Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 15 de xaneiro de 2016

Máis creatividade en 1º de ESO

O misterio da biblioteca de Tania Villasenín Bello, de 1º de ESO


Era unha tarde de tormenta, e xuntámonos uns cantos compañeiros. Como a tarde non valía para xogar fóra, nin tiñamos actividades, decidimos ir á biblioteca. Ao entrar cada un foi polo libro que quería ler. Unha vez que nos puxemos a ler escoitamos uns ruídos, levantamos todos a cabeza e miramos uns cara os outros, pero non soubemos que puidera ser. Seguimos lendo sen darlle máis importancia. Cando estaba todo en silencio oiuse caer un libro da estantería. Démonos todos a volta, e vimos un libro no chan, estrañounos porque non había ninguén máis na biblioteca, porque a encargada da biblioteca tampouco estaba. Puxémonos intranquilos. Intentamos seguir cos nosos libros , pero xa non estábamos concentrados. Entrounos a curiosidade de saber por que pasaban esas cousas. Cada un dicía o que pensaba que estaba a ocorrer e de súpeto abriuse unha ventá. Iso si que nos puxo asustadísimos. Estabamos desexando que chegara a encargada da biblioteca, que ía buscar uns libros ao faiado. Vimos unas sombras na ventá e atemorizámosnos, pensamos que era unha pantasma, pero resultou ser una figura que se reflictía nela.

Por fin veu a encargada da biblioteca, contámoslle todo o que pasara, ela quedou asombrada, e intentou tranquilizarnos. Estaba anoitecendo e chegaba a hora do peche da biblioteca, entón comezamos a recoller, e, sen máis, apagáronse as luces. A encargada da biblioteca díxonos que non pasaba nada, que ocorría de vez en cando, pero si que estaba pasando algo. Oímos un ruído detrás dunha estantería de onde saiu unha pantasma, puxemos todos cara de terror e angustia, estábamos desexando saír de alí. Empezou a falar con nós e díxonos:

-Non teñades medo, non vos quero facer dano nin asustarvos... Só quero ter uns amigos! Eu veño de vez en cando por aquí porque me encanta ler.

A encargada non daba crédito ao que estaba a ocorrer. Entón preguntámoslle nós:

-Mañán queres que veñamos á biblioteca e leamos todos xuntos?

-Claro que sí, encantaríame! -contestounos el.



Entón quedamos pra o día seguinte. Marchamos alucinados co que nos pasara. Estábamos desexando que chegara o día seguinte...

-Xa era día, por fin!

Fomos ás clases pero estábamos impacientes que chegara a tarde. Fíxose a mañá longuísima.

-Por fin chegou a tarde!

Iamos todos ilusionados para estar co noso novo amigo. Entramos na biblioteca e había máis xente, e pensamos que non ía vir. Ao longo da tarde a xente foi marchando. Unha vez que estabamos sós, apareceu, e puxémonos todos contentos. Preguntámoslle como se chamaba, díxonos que como sempre estivera só, non tiña nome. Pensamos entre todos un e a el gustoulle o de Trevor. Trevor contounos as súas historias. A nós gustábanos moito o que nos estaba a contar. Pasamos a tarde moi entretida con Trevor, que, acabou sendo un máis na panda.

Como estaba só, decidimos que viñera connosco para una das nosas casas. El aceptouno contentísimo. A partir de aquel día formou parte das nosas familias. Pero iso non é todo, Trevor acabou vindo connosco á escola. Ao final fíxose amigo de todos!

xoves, 14 de xaneiro de 2016

Creatividade en 1º de ESO

Arrincamos este novo trimestre compartindo convosco os relatos máis destacados do Concurso de relatos que organizamos con motivo do Día da Biblioteca, alá polo mes de Outubro. A única condición era que o espazo do relato debía ser unha biblioteca.

María Gigirey, de 1º de ESO, sorprendeunos con este relato futurista, no Trazo de 2100:

 Ano 2100. Xailorios e Maritina son dous irmáns. Xailorios ten 14 anos e vai en 3º da ESOA (Educación Secundaria Obrigatoria Animada) El é moi pillabán e encántanlle as aventuras. En cambio Maritina ten 12 anos e vai en 1º da ESOA. Ela é moi tímida, pero tamén é alegre e aventureira. Estes dous persoaxes van ser os nosos protagonistas e vannos acompañar na súa aventura xunto con outro personaxe que xa irá aparecendo máis adiante. E desde logo non nos vamos a aburrir. Aquí empeza a historia: 
Xailorios e Maritina están facendo os deberes na “Dixiteca” (a biblioteca do futuro). Teñen que facer un traballo para a clase de Historia, sobre as “Dixitecas”. Un problema que teñen é que non poden utilizar os ordenadores para buscar información, só nos “dixilibros” (os libros do futuro). Pero como son moi pillabáns, non van mirar nos ordenadores nin nos dixilibros, van buscar información no pasado. Si, non lestes mal, no pasado, como a ciencia e a tecnoloxía avanzou moitísimo neses tempos teñen na casa unha máquina do tempo. Collérona e despois de darlle a moitos botóns chegaron aos nosos días. Miraron no GPS 3.000, e estaban nun sitio chamado Trazo, segundo eles era un nome moi raro... Xusto aterraron no tellado da biblioteca. Baixaron e foron a ese edificio. Preguntaron se era a “Dixiteca” e a bibliotecaria estrañada díxolles que era a biblioteca. Os dous irmáns supuxeron que sería o que estaban buscando. Cando se puxeron mans á obra viron que os “dixilibros” eran papeis xuntos e todos escritos, preguntáronlle á bibliotecaria o que era, e ela estrañada contestoulle que eran libros. Xailorios e Maritina moi asombrados empezaron a coller apuntamentos e seguiron rebuscando. Alí había unha nena que estaba lendo. Os nosos protagonistas quixeron facer amigos e así de paso aprendían un pouco máis do que estaban a facer.
 Dixéronlle á nena:
 - Ola, como te chamas?- preguntáronlle.
 - Ola chámome María Gigirey, e vós?- respondeu
 - Nós chamámonos Xailorios e Maritina, e somos irmáns. E mira é unha coincidencia, porque nos tamén nos apelidamos Gigirey, contestou Xailorios rindo.
  Os tres nenos estiveron falando e tal e cal, e fixéronse moi bos amigos, tiñan moito en común (Seguídesme por onde vou...?) A nosa nova protagonista invitounos á súa casa. Pero eles dixéronlle que non porque xa ían marchar dentro de nada. A curiosa nena preguntoulles onde vivían, os irmáns como non coñecían ese sitio tivéronlle que dicir a verdade. A nena estrañada non o creu e supuxo que non lle querían dicir de onde eran. Pero Xailorios e Maritina insistiron que era a verdade, e como María non os cría ensináronlle a máquina do tempo. Ao final María tivo que crelos. Xa todo solucionado, os nenos contáronlle o do traballo, e preguntáronlle a María como era a biblioteca e o que era. María contoulle todo o que sabía sobre ese lugar:
- Á biblioteca pódese ir a ler, ou tamén se pode ir a estudar, buscar información, facer os deberes...- Eles apuntaban todo o que dicía. Cando acabaron María preguntoulles se podía ir con eles ao futuro, pero os nenos dixéronlle que non podía, porque non podería volver e eles dous desaparecerían porque eran os seus netos. María pensou que o que dicían era mentira, pero xa viu que non o dicían de broma. Ela desilusionouse. Aos nenos deulles moita pena pero dixéronlle que volverían porque lles encantara ese sitio, e preguntáronlle se poderían levar libros e ensinarllos aos seus compañeiros. A nena afirmou e díxolles que terían que devolvelos, así xa terían unha escusa para volver. Os tres nenos riron, pero xa era a hora de volver ao 2100.
  Así foi e non volo digo de mentira...




xoves, 24 de decembro de 2015

Noiteboa

As panxoliñas cantan q "en Belén non había sitio para eles na pousada", para estes hoxe en día tampouco hai sitio.

Cambiemos nós para q cambie o mundo. Estes son os nosos desexos de Nadal.

https://masdebringue.wordpress.com/2015/12/09/el-impactante-belen-de-la-iglesia-de-san-anton-de-madrid/

xoves, 17 de decembro de 2015

Balda de Libros (XXVI): Aire negro, de Agustín Fernández Paz



O momento máis importante foi, na miña opinión, cando a Gran Besta mata a Dédalo (o can), porque nese momento sábese que si era certa a súa existencia, a cal se podía pór en dúbida, aínda que a parte que máis me impresionou foi cando a Gran Besta case mata á rapaza aquela cando ela estaba volvendo para a casa.

Non cambiaría nada porque e gustou tal e como está, aínda que ao mellor. Gustoume tamén o tema do libro porque é moi intrigante e interesante, o autor sabe desenvolver moi ben a historia facendo que teñas que ler case o libro enteiro dun tirón. 

O final é axeitado, porque non entendes nada ata que o les, e prefíroo antes ca un no que por exemplo ela se salvara e despois se namoraran e casaran, porque deses xa hai moitos. 

Non é moi complicado de ler xa que non ten moitas palabras difíciles, excepto algunha relacionada coa medicina. 

Eu recomendaríallo a calquera que lle guste o misterio, a intriga ou o suspense e a aventura.

Lucas Paz González (3º ESO)

Balda de Libros (XXV): A neve interminable, de Agustín Fernández Paz



Eu penso que o mellor momento do libro foi cando ó final Sabine e Damián esvaecéronse e desaparecen, xa que estes dous non eran boas persoas, e algo do perigo xa pasara.

O contido do libro gustoume moito e o relato que máis me gustou foi o de Ruth, ”Un incidente no internado”, polo feito de que as xemelgas puideran vingarse dos rapaces que as tiraron ao río, e que non as axudaron. Os outros tres relatos tamén me gustaron, gustaríame que Alba tamén escribira o seu propio relato.

Os personaxes son todos moi bos, Alba a protagonista tómase moi en serio o seu papel de coordinadora de guionistas. Dos cinco guionistas gustoume moito a súa forma de ser e actuar. 

Este libro é moi fácil de ler, xa que ten un vocabulario moi sinxelo, agás unhas poucas palabras máis difíciles de comprender, pero lese moi rápido. 

Gustoume moito este libro, polo feito de ser de misterio, recomendaríallo a rapaces e a rapazas da miña idade e tamén aos adultos, pois penso que lles vai gustar.

Nerea González López (3º ESO)

O momento máis importante para min é cando Ruth lle le a carta que deixara esa hóspede porque é cando descobren que Sanbine e o seu marido Damián son fantasmas.

Unha das mellores partes é o final porque Abraham fai desaparecer a Sabine tirándolle un tiro co seu revólver. Aínda que o final estivo ben non me gustou moito porque esperaba que a historia se solucionara doutra maneira e non desa.

O meu relato favorito foi o das nenas do internado porque está mellor que os outros e porque foi o que máis me enganchou. E o que menos me gustou foi o da casa azul porque ao final do relato o protagonista vólvese tolo e queima a casa.

Este libro gustoume moito porque os libros de medo ou de misterio son dos meus favoritos.

Recoméndolle este libro aos rapaces e rapazas que lle gusten estas historias, de misterio e terror.

Nerea Portos Balsa (3º ESO)

Este é un libro que a min persoalmente gústame moito. É un libro bonito e moi bo de entender, ten un vocabulario moi sinxelo.

Tamén me gustou moito porque eles ían ao hostal para estar tranquilos e resulta que tamén se viron envoltos nun misterio. Resultou que os donos do hostal eran pantasmas.

Hai relatos nos que o medo te fai tremer, por exemplo, cando o home estaba na cociña e escoitaba como rabuñaban na parede, ahí é cando te pos a pensar que se che pasa a ti pódeche  dar algo.

Os personaxes que non me gustaron nada foron os rapaces, que non fixeron nada para salvar as rapazas de morrer afogadas.

Recomendaríallo a todos os rapaces que lles gustan as obras de misterio e de medo.

Brais Bouzas Leis (3º ESO)

Balda de Libros (XXIV): Un casoiro ben mal amañado, de Bali Rai


Un casoiro ben mal amañadoBali Rai. Sotelo Blanco

Paréceme un libro moi interesante xa que mostra un concepto que está á orde do día, o mal que o pasan os fillos dos emigrantes ao estar entre dúas culturas, a do país no que se atopan actualmente e a do seu país de orixe, e non sentirse completamente identificados con ningunha das dúas.

É un libro fácil de ler xa que non propio libro que resolven todas ou case todas as dúbidas que poidas ter en canto ao vocabulario mediante unha explicación. 

Con todo cambiaría o final no cal Manny deixa á rapaza india plantada no día da súa propia voda, sen ter a culpa da mala situación do rapaz, e se cadra ela si que quería casar. Tamén faría algún cambio no desenvolvemento, como que Manny coñecera ao seu tío Jag dende o principio da historia, xa que lle puido ter axudado moito. 

Recomendaaría este libro sobre todo á xente que se atope  en contacto con emigrantes na súa vida diaria, para así coñecer aínda máis a súa situación, o que lles axudaría a ver se teñen dificultades co seu contorno máis facilmente.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)

Para min o mellor momento desta historia foi cando chegan borrachos a clase o protagonista, Manny, e o seu amigo Adri, porque me resulta canto menos gracioso. Tamén me gustou o tema que escolleron, os sufrimentos dun rapaz porque seguro que moitos rapaces e rapazas pasan pola mesma situación que Manny que non é para nada agradable, xa que a súa familia o fai sufrir moito en case todos os momentos da historia.

Na miña opinión tamén foi un bo desenvolvemento porque non se fai moi pesado polo seu contido nin se fai moi lixeiro pola falta de detalles na historia. O que si que non me gustou moito foi o seu final, xa que eu prefería que acabase a historia con Manny e Lisa saíndo xuntos e non que Manny acabase saíndo coa outra moza, Jenni, a cal non especifican nada dela na historia practicamente. 

A lingua a min non me resultou para nada complicada ou descoñecida, xa que se entende á perfección.             

Adrián Brea Martínez (3º ESO)

Balda de Libros (XXIII): Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz



O libro é moi curioso porque vai sobre cousas que en realidade pasan. Gústame porque nótase o amor dun tío cara á súa sobriña, que loita por levala xunto ao seu noivo, Miguel. 

É un libro moi ben adaptado a nós, os rapaces e rapazas xa uqe todas as palabras se entenden, excepto algunha, pero polo resto enténdese ben. 

É moi entretido e interesante, destes que les unha páxina e queres saber o que pasa na seguinte. A min non me importaría volver a ler libros deste autor, porque utiliza palabras que se entenden, porque hai algúns libros que poñen palabras moi raras que non se entende ningunha. 

Aínda que lin algún libro de Agustín Fernández Paz como Cartas de Inverno que pareceume algo máis entretido ca este, pero este está moi ben tamén. Recomendaríallo a calquera compañeiro se me preguntase por el. En resumo, gústame moito este libro seu.

Samuel Vieites Abelenda (3º ESO)

Balda de Libros (XXII): Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín



O libro foime moi difícil de ler, pois ao principio non entendía nada porque levaba dúas  páxinas lidas e tiña vinte palabras que non sabía o que eran, pero despois guastoume bastante. É un libro de aventuras que a calquera rapaz  lle gustaría vivir. É entretido pero quedas un pouco decepcionado cando ves que todo foi un soño. 

A parte que máis me gustou foi cando Nmógada foi ao castelo de Calpurnia Abana a acabar coa maldición que había nese castelo. e a parte que menos me gustou foi o final porque eu non pensei que fora acabar desa maneira (que todo era un soño).

O personaxe que máis me gustou foi Xamirás Kaebr porque dende o día  que coñeceu a Nmógada ata o final da súas aventuras nunca o deixou só, loitou por el e nunca o traizoou.

Recomendaríallo a tódolos rapaces que son soñadores e lles gustan as aventuras coma min.

Brais Bouzas Leis (3º ESO)

Balda de Libros (XXI): Rapazas, de Agustín Fernández Paz



A min gustoume este libro porque e fácil de entender e ademais porque o protagonizan rapaza e non rapaces porque case todos os libros os protagonizan rapaces. 

Neste libro hai catro tipos de historia que me gustaron moito. O momento para min máis importante de toda a narración é cando Carmen, que é unha rapaza que non estuda moito, acordábase do seu amigo Pablo que morrera afogado e a menos importante para min é cando na primeira historia do libro Laura tivo un encontroazo con Carlos porque lle dixera que era un racista. 

O personaxe que máis me gustou foi Miguel porque cando Carlos lle ía pegar el agarroulle o brazo, levantouno e levouno ó seu sitio e dixéralle que non lle volvera a tocar. 

Eu por min non cambiaría nada na historia porque estivo moi entretido e ademais non me resultou moi difícil de entender. Recomendaríallo a persoas que estean interesadas en ler libros que teñan varias distintas historias diferentes.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (XX): ¿Sobrevives?, de Fina Casalderrey



A min este libro gustoume moito xa que todos os momentos da historia te fan sentir curiosidade de que pasará continuación. O desenvolvemento da historia é fantástico durante todo momento, por iso
persoalmente eu non realizaría ningún cambio.

O cambio dos personaxes ao longo da historia, a súa madurez fan ver a distinta realidade do que sucede ao seu redor como acontece no meu momento favorito do libro cando Francisco decide ver ao seu tío Cali e o ve alí deitado sen sentido.

O personaxe que máis me chamou a atención foi Cali debido a que a súa adicción á droga para os familiares do seu redor é unha carga, e tratan de solucionala sen éxito pero Cali ten a suficiente valentía para pedir axuda.

O libro é fácil de entender, excepto algunhas palabras, polo que é un libro estupendo, de feito recomendaríallo a todos os adolescentes xa que se sentirían identificados con Francisco como me pasou a min. Se lle tivese que poñer unha pega ao libro sería que o libro foi demasiado curto xa que podía sacar máis proveito del.

Yago Rey Viqueira (3º ESO)

Este libro  faiche ver moitas cousas.

Un rapaz que vai pola vida sen que ninguén lle poña educación non pode acabar moi ben. Seu pai, eu creo que pasaba moito del, porque nunca lle dicía nada. Cando morreu súa nai, ninguén soubo estar con el como lle facía falta e entón el quíxose facer o duro. Pero ir pola vida desa maneira tampouco ten moito futuro, menos mal que tiña un amigo ao que recorrer.

Cando viu a través de Cali o que era o mundo das drogas quedou desfeito e eu creo que o fixo recapacitar.Tamén penso que lle faltaba moito cariño e que se encontraba moi só.

Isto faiche entender o importante que é ter unha boa educación e sobre todo ter unha familia e uns amigos que miren por ti e na que te poidas apoiar cando realmente che fai falta.

Brais Bouzas Leis (3º ESO)

Balda de Libros (XIX): Dragal, a herdanza do dragón, de Elena Gallego Abad


Dragal, a herdanza do dragónElena Gallego Abad. Xerais

Este libro é moi emocionante de principio á fin. O comezo é xa forte e a autora deixa un final moi aberto (loxicamente, xa que é o primeiro libro dunha saga).

A curiosidade que esperta o libro só se sacia lendo e acabando o libro, algo que caracteriza os libros que son mellores para cada idade dunha persoa.

A trama da historia fai que te enganches á historia e que nunca perdas o interese. Non todas as historias de mitoloxía, por así chamala, dan chamado tanto a atención. Soen ser aburridas e chega un momento no que tes que deixar de ler, por puro aburrimento.

É unha lectura cun vocabulario bastante fácil, pero tiven que buscar algunhas palabras no dicionario. Só houbo unha palabra, da cal descoñecía o significado, que é frontispicio.

Sen dúbida, recomendaría o libro, xa que creo que pode gustar moito. O público deste libro pode ser tanto adolescente coma adulto. Pero creo que sería mellor o público adolescente, xa que a curiosidade dos adolescentes non se pode comparar ca dos adultos.

En moitas escenas puiden imaxinar o que pasaba como se estivera vendo unha película. Iso só se pode facer coas historias que están ben narradas e, sobre todo, coas que son moi interesantes.

Se puidera lería os seguintes libros, xa que a historia de Dragal engancha e quero saber como remata. Encantoume o libro!

Irene Noya González (3º ESO)

Eu penso que o mellor momento deste libro foi cando Hadrián pode facer realidade o pacto de converterse en Dragal. Pero non me gustou cando ó final do libro Hadrián, ¨ Dragal¨ ten que marchar tan lonxe da súa familia e da súa amiga Mónica, para poder cumprir o pactado de hai tantos anos. Así que non me gustou moito o final. 

Os personaxes gustanme todos, aínda que en especial elixo a Hadrián e a Mónica, xa que son os principais protagonistas deste libro. Tamén me gustou moito a súa forma de ser e de saber facer as cousas tan ben neste primeiro libro desta coleción. 

A naración ten un vocabulario sinxelo, agás unhas poucas palabras cun pouco máis de dificultade. 

Este libro gustoume moito, xa que está cheo de pequenas aventuras que viven os personaxes Mónica e Hadrián, así que eu recomendaria este libro a todos os adolescentes que lles gusten as aventuras, a fantasía e tamén as historias dos dragóns.

Nerea González López (3º ESO)

O libro está bastante ben e penso que destacaria entre os libros deste mesmo xénero. Conta cun vocabulario sinxelo ainda que ten algunha que outra palabra complexa polo medio. 

A mellor parte foi cando por fin atopan as catacumbas e entran nelas para poder atopar a existencia de Dragal. O final foi interesante porque o deixan aberto e isto impúlsate a ler o seguinte libro de Dragal, que consta dunha saga de 4 libros de momento.

Cambiaría o principio dos capitulos e o final. O principio porque te enreda moitísimo pero segundo avanza a trama vaise normalizando. Os finais dos capitulos porque os deixan abertos. 

O meu personaxe favorito é Don Xurxo porque axuda aos rapaces a atopar as catacumbas e entende moito sobre Dragal e a súa orde. Mentres que o que menos me gusta é Brais porque só lle quere destrozar a vida a Hadrián e a Mónica.

Martín González Castro (3º ESO)

Gustoume moito este libro porque atrápate e faiche seguir lendo, polo que non se fai nada pesado para ler.

O momento que máis me gustou o libro foi o momento no que Hadrián e Mónica investigan nas catacumbas por segunda vez, xa que é moi emocionante. Non faría moitos cambios no desenvolvemento , pero si algún, como que Hadrián se enfrontara ao matón de Brais para que os deixase en paz e descubrira as catacumbas xa que así evitaría moirtos problemas, como que o señor cura tivera que finxir que lle entraran na igrexa a roubar. Si que cambiaría o final, pois pens que sería mellor que Hadrían non se rendira a Dragal, aínda que sexa para poder vencelo.

Penso que este é un libro sinxelo para ler xa que o vocabulario non é excesivamente complicado.

Recomendaríalle este libro ás persoas ás que lles gustasen os libros de aventuras cun toque de misterio , xa que neste libro hai as dúas cousas durante case toda a historia. 

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)

Balda de Libros (XVIII): A casa dos Lucarios, de Teresa Moure



A min paréceme un libro bastante aburrido porque me está sempre falando da súa familia os Lucarios. O que máis me gustou da historia foi cando a Lucaria lle dá a vida a un rapaz que afogou no río e tamén cando ela vai a New York a estudar medecina. E o máis aburrido da historía  é cando falan da súa aldea e das  suas orixes.

Conta cun personaxe alcohólico que é Chicho, que sempre vai ao bar, aínda que tamén  é o meu personaxe favorito por cómo lle saen as cousas. 

O final  non me gustou  porque para min que  non se entende nada do que dí  nas últimas páxinas. Ao principio desta parte non son quen de entender de quen está falando e quen é o protagonista da historía.  

Eu recomendaríalle este libro chamado A casa do Lucarios a xente que lle gusten as historias de aldeas e milagres. Tamén se lle pode recomendar ás persoas que teñan simpatía polos bébedos.

Damián Botana Otero (3º ESO)

Balda de Libros (XVII): A noite que Wendy aprendeu a voar, de Andreu Martín



Este libro gustoume pero esperábame máis del. O tema gustoume xa que era de misterio e aventuras. O desenvolvemento non me gustou moito sobre todo ao principio porque é moi lento e dábame a impresión de que case non avanzaba nada.

O momento que máis me gustou foi cando Wendy, ao final, choca coa porta e cae e colle a pistola e pégalle tres tiros para abrila. O que menos me gustou foi cando Wendy estaba no fondo do mar e parecía que ía morrer. O que cambiaría sería que o principio fora máis emocionante e que avanzase máis rápido. O final gustoume bastante porque era de aventuras e gustaronme as esceas. Respecto aos personaxes, gustoume que non houbera moitos xa que facilita a hora de lelo e a hora de recordar os nomes.

Este libro recoméndollo a rapaces e rapazas do meu tempo xa que penso que é a mellor idade para lelo xa que se es máis pequeno non te vas enteirar dalgunhas cousas.

Samuel Deus García (3º ESO)

Para min o mellor momento foi cando Wendy saltou dun piso a outro para salvar a Mon das mans do Garrao e tamén me gustou moito o tema do libro porque é moi interesante e canto menos intrigante, en todo momento, xa que non paran de descubrir pistas e máis pistas. 

Desenvólvese bastante ben porque nin se enlea moito a hora que transcorre a historia e tampouco se queda curto á hora de detalles xa que es capaz de incorporarteáa historia e vela como se estiveras dentro dela.

A min o final é una das cousas que non me gustou tanto xa que é como moi pouco emocionante para o meu gusto, porque non pasa nada fóra do outro mundo, é dicir, que non ocorren cousas para nada interesantes a comparación do resto do libro.

A lingua resulta fácil de ler, xa que non incorpora demasiadas palabras que eu non entenda e as poucas que hai sácanse perfectamente polo contexto.

Adrián Brea Martínez (3º ESO)

Balda de Libros (XVI): ¡Maldito D.N.I.!, de Pepe Carballude


Para min o momento máis importante do libro foi ao final, cando a xuíza lle comunicou a Leonor toda a herdanza que o padriño de Olimpo lle deixara, porque nese momento foi cando se descubriu que Olimpo seguía porfectamente vivo.

Eu cambiaría a parte na que “O Portugués” e don Olimpo vanlle facer unha visita a Leonor porque non me parece unha parte trascendental de historia. Tamén cambiaría a parte na que Olimpo colle pola camisa a Leonor advertíndolle que a mata porque recolle a violencia machista unha vez máis.

A min a parte que máis me gustou foi o final, e non faría ningún cambio agás o da violencia de Olimpo, porque nesa escena reflíctese a violencia machista. O final causoume un pouco de intriga.

Para min foi doado porque exceptuando algunhas palabras o demais era fácil de comprender.

Recomendaríalle este libro a lectores que lle gusten os libros de misterio e de aventura, porque é un libro que presenta misterio e intriga por saber como remata don Olimpo.

Marcos García López (3ºESO)