante; fala de dous amigos da infancia que toman camiños separados na vida e cóntase como se desenvolven no mundo e as cousas que lle acontecen ata volver a encontrarse.

Persoalmente o momento máis importante do libro paréceme o reencontro dos dous de sempre; Pedriño e Rañolas, tal pasar unha gran tempada separados vivindo cada un a súa vida. Ademais, Rañolas, é e era o único amigo de Pedriño, o cal, non ten unha vida moi afortunada.

O meu personaxe preferido, se teño que elixir, diría que é Rañolas, xa que é o que máis avanza na historia.

Se tivera que cambiar algo, posiblemente arranxaría un pouco a vida de Pedro engadindo alguén que o quixera tanto coma a tía Adega, ou por exemplo, darlle máis protagonismo á súa filla, que a pesar de todo, quéreo ben.

A pesar de que ten unha linguaxe bastante "antiga" e difícil de comprender, recomendo este libro. Ten unha historia moi bonita e ao mesmo tempo, ensina o que era a vida naquela época; como actuaba xente, os seus pensamentos, etc. Gustoume bastante e é moi rápido de ler.

Iria Boquete Sánchez (4º ESO)

luns, 2 de decembro de 2019

Book tráiler (XII): "O misterio dos fillos de Lúa", de Fina Casalderrey. Realizado por Ana Viqueira García



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O misterio dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey ((col. O Barco de Vapor. LiteraturasSM, 1995, 23ª ed. 2019). Realización youtubeira: Ana Viqueira García, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


Book tráiler (XI): "O misterio dos fillos de Lúa", de Fina Casalderrey. Realizado por Brais Montaos Dubra e Iker Señarís Suárez



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O misterio dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey ((col. O Barco de Vapor. LiteraturasSM, 1995, 23ª ed. 2019). Realización youtubeira: Brais Montaos Dubra e Iker Señarís Suárez, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



sábado, 30 de novembro de 2019

Book tráiler (X): "Corredora", de María Reimóndez. Realizado por Darío Sánchez Liste




Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Darío Sánchez Liste, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)



Book tráiler (IX): "A balada dos unicornios", de Ledicia Costas. Realizado por Ana Señarís Veiras e Lucía González Castro



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, ilustrada por Mónica Armiño (Xerais, 2018). Realización youtubeira: Ana Señarís Veiras e Lucía González Castro, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)